Columna vertebral

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Debuxo representativo dos segmentos da columna vertebral, vista lateral esquerda: rexión cervical (laranxa); rexión dorsal (índigo); rexión lumbar (amarelo); rexión sacra (verde); rexión coccíxea (violeta). Th#: vértebra dorsal. Os sacrum: óso sacro. Coccyx: cóccix.

A columna vertebral, raque ou espiña dorsal é unha complexa estrutura osteofibrocartilaxinosa articulada e resistente, en forma de talo lonxitudinal, que constitúe a porción posterior e inferior do esqueleto axial. A columna vertebral é un órgano[1] situado (na súa maior extensión) na parte media e posterior do tronco, e vai dende a cabeza (á cal sostén), pasando polo pescozo e as costas, até a pelve á cal lle dá soporte.

Rexións da columna[editar | editar a fonte]

A columna vertebral consta de cinco rexións, contando con 33 vértebras, dividíndose en:

Cada rexión ten unha serie de características propias, as cales se van superpoñendo naquelas vértebras próximas á outra zona (por exemplo C7, T12 ou L5).

visión oblicua

Rexión cervical[editar | editar a fonte]

Véxase tamén fractura de Jefferson
Existen 7 vértebras cervicais, con 8 nervios espiñais, en xeral pequenas e delicadas. Os seus procesos espiñentos son curtos (con excepción de C2 e C7, os cales teñen procesos espiñentos mesmo palpables). Nomeados de cefálica a caudal como C1 a C7, o atlas (C1) e o axe (C2), son as vértebras que lle permiten a mobilidade do pescozo. Na maioría das situacións, é a articulación atlantooccipital que lle permite á cabeza moverse de arriba a abaixo, mentres que a unión atlantoaxidoidea permite ao pescozo moverse e virar de esquerda a dereita. No axe atópase o primeiro disco intervertebral da columna espinal. Todos os mamíferos salvo os manatís e os preguiceiros teñen 7 vértebras cervicais, sen importar a lonxitude do pescozo.

A vértebras cervicais posúen o forame transverso por onde transcorren as arterias vertebrais que chegan até o foramen magnum para finalizar no polígono de Willis. Estes forámenes son os máis pequenos, mentres que o forame vertebral ten forma triangular. Os procesos espiñentos son curtos e con frecuencia están bifurcados (salvo o proceso C7, onde se ve claramente un fenómeno de transición, asemellándose máis a unha vértebra torácica que a unha vértebra cervical prototipo).

Esquema dunha vértebra torácica

Rexión dorsal[editar | editar a fonte]

Véxase Vértebra torácica
As 12 vértebras torácicas e os seus procesos transversos teñen unha superficie para articular coas costelas. Algunha rotación pode ocorrer entre as vértebras desta zona, pero en xeral, posúen unha alta rixidez que prevén a flexión ou a excursión excesiva, formando en conxunto coas costelas a caixa torácica, protexendo os órganos vitais que existen a este nivel (corazón, pulmón e grandes vasos). Os corpos vertebrais teñen forma de corazón cun amplo diámetro anteroposterior. Os forámenes vertebrais teñen forma circular.

Rexión lumbar[editar | editar a fonte]

Véxase Vértebra lumbar
As 5 vértebras lumbares teñen unha estrutura moi robusta, debido ao gran peso que teñen que soportar por parte do resto de vertebras proximais. Permiten un grao significativo de flexión e extensión, ademais de flexión lateral e un pequeno rango de rotación. É o segmento de maior mobilidade a nivel da columna. Os discos entre as vértebras constrúen a lordose lumbar (terceira curva fisiolóxica da columna, con concavidade posterior).

Rexión sacra[editar | editar a fonte]

Véxase Vértebra sacra
Son cinco ósos que na idade madura do ser humano atópanse fusionados, sen disco intervertebral entre cada unha delas.

Cóccix[editar | editar a fonte]

Véxase Cóccix
En xeral, son 4 ósos (en casos máis raros poden haber 3 ou 5 vértebras), sen discos intervertebrais. Moitos animais mamíferos poden ter un maior número de vértebras a nivel desta rexión, denominándoselles "vértebras caudais". A dor a nivel desta rexión denomínaselle coccigodinia, a cal pode ser de diversa orixe.

Funcións[editar | editar a fonte]

As funcións da columna vertebral son varias. Principalmente intervén como elemento de sostén estático e dinámico, proporciona protección á medula espinal recubríndoa, e é un dos factores que axudan a manter o centro de gravidade dos vertebrados.[2]

A columna vertebral é a estrutura principal de soporte do esqueleto que protexe a medula espinal e permite ao ser humano desprazarse en posición erguida, sen perder o equilibrio.

A columna vertebral serve tamén de soporte para o cranio.

Constitución[editar | editar a fonte]

A columna vertebral está constituída por pezas óseas superpostas e articuladas entre si, chamadas vértebras (vertebræ PNA), cuxo número considerado erroneamente case constante é de 33 pezas aproximadamente, dependendo da especie.[3][4]

As vértebras están conformadas de tal maneira que a columna goza de flexibilidade, estabilidade e amortiguación de impactos durante a locomoción normal do organismo.[5]

A columna vertebral dun humano adulto mide máis ou menos 75 cm de lonxitude.

Curvaturas da columna vertebral humana[editar | editar a fonte]

As curvaturas da columna vertebral non se producen só debido á forma das vértebras, senón tamén á forma dos discos intervertebrais.

En humanos, a columna conta con dous tipos principais de curvaturas: anteroposteriores (ventrodorsales) e laterolaterais[6]:

Curvaturas anteroposteriores[editar | editar a fonte]

Descríbense dous tipos de curvaturas: cifose e lordose. A cifose é a curvatura que dispón ao segmento vertebral cunha concavidade anterior ou ventral e unha convexidade posterior ou dorsal. A lordose, ao contrario, dispón ao segmento vertebral cunha convexidade anterior ou ventral e unha concavidade posterior ou dorsal. A columna vertebral humana divídese en catro rexións, cada unha cun tipo de curvatura característica:

  • Cervical: lordose.
  • Torácica: cifose.
  • Lumbar: lordose.
  • Sacrococcíxea: cifose.

Na persoa acabada de nacer, a columna vertebral só conta cunha gran cifose. A lordose cervical e lumbar aparecen logo.

Curvaturas laterolaterais[editar | editar a fonte]

En humanos, a columna vertebral presenta unha curvatura torácica imperceptible de convexidade contralateral á beira funcional do corpo. Debido ao predominio da condición destra na poboación, a maioría presenta unha curvatura laterolateral torácica de convexidade esquerda.

Anormalidades[editar | editar a fonte]

Ocasionalmente a coalescencia das láminas non se logra completar e consecuentemente queda unha hendidura nos arcos vertebrais, pola cal protúe as meninxes (dura nai e aracnoide) e xeralmente a propia medula espinal, constituíndo unha malformación denominada espiña bífida. A condición é máis común a nivel lumbosacro, pero pode ocorrer noutras rexións.

As seguintes corresponden a curvaturas anormais:

  • Hipercifose: é unha esaxerada cifose a nivel torácico, coloquialmente coñéceselle como chepa, común en persoas maiores e secundaria á osteoporose.
  • Hiperlordose: lordose esaxerada a nivel lumbar. A hiperlordose resulta común entre as mulleres embarazadas.
  • Listese: pode ser anterolistese ou retrolistese, dependendo se o desprazamento do corpo vertebral é cara a adiante ou cara a atrás con respecto á vértebra adxacente.
  • Escoliose: curvatura lateral, é a máis común das curvatura anormais e ocorre nun 0,5%. É máis frecuente en mulleres e pode ser o produto dun crecemento desigual dunha ou máis vértebras. Pode provocar atelactasias pulmonares e problemas respiratorios de tipo restritivos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. [1] Anatomía humana: descritiva, topográfica e funcional, Volume 2;Volume 11 Henry Rouvière, A. Delmas, Vincent Delmas. Páxina 54. ( books.google.es )
  2. A Fundación Kovacs: Costas.org - Como é e como funciona as costas
  3. Segundo Delmas & Rouvière, a cifra está suxeita a unha gran variacion poboacional, só o 65% dos individuos teñen entre 35 e 33 vértebras. A maior variación numérica dáse nas porcións máis inferiores da columna vertebral. Rouvière H & Delmas A: Anatomía humana: descritiva, topográfica e funcional, Masson, 9ª, Barcelona, 1996. T2, páx. 8. ISBN 84-458-0506-2
  4. Serían 29 se se considera ao cóccix como un só óso: Xeneralidades da Columna Vertebral [2]
  5. Centro de saúde de Barcelona para a prevención da dor de costas, columna e tensión. [3] Arquivado 26 de xullo de 2011 en Wayback Machine.
  6. Anatomía humana: Michael Latarjet e A. Ruiz Liard - 4° edición - Buenos Aires: Médica Panamericana, 2004; Tomo 1, Páxina 43.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Medina, Valentín Ramos; Rando, José Luis Palomo (2009). "Autopsia del raquis". Revista española de medicina legal: órgano de la Asociación Nacional de Médicos Forenses 35 (2): 76–82. ISSN 0377-4732. (require subscrición (?)).