Origami

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Unha grúa e follas de papel do mesmo tamaño empregadas para facela

O origami (折り紙) é a arte de orixe xaponesa do pregado do papel. Significa literalmente "Pregar" (oru, 折る) "Papel" (kami, 紙). En galego coñécese tamén como papiroflexia.

A través do tempo esta arte tivo outros nomes. Nos primeiros séculos da súa existencia chamábaselle Kami, homónimo da palabra empregada para espíritos dos deuses, polo significado que se creara para o papel. Séculos despois tomou o nome de Orikata, que se traduce por exercicios de dobrado. Non foi ata 1880 que apareceu a palabra Origami a partir das raíces Oru e Kami, antes mencionadas. Nun dos centros importantes para o xénero do origami en España, pola súa influencia musulmá, foi onde asignaron o vocábulo papiroflexia á arte xeométrica de facer pregados para conseguir figuras de papel.

Arte milenaria pouco coñecida[editar | editar a fonte]

Esta tradición milenaria oriental, que se mantivo por xeracións, coñeceuse en Occidente desde hai séculos, pero actualmente poucas persoas saben exactamente o que é, os seus comezos e que beneficios trae practicala.

Sábese moi pouco acerca da arte de realizar figuras de papel, o origami. Esta é unha palabra que non escoitamos con frecuencia no noso contorno, e tan só circula a idea de que é unha moda, unha maneira máis de decoración con enxeño e orixinalidade.

En que consiste[editar | editar a fonte]

O origami defínese como a arte educativa na cal as persoas desenvolven a súa expresión artística e intelectual. Tamén hai quen di[quen?] que é a esencia que se esconde tras os dedos daqueles que pregan papeis para dar nacemento a innumerábeis figuras. Segundo Vicente Solozano a papiroflexia é unha ciencia expresada cos dedos.

Partindo dunha base inicial (cadrados e rectángulos xeralmente) obtéñense figuras que poden ir dende modelos sinxelos ata pregados de gran complexidade. Os suxeitos preferidos para modelar son animais e outros elementos da natureza (flores, árbores etc).

Non se debe confundir pregar papel con rachar ou cortar papel, é dicir o 'origami co kirigami e o maquigami, xa que son técnicas totalmente distintas. O kirigami é a técnica de cortar papel debuxado, empregando tesoiras. O termo deriva das palabras xaponesas kiru (cortar) e kami (papel). O maquigami é a arte e técnica de traballar o papel rachando, dobrando, enrugando etc, unicamente coas mans. O termo procede dos vocábulos quechua maqui (man) e kami (papel). Estas técnicas permiten e promoven o traballo en grupo, o desenvolvemento da creatividade, a integración de áreas e teñen ademais unha forte influencia no desenvolvemento da intelixencia emocional dos nenos ao influír positivamente na súa autoestima. É preciso aclarar que tanto o origami como o kirigami e o maquigami teñen beneficios e metas comúns, pero as técnicas difiren.

Historia[editar | editar a fonte]

O origami ten dúas rutas de desenvolvemento e evolución: por unha parte está Xapón, e por outra a chegada do origami a Occidente.

O Origami no Xapón[editar | editar a fonte]

As primeiras figuras do Origami remóntanse no Xapón ao Período Heian. A figura considerada máis antiga é a da bolboreta. Este pregado empregábase en vodas xintoístas, nas que se realizaban unha bolboreta femia e outra macho, que se introducían en dúas botellas de sake; durante a cerimonia mesturábase o contido das dúas botellas nunha soa, ofrecéndolla aos noivos como símbolo de amor eterno.

O primeiro practicante do origami foi a Corte Imperial, que comezou empregándoo como recreación e pasatempo, logo como tradición cerimonial e máis tarde para dobrar cartas e poemas dunha forma delicada e significativa. A elección do papel e a forma de pregado teñen que ser acordes ao contido da nota, xa que eran decisivos para a consideración do remitente e influían na súa posición, tanto dentro da Corte do Emperador como para conseguir a atención dunha dama. A descrición da forma extraordinaria, delicada e tradicional dos pregados aparece aproximadamente no ano 1000 no libro Historia do Príncipe Genji, de Murasahi Sikibu.

No Período Kamakura, os Noshis pasan a ser, ademais dunha ofrenda relixiosa, regalos que se intercambian os guerreiros samurai, como símbolo de boa fortuna.

Co paso do tempo, tanto ricos coma pobres comezaron a facer pregados de papel (elemento que se converteu en fácil e barato de conseguir), que empregaban desde para rituais da vida cotiá como para a arquitectura. O Kami, como se chamaba orixinalmente o Origami, evolucionou no Período Muromachi, e converteuse nunha nova tradición que os pais transmiten aos fillos, ensinándolles a facer figuras milenarias como o "tzuru" (grou), o "yakko" (guerreiro xaponés) e o "sambo" (caixa de comida).

O furor desta técnica ten lugar no Período Edo, considerado o máis importante, xa que despois de longos disturbios internos e loitas de poder, nesta época reinou a paz e orde. Aparecen entón as escolas de etiqueta social, onde se ensinaba a cerimonia do té, posturas das flores segundo as ideas do Zen, poesía, realización de felicitacións con pregado artístico e realización dos noshis entre outras actividades. Neste período, no que a burguesía exerceu unha grande influencia sobre a arte e a literatura, a artesanía viviu un momento de florecemento.

A popular peza de teatro Chûshingura espertou unha grande afección a facer monicreques empregando papel pregado. Así mesmo apareceu a finais do século XVIII unha das primeiras representacións de papiroflexia, o libro titulado Chûshingura Orikata, escrito por un sacerdote que mostra en xilografía as figuras pregadas apropiadas para a peza de teatro antes mencionada. Destaca do desenvolvemento da vida cultural nesta época o feito de que por vez primeira establécense normas e indicacións de pregado para as figuras de papel máis coñecidas; pasa así o Origami de ser unha tradición oral a empezar a divulgarse de forma escrita. No ano 1797 o sacerdote anteriormente citado publica Sembatzuru Orikata ou, en galego, "O pregado dos mil grous"". Entre 1845 e 1850 aparece a colección de pregados máis importante no origami xaponés: Kan No Mado A Fiestra en pleno Inverno, escrita probabelmente por Adachi Katsuyuki. Os modelos do Kan No Mado son moi interesantes, destacando por exemplo as bolboretas macho e femia, diversos noshis pregados, a libélula, a grúa (ave imperial, símbolo de 1000 anos de vida), a tartaruga (alegoría, lonxevidade, 1000 anos de vida), a ra (regreso do amor e éxito profesional), o mono e, sobre todo, figuras humanas: o pallaso bailando, o loitador na area, diversas indicacións para o pregado de bonecos, o emperador, a emperatriz, e as damas de honra , entre outros. Pode que este manuscrito fora realizado para a festividade das rapazas, ou festividade dos bonecos, celebrada o 3 de marzo; trátase esta dunha cerimonia de purificación, onde todas as impurezas eran transmitidas aos bonecos de papel e logo tiradas ao río. Tamén para a festividade dos rapaces, que tiña lugar o 5 de maio, voábanse papaventos, e facíanse carpas de papel (que simbolizaban a tenacidade, perserverancia, dignidade e longa vida). Outras festas destacadas onde se empregaba a papiroflexia son: a festa da flor da cerdeira (do amor e do guerreiro), da ameixeira (para a xustiza e a esperanza), do aprendiz, da flor de loto, ...

Tradicións máis recentes, como a que se celebra cada 6 de agosto, recorda os 75.000 mortos que a bomba atómica causou en Hiroshima, facendo lanternas de papel que poñen a flotar en ríos, lagoas e lagos.

O Origami en Occidente[editar | editar a fonte]

O origami chegou a Occidente cando xa rematara a Ruta da Seda do leste próximo. O papel fixo a súa aparición cando Marco Polo levou o origami no século XIII, pero non foi ben recibido polos europeos. En Occidente preferíase empregar o pergamiño para empapelar. O papel non durou máis que o pergameo pero finalmente foi aceptado debido ás súas vantaxes: era máis fácil de manipular e máis barato. O invento da prensa axudaría tamén máis tarde á súa aceptación.

Un exemplo de Origami modular.

As orixes do Origami en Occidente tamén se remontan á Invasión Árabe no século VIII, cando se trasladaban prisioneiros chineses á Samarcanda (ano 751). Destes prisioneiros aprenderon a facer e dobrar papel, comezando por figuras simples como animais. Desde que a relixión musulmá prohibiu a representación do ser humano ou de formas animais na arte (debido á crenza da idolatría das imaxes), as súas investigacións en papiroflexia orientáronse ao estudo de formas xeométricas e ao estudo matemático de patróns lineais que quedan ao dobrar o papel. A máxima expresión desta actividade foron os edificios de arquitectura mourisca, xa que para o seu deseño empregáronse estes mesmos patróns.

Como máxima expresión desta actividade foron os edificios de arquitectura mourisca, na cal utilizaron eses mesmos patróns no seu deseño. Existen actualmente unha infinidade de teoremas e principios relacionados co dobrado de papel, moitos dos cales desenvolveron novos conceptos de matemática aplicada como por exemplo na topografía. Despois de que os árabes foran expulsados de España durante a Reconquista, os españois quedaron cos deseños e desenvolvementos, incorporando formas que representen a natureza.

E como foi o encontro entre Oriente e Occidente?. Hai uns 100 anos tiveron lugar cambios decisivos no Xapón, xa que os americanos querían estender o seu comercio para a Asia e necesitaban concesións e socios nesta rexión. Baixo a ameaza de empregar as armas obrigaron aos xaponeses a abrir os seus portos. Xapón reabriu as súas portas ao mundo no ano 1854 polo comodoro norteamericano Perry, despois de séculos de illamento. Todos estes acontecementos sociais e culturais repercutiron de xeito significativa no Origami Clásico (o Orikata), nacendo así o Origami Moderno. No Origami Clásico recortábase, pegábase e pintábase. Para o Origami "as tesoiras son tabú", "a pintura débese evitar" e "a utilización do pegamento é impensábel". A forma pura, lograda soamente mediante o pregado, debe responder de si mesma. Non existe outro elemento de configuración que o material na súa estrutura, debuxo ou cor. Así os mestres xaponeses crearon as novas normas para o origami moderno.

Na Exposición Universal de París en 1878, durante o Período Meixí, fusiónanse os coñecementos orientais e occidentais, creando así un só origami, un só idioma, o cal evolucionara illadamente. A finais do século XIX, Friedrich Fröbel, incorpora e desenvolve o origami nas súas técnicas de ensino a nivel escolar, sendo adoptado axiña nos xardíns infantís xaponeses pola utilidade no preescolar para ensinar as figuras xeométricas, entre outros beneficios que brinda o origami na educación. Por esta época, un vendedor europeo levou a Toquio papel de cores, descoñecido aló, e tivo unha ampla acollida que fixo que o origami mellorara a súa calidade na realización dos modelos.

En América do Sur introduciu o origami na década de 1930 o escritor español Miguel de Unamuno, pioneiro no mundo da ciencia, e que tomaba en serio o facer "paxaros de papel", publicando varios libros de pregado, entre eles o ensaio "Amor e Pedagoxía", onde fala do origami no apéndice. Tamén os arxentinos Vicente Solorzano Sagredo e Ligia Montoya practicaron a papiroflexia dándolle grande importancia a esta arte de pregados e figuras inimaxinábeis. Durante esta mesma década, os educadores impuxeron que os estudantes nas súas creacións mostraran orixinalidade e creatividade, polo tanto, o origami foi rexeitado por faltar nos requisitos anteriores, mais asegurado o paperfolding pola súa historia milenaria, recobrou a súa popularidade unha vez máis grazas ao revolucionario do Origami do século XX: Akira Yoshizawa -o xenio do origami, quen realizou máis de 50.000 traballos e hoxe en día crea novos modelos prodixiosos- foi quen desenvolveu as novas formas de sobrevivir aos modelos tradicionais restablecendo o origami como forma de arte creativa, poñéndolle énfase na sensibilidade da forma e exactitude no plano a traballar. Os feitos e o renacemento que sufriu o origami ocorreu no Período Tashio.

Traballando nas ideas que axudaron a seguir en pé o origami, a mediados do Período Showa, Yoshizawa, coñece a Sam Randlett e para a década de 1950 crearon un código internacional para representar as dobreces que compuñan as figuras para poder ser realizadas, as cales son as que actualmente se utilizan como ferramenta para o desenvolvemento dos pregados. A partir deste sistema de liñas, a publicación de libros aumentou considerabelmente, inicialmente no Xapón con Isao Honda e logo en Inglaterra con Robert Harbin. Isto fixo que a xente comezara a agruparse e en 1958 creouse FOCA ("Friends of Origami Center of América", actualmente Origami USA), en 1967 a British Origami Society e así desenvolvéronse grupos en todos os países como Francia (1978) e España (1981). Actualmente existen autores de renome mundial como Kunihiko Kasahara e Tomoko Fuse no Xapón, Robert Lang e John Montroll nos Estados Unidos, Vicente Palacios en España, Peter Budai en Hungría (que publicou o seu primeiro libro aos 12 anos, actualmente ten 17). Á parte diso hai moitos origamistas, que aínda que non publicaron moito son moi coñecidos no mundo de origami, como Jeremy Shafer, Tom Hull e Mette Pederson nos Estados Unidos, Joseph Wu (quen manexa a páxina web mundial de origami, http://www.origami.vancouver.bc.ca Arquivado 23 de outubro de 2005 en Wayback Machine.) no Canadá; Alfredo Giunta en Italia, Marteen Van Gelder nos Países Baixos e outros moitos que farían unha lista interminábel. Co paso do tempo, a papiroflexia pasou axiña ao esquecemento, mais seguía latente nas súas raíces, podéndose ver a maneira de como se volveu a recordar este preciosa arte reanudando a tradición do noshi colocándoo nun regalo recordando que o obsequiar este pregado, segundo a tradición xaponesa, é de boa sorte para quen a recibe.

Actualmente o origami está no Período Heisei, o cal é a etapa dun cambio de concepción acerca do origami. En anos anteriores tratábase como unha artesanía, agora como unha arte que se está considerando entre as afeccións intelectuais e científicas.

En Colombia estanse dando os primeiros pasos, existiron grupos illados e ditáronse cursos nos que a resposta dos participantes ao finalizalos é moi pobre. Nos últimos anos publicáronse artigos divulgativos en revistas e periódicos e apenas están chegando ás librarías e bibliotecas os primeiros libros especializados. Xa se realizaron oito (1997 a 2004) Encontros Colombianos de Origamistas e houbo moito interese dos participantes. A actividade principal é encontrar os origamistas ocultos en Colombia, xa que se sabe que existen moitos polo que se ve reflectido na actualidade, é dicir, hipoteticamente saen do nada as figuras, mais todas foron feitas por mans até agora descoñecidas.

Como podemos observar, o origami oferécenos a imaxinación e o papel necesario para elaborar o pensado e o inimaxinábel porque desde unha pequena grúa até un elegante cisne, desde unha tenra pelota até a esfera máis complexa, desde un gracioso sombreiro samurai até un sombreiro que, segundo como foi deseñado e é construído, pode ser graduado á cabeza de quen queira poñelo.

O anterior e moitas máis marabillas pódense encontrar explorando o origami; se se propón reunir os miles de figuras que existen, poderíase armar o noso mundo en papel, é dicir, todo o que constitúe o medio que nos rodea e no cal vivimos: Fauna e flora de todos os continentes, a vida urbana, ferramentas da nosa cotiánidade, até podemos incluír os nosos amigos de antano, os dinosauros e os amigos míticos como os dragóns, é máis, podemos complementalo con estrelas e outros astros que imiten o cosmos que nos ten a flote polo infinito. Coa papiroflexia pódese soñar e gozar dese sono materializándoo en papel, é invención e aplicación.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • chicharro Valencia, Gracia e Muñoz Campos, Santiago (2006). Papiroflexia. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 978-84-96526-43-3. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]