Melissa Auf der Maur

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Melissa Auf der Maur
Melissa Auf der Maur.jpg
Nome completo Melissa Gaboriau Auf der Maur
Naceu 17 de marzo de 1972 (42 anos)
Orixe Montreal Flag of Canada.svg Canadá
Ocupación (s) músico, fotógrafa
Xénero rock alternativo
Instrumento(s) baixo, guitarra, voz
Selo(s) discográfico (s) Capitol
Relacionado con Hole, The Smashing Pumpkins

Melissa Gaboriau Auf der Maur, nada en Montreal o 17 de marzo de 1972, é unha baixista, guitarrista e cantante canadense. Como baixista, Melissa participou nos grupos de rock Hole e The Smashing Pumpkins. No ano 2004 editou o seu primeiro traballo en solitario, Auf der Maur, e recentemente, o 30 de marzo do 2010 apareceu o seu segundo álbum, Out of Our Minds.

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Melissa é filla do xornalista e político Nick Auf der Maur (fillo de emigrantes suizos), e da tradutora literaria Linda Gaboriau. A súa lingua materna é o inglés, aínda que posteriormente aprendeu francés e castelán. Pasou parte da súa infacia en Kenya xunto á súa nai, aínda que volveu rapidamente a Montreal, onde estudou fotografía na Concordia University.

Carreira musical[editar | editar a fonte]

Hole[editar | editar a fonte]

Melissa fíxose amiga de Billy Corgan, líder de The Smashing Pumpkins, despois de desculparse por unha amiga que lanzara unha botella á banda de Billy durante un concerto. A súa banda, Tinker, foi teloneira para The Smashing Pumpkins en Montreal en 1993. En 1994, cando Hole necesitaba unha nova baixista despois da morte de Kristen Pfaff, Corgan recomendou a Auf der Maur a Courtney Love. Melissa inicialmente non aceptou a invitación, pero posteriormente cambiou de opinión. Ela uníuse a Hole dúas semanas antes do Reading Festival, estivo durante a gravación e promoción do álbum Celebrity Skin, e abandonou a banda o 20 de outubro de 1999.

The Smashing Pumpkins[editar | editar a fonte]

Pouco despois uníuse a The Smashing Pumpkins, xusto despois de que a banda rematase a gravación de Machina/The Machines of God, e da saída de D'Arcy Wretzky. Melissa saíu de xira na promoción dese álbum e estivo na banda a ta a súa disolución a finais do ano 2000.

Outras colaboracións[editar | editar a fonte]

Melissa tamén colaborou co grupo francés Indochine na canción "Le grand secret", cantando e aparecendo no video con Nicola Sirkis. Tamén saíu de xira con Ric Ocasek de The Cars en 1997. Auf der Maur tamén contribuíu tocando o baixo e facendo coros co seu amigo da infancia Rufus Wainwright, no seu álbum de 1998 Poses.

Hand of Doom e The Chelsea[editar | editar a fonte]

Despois da ruptura de The Smashing Pumpkins, Auf der Maur liderou unha banda de versións de Black Sabbath chamada Hand of Doom para practicar como vocalista. No 2002, Auf der Maur, xunto coa batería Samantha Maloney (Mötley Crüe, Hole, Peaches), Paz Lenchantin (A Perfect Circle, Zwan) e Radio Sloan (Peaches, The Need, The Courtney Love Band) crearon unha nova banda chamada The Chelsea. Tocaron temas orixinais e fixeron un concerto nos Ánxeles (California).

Traballo en solitario[editar | editar a fonte]

No ano 2004 Melissa editou o seu primeiro álbum en solitario, Auf der Maur, conseguindo bastante tempo de radio cos seus sinxelos "Followed the Waves", "Real a Lie" e "Taste You".

Nunha entrevista no ano 2007 Auf der Maur anunciou que rematara o seu segundo traballo en solitario que iría acompañado dunha novela gráfica e unha película conceptual, e aparecería no outono do 2009. En agosto do 2008 apareceu un trailer da película e o 9 de novembro do 2009 lanzouse o primeiro sinxelo do novo traballo, "Out of Our Minds", de xeito gratuíto através da Internet.

En marzo do 2010 editouse o álbum Out of Our Minds, e un mes despois a película, co mesmo nome, pudo verse en Londres.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]