Raimon

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Raimon

Ramon Pelegero Sanchis, nado en Xàtiva o 2 de decembro de 1940, é un cantautor valenciano, coñecido artisticamente como Raimon. É un dos cantautores máis coñecidos e recoñecidos no panorama musical en lingua catalá.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu no Carrer Blanc de Xàtiva, unha rúa que posteriormente citaría nalgunhas das súas composicións. De novo traballou dous anos na emisora de radio da súa vila, onde se introduciu no mundo do disco e coñeceu as interpretacións de xente tan diversa como Juliette Gréco, os Platters ou o español Juanito Valderrama.

Con vinte e un anos transladouse a Valencia para estudar Historia e alí coñeceu a cultura do seu pobo e fixo as primeiras lecturas de poetas como Ausiàs March, Salvador Espriu, Josep Pla ou Joan Fuster, quen ademais serán tamén protagonistas recorrentes na súa obra, principalmente pola adaptación e musicalización de poemas seus. Porén, antes desa toma plena de consciencia xa nacera a súa primeira composición, Al Vent, xurdida da experiencia de facer de vulto nun traxecto en moto.

En 1962, Raimon fixo a súa primeira actuación pública, no encerramento duns premios literarios. Pouco despois, logo dun acto en Castelló de la Plana (con participación de Els Setze Jutges), cantou para eles nunha taberna. Josep Maria Espinàs ficou impresionado e convidouno a actuar a Barcelona, no Fòrum Vergés. O éxito foi inmediato, e o valenciano sorprendeu o público catalán pola forma e polo contido das súas cancións, pola forza e polo existencialismo rebelde dos seus textos. E é que o estilo de Raimon resultaba ben diferente do dos seus anfitrións (Espinàs, Delfí Abella, Enric Barbat e compañía), procedentes das burguesía barcelonita.

O ano seguinte, en 1963, Edigsa publica o primeiro disco do valenciano, un EP que contén Al Vent, Som, La Pedra e A Colps ("Ao Vento", "Somos", "A Pedra", "A Golpes") que se converterán nun inesperado éxito de vendas. Após este éxito recibiu unha proposta para participar no Festival da Canción Mediterránea cunha canción en catalán. Malia ás súas reticencias iniciais, participou xunto con Salomé, e ambos os dous entoaron Se'n va anar ("Foise"), unha canción de amor composta por Josep Maria Andreu e Lleó Borrell. O daquela Ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga Iribarne, chegara a comentar "non pasa nada porque haxa unha canción en catalán". Porén, a composición recibiu o favor do público e gañou o primeiro público, co que a censura e as institucións franquistas converteron a canción catalá (considerada até o momento como un fenómeno "minoritario" e "inofensivo") en obxecto da súa inquina.

Acto seguido aparece o segundo EP de Raimon, coa gañadora Se'n va anar e tres temas máis: Disset anys ("Dezasete Anos", Cançó del capvespre ("Canción do Serán", primeira vez que musica un poema de Espriu) e Ahir ("Onte", axiña máis coñecida polo seu subtítulo, Diguem no, "Digamos non"). Precisamente esta última será cantada durante anos con algunhas variacións respecto do texto orixinal. Así, a frase Hem vist tancats a la presó homes plens de raó ("vimos fechados na prisión homes cheos de razón") convértese en Hem vist que han fet callar molts homes plens de raó ("vimos que fixeron calar moitos homes cheos de razón"). Tempo máis terde, Raimon confesará que quixera pór xuntas Se'n va anar e Diguem no, proque no caso de a censura prohibir o disco, tería de prohibir ambas a dúas obras.

En 1964 aparece un terceiro EP no que destacan as cancións D'un temps, d'un país e Cançó de les mans. No mesmo ano ve a luz un primeiro LP, gravado en directo cun público reducido. Contén versións da maioría das cancións publicadas previamente máis dous temas novos: Si em mor ("Se morrer") e Cantarem la vida. É curiosa a intervención da censura sobre esta última canción. Onde soamente se debería escoitar a frase Cantarem la vida d'un poble que no vol morir ("cantaremos a vida dun pobo que non quere morrer"), a censura obrigou a acrecentar un coro de voces que repite Israel, Israel, para 'desactivar' politicamente a canción e deixala inservíbel para o cada vez máis presente catalanismo político e cultural.

Xa en 1965, Raimon canta por primeira vez en Barcelona sen a compaña de Els Setze Jutges ou de outros cantantes; e no mesmo ano comezan as súas actividades internacionais (con participación, por exemplo, na universidade belga de Lovaina). Tamén publica un EP con catro cancións de amor dedicadas á que no ano seguinte será a súa muller.

En 1966 celebra o seu histórico recital ao aire libre no Instituto Químico de Sarrià, o primeiro acto realmente masivo da canción catalá, e fai as súas primeiras actuacións en Francia e Alemaña. Precisamente, en Francia sae un álbum gravado en directo o 7 de xuño no Olympia, co que o ano seguinte gañará o premio Francis Carco ao mellor cantante estranxeiro, outorgado pola Académie du Disque Français. Nesa obra aparecen moitos temas xa coñecidos, incluída unha versión non censurada do seu Diguem no, pero tamén outros temas inéditos no Estado español.

En 1967, no Teatre Romea fai a que será a primeira quenda de recitais dun cantante en lingua catalá. Tamén actuaría en Cuba, Suíza e outros países. Froito dun concerto celebrado a comezos de ano (28 de xaneiro) será o álbum gravado ao vivo Raimon al Palau, don doce cancións xa coñecidas. Segundo os expertos na súa obra, o máis salientábel deste álbum o intenso ambiente que se respira na gravación ao vivo, onde fica patente que Raimon é máis que un cantante: é o voceiro dunhas inquedanzas sociais e políticas que comparte un público cada vez máis amplo, e xa non só mozos e estudantes.

O ano seguinte (1968), o valenciano publica o seu primeiro disco doa Discophon, e fará tamén dous recitais históricos: un no xa desaparecido Price (nun festival a favor do movemento obreiro), e o outro na Facultade de Económicas de Madrid (de onde sairá a canción Divuit de maig a la Villa, "Dezaoito de maio na Vila"). Continuará, igualmente, coas súas xiras estranxeiras, actuando no México, na Alemaña, en Suíza e Cuba.

O ano 1970 trae un novo SG cunha primeira cara integramente dedicada a musicar obras de poetas en lingua catalá do século XV. Porén, nin a antigüidade dos 'compositores' serviu para eludir a man da censura, que por exemplo impediu que a canción Desert d'amics ("Deserto de amigos") figurase co seu título orixinal, Presoner ("Prisioneiro").

Durante os anos seguintes, Raimon continuou publicando novos discos, e con cada vez maior proxección internacional (a sempiterna Francia, pero tamén os Estados Unidos, o Uruguai, o Chile ou a Arxentina), e continúa cos seus recitais multitudinarios, vistos con cada vez maior receo por parte do stablishment franquista.

En 1975, mentres que o ditador Franco agoniza, Raimon canta no Palau d'Esports de Montjuïc. Será neste escenario onde estree un dos clásicos do seu repertorio: Jo vinc d'un silenci ("Eu veño dun silencio"). O ano seguinte, en plena efervescencia predemocrática, anta no Pabillón dos Deportes do Real Madrid. En principio sería o primeiro de catro recitais, pero os outros tres acabaron sendo prohibidos polos residuos do rexime en disolución. No verán de 1976 dá o seu único recital nas «Sis Hores de Cançó» ("Seis Horas de Canción"), en Canet de Mar: será o seu concerto máis concorrido, con máis de sesenta mil persoas.

A partir deste momento, Raimon dedicará moitos esforzos para evitar entrar no chamado Museo da Resistencia, fuxindo cada vez máis dos concertos multitudinarios e evitando a instrumentalización da súa figura e da súa música por parte de formacións políticas.

Coa intención de reunir tod a súa obra, en 1981 Raimon volve gravar todas as súas cancións, con novos arranxos de Manuel Camp e Antoni Ros Marbà. O resultado é un conxunto de dez discos cos que gañaría o «Premi Ciutar de Barcelona», e nos que os temas fican agrupados tematicamente. O décimo disco, Testimonis, está dedicado a gravacións ao vivo, e inclúe unha versión de Al Vent cantada en xaponés por unha coral nipona.

En 1983, Raimon publica Les hores guanyades, un diario con reflexións sobre o momento político (intento de golpe de Estado do 23-F), o labor artístico e outros temas. A partir deste momento, o cantautor valenciano prodigarase cada vez menos en público e gravará cancións con moita intermitencia (por exemplo, non editou nada entre 1985 e 1987).

Tamén tardará unha década en gravar un disco con cancións novas. Contodo, iso non significa que estivese inactivo, xa que conformou un grupo estábel que o acompañaba nas súas actuacións, con guitarras, contrabaixo, violoncello e acordeón. En 1992 volve de xira polo Xapón, canta en universidades norteamericanas e sorprende a moita xente facéndose cargo de Literal, un programa de TVE-Catalunya dedicado aos libros.

En 1993 aparece un novo CD de Raimon (con 121 cancións ordenadas tematicamente), que se alzará cun premio máis, neste caso o da Nouvelle Académie du Disque Français.

A comezos de 1997 a Generalitat de Catalunya concederalle a Medalla de Ouro da institución (poucos anos antes rexeitara a Cruz de Sant Jordi), e concentra os seus concertos sobre todo na área mediterránea. Probabelmente foi neste ano que viviu un dos episodios máis desagradábeis da súa carreira (censura da ditadura á parte). Na madrileña Plaza de las Ventas actuou nunha homenaxe a Miguel Ángel Blanco, o edil do Partido Popular asasinado pola banda terrorista ETA. Un sector do público recibiuno e despediuno con asubíos por cantar en catalán, sobre todo pola canción País Basc (prohibida no franquismo).

A finais dese ano aparece o CD Recitals al Palau, unha selección de temas de actuacións anteriores gravadas ao vivo, e onde toman protagonismo figuras recorrentes como Ausiàs March ou Salvador Espriu. En 1999 publica unha compilación con todos os seus temas de carácter amoroso, Les cançons d'amor. Xa en 2000 volverá editar unha escolma de éxitos á que sumará pezas inéditas xunto con musicacións de poetas do século XV.

Discografía[editar | editar a fonte]

  • Disc antològic de les seves cançons (1964)
  • Raimon a l'Olympia (1966)
  • Cançons de la roda del temps (1966)
  • Raimon al Palau (1967)
  • Raimon música sola (1967)
  • Raimon en directe (1968)
  • Raimon a Montserrat (1969)
  • Sobre la pau. Contra la por (Olympia 2) (1969)
  • Per destruir aquell qui l'ha desert (1970)
  • Raimon (1971)
  • Raimon en Montevideo (1971)
  • Raimon. Catalonian protest songs (1971)
  • En vivo (1972)
  • Diguem no (1972)
  • La noche (1972)
  • A Víctor Jara (1974)
  • Campus de Bellaterra (1974)
  • T'adones amic...? (1974)
  • El recital de Madrid (1976)
  • Lliurament del cant (1977)
  • Quan l'aigua es queixa (1979)
  • Totes les cançons (1981)
  • Entre la nota i el so (1984)
  • Raimon canta (1985)
  • Presències i oblit (1987)
  • Canta Ausiàs March (1989)
  • Integral (1993)
  • Cançons (1993)
  • I després de creure tant (1995)
  • Ausiàs March / Raimon (1997)
  • Cançons de mai (1997)
  • Recitals al Palau (1997)
  • Dotze cançons (1999)
  • Les cançons d'amor (1999)
  • Nova Integral 2000 (2000)
  • Clàssics i no (2003)
  • Raimon-Espriu Poesia cantada (2003)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Pomar, Jaume, Raimon, Coleccion Los Juglares, Ediciones Jucar, Madrid, 1983
  • Pujado, Miquel: Diccionari de la Cançó. D'Els Setze Jutges al Rock Catala, abril de 2000