Portal:Lombardía/Cabezallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Lombardía (en lombardo: Lumbardia, en italiano: Lombardia) é unha das vinte rexións de Italia. Con preto de dez millóns de habitantes é a rexión máis poboada da República. Situada entre os Alpes e o val do Po, limita ao norte con Suíza (cantón Tesino e os Grisóns), ao oeste co Piemonte, ao leste co Véneto e o Trentino-Tirol do Sur e ao sur coa Emilia-Romaña. A rexión está composta por doce provincias, sendo a mais poboada a de Milán e a máis extensa a de Brescia. A súa capital e cidade máis poboada é Milán.

Ao longo da historia foron moitos os pobos que pasaron pola actual Lombardía, entre os que se poden destacar os etruscos, os celtas ou os galos, que precederon aos romanos, que chegaron á rexión no século III a.C. Nos últimos anos do Imperio romano, a relativa veciñanza co Danubio favoreceu numerosas incursión de pobos bárbaros no territorio lombardo e coa definitiva caída do occidente romano, alternáronse a posesión do territorio os ostrogodos e os bizantinos. Entre os anos 559 e o 774 os bizantinos foron substituídos polos longobardos, un pobo procedente da Escandinavia, que converteron a Lombardía no centro do seu reino, sendo Pavia a súa capital. Logo da captura do rei longobardo Desiderio por parte de Carlomagno comezou o dominio dos francos na Lombardía. En 1859, logo de varios séculos sendo conquistada por franceses, españois, austríacos, Lombardía foi definitivamente liberada da ocupación estranxeira e anexada ao Reino de Italia.

Lombardía está considerada unha rexión altamente industrializada. Así pois, é a rexión máis rica de Italia e está entre as rexións con maior renda per cápita da Unión Europea. O PIB lombardo (con 254.447 millóns de euros) é superior ao de países como Arabia Saudita, Noruega, Suráfrica, Arxentina ou Portugal.