As Roladas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
As Roladas
PaísEspaña
Lingualingua galega
Fundación1922
Na rede
Galiciana: 577355
editar datos en Wikidata ]

As Roladas: folla dos rapaciños galegos (1922) foi unha revista infantil escrita enteiramente en galego e posta en marcha desde Madrid por Ramón Cabanillas, quen nomeou esta publicación igual que a entidade escolar infantil galega que el mesmo impulsaba. Impresa en Madrid na editorial Ibérica, foi o primeiro intento de facer unha revista infantil en galego e tivo unha vida moi breve, xa que constou de só dous números correspondentes a maio e xullo de 1922. Porén, tivo unha continuación a partir de 1978 chamada As Roladas 2 e editada agora polo Movemento Cooperativo de Escola Popular Galega.

Historia[editar | editar a fonte]

Foi en 1922 cando Ramón Cabanillas, orixinal de Cambados mais naquel tempo residente en Madrid, tentou renovar o panorama pedagóxico de Galicia facendo fincapé na lingua galega. Deste xeito naceron dúas iniciativas, a revista mensual As Roladas e a entidade escolar do mesmo nome, que pretendían elaborar un novo modelo pedagóxico distinto do oficial, o cal rexeitaba todo o relativo ás culturas e linguas distintas do español.[1]

Este proxecto foi anunciado por un redactor anónimo do xornal Galicia Nueva (Vilagarcía de Arousa) na publicación do 7 de maio de 1922. Tratábase dun plan no que grupos de nenos de cada parroquia e cada vila recolleran notas e apuntamentos sobre calquera cousa relacionada coa cultura galega, como a toponimia e o folclore. Os nenos deberían manter unha conduta impecábel, xamais faltar á verdade e debían estar dispostos a defender Galicia con convencemento. A súa finalidade era contribuíres ao espertar de Galicia enraizando a mocidade á terra e facéndoa relixiosa, culta, honrada e traballadora; orgullosa da súa lingua e respectuosa coa xente e a contorna.

Foi entón cando a Editorial Ibérica, contando co patrocinio financeiro de Leonardo Rodríguez, do Marques de Figueroa e de Wenceslao Fernández Flórez, entre outros, sacou á luz o boletín mensual As Roladas, subtitulado Folla dos rapaciños galegos, ao prezo de 10 céntimos de peseta e que constaba de catro páxinas ilustradas en branco e negro. Malia que o consello directivo estaba formado polo Marqués de Figueroa, Leonardo Rodríguez, Prudencio Rovira, Portela Valladares, Antonio Palacios, Vicente Risco e Fernández Flórez, o director e redactor principal foi o mesmo Ramón Cabanillas, cuxo enderezo particular figurou como sede da publicación durante a efémera vida desta.

Artistas colaboradores[editar | editar a fonte]

Escritores como o propio Cabanillas, Máximo Ramos, Roberto Blanco Torres, Manuel Fuentes Canal, Vitoriano Taibo, Roxelio Rodríguez Díaz e Antón Villar Ponte compartiron as páxinas destes dous únicos números co lapis de artistas como Castelao, Antonio Palacios, Álvaro Cebreiro ou Francisco Lloréns.

As Roladas 2[editar | editar a fonte]

No Vigo de 1978 o Movemento Cooperativo de Escola Popular Galega comezou a editar unha segunda versión desta revista pedagóxica, esta vez en boletíns trimestrais en lugar de mensuais e considerablemente máis longos que as publicacións de catro páxinas orixinais.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]