Movemento popular da canción galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Movemento Popular da Canción Galega é unha plataforma que xorde no ano 1973 logo da disolución do grupo Voces Ceibes e dura apenas uns meses. Nel participaron músicos galegos de diversas tendencias que estaban comprometidos con Galiza e denunciaban a falta de liberdades, como Rodrigo Romaní, Antón Seoane, Emilio Cao, Pilocha, Luís Emilio Batallán, Bibiano e Miro Casabella, entre outros.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

A Nova Canción Galega[editar | editar a fonte]

Os concertos que deron Joan Manuel Serrat e Raimon, cantando en catalán, durante os primeiros meses do ano 1967, foron o motivo polo cal moitos artistas galegos decidiron facer e interpretar música en galego; mais o propósito non era só facer canción en galego, senón tamén facer algo novo, cuns obxectivos propios, sempre transmitindo mensaxes con fondo reivindicativo política e socialmente. Moitos deles comezarían versionando poemas de Celso Emilio Ferreiro e Lois Diéguez, entre outros, e a partir de aí desenvolvéronse numerosos recitais polas cidades galegas. O recital que se celebrou o 18 de abril de 1968 en Pontevedra por Benedicto García Villar e Xavier del Valle, poría nome ao que se estaba producindo no eido musical: o xurdimento da chamada Nova Canción Galega. O seguinte recital importante celebraríase na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela e para daquela a denominación A Nova Canción Galega xa era un feito. Neste recital, ademais de interviren Benedicto García Villar e Xavier del Valle, actuaron tamén Xerardo Moscoso, Vicente Araguas e Guillermo Rojo, interpretando música tanto doutros autores como de autoría propia.

Voces Ceibes[editar | editar a fonte]

A formación que xurdiu no recital dado na Facultade de Medicina daría lugar á creación do grupo Voces Ceibes. Benedicto García Villar estabelece o que serán para eles as bases do grupo, antes de decidiren como se chamar: «o noso era un asunto de canción en galego, monolingüe e con contido abertamente social. Ademais non podía ter nada de folclore, no formal, polas connotacións inmediatas que aquel tiña cos grupos de Coros y Danzas de la Sección Femenina de Falange» [1]. O desafío do grupo era, por tanto, cantar e facer música comprometida integramente en galego. O nome do grupo había ser unha decisión importante e así foi como Xavier propuxo "Voces Ceibes", un nome provocador e cun marcado carácter reivindicativo.

As primeiras actuacións do grupo tiveron que lidar coa censura do réxime fascista imperante nesa época. O grupo apenas tiña cancións autorizadas posto que a maioría delas eran de protesta contra o réxime e en defensa das liberdades. Isto fixo que certas persoas con mala intención dixesen que o "caldo de cultivo" de Voces Ceibes foran as multas e as prohibicións[2]; o grupo xustificábase criticando a falta de facilidades fronte a cantantes de "canción lixeira". Máis tarde uniríase ao grupo Miro Casabella, que daquelas andaba promocionando o seu primeiro disco.

Pouco a pouco, a lista das actuacións autorizadas reducíase; eran poucas as asociacións que se atrevían a contratalos e ademais seguía a potenciarse a canción comercial de xentes como Juan Pardo. Por diversas razóns, o grupo foise disolvendo devagar: Benedicto foi chamado a filas, Miro seguía en Barcelona, Xavier e Guillermo abandonan o grupo e introdúcense novas caras como Suso Vaamonde ou Bibiano.

O grupo desfaise finalmente no ano 1974, mais un mes antes os propios integrantes iniciaran o que sería o Movemento Popular da Canción Galega.

De Voces Ceibes ao Movemento Popular da Canción Galega[editar | editar a fonte]

Sobre a causa do nacemento do MPCG, hai diferentes opinións: por un lado Benedicto afirma que o Movemento se inicia un mes antes da disolución de Voces Ceibes e que agrupaba persoeiros de moi diversos estilos[3]; Xosé Luís Blanco Campaña di que a plataforma xorde despois da disolución de Voces Ceibes cun ideario diferente ao que tiña este grupo [4]; pola contra, José Campos Calvo-Sotelo afirma que os propios membros de Voces Ceibes sentiron aversión do MPCG e que incluso Bibiano afirmou que só servira para pelexar uns cos outros[5].

Nas súas publicacións sobre a Nova Canción Galega, Baldomero Cores afirma que "parece que un motivo do paso de Voces Ceibes ó Movimento foi asegura-lo pluralismo artístico e a liberdade cultural, pois a aquel grupo facíano moitos vencellado a unha determinada ideoloxía"[6].

Integrantes[editar | editar a fonte]

No movemento participaron todos os músicos galegos comprometidos coa defensa dos valores diferenciais galegos, posibilitando así a unión de cantantes a favor da causa galega e do galeguismo. O grupo abranguía artistas e formacións con moi diversos estilos e estéticas musicais: Rodrigo Romaní, Antón Seoane, Emilio Cao, Pilocha, Luís Emilio Batallán, Jei Noguerol, Bibiano, Raíces da Terra, Xurxo Mares, Xosé Quintas-Canella, Miro Casabella...

Historia do MPCG[editar | editar a fonte]

A data oficial do inicio da actividade do MPCG foi 2 de marzo de 1975 coa súa presentación no Festival Folk Galego. Foi organizado polas asociacións culturais O Facho e O Eixo no Pavillón do Obradoiro de Santiago e congregou a máis de cinco mil persoas con ganas de canción. A pesar de que naceu como proxecto con moito futuro, apenas durou tempo; Suso Vaamonde afirmou que o conglomerado desapareceu case o mesmo día en que se fixo[7]. Xosé Fernández Ferreiro afirmaba que o evento fora un rotundo éxito:

A data -a do "Festival Folk Galego"- pode considerárese histórica. Nunca o polideportivo do Sar compostelán rexistrou semellante abarrote -cinco mil persoas- nunca os aplausos foran tan fortes, longos e unánimes. Tan fortes e tan longos que -a pesares da mesta choiva que caía co seu abafante bruído- ouvíanse dende a plaza do Obradoiro e dende o interior da catedral. Era lóxico. Era xusto. I era, tamén, fermoso, fondo e siñificativo. Porque alá do outro lado do Sar, nas mesmas ladeiras do monte Viso, estábase cantando a Galicia dun xeito, cunha forza, cunha pasión, cunha verdade como nunca se fixera hastra entón. Era algo histórico, si. A reafirmación da mocedade galega do seu amor á terra, da súa concencia sobor dela e do intre no que vivimos. Era, cómpre decilo sin máis, unha denuncia alporizada e abraiante, dos seus problemas, da súa marxinación.

O MPCG emitiu un manifesto en que estabelecían como puntos primordiais da súa constitución "a integración e compromiso coa realidade galega" e a denuncia da falta de liberdades así como do "carácter dependente do noso país galego".

Rodrigo Romaní afirma que o MPCG se desfixo porque abarcaba un espazo estilístico demasiado amplo por seren os músicos moi diversos e de moi diferentes estilos[8]. Aínda así, o propio Bibiano explica que o Movemento se disolveu polas posicións políticas radicais deste e de Benedicto, que no propio recital (o único que se fixo) intentou saltarse algunha prohibición expresa por parte dos "grises". Os dous foron expulsados do Movemento e a partir daquel momento non se volveu manifestar como tal. Rodrigo Romaní, insistindo na idea de que a variedade musical e ideolóxica dificulta a existencia dun movemento homoxéneo, propuxo que a única saída para unha "nova música galega diferencial" é a que nos proporciona a música popular tradicional.

A canción protesta deixaría unha marca imborrábel na música galega deste tempo. Co remate do Movemento os membros máis coñecidos reorientarían a súa carreira noutras direccións mantendo un ideario de esquerdas e nacionalista: os grupos e cantantes que alí se xuntaran foron reubicándose, algúns desapareceron e outros seguiron outros camiños no panorama musical. Foron abríndose distintos estilos e temáticas na música e canción galega sempre con moitas dificultades:

  • O grupo Fuxan os Ventos nace no 1972 en Lugo. Desde 1976 con discos como Fuxan os Ventos, O Tequeletéquele e Sementeira, destacan na recreación da música popular. Se ben o seu repertorio inicial se baseaba na música folk universal, fóronse inclinando cada vez máis cara a música popular galega, recollendo cantigas, cancións tradicionais dos pobos e temas de composición propia. Asumiron un compromiso social que se plasmou coa incorporación da canción protesta no seu repertorio.
  • O arpista e compositor Emilio Cao. Os seus inicios musicais están ligados a varios grupos da súa cidade e participa en ocasións como acompañante do grupo Voces Ceibes. É o iniciador en Galiza da denominada música celta.
  • O grupo Doa xorde na Coruña en 1978, formado nun principio por Bernardo Martínez, Xoán Piñón e Enrique F. Ferreira aos que se uniría máis tarde Miro Casabella. O seu estilo ten como base a música popular e medieval galegas, incluíndo máis tarde composicións propias.
  • O grupo Milladoiro: xorde no 1979 cando Xosé V. Ferreirós, Nando Casal e Ramón García Rei se xuntan a Antón Seoane e Rodrigo Romaní. A base do repertorio inicial do grupo é a música galega tradicional, composicións irlandesas e música composta polo propio Seoane. Foi evolucionando cara a unha música cada vez máis elaborada, aínda que mantendo sempre as referencias na música galega. O grupo está considerado como un dos pioneiros na modernidade no folk galego, innovando con combinacións musicais pouco habituais.

Ademais destes, están os grupos A Quenlla, creada en 1983 por Mini e Mero (procedentes de Fuxan os Ventos), María Manuela, Uxía, A Roda, Xocaloma...

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Benedicto García Villar, O feito diferencial galego, p. 263
  2. Benedicto García Villar, O feito diferencial galego, p. 265>
  3. Benedicto García Villar, O feito diferencial galego p.271
  4. Xosé Luís Blanco Campaña, Introdución á canción galega p.32
  5. José Campos Calvo-Sotelo, La música popular gallega en los años de la transición política (1975-1982): Reificaciones expresivas del paradigma identitario p.560>
  6. Baldomero Cores, El Ideal Gallego (08.08.1976)>
  7. José Campos Calvo-Sotelo, La música popular gallega en los años de la transición política (1975-1982): Reificaciones expresivas del paradigma identitario p.556
  8. José Campos Calvo-Sotelo, La música popular gallega en los años de la transición política (1975-1982): Reificaciones expresivas del paradigma identitario p.559

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]