Saltar ao contido

Aphanopus carbo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aphanopus carbo
Sabre negro

Aphanopus carbo (Debuxo de 1887)
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Actinopterygii
Orde: Perciformes
Suborde: Scombroidei
Familia: Trichiuridae
Subfamilia: Aphanopodinae
Xénero: Aphanopus
Especie: A. carbo
Nome binomial
Aphanopus carbo
Lowe, 1839

Aphanopus carbo é un peixe teleósteo da orde dos perciformes, suborde dos escombroideos, familia dos triquiúridos, subfamilia dos afanopodinos,[1][2] unha das sete que integran o xénero Aphanopus.[3][4]

Coñécese vulgarmente en galego como sabre negro.[5]

Anatomía

[editar | editar a fonte]
Cabeza.
Debuxo en Oceanic Ichthyology (1896).

As principais características morfolóxicas do sabre negro son:[6][7][8]

  • O seu corpo é moi alongado, e chega a medir ordinariamente case 110 cm (a lonxitude máxima rexistrada foi de 151 cm).[9]
  • O perfil superior da súa cabeza é regular, lixeiramente convexo. Presenta uns ollos grandes e, como depredador, a súa boca tamén é grande, e nas mandíbulas están armadas de longos e afiados dentes de tipo cairo.[6][7]
  • A colaración da súa pel, en vivo, é de cor cobreada ou violácea, irisada, e negra, no animal morto.
  • A cavidade interior da boca e as galadas son negras.
  • A columna vertebral está formada por de 97 a 100 vértebras.
  • A aleta dorsal, estendida ao longo de todo o corpo, presenta dúas rexións separadas por unha paquena marca; a primeira ten de 34 a 41 raios espiñentos, e a segunda, de 52 a 56 raios brandos. A aleta anal presenta 2 raios espìñentos e de 43 a 48 raios brandos. Os adultos carecen de aletas pelvianas, e os inmaturos presentan só unha forte espiña situada detrás do ano. Carcen de aleta ventral. A aleta caudal, bifurcada, mostra unha pequena escotadura no centro.
  • A liña lateral é recta, situada no centro do corpo, aínda que na rexión anterior presenta unha dirección cara a abaixo desde a abertura superior da galada até alcanzar a posición medio-lateral.

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

Aphanopus carbo é un peixe mariño, batipeláxico e oceanódromo,[10] que habita a profundidades de entre os 200 e os 2 300 m,[11] usualmente entre os 700 e os 1 300 m,[10] en augas cunha temperatura entre os 3,18 °C e os 17,07 °C,[12] aínda que preferentemente en torno aos 10 °C,[13] no océano Atlántico entre os 22° N e os 71° N, e os 83° W e os 45° E.[14]

Os indivuduos xuvenís da especie son mesopeláxicos, e os adultos, batipeláxicos.[6]

Distribución

[editar | editar a fonte]

Pode encontrarse no Atlántico oriental desde o estreito de Dinamarca, Islandia e Noruega até as illas de Madeira, Canarias e a costa oeste do norte de África, na plataforma continental, a profundidades entre os 200 e os 1 600 m. Nalgunhas destas localidades é unha especie bastante común.[7][8] Pero tamén se pode encontrar en moitas outras áreas do océano Atlántico e, máis raramente, nalgúns lugares dos océanos Pacífico e Índico.[Cómpre referencia]

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Nutrición

[editar | editar a fonte]

Para alimentarse, Aphanopus carbo tende a migrar pola noite cara a augas menos profundas (mesopeláxicas) para comer crustáceos, cefalópodos e peixes pequenos (principalmente das familias dos macrúridos, móridos e alepocefálidos).[7][15]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Alcanzan a madurez sexual cando acadan uns 80 ou 85 cm de lonxitude. A desova prodúcese nos meses de inverno ao oeste das illas Británicas a 700–900 m de porofundidade.[7] Pero datos de estudos recentes (2003) revelan que os individuos maduros emprenden migracións horizontais na época da desova até as costas de Madeira e as Canarias.[9][10] Os ovos e as larvas son peláxicos.[6]

Rexistráronse suspensións nas etapas de predesova nalgunhas zonas do nordeste do Atlántico causadas por atresia dos ovarios.[9]

A diferenza da maioría dos peixes demersais e peláxicos comerciais, o sabre negro ten unha taxa de crecemento lenta nos adultos. Esta taxa é resultado do gasto de enerxía para o crecemento e a reprodución.[16]

Lonxevidade

[editar | editar a fonte]

Estudos recentes (2013) indican que a idade máxima do sabre negro en Madeira sería duns 14 anos e, no Portugal continental, duns 12 anos.[16]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1839 polo botánico, ictiólogo e malacólogo inglés Richard Thomas Lowe. Non existen subespecies descritas.[1][2]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O epíteto específico, carbo, Lowe tomouno do substantivo latino carbo, carbōnis, "carbón", en alusión á cor escura, case negra, deste peixe.

Nota: para a etimoloxía do nome xenérico, ver Aphanopus.

Sinónimos

[editar | editar a fonte]

Ademais do nome que lle impuxo Lowe, e que é o actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos seguintes:[1]

  • Aphanopus acus Maul, 1948
  • Aphanopus minor Collett, 1887
  • Aphanopus schmidti Saemundsson, 1908

Pesca e importancia comercial

[editar | editar a fonte]

En Portugal, o principal país onde se captura o sabre negro, a súa pesca efectúase sobre todo en Madeira, onde é moi apreciado para a alimentación.[17] Péscase con palangres de fondo e mediante artes de arrastre de profundidade.[7][18] pero tamén se apaña noutras partes de Portugal, principalmente en Sesimbra (distrito de Setúbal) e no arquipélago dos Azores.

Segundo Noronha e Sarmento,[19] practicábase a pesca intensiva de Aphanopus carbo en Madeira xa no século XIX, aínda que hai referencias anteriores á captura desta especie na illa. A súa importancia económica na economía de Madeira vén dada porque representa máis do 50 % das capturas desembarcadas na rexión.[20]

Na década dos anos 1990 as capturas totais europeas anuais eran de entre as 5 000 e as 10 000 t, a maioiría delas en Portugal.[7]

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

Greenpeace clasifica esta especie cun índice de vulnerabilidade de 49/1000, unha cantidade considerada entre moderada e alta. O nivel de resiliencia da especie cualifícase como baixo, e o tempo estimado para duplicar a súa poboación oscila entre os 4,5 e os 14 anos.[19]

En 2016, a UICN cualifica o status da especie como LC (pouco preocupante].[21]

Lista de nomes vernáculos en distintos países

[editar | editar a fonte]
Exemplares de Aphanopus carbo nun mercado da illa da Madeira.
Lingua Nome común
Alemán Degenfisch
Alemán schwarzer Degenfisch
Castelán pez cinto
Castelán sable negro
Danés sort sabelfisk
Francés sabre
Francés sabre noir
Galego sabre negro
Inglés black scabbardfish
Inglés cutlass fish
Inglés hairtail
Inglés scabbard fish
Neerlandés zwarte degenvis
Neerlandés zwarte-kousenbandvis
Noruegués dolkfisk
Português peixe-espada-preta
Português peixe-espada-preto
Sueco dolkfisk
  1. 1,0 1,1 1,2 Aphanopus carbo Lowe, 1839 no WoRMS.
  2. 2,0 2,1 Aphanopus carbo Lowe, 1839 no ITIS.
  3. Aphanopus Lowe, 1839 no WoRMS.
  4. Aphanopus Lowe, 1839 no ITISDD.
  5. Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Termigal. ISBN 84-453-2913-8, p. 176.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Aphanopus carbo Lowe, 1839 na FishBase.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 Muus, Bent, el al. (1998).
  8. 8,0 8,1 Bauchot, M. L. et al. (1982).
  9. 9,0 9,1 9,2 Figueiredo, I.; P. Bordalo-Machado; S. Reis; D. Sena-Carvalho; T. Blasdale; A. Newton & L. S. Gordo (2003): "Observations on the reproductive cycle of the black scabbardfish (Aphanopus carbo Lowe, 1839) in the NE Atlantic. ICES J. Mar. Sci. 60: 774-779.
  10. 10,0 10,1 10,2 Delgado, J.; S. Reis; J. A. González; E. Isidro; M. Biscoito; M. Freitas & V. M. Tuset (2013): "Reproduction and growth of Aphanopus carbo and A. intermedius (Teleostei: Trichiuridae) in the northeastern Atlantic. J. Appl. Ichthyol. 29 :1008-1014.
  11. Pajuelo, J. G.; J. A. González; J. I. Santana; J. M. Lorenzo; A. Garcia-Mederos & V. Tuset (2008): "Biological parameters of the bathyal fish black scabbardfish (Aphanopus carbo Lowe, 1839) off the Canary Islands, Central-east Atlantic. Fish Res. 92: 140-147.
  12. Aphanopus carbo Arquivado 30 de decembro de 2016 en Wayback Machine. na EOL.
  13. William W. L. Cheung; Reg Watson & Daniel Pauly (2013): "Signature of ocean warming in global fisheries catch", Nature, 497: 365–368.
  14. Nakamura, I. & N. V. Parin (1993): "FAO Species Catalogue. Vol. 15. Snake mackerels and cutlassfishes of the world (families Gempylidae and Trichiuridae). An annotated and illustrated catalogue of the snake mackerels, snoeks, escolars, gemfishes, sackfishes, domine, oilfish, cutlassfishes, scabbardfishes, hairtails, and frostfishes known to date". FAO Fish. Synop. 125 (15): 136.
  15. Parin, N. V. (1986): "Trichiuridae". p. 976-980. En P. J. P. Whitehead, M.-L. Bauchot, J.-C. Hureau, J. Nielsen & E. Tortonese (eds.) Fishes of the north-eastern Atlantic and the Mediterranean. Vol. 2. Paris: UNESCO.
  16. 16,0 16,1 Farias, Inés; Morales-Nin, Beatriz; Lorance, Pascal & Figueiredo, Ivone (2013): "Black scabbardfish, Aphanopus carbo, in the northeast Atlantic: distribution and hypothetical migratory cycle". Aquatic Living Resources. 26 (4): 333–342.
  17. Moralez-Nin, Beatriz & Sena-Carvalho, Dalila (1996): "Age and growth of the black scabbard fish (Aphanopus carbo) off Madeira". Fisheries Research. 25: 239–251.
  18. Peixe espada preto Arquivado 30 de decembro de 2016 en Wayback Machine. na web de Greenpeace, Portugal.
  19. 19,0 19,1 Noronha, A. C. & Sarmento, A. A. (1948).
  20. Reis et al. (2001).
  21. Aphanopus carbo na Lista vermella europea das eszpecies ameazadas (2016) da UICN.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Bauchot, M. L. e Pras, A. (1982): Guía de los peces de mar de España y Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-282-0685-6, pp. 382–383.
  • Burton, Maurice & Robert Burton (1984): Encyclopedia of Fish. Saint Louis, EE.UU.: BPC Publishing. ISBN 0-7064-0393-2.
  • Crespo, J.; J. Gajate & R. Ponce, (2001): «Clasificación científica e identificación de nombres vernáculos existentes en la base de datos de seguimiento informático de recursos naturales oceánicos». Instituto Español de Oceanografía, Madrid.
  • Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-282-1161-2, p. 234.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. Nova York: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Noronha, A. C. & Sarmento, A. A. (1948): Vertebrados da Madeira - 2º Volume: Peixes. 2ª Edição. Junta Geral do Distrito Autónomo do Funchal. Madeira. Portugal.
  • Reis, S.; Sena-Carvalho, D.; Delgado, J. H. & Afonso-Dias, M. (2001): "Historical overview of the black scabbardfish (Aphanopus carbo Lowe, 1839) fishery in Madeira Island". En: Scientific Council Meeting, Deep-sea Fisheries Symposium, setembro de 2001. Serial No. N4491, NAFO SCR Doc. 01/103, Northwest Atlantic Fisheries Organization.
  • Van der Land, J.; Costello, M. J.; Zavodnik, D.; Santos, R. S.; Porteiro, F. M.; Bailly, N.; Eschmeyer, W. N.; Froese, R. (2001): "Pisces", en: Costello, M. J. et al. (Eds.) European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. París: Muséum national d'Histoire naturelle. Collection Patrimoines Naturels, 50. ISBN 2-85653-538-0, pp. 357–374.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]