Fender Precision Bass

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Fender Precision Bass, tamén coñecido como P-Bass, é un dos primeiros modelos de baixo eléctrico deseñado por Leo Fender (que se encargou da parte electrónica) e o seu equipo (encargado do corpo e o mastro). O seu prototipo é do ano 1950 e saíu ao mercado en 1951,[1] sendo o primeiro instrumento deste tipo en conseguir a atención dos músicos e ter un uso xeneralizado. Foi un instrumento revolucionario para a época e tivo un grande impacto na música popular dende entón.[2] O seu corpo é moi semellante ao da guitarra Fender Stratocaster.

Na súa configuración estándar, de despois de 1957, o Precision Bass é un instrumento de corpo sólido de catro cordas equipado cunha única pastilla humbucker pickup e un mastro de arce dunha peza de 20 trastes con diapasón de palisandro ou arce.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

O contrabaixo é considerado un instrumento incómodo debido ao seu gran tamaño, e é moi difícil de transportar en comparación con instrumentos máis pequenos. Tamén é difícil de escoitar en grandes bandas ou naquelas que utilizan instrumentos amplificados, e precisa de habilidades para tocalo distintas ás requiridas para tocar a guitarra.

O Precision Bass deseñouse para superar eses problemas. O nome "Precision" procede do uso de trastes para tocar afinado máis doadamente en comparación cos contrabaixos sen trastes.[3] Porén, o baixo eléctrico carece das distintivas cualidades acústicas do contrabaixo, ofrecendo un son máis sólido, duro e sostido. Tras a resistencia inicial por parte dos contrabaixistas, o baixo eléctrico fíxose dominante e transformou os ritmos da música popular.

A aceptación do baixo foi inicialmente lenta, xa que os contrabaixistas miraban ao novo instrumento co mesmo desagrado que os guitarristas á súa irmá de corpo sólido, a Telecaster. Unha das primeiras en incorporar o novo instrumento foi a banda do vibrafonista e batería Lionel Hampton, coa axuda porterior do respaldo do baixista de Elvis Presley Bill Black, que comezou a usar un Precision Bass durante a rodaxe de Jailhouse Rock.

Fender tamén entregou un dos primeiros Precision ao baixista de sesión e arranxador dos Ánxeles Shifty Henry. Monk Montgomery converteuse no segundo intérprete de jazz en popularizar o baixo de Fender; primeiro tocando con Lionel Hampton; e despois co seu irmán, o guitarrista Wes Montgomery. En 1954 Henry e Montgomery aparecían en anuncios de Fender. Cara finais da década dos 50 o P-Bass estaba finalmente gañando aceptación entre os baixistas de rock 'n roll e country, así como entre guitarristas como Carol Kaye, unha guitarrista de jazz que se fixo coñecida polo seu traballo como baixista no consorcio de músicos de sesión dos Ánxeles coñecido como The Wrecking Crew.

Historia[editar | editar a fonte]

Para a construción do primeiro prototipo, Leo Fender e George Fullerton baseáronse na guitarra Telecaster, que eles mesmos presentaran pouco antes. Imaxinaron que para conseguir unha guitarra-baixa tan só terían que modificar as dimensións do mastro da guitarra, e tras varios experimentos por ensaio e erro estabeleceron a medida que hoxe consideramos estándar, 34 polgadas.[4] Para a construción destes primeiros prototipos tiveron que empregar cordas de contrabaixo de tripa, que eles mesmos recortaran para axustalas ás dimensións reducidas do diapasón, e ás que envolveran cun arame metálico para excitar a resposta das pastillas. Do mesmo xeito, empregaron caravillas de contrabaixo.​[5] Debido a que o corpo do instrumento resultaba moi grande e pesado, Leo Fender deulle o deseño dobre cutaway, para mellorar o balance do instrumento e alixeirar o seu peso.

Os instrumentos de produción baseados neste prototipo presentaban xa cordas de metal flatwound fabricadas por Squier,​ caravillas fabricadas pola firma alemá Schaller, e unha única pastilla de bobinado simple con dous controis, ton e volume. O mastro estaba fixado con parafusos ao corpo do instrumento, o que permitía a súa fabricación en serie, disminuíndo os custos de produción. Dando por sentado que os músicos usarían o polgar para pulsar as cordas, Leo Fender incluíu un bloque de madeira unido con parafusos ao corpo baixo as cordas para facilitar esa postura. Engadíronse cubrepastillas de metal cromado que proporcionaban illamento eléctrico ás pastillas, e, por último, incluíanse muteadores de goma sobre as cordas para reducir o sustain do instrumento.

Xunto ao Precisión Bass orixinal, Leo Fender presentou o seu amplificador Bassman, un modelo que deseñou especificamente para reproducir as baixas frecuencias propias do instrumento e que sería adoptado máis tarde de forma entusiasta por guitarristas de Jazz de todo o mundo.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Wheeler, Tom, American Guitars: An Illustrated History, interview with Leo Fender, Harper Perennial, NY 1992
  2. "The instrument that made modern music: the fender P Bass marks its 50th anniversary. (The Fretted Instrument Market)(Cover Story)." Music Trades, vol. 149, no. 9, Oct. 2001, pp. 82+. Gale Academic OneFile. Consultado o 20 de xaneiro de 2022.
  3. Jisi, Chris. "The first 10 years of the Fender Precision Bass." Bass Player, vol. 22, no. 13, 1 Dec. 2011, pp. 54+. Gale General OneFile. Consultado o 20 de xaneiro de 2022.
  4. Roberts, Jim (2003). American basses : an illustrated history & player's guide. San Francisco: Backbeat Books. ISBN 0-87930-721-8. OCLC 52518941. 
  5. Blasquiz, Klaus ([1990?]). The Fender bass. [Lausanne, Switzerland]: Mediapresse. ISBN 0-7935-0757-X. OCLC 24091082. 
  6. "Going Low: The History of the Fender Bassman Amplifier". www.fender.com (en inglés). Consultado o 2022-01-20.