Terceira Idade (Tolkien)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Arda.Tengwar.svg A Historia de Arda
Anos Valianos

Anos das Lámpadas
Anos das Árbores
Anos do Sol

Idades dos Fillos de Ilúvatar
Batalla Final
Liña Temporal de Arda

A Terceira Idade é un período temporal do legendarium de J. R. R. Tolkien sobre o mundo ficticio de Arda. A historia de Arda debe interpretarse en sentido ficticio como a historia da Terra real.

A Terceira Idade comezou após a primeira derrota de Sauron, cando foi vencido pola Última Alianza de Elfos e Homes despois da Caída de Númenor.

Esta idade caracterizouse polo declive dos Elfos. Ao comezo da Terceira Idade, moitos deles partiron cara a Valinor, perturbados pola recente guerra. Porén, algúns reinos Élficos sobreviviron en Lindon, Lothlórien, e o Bosque Escuro. A cidade de Valfendido tamén se converteu nun prominente refuxio para os Elfos e outras razas. Durante toda esta Idade, os Elfos decidiron non involucrarse moito nos asuntos doutras terras, e só acudiron á axuda doutras razas en tempos de guerra. Optaron por dedicarse a praceres artísticos, e a coidar das terras que ocupaban. O gradual declive das poboacións de Elfos tivo lugar ao longo de toda a Idade, a medida que o ascenso de Sauron dominaba a Terra Media. Á fin da Terceira Idade, na Terra Media só ficaban meros fragmentos da antano grande civilización Élfica.

A Terceira Idade tamén se distinguiu polo auxe e posterior declive dos reinos Númenorianos de Arnor e Gondor. Concibidos no inicio como un só reino, os dous países dividíronse ao comezo da Terceira Idade, e cada un deles correu unha sorte diferente.

Esta Idade durou 3021 anos, até que Sauron volveu ser derrotado, desta volta definitivamente, ao ser destruído o Anel Único. A Cuarta Idade comezou cando Elrond, Señor de Imladris, Bilbo e Frodo Bulseiro (os dous derradeiros portadores Anel Único, deixando de lado a súa breve posesión por parte de Samsagaz Gamllí), Gandalf o Branco e a Dama Galadriel de Lothlórien abandonaron a Terra Media en dirección a Valinor.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]