Hole

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hole
A banda ao vivo en marzo do 2010
OrixeOs Ánxeles, Estados Unidos
Período1989 - 2002
2009 - 2012
2019 - presente
Xénero(s)rock alternativo, punk rock, grunge
Selo(s) discográfico(s)Sympathy for the Record Industry, Sub Pop, Caroline, DGC Records, Mercury
MembrosCourtney Love
Micko Larkin
Shawn Dailey
Stu Fisher
Antigos membrosMelissa Auf der Maur
Eric Erlandson
Samantha Maloney
Patty Schemel
Kristen Pfaff
Jill Emery
Caroline Rue
Leslie Hardy
Na rede
http://www.holerock.net/
IMDB: nm1973805 Facebook: Hole Twitter: holerock MySpace: hole Youtube: UCGE7WjDQBpG6bFA153iRVVw Souncloud: hole-official Spotify: 5SHQUMAmEK5KmuSb0aDvsn iTunes: 115269 Last fm: hole Musicbrainz: 1dcc8968-f2cd-441c-beda-6270f70f2863 Songkick: 522000 Discogs: 105728 Allmusic: mn0000680476 Deezer: 477 Genius: Hole Editar o valor em Wikidata

Hole foi unha banda de rock alternativo estadounidense liderada por Courtney Love (a viúva do líder de Nirvana, Kurt Cobain), formada nos Ánxeles por Love e o guitarrista Eric Erlandson en 1989. O grupo desfíxose no ano 2002, pero en 2009 Love reformou a banda sen ningún dos membros anteriores, editando no 2010 o seu último álbum ata a data, Nobody's Daughter. En 2012 Hole volvería a disolverse e Love actúa dende entón como artista en solitario.

Historia[editar | editar a fonte]

Hole formouna nos Ánxeles Courtney Love, que decidiu formar a súa propia banda despois de estar por pouco tempo noutras bandas como Faith No More e Sugar Doll (ao lado de Kat Bjelland, que formaría Babes in Toyland). Courntey puxo un anuncio nos clasificados do xornal de música Flipside and The Recycler dos Ánxeles, que dicía sinxelamente: "Quero formar unha banda. As miñas influencias son Big Black, Sonic Youth e Fleetwood Mac".[1]

Courtney estaba impaciente, e mentres agardaba respostas ao seu anuncio, ela mercou o baixo da súa veciña Lisa e as dúas comezaron a practicar xuntas. A primeira persoa en responder ao anuncio foi Eric Erlandson, guitarrista de 27 anos que traballaba na Capitol Records.

Lisa saíu da banda e máis tarde foi substituída por Jill Emery no baixo. Eles finalmente atoparon unha batería, Caroline Rue e a partir de entón pasaron a ensaiar con percusión. O único que faltaba era un nome para a banda.

Nun principio, Courtney tivo a idea de chamar á súa banda Sweet Baby Crystal Powered By God, pero desistiu xa que o nome Hole veu á súa cabeza.

O acabado de nacer Hole fixo o seu primeiro concerto en Hollywood, e posteriormente comezou a tocar en bares e clubs nos Ánxeles. O primeiro sinxelo independente foi Retard Girl, lanzado en marzo de 1990 e non pasou moito para que a banda asinase un contrato co selo independente Caroline Records.

Despois do lanzamento do seu primeiro sinxelo, Hole fixo unha pequena xira polos Estados Unidos, tocando en bares e pequenos clubs, antes de volver ao estudio para gravar o seu primeiro álbum. Pretty on the Inside foi lanzado en setembro de 1991, co seu son punk pouco convencional e moi barullento.

Pretty on the Inside[editar | editar a fonte]

O álbum recibiu críticas moi positivas nos Estados Unidos, e o tema "Teenage Whore" foi escollido sinxelo da semana pola revista Spin. Pretty on the Inside tamén estivo presente na lista dos 20 mellores álbums da influente revista británica Melody Maker e "Teenage Whore" entrou no top 20 da lista de sinxelos inglesa.

En outubro de 1991 Courtney iniciou a súa polémica relación con Kurt Cobain, e en novembro Hole iniciou unha xira por Europa. Nesa época Courtney comezou a escribir letras para ser usadas no segundo álbum da banda. Nese tempo a banda múdase a Seattle.

Despois de casar con Kurt, en febreiro de 1992, Courtney volveu a concentrarse na súa banda e a escribir máis letras. Emery e Caroline deciden deixar Hole e son substituídas por Patty Schemel na batería e, por un curto período, Leslie Hardy no baixo, que só estivo nuns poucos concertos. Eles chegaron a convidar á baixista Kristen Pfaff que na época non estaba disposta a deixar a súa banda, Janitor Joe.

Hole chamou a atención de moitas discográficas grandes e acabaron asinando coa Geffen. Nesa época, a revista Vanity Fair escribiu un escandaloso artigo, literalmente culpando a Courtney do uso de heroína por parte de Kurt Cobain, e de que ela a consumise estando embarazada, algo que Courntey e o propio Kurt negaron. A filla de ambos, Frances Bean Cobain naceu o 8 de agosto de 1992 coa saúde perfecta. O xulgado de menores dos Ánxeles quitoulles a custodia da nena, para despois recuperala en setembro do mesmo ano. Ese incidente xerou a letra "Who took my baby? .. It's not yours... FUCK YOU!" que aparecerá no seguinte álbum de Hole.

En marzo de 1993, Hole tocou nun festival especial en Londres, só para mulleres. Nese momento a banda estaba lista para retornar ao estudio para gravar o seu segundo álbum, e novamente convidaron a Kristen Pfaff para integrar a banda e, desa vez, ela aceptou a invitación. As gravacións comezaron en xullo, na cidade de Atlanta.

Os meses entre as gravacións de Live Through This e o seu lanzamento foron extremadamente difíciles para Courtney. Kurt Cobain estaba sumido nunha fonda depresión, o seu problema de estómago deixábao aínda máis debilitado, ao mesmo tempo no que a súa adicción á heroína era cada vez máis serio. Á parte diso, el mercara varias armas de fogo.

A principios de febreiro de 1994, o álbum oportunamente titulado Live Through This estaba finalizado e con data de lanzamento prevista para abril. Antes do seu lanzamento, o álbum foi aclamado polos críticos das revistas Spin e Rolling Stone, que recibiran copias promocionais. Nese intre, Kurt Cobain estaba en Roma, de xira con Nirvana e Courtney estaba alí acompañándoo. Kurt tivo unha sobredose de champaña mesturado con tranquilizantes e durante o traxecto da ambulancia, Courtney agrediu a un paparazzi.

De volta a Seattle, o estado de saúde de Kurt continuaba deteriorándose e o 8 de abril de 1994 foi atopado morto dun disparo na cabeza no sotano da súa casa en Seattle. Dúas semanas despois Live Through This foi lanzado.

Live Through This[editar | editar a fonte]

Live Through This recibiu críticas positivas de revistas musicais de todo o mundo, pero a xira que a banda tiña preparada polos Estados Unidos foi cancelada. O 13 de xuño Hole reuniuse para decidir que facer. Os integrantes deciden non acabar coa banda, pero acordan tomarse un tempo. Kristen Pfaff volveu a Minneapolis (Minnesota) para tocar coa súa antiga banda e morreu o día 15 de xuño de 1994 por sobredose de heroína, sendo atopada por Eric Erlandson no día seguinte.

Despois da morte de Kristen, Courtney, Eric e Patty deciden buscar unha nova baixista e acaban decidíndose por Melissa Auf der Maur, unha canadense que tocaba nunha banda chamada Tinker. Melissa foi recomendada por Billy Corgan de The Smashing Pumpkins.

Hole retomou a súa carreira en agosto, tocando no Reading Festival en Inglaterra. En setembro, a banda tocou de abreconcertos nalgúns concertos de Nine Inch Nails, que estaba na xira do álbum Downward Spiral.

A finais de 1994, a banda participa na banda sonora da película Tank Girl, que incluía cancións de Veruca Salt e de Björk. Hole contrubuíu co tema "Drown Soda", gravada en directo na radio BBC. En xaneiro de 1995, a banda viaxou a Australia para tocar no festival Big Day Out.

Aínda en 1995, Courtney participou nalgunhas películas, incluíndo pequenos papeis en Felling Minnesota e Basquiat. No mesmo ano, Hole fixo unha pequena xira por Europa e participou no festival Lollaplooza. Durante este festival, Courtney agrediu a Kathleen Hanna, da banda Bikini Kill, que fixera comentarios sobre Frances. Courtney conseguiu un novo papel na película The People Vs. Larry Flynt, desta vez era un papel importante como Althea Flynt, esposa de Larry Flynt, da revista Hustler. En setembro, a antiga discográfica de Hole, Caroline Records, lanzou un EP chamado Ask For It que contiña cancións antigas e presentacións na BBC. No mesmo mes, a banda tocou "Violet" no MTV Video Music Awards. Nesa época o álbum Live Through This chega a un millón de copias vendidas nos Estados Unidos.

A banda pasou un tempo en Nova Orleáns en decembro de 1995 para comezar a compoñer material para o seu terceiro álbum e deixou a cidade pouco antes do Nadal. The People Vs. Larry Flynt estreouse en 1996 e Courtney foi aclamada pola crítica pola súa actuación, gañando un Globo de Ouro.

Celebrity Skin[editar | editar a fonte]

En 1996 a banda gravou e publicou unha versión do tema de Fleetwood Mac "Gold Dust Woman" para a banda sonora da película The Crow: City of Angels (1996),[2] sendo a primeira canción de estudio en contar con Melissa Auf der Maur no baixo.

En 1997 a banda reuniuse con Billy Corgan para compoñer material para o seu terceiro álbum, Celebrity Skin. Mentres o novo álbum non era lanzado, Caroline Records lanzou un novo recompilatorio de caras-b e rarezas, My Body The Hand Grenade. En 1998, Courtney participou nunha nova película, 200 Cigarettes, e o lanzamento de Celebrity Skin acabou atrasándose varias veces, sendo editado en setembro. O son do álbum é máis virado ao pop, un pouco máis traballado en oposición ás melodías furiosas e crúas de Live Through This. O lanzamento do álbum estivo cheo de controversias ao estar o nome da batería Patty Schemel nos créditos do álbum, pero ausente nas fotos promocionais, nas entrevistas e nos vídeos de "Celebrity Skin" e "Malibu". Algúns meses máis tarde foi confirmado que Patty Schemel oficialmente estaba fóra da banda, aínda que as razóns nunca foron especificadas.

Hole fixo unha xira por Australia e Nova Zelandia en 1999, contando cunha nova batería, Samantha Maloney, e participou do festival Big Day Out. En febreiro a banda inicia unha nova xira polos Estados Unidos ao lado de Marylin Manson, pero acaba saíndose da xira meses despois, alegando "diferenzas de produción".

A finais de 1999, Courtney Love participou na película Man On The Moon ao lado de Jim Carrey e a banda anunciou que xa estaba comezando a compoñer material para o novo álbum, sen a presenza da baixista Melissa Auf der Maur, que deixou a banda para ingresar en The Smashing Pumpkins.

Pero o futuro de Hole tornouse incerto un ano despois cando, descontenta co trato recibido pola Geffen despois da súa fusión coa Universal, Courtney Love decidiu abandonar a discográfica. O resultado foi unha batalla xurídica que dura ata hoxe, debido a que Hole tiña un contrato coa Geffen para lanzar cinco álbums. O argumento de Courtney era que unha lei do Estado de California garante a calquera traballador o dereito de romper un contrato despois dun prazo de sete anos (Hole asinara coa Geffen en 1992).

Mentres non se ditase sentenza, Courtney Love e Eric Erlandson estaban impedidos de lanzar calquera material novo baixo o nome de Hole. A partir de aí, Courtney partiu cara a unha cruzada polos dereitos dos artistas, organizando conferencias e defendendo a idea en discursos e entrevistas. Hole tamén puxo varios MP3s de material raro gratuitamente na súa páxina web.

Coa imposibilidade de seguir adiante con Hole, Courtney comezou a traballar noutros proxectos. En 2001 anunciou a formación dunha nova banda de punk rock, Bastard. Segundo Courtney, o son de Bastard sería unha mestura entre Led Zeppelin e AC/DC. Definida a formación, Louise Post (Veruca Salt) na guitarra, a ex-baixista de Rockit Girl Gina Crosley e Patty Schemel (vella compañeira de Courtney en Hole) na batería, a banda comezou a ensaiar para un futuro álbum que sería lanzado pola Epitaph. En apenas algúns ensaios Bastard disolveuse. Discusións internas levaron a Louise Post e Gina Crosley a desistir do proxecto.

Reunión[editar | editar a fonte]

Love e Micko Larkin en 2010.

O 17 de xuño do 2009 a revista NME editou unhas entrevistas con Courtney Love anunciando a reunión de Hole. Principalmente o artigo centrábase no próximo traballo en solitario de Love, Nobody's Daughter, aínda que reivindicaba que esa música só podía saír cun nome, co de Hole. Finalmente Love reformou a banda sen ningún dos membros anteriores, que foron substituídos por Micko Larkin na guitarra, Stu Fisher na batería e Shawn Dailey no baixo.

Hole lanzou unha nova páxina web e perfís en varias redes sociais o 1 de xaneiro de 2010, e actuou no programa Friday Night with Jonathan Ross no mes de febreiro. O 17 de febreiro tocou no O2 Shepherds Bush Empire, con Little Fish como abreconcertos. O 16 de marzo publicouse o primeiro sinxelo de Hole en 10 anos, titulado "Skinny Little Bitch"; que chegou ao número 29 na lista Billboard Rock Chart e ao 21 da Alternative Singleschart.[3]

Nobody's Daughter foi editado o 26 de abril de 2010 a través do selo Mercury Records, e foi recibido moderadamente ben polos críticos musicais.[4] Rolling Stone deulle ao álbum tres estrelas de cinco, pero destacou "[mentres que Love] foi unha absoluta monstro das voces nos anos 90, a mellorépoca para os cantantes de rock ... ela non ten xa esa ptencia nos sus pulmóns, apenas un rastro. Pero polo menos o recorda, e iso xa significa algo". A revista tamén se refería ao álbum como "non un verdadeiro éxito", pero un "esforzo noble".[5] A voz de Love, que se volvera notablementemáis rasposa (debido a anos de cantar berrando, o abuso das drogas e ao tabaco) comparouse coa de Bob Dylan.[6] NME puntou ao disco cun 6 sobre 10, e Robert Christgau calificouno como un "A-".[7] Para promocionar o lanzamento Hole xirou extensamente entre 2010 e 2012, tocando en América do Norte e Europa,[8] ademais de tocar en Rusia[9] e o Brasil.[10]

O 28 de marzo de 2011 Love, Erlandson, Patty Schemel e Auf der Maur apareceron na proxección en Nova York do documental de Schemel Hit So Hard: The Life and Near-Death Story of Patty Schemel no Museo de Arte Moderna.[11] Foi a primeira vez en trece anos na que os catro membros aparecían xuntos en público. Schemel expresara o seu desexo de gravar con Love, Erlandson e Auf der Maur dicindo "non se discutiu nada, pero teño un presentimento".[11] Tras a proxección os catro estiveron nunha sesión de preguntas e respostas onde Love dixo: "Para min, así como adoro tocar con Patty e gustaríame tocar con ela agora mesmo, e con todos no escenario: se non avanza, non quero facelo. Esa é a miña posición. Hai rumores, sempre hai rumores. Pero só se non é miserable e vai cara adiante e estou contenta con iso".[12]

En maio de 2011 filmouse un vídeo musical para "Samantha" en Istanbul, aínda que non se lanzou oficialmente.[13] No mes de setemmbro dese ano Scott Lipps uniuse á banda, substituíndo ao batería Stu Fisher. En abril de 2012, Love, Erlandson, Auf der Maur e Schemel reuníronse no Public Assembly de Nova York para tocar dúas cancións, "Miss World" e "Over the Edge" de Wipers, nunha festa polo documental Hit So Hard.[14] A actuación marzou a primeira vez que os catro membros tocaban xuntos dende 1998.[15]

O 29 de decembro de 2012 Love realizou un concerto acústico en solitario en Nova York, e en xaneiro de 2013 actuou no Festival de Cinema de Sundance baixo o seu propio nome.[16] Love reservou actuacións por América do Norte como artista en solitario, con Larkin, o baixista Shawn Dailey, e Lipps como banda de apoio.[17]

Membros[editar | editar a fonte]

Discografía[editar | editar a fonte]

Álbums[editar | editar a fonte]

Álbum Ano Selo Observacións
Pretty on the Inside 1991 Caroline
Live Through This 1994 Geffen
My Body, the Hand Grenade 1997 Caroline Recompilatorio
Celebrity Skin 1998 Geffen
Nobody's Daughter 2010 Universal

EPs[editar | editar a fonte]

Álbum Ano Selo
Ask for It 1995 Caroline Records
The First Session 1997 Sympathy for the Record Industry
Awful: Australian Tour EP 1999 Geffen Records

Sinxelos[editar | editar a fonte]

  • "Retard Girl" - 1990
  • "Dicknail" - 1991
  • "Teenage Whore" - 1991
  • "Beautiful Son" - 1993
  • "Miss World" - 1994
  • "Doll Parts" - 1995
  • "Violet" - 1995
  • "Softer, Softest" - 1995
  • "Gold Dust Woman" - 1996
  • "Celebrity Skin" - 1998
  • "Malibu" - 1998
  • "Awful" - 1999
  • "Be a Man" - 2000

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Brite 1988, p. 100
  2. Thompson 2000, p. 418
  3. Inc, Nielsen Business Media (2010-04-03). Billboard (en inglés). Nielsen Business Media, Inc. 
  4. "Album review: Hole's 'Nobody's Daughter'". LA Times Blogs - Pop & Hiss (en inglés). 2010-04-27. Consultado o 2019-12-29. 
  5. "Nobody's Daughter by Hole | Rolling Stone Music | Music Reviews". web.archive.org. 2010-07-04. Arquivado dende o orixinal o 04 de xullo de 2010. Consultado o 2019-12-29. 
  6. "Hole: Nobody's Daughter". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2019-12-29. 
  7. "Robert Christgau: CG: Hole". www.robertchristgau.com. Consultado o 2019-12-29. 
  8. "Courtney Love: Fixing A Hole". Billboard. Consultado o 2019-12-29. 
  9. Earle, Jonathan (2011-07-21). "Courtney Love Goes for a Picnic". The Moscow Times (en inglés). Consultado o 2019-12-29. 
  10. Report, Post Staff (2011-11-14). "Courtney Love storms off Brazilian stage over Kurt Cobain photo". New York Post (en inglés). Consultado o 2019-12-29. 
  11. 11,0 11,1 "Hole Reunites For Drummer Patty Schemel's Documentary Premiere". Billboard. Consultado o 2019-12-29. 
  12. Love, Courtney. Extractos dunha sesión de respostas e preguntas na proxección de Hit So Hard: The Life and Near Death Story of Patty Schemel no Museum of Modern Art en Nova York. 28 de marzo de 2011.
  13. "New Video: Hole, 'Samantha'". web.archive.org. 2013-10-15. Archived from the original on 15 de outubro de 2013. Consultado o 2019-12-29. 
  14. "So, The Mid-'90s Lineup Of Hole (Including Courtney Love) Reunited At Public Assembly Last Night - New York - Music - Sound of the City". web.archive.org. 2012-12-22. Archived from the original on 22 de decembro de 2012. Consultado o 2019-12-29. 
  15. Grow, Kory; Grow, Kory (2014-04-02). "Courtney Love to Reunite Hole Again, Plans New Single". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2019-12-29. 
  16. News, A. B. C. "In a Cloud of Crazy, Courtney Love Rocks On". ABC News (en inglés). Consultado o 2019-12-29. 
  17. "Courtney Love puts ad on Craigslist for new bassist – and gets just one response | News | NME.COM". web.archive.org. 2013-11-06. Archived from the original on 06 de novembro de 2013. Consultado o 2019-12-29. 

Bibliografía[editar | editar a fonte]