Os doce traballos de Hércules
Heracles (máis coñecido polo seu nome romano Hércules) é o nome dun heroe mitolóxico grego. O seu pai era Zeus quen, abraiado pola beleza de Alcmena, a muller de Anfitrión de Tebas, adquiriu a forma do seu esposo para enganala. Froito desa relación naceu Heracles.
A súa forza física sería a a súa característica física máis prezada, demostrada xa desde pequeno ao afogar dúas serpes no berce. Cando acadou a idade adulta matou ao León de Citerón e vestiuse coas súas peles.
Venceu aos minios que gravaban aos tebanos cun pesado tributo, o que lle asegurou a simpatía dos seus veciños, quen lle ofreceron como recompensa a princesa Méxera coa que casou. Cando a princesa lle deu tres fillos, Hera, a esposa de Zeus que non esquecía ningunha ofensa, volveuno tolo temporalmente. Heracles, entón, matou a súa muller e fillos coas súas propias mans. Coa dor por estes asasinatos acudiu ao seu primo Euristeo quen lle encargou os doce traballos como penitencia.
Os doce traballos de Hércules [editar]
Estes doce traballos eran teoricamente fazañas imposibles de realizar e nas que tamén se buscaba que o esforzado heroe encontrara a morte. Porén, vemos como foi capaz de executalas todas:
- Matou o león de Nemea, cuxa pel pasou a ser parte da indumentaria do heroe.
- Acabou coa Hidra de Lerna, monstro de múltiples cabezas que continuamente se rexeneraban.
- Capturou ao porco bravo de Erimanto.
- Capturou a cerva de Cerinea, traballo que o levou até o afastado país dos Hiperbóreos.
- Acabou coas aves do lago Estinfalo, cuxas plumas eran frechas de bronce.
- Limpou os establos do rei Auxias.
- Cazou o touro salvaxe de Creta.
- Domou as eguas de Diomedes, perigosas eguas antropófagas.
- Conseguiu o cinto da amazona Hipólita.
- Matou a Xerión e arrebatoulle o gando.
- Colleitou as mazás das Hespérides.
- Atou o can Cerbero nos dominios subterráneos do inferno para liberar a Teseo.