Guanches

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Beneharo, estatua de bronce situada en Candelaria (Tenerife).
Reconstrución de altar aborixe no cumio de Garajonay (La Gomera)

Os guanches son os primeiros habitantes coñecidos das illas Canarias. Estes pobos, de orixe bérber, vivían no Neolítico á chegada dos europeos durante a Idade media. A súa cultura desapareceu, mais ten deixado algunhas trazas.

Introdución[editar | editar a fonte]

O termo español guanche sería, segundo Juan Núñez de la Peña, unha deformación de guanchinet, termo indíxena equivalente a "home (Guan) de Tenerife (Chinet)". Stricto sensu, os guanches serían, pois, unicamente os aborixes da illa de Tenerife. O vocábulo sería estendido logo ao conxunto das poboacións indíxenas do arquipélago.

Os guanches, que desapareceron en tanto que pobo, aínda que se teñen estudado momias e fósiles óseos, non hai dúbida de que constituían unha rama dos bérberes, que poboaron, desde a alba dos tempos históricos, o Norte do continente africano, desde Exipto ata o Océano Atlántico.

Plinio o Vello infórmanos de que, segundo Xuba II, rei de Mauritania, os cartaxineses terían visitado o arquipélago comandados por Hannon, quen o atoparía baleiro de humanos, mais constatarían ruínas de construcións importantes; pode deducirse que os guanches non serían os habitantes primixenios. A ausencia de pegadas dos musulmáns entre as poboacións que vivián nas illas no momento da chegada dos españois, permite pensar que serían a avanzada máis occidental da migración bérber cara ao Oeste, e que debeu ter lugar entre a época de Plinio e a conquista islámica do Norte de África.

A colonización bérber das illas debeu ter lugar en vagas sucesivas, provocadas talvez pola desertización do Sahara e máis pola presión migratoria posterior ante o avance do Imperio Romano, polo que varias tribos de etnia bérber contribuirían ao poboamento insular. Chegaron acompañados de animais domésticos (cabras, ovellas, porcos e cans) e introduciron o trigo, os chícharos e a cebada, o que mudaría por completo a fráxil ecoloxía do arquipélago, contribuíndo á desertización das illas menores,

Un grande número de guanches perecerían na resistencia contra a conquista castelá ou por efectos das enfermidades contaxiadas polas hostes peninsulares; moitos foron vendidos como escravos; outros foron cristianizados, acabando por mesturarse coas poboacións que repoboaron as illas, ben europeos, ben escravos africanos que foran introducidos tamén.

Lingua[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Lingua guanche.

Posuímos testemuños da súa lingua, que con topónimos e os nomes propios coñecidos dalgúns xefes, permiten relacionar o seu idioma con dialectos bérberes. En varias illas descubríaranse signos rupestres. Domingo Vandewalle, gobernador militar de La Palma foi o primeiro en recoñecelos en 1752. Mercé á perseveranza dun sacerdote de La Palma, Aquilino Padran, algíns foran identificados na illa de El Hierro. En 1878, René Verneau descubriu inscricións do tipo libio orixinal no barranco de Los Balos. Todos estes epígrafes, sen excepción, son de orixe numidia. Nas dúas illas de Tenerife e La Gomera, onde os guanches conservaron unha maior homoxeneidade étnica, non foi encontrada ningunha inscrición.

Organización socio-política[editar | editar a fonte]

Gruta de Belmaco, la Palma, en tempos habitación guanche

A sociedade guanche era unha patriarcal e matrilineal. Estaba dividida en estratos definidos pola riqueza, especialmente avaliada en cabezas de gando. A organización social e política dos guanches era diferente dunha illa a outra. Nalgunhas estaban sometidos a unha autocracia hereditaria, noutras as autoridades eran elixíbeis. Cada illa estaba dividida en territorios, rexidos por un régulo ou monarca, que era denominado mencey en Tenerife, ou guanarteme en Gran Canaria. En Gran Canaria o suicidio era algo honroso, e cando era entronizado un novo régulo, un dos súbditos honrábao de modo voluntario botándose nun barranco. A estratificación social era tamén diferente en cada illa, e só se coñece claramente nos casos de Tenerife e de Gran Canaria, onde se pode resumir nas categorías de nobres (con diversas categorías dentro dela) e pobo. A pureza de sangue entre os nobres de maior rango era absoluta, e para chegar a ser mencey tiña que demostrar dita pureza (só consta un membro do pobo, Doramas, en Gran Canaria, que atinxíu ser guanarteme). Para o caso concreto de Tenerife, conforme a Juan Núñez de la Peña, distinguíanse tres grupos sociais:

  • Achimencey ou nobre
  • Achicaxna ou vilán
  • Cichiciquio ou servidor soldado.

Débese notar que os termos que identifican as distintas categorías sociais son similares aos existentes na Europa da Baixa Idade Media. Débese a que os cronistas extrapolaran a terminoloxía propia da organización social da Europa medieval para o caso insular.

En Tenerife, a totalidade das terras pertencían aos xefes, que as alugaban aos seus súbditos. Posibelmente o mencey posuía a propiedade da maior parte do gando. Tamén se coida na posiblidade de que o mencey posuíse a propiedade das canteiras de extracción de materia prima para a produción lítica.

A xustiza impartíase en praza pública, ou Tagoror, por un grupo de notábeis, e segundo testemuñaran os cronistas europeos, era extremadamente duras.

Acháronse probas de infanticidio feminino. Nunhas illas dominaba a monogamia, mentres noutras había poliandria en varias illas. Isto último interprétase como unha adaptación cultural á escaseza de recursos, en forma de control poboacional. Mais en todas as illas as mulleres eran respectadas, de xeito que todo golpe dado a unha dona por un home castigábase como un crime.

As diferenzas en organización entre as diversas illas eran o froito do illamento de cada unha das illas, carecendo de comunicación entre elas, pois descoñecían as embarcacións, como testemuñan as crónicas. Os guanches esqueceran a arte de navegar.

División territorial[editar | editar a fonte]

A illa de Tenerife estaba dividida en nove "reinos" ou menceyatos, gobernados por liñaxes segmentarias. Eran os de Daute, Abona, Taoro, Adeje, Anaga, Icode, Güímar, Tegueste e Tacoronte. En Gran Canaria, en inicio, existían 10 guanartematos, pero uníranse, pouco antes da conquista castelá, en torno a dúas grandes demarcacións: Gáldar (Agaldad) e Telde. A illa de La Palma estaba dividida en 12 demarcacións (Tagalgen, Tijarafe, Aceró, Aridane, Tihuya, Tamanca, Ahenguareme, Tigalate, Tedote, Tenagua, Adeyajamen e Tagaragre); a illa de La Gomera en 4 :(Agana, Mulagua, Orone e Hipalan); e a illa de Fuerteventura en 2: (Jandía e Maxorata). Lanzarote e El Hierro carecían de divisións territoriais internas.
Porén, cómpre sinalar que no todas estas demarcacións territoriais correspondían a un mesmo tipo de organización político-social. Así, mientres que en illas como La Palma os chamados "reinos" corresponden a un tipo de formación social próximo á tribo, en Gran Canaria correspondíanse cun tipo de organización proto-estatal.

No momento da conquista calcúlase que había entre 30.000 e 35.000 aborixes en Tenerife e entre 30.000 e 40.000 en Gran Canaria. A poboación do arquipélago enteiro acostuma avaliarse nuns 80.000 individuos.

Relixión[editar | editar a fonte]

Os guanches tiñan os seus propios deuses, distintos en cada illa, ningún común, aínda que conceptualmente similares.

  • Na illa de El Hierro había dúas divindades importantes: Eraorahan (home) e Moneiba (muller), deuses benignos; coñecemos un outro deus, maligno, ao que pregaban en tempos de desesperación, chamado Aranfaybo.
  • Na Gomera adoraban un deus creador, Orahan; e máis un deus maléfico, Hirguan, con aspecto de home peludo.
  • En La Palma crían en Abora, deus solar, e máis nun deus maligno con forma de can laúdo (Iruene). Tamén se facían ofrendas a un roque, nomeado Idafe, localizado no interior de La Caldera de Taburiente -cantón de Aceró-, para que non caera e con iso provocase a fin do mundo.
  • En Tenerife crían en Achaman (sinónimo de "os ceos" ). Era un deus "bo", o deus da sorte e do benévolo. Por outra banda estaba Guayota, o demo, que habitaba no interior de Echeide (o inferno), identificado co Teide. Magec (o sol), o término mago, que os terratenentes casteláns usaban despectivamente para designar os labradores guanches tras a conquista, debe a súa orixe ao culto que lle rendían ditos agricultores a fin de obter boas colleitas.
  • En Gran Canaria o deus superior denominábase Acoran, mais existían moitos máis deuses de menor importancia, e máis elementos místicos tales como espíritos ancestrais, demos e xenios.
  • En Fuerteventura, adoraban a montaña de Tindaya, onde se ofrecían presentes. Tamén se encontraron nesta montaña unha serie de gravados rupestres, do tipo "podomorfos" (a xeito de pegadas de pés humanos).

Modo de vida[editar | editar a fonte]

Momia guanche no Museo da Natureza e do home de Santa Cruz de Tenerife.

Os guanches vestían con peles de cabra ou roupas de fibras téxtiles, das que se acharon restos nas tumbas de Gran Canaria. Aprezaban os adornos, como colares de madeira ou de cunchas, fabricados con diversidade de modelos. Utliizaban doas de cerámica de formas variadas, lisas ou polidas, polo xeral negras ou vermellas. Pintaban o corpo. As pintaderas, certos obxectos de barro cocido, semellantes a selos, parece que só serviran para a pintura corporal, utilizando varias cores.

Fabricaban cerámicas bastas, polo xeral sen decoración, mais ás veces algo ornamentadas con axuda das uñas. As armas eran as mesmas que as dos pobos antigos do Sur de Europa. Utilizaban sobre todo o machado de pedra pulida en Gran Canaria, e con maior frecuencia en Tenerife, o machado de pedra ou obsidiana tallada. Usaban ademais a lanza, a maza - esta as veces gornecida de puntas de pedra - e a azagaia. Parece que tamén coñecían o escudo.

Vivían en cavernas naturais ou artificiais, sitas nas montañas. Onde non había covas ou non era posíbel escavalas, construían casas de planta redonda, e, segundo testemuñan as crónicas dos conquistadores, tiñan fortificacións rudimentarias.

A Conquista[editar | editar a fonte]

Rendición dos reis guanches a Alonso Fernández de Lugo (Tenerife)

A conquista das illas comezou en 1402, coa expedición de Juan de Bethencourt e Gadifer de la Salle á illa de Lanzarote. Gadifer puido conquistar Lanzarote e Fuerteventura con facilidade, porque os aborixes, con aspecto de pasar fame e unha agricultura pobre, rendéronse.

Nas outras cinco illas resistiron. El Hierro e a súa poboación Bimbache foron os seguintes en caer, logo La Gomera, La Palma, Gran Canaria e case 100 anos despois, Tenerife.

Tenerife opuxo unha maior resistencia contra os invasores casteláns. Na Primeira Batalla de El Acentejo, denominada La Matanza, guanches pobremente armados, con apenas bastóns, fixeron unha emboscada nun val matando numerosos peninsulares.

Só unha quinta parte sobrevivíu, incluíndo o xefe da expedición, Alonso Fernández de Lugo. Lugo podería volver as illas, e aliarse a xentes do Sur da illa. Os Menceyatos ou provincias, que resistiron, enfrontáronse ás tropas castalás na Segunda Batalla de El Acentejo, coa derrota de Bencomo, Mencey de Taoro - o actual Val da Orotava - en 1496. Esta data pode considerarse a da incorporación defintiva das Canarias á coroa de Castela, aínda que a pacificación duraría catro anos máís.

Ao longo do século XVI a poboación indíxena foise extinguindo. Na década de 1530, o cronista Gonzalo Fernández de Oviedo falaba de que apenas quedaban guanches, e poucos anos despois, en 1541, un italiano, Girolamo Benzoni, visitante do arquipélago, indicou que os aborixes estaban nas últimas, na illa de La Palma só puido atopar un vello guanche, que estaba todo o día bébedo. A fins dese século, o cronista tinerfeño, frei Alonso de Espinosa, escribiu de que aínda quedaban na illa de Tenerife uns poucos nativos, mais todos eles eran mestizos.