Franz Schubert

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Schubert")
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Franz Schubert
Franz Schubert.jpg
Nome completo Franz Peter Schubert
Data de nacemento 31 de xaneiro de 1797
Lugar de nacemento Himmelpfortgrund, Viena
Banner of the Holy Roman Emperor (after 1400).svg Sacro Imperio Romano Xermánico
Data de falecemento 19 de novembro de 1828
Lugar de falecemento Alsergrund, Viena
Flag of the Habsburg Monarchy.svg Imperio Austríaco
Sinatura Franz Schubert Signature.svg

Franz Peter Schubert, nado en Viena o 31 de xaneiro de 1797 e finado na mesma cidade o 19 de novembro de 1828, foi un compositor austríaco, un dos continuadores do romanticismo musical iniciado por Beethoven. Gran compositor tanto de lieder (breves composicións para voz e piano) como de música de cámara e mesmo orquestal.

Biografía[editar | editar a fonte]

Foi un dos principais músicos austríacos de comezos do século XIX. Foi o único nado na que era capital musical de Europa nos séculos XVIII e XIX: Viena. Viviu apenas 31 anos, tempo suficiente para crear unha obra musical notable pola súa gran beleza e inspiración. O seu talento creceu á sombra de Beethoven, ó que admiraba, finando ó ano seguinte da morte do seu ídolo. A súa existencia foi opaca. Só despois de morto o seu arte comezou a ser recoñecido e a conquistar a admiración da crítica e o público.

Infancia[editar | editar a fonte]

Fillo dunha familia de persoas moi humildes, era o duodécimo de catorce fillos. Residía no barrio de Liechtental de Viena, onde o seu pai exercía de mestre de escola.

Con once anos entrou como cantor na capela imperial, conseguindo unha bolsa que lle permitiu estudar gratuitamente na escola municipal de Stadkonvikt. Alí foi alumno de Antonio Salieri, e grazas á orquestra da escola, para a que escribiu as súas primeiras sinfonías, familiarizouse coa obra de Franz Joseph Haydn e Beethoven.

Mocidade[editar | editar a fonte]

Con 14 anos crea os seus primeiros lieder e antes de cumprir os 18 xa creara unha das súas obras mestras, Gretchen am Spinnrade, o primeiro dos moitos lieder inspirados en poemas de Johann Wolfgang von Goethe. Con dezanove anos xa escribira máis de 250 lieder.

Malia as súas dotes musicais, o seu pai pretendía que Franz se dedicase á súa mesma profesión e exercese de mestre. Isto motivou o enfrontamento entre ambos e o abandono de Franz da casa paterna.

Madurez[editar | editar a fonte]

Fóra do fogar de nacemento e decidido a gañarse a vida coa música, Franz Schubert refuxiouse na casa do seu amigo Franz von Schober. Este foi o inicio dunha longa peregrinación, xa que nunca conseguiu manterse só coas súas composicións, sobrevivindo coa xenerosidade dos seus numerosos amigos, que o foron acollendo sucesivamente nas súas respectivas casas. Schubert nunca mantivo unha relación de parella duradeira e non tivo fillos. Pero adscribiuse a un círculo íntimo de amigos que lle brindou moitas satisfaccións persoais, ademais de constituír un público fiel e sensible ó seu arte.

Schubert non conseguiu estrear ou publicar ningunha das súas obras operísticas ou orquestrais. Simplemente se interpretaron algunhas composicións vocais ou pianísticas nas célebres schubertiadas.

Nestes anos Schubert contraeu a sífilis. Habitualmente pasou apuros económicos. Volveuse inseparable dos seus lentes, que conformaron parte indisoluble da súa aparencia, acentuando a súa fisionomía tímida.

As schubertiadas[editar | editar a fonte]

En Viena Schubert levou unha vida bohemia rodeado de intelectuais, amante das tabernas e dos ambientes populares, afastado dos salóns e da etiqueta da nobreza. Deste entorno procede o famoso termo de schubertiadas: reunións de artistas de tódolos ámbitos que formaban un círculo brillante e animado dedicado á música e á lectura.

Últimos anos[editar | editar a fonte]

Durante os seus últimos anos escribiu pezas maxistrais, froito e reflexo das súas experiencias persoais e sempre co selo inconfundible dunha inesgotable inspiración melódica. Por exemplo, unha tensa profundidade marca a Wanderer-Fantasie, D. 760, para piano (1822) e o ciclo de lieder Die schöne Müllerin (1823), inspirados en poemas de Wilhelm Müller. En 1824 escribiu A morte e a doncela, un dos seus cuartetos máis coñecidos, e xa cara a fin da súa vida a intensa dor e aillamento deixaron a súa pegada no Winterreise, D.911 Op.89 (1827), tamén con textos de Müller.

En 1827, ademais do ciclo de lieder Winterreise compuxo a Fantasía para piano e violín en Do (D.934), e os dous tríos para piano (nº 1 en si bemol, D. 898; nº 2 en mi bemol, D. 929). En 1828 compuxo unha colección de obras publicadas postumamente co nome de Schwanengesang (D.957), que sen ser un verdadeiro ciclo de obras, mantén unidade de estilo entre as distintas pezas, entre a profunda traxedia e o morbidamente sobrenatural. Seis destas pezas son sobre versos de Heinrich Heine, que ese mesmo outono publicou Buch der Lieder.

Daquela Schubert tiña só 31 anos e acababa de matricularse para estudar fuga. Pero a sífilis complicouse finalmente cunha febre tifoidea, que o levou á morte o 19 de novembro de 1828.

Obra musical[editar | editar a fonte]

As súas primeiras obras instrumentais, aínda que seguen os patróns de Wolfgang Amadeus Mozart e Joseph Haydn, son consideradas románticas polas novas sonoridades e a riqueza harmónica e melódica. Nas primeiras sonatas intentou conseguir un estilo propio, ó fuxir da influencia de Beethoven. Aínda que na súa estrutura as sinfonías e as sonatas toman a forma clásica, no seu desenvolvemento non recollen a tensión dramática que caracteriza a sonata tradicional, senón que as harmonías evocadoras e a amplitude da melodía adquiren o papel principal.
Os grandes temas da música schubertiana son o amor, a viaxe e a morte, temas tipicamente románticos. A súa produción foi clasificada polo crítico e musicólogo Deutsch, por iso as súas obras adoitan estar acompañadas pola letra D. e un número, que asigna a orde cronolóxica de composición.

Schubert é un dos grandes creadores de melodías; nisto está á altura de Mozart. Levoulle tempo chegar a dominar a composición orquestral. Cando chegou ó cumio neste aspecto foi coa súa Novena Sinfonía. Podíanse esperar máis obras mestras, pero a morte prematura impediuno. En cambio, Schubert amosou un talento innato e unha rara mestría para a música de cámara e certos xéneros considerados inxustamente "menores": o lied e a pequena peza para piano. A súa produción total bordea o millar de pezas. Unha bela melancolía está presente en gran parte da súa obra. Unha das características do compositor vienés é certa inconstancia que o levou a deixar sen concluír moitas composicións maiores.

  • Sinfonías (Nove). A primeira (D. 82), en re maior, dedicada a Franz I. Lang, elector da escola onde estudou Schubert. A segunda (D. 125), tamén dedicada a Lang. A terceira (D. 200), a máis breve de todas polo seu ritmo enérxico. A cuarta (D. 417) coñécese como Tráxica'. A quinta (D. 485) é unha breve composición de gran beleza e fermosos temas. A sexta (D. 589), en do maior, coñécese como "A Pequena". A sétima (D. 721), quedou moi avanzada pero sen concluír, ó igual que a oitava (D. 759) (chamada precisamente Incompleta ou Inconclusa), ten apenas dous movementos, suficientes para ser recoñecida como unha obra mestra do xénero sinfónico. A Sinfonía Nº 9 (D. 944), tamén en do, chamada "A Grande", é o cumio do repertorio orquestral de Schubert. É unha sinfonía moi admirada entre os románticos, como Schumann ou Mendelssohn.
  • Oberturas: Rosamunda e outros segmentos de música escénica e proxectos inacabados.
  • Música de cámara: Schubert conta con máis dunha obra mestra neste campo extenso da súa produción. Entre os cuartetos, amosa o influxo clásico e, sobre todo, beethoveniano; destaca o cuarteto coñecido como A morte e a doncela por estar baseado no lied homónimo; tríos para piano, sonatas para violín e piano, o xenial Quinteto para cordas en do caso case único de quinteto escrito para dous violoncellos), ou o quinteto "A Troita",.
  • Música vocal: Schubert non triunfou como operista; en contrapartida, deixou máis de 600 lieder compostos en gran parte sobre poemas de Goethe, Schiller, Muller e outros autores menores. Schubert admiraba a obra de Goethe e lle adicou algunhas das súas composicións, pero o autor de Fausto nin sequera se dignou contestar. O máis famoso lied de Schubert é o Ave María, habitual nos servizos relixiosos. Outra das súas composicións célebres é Der Erlkönig, tamén sobre un texto de Goethe. Son moi destacables os tres ciclos de cancións A bela muiñeira, Viaxe de inverno e O canto do cisne. Nas súas cancións o texto e a música encóntranse perfectamente equilibradas nunha harmonía tanto intelectual como emocional. Aínda que escribiu cancións estróficas, non se limitou a uns patróns preestablecidos, senón que deu con novas e imaxinativas formas de adecuar a música ós textos. Nos últimos anos fixéronse varias excelentes gravacións dos ciclos de cancións do gran compositor vienés.
  • Piano: sonatas, algunhas inacabadas; os célebres "momentos musicais", bagatelas, temas con variacións e impromptus, pezas con certo aire de improvisación e que tamén están entre o mellor do seu repertorio.

Actualmente Franz Schubert é considerado un dos compositores máis importantes da Historia da Música. A súa produción está á altura da de Brahms e Tchaikovsky. Certamente a súa música é popular: moitos dos seus lieder aínda son cantados nas zonas rurais de Austria e Alemaña como auténtica música popular. O Ave María é mundialmente famoso, así como algúns temas das súas sinfonías quinta, oitava e novena. No campo camerístico é un mestre absoluto e no campo da canción é inigualable.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Franz Schubert