Luís Castedo Expósito

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaLuís Castedo Expósito
Biografía
Nacemento4 de decembro de 1938 Editar o valor em Wikidata (85 anos)
Mazorgán, España Editar o valor em Wikidata
Cargos
Profesor agregado, e despois catedrático de Química Orgánica e Biolóxica da Universidade de Bilbao, catedrático de Química Orgánica e Bioquímica da Universidade de Santiago
Datos persoais
País de nacionalidadeEspañola
EducaciónUniversidade de Santiago de Compostela Editar o valor em Wikidata
Actividade
OcupaciónQuímico, catedrático de universidade
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeMinia Ribas Barceló
FillosLuís, Ignacio, Catalina e Elena
Premios
Véxase Premios e distincións

Luís Castedo Expósito, nado en Mazorgán,[Cómpre referencia] parroquia de Céltigos (Ortigueira) o 4 de decembro de 1938,[1] é un químico galego que foi catedrático de Química Orgánica da Universidade de Santiago e, despois da súa xubilación, catedrático emérito, así como Director xeral de Ordenación Universitaria e Política Científica da Xunta de Galicia.

É pai do catedrático da universidade da Coruña Luís Castedo Ribas.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Formación[editar | editar a fonte]

Ao rematar os estudos primarios, seus pais, o ferrolán Manuel Castedo Vilela e a luguesa de Castro de Rei Elena Expósito Sordo, que foi mestra durante 30 anos en Cétigos, enviárono á Coruña onde cursou o bacharelato e, por influencia materna, tamén a carreira de Maxisterio. Coa súa formación profesional concluída, a Luís advertíronlle que aínda era demasiado mozo para poder opositar. Isto levou ao xove mestre a trasladarse a Santiago de Compostela para estudar unha segunda carreira, que foi a de Químicas; a súa elección debeuse, como el mesmo confesou anos máis tarde, a que «lle gustaban as ciencias, e esta era a única carreira científica que había en Galicia».[2]

Así licenciouse en Ciencias Químicas, en 1962, con premio extraordinario, na Universidade de Santiago de Compostela,[2] onde tamén se doutorou, en 1965, así mesmo alcanzando o premio extraordinario, cunha tese dirixida polo profesor Ribas Marqués,[2] titulada "Contribución a la estructura de la retamina: síntesis, configuración absoluta y conformación".[3] Posteriormente, e con bolsas de estudo do Ministerio de Educación e da Fundación Juan March, iniciou unha etapa investigadora traballando durante tres anos na Universidade de Cambridge investigando no prestixioso departamento de Química dirixido polo Premio Nobel de Química Lord Todd.[4] Alí desenvolveu un proxecto de investigación enmarcado na síntese total de alcaloides indólicos baixo a supervisión do eminente investigador John Harley-Mason. Finalizada a súa etapa posdoutoral, regresa á USC como profesor Adxunto en 1970 e, en 1972 obtén a praza de profesor Agregado e, despois, de catedrático de Química Orgánica e Biolóxica da Universidade do País Vasco (daquela denominada Universidade de Bilbao), onde desenvolveu importantes traballos até o seu regreso á academia santiaguesa,[5] en 1975, para cubrir a cátedra vacante de Química Orgánica da facultade de Química,[2] universidade na que hoxe é profesor emérito.[6]

Investigación[editar | editar a fonte]

O profesor Castedo iniciou a súa carreira científica na prestixiosa Escola Compostelá de Produtos Naturais creada polo profesor Ignacio Ribas levando a cabo, en primeiro lugar, estudos de illamento e elucidación estrutural de alcaloides, substancias nitroxenadas que sintetizan as plantas a partir de aminoácidos e que na súa maioría posúen unha acción fisiolóxica intensa nos animais, polo que son moi utilizados en medicina para tratar problemas da mente, calmar a dor e contra o cancro (exemplos serían a cocaína, a morfina, a quinina ou a nicotina).[6]

O grupo de investigación que creou Castedo converteuse nun dos máis dinámicos da USC, con 75 teses de doutoramento dirixidas ou codirixidas e máis de 500 publicacións nas revistas científicas máis prestixiosas do mundo.[2] [4]

Os estudos fitoquímicos do profesor Castedo leváronse a cabo principalmente en plantas da flora de Galicia coa finalidade de aproveitar e potenciar estes importantes recursos naturais. Como consecuencia das investigacións illouse un gran número de novos alcaloides bautizados en gran parte con nomes galegos. Así xurdiron os novos alcaloides arosina, arosinina, luguina, celtina, celtisina, breoganina, oxocompostelina, noiaína e viguina (como el mesmo recoñeceu, «esta foi a súa peculiar forma de dar a coñecer Galicia no ámbito científico fóra das nosas fronteiras»),[2] así como catalina, ribasina e ribasidina.[7]

Dado que moitos destes novos alcaloides se achaban en moi pequena cantidade nas plantas, outra das liñas de investigación do grupo do profesor Castedo dirixiuse ao desenvolvemento de novos métodos de síntese para obter os novos produtos naturais en cantidade suficiente para poder determinar a súa actividade biolóxica.[6]

A filosofía de traballo do profesor Castedo, un dos máximos responsábeis do progreso da Química Orgánica española nas últimas décadas, influíu de xeito decisivo en varias xeracións de químicos españois e "ten sido crucial" para a formación dun gran número de profesores e investigadores de recoñecido prestixio internacional. A actividade investigadora do profesor Castedo centrouse na síntese de produtos naturais, moitos deles con actividade biolóxica probada (por exemplo, metabólitos da vitamina D), no estudo de reaccións de ciclopolimerización de arinos e metátese de dieninos e na síntese e ensamblaxe de péptidos cíclicos e, finalmente, ao deseño de péptidos para o recoñecemento do xenoma e de nanotubos peptídicos, así como o desenvolvemento de estratexias sintéticas para a síntese de compostos antitumorais, herbicidas, carboazucres inhibidores de glicosidases e antibióticos.[5]

O doutor Castedo foi profesor visitante na Universidade de California e no Scripps Research Institute (USA).[1]

Cargos académicos[editar | editar a fonte]

Castedo ocupou os cargos de:[2]

  • Director do Departamento de Química da Universidade de Bilbao.
  • Director do Departamento de Química Orgánica da USC.
  • Director do Colexio Universitario de Ourense.
  • Decano da Facultade de Química da USC.

Así mesmo, foi presidente do Grupo de Química Orgánica da Real Sociedad Española de Química.[2]

Na política[editar | editar a fonte]

O prestixio e as capacidades de Castedo non quedaron confinadas ao ámbito científico, senón que tamén foron apreciados por persoas alleas, no ámbito da política. Castedo foi requirido pola conselleira de Educación, María Xesús Sáinz, para facerse cargo da Dirección Xeral de Ordenación Universitaria e Política Científica da Xunta de Galicia, posto no que sería ratificado polos seus sucesores Xavier Suárez Vence e Aniceto Núñez García.[2]

Un feito trascendental do seu período na Xunta de Galicia foi a transferencia das competencias universitarias do Estado á Comunidade Autónoma, relevante acontecemento que se prodciu durante a presidencia de Gerardo Fernández Albor, e con Carlos Pajares como reitor da USC. Esta nova facultade posibilitaría que durante o seguinte goberno da Xunta, presidido por Fernando González Laxe, se puidera tramitar unha Lei universitaria propia,[2] que sería coñecida polo acrónimo LOSUGA (Lei de Ordenación do Sistema Universitario de Galicia),[8] e na que Luís Castedo tería un papel moi relevante. Entre as consecuencias máis sobresalientes xurdidas do novo marco legal estivo o proceso de implantación das universidades de Vigo e A Coruña,[5] e con elas de varios campus en toda Galicia, que permitiron acercar a ensinanza superior a un grupo moi importante de mozos. De fecito, até o momento en que se crearon as novas universidades, a poboación universitaria do campus compostelán oscilaba entre os 35 000 e os 40 000 estudantes, unha cifra que a partir de entón se vería amplamente superada até case alcanzar os cen mil alumnos.[2]

Algunhas publicacións[editar | editar a fonte]

Artigos en revistas[editar | editar a fonte]

O profesor Castedo publicou, entre outros, os seguintes artigos en revistas científicas:[9]

  • "Contribución a la estructura de la retamina: síntesis, configuración absoluta y conformación", en Nova Acta Científica Compostelana. Bioloxía, ISSN 1130-9717, Nº 2, 1967, páxs. 65-86.
  • "Algunos aspectos en la espectroscopia I.R. de alcaloides quinolizidínicos y derivados: asociación con disolventes acídicos (alcaloides de papilionáceas LX), con Ignacio Ribas Marqués e Ricardo Riguera Vega, en Nova Acta Científica Compostelana. Bioloxía, ISSN 1130-9717, Nº 1, 1974, páxs. 23-28.
  • "Ácidos, ésteres e hidrocarburos en algas de las costas de Galicia", con Ricardo Riguera Vega, José María Quintela López e Ramón Villalta, en Nova Acta Científica Compostelana. Bioloxía, ISSN 1130-9717, Nº 1-2, 1984, páxs. 13-26.
  • "Ruthenium-Catalyzed [3+2] Intramolecular Cycloaddition of AIk-5-ynylidenecyclopropanes Promoted by the 'First-Generation' Grubbs Carbene Complex", con Fernando Lopez, Alejandro Delgado, José.L Mascareñas Cid e J. Ramón Rodriguez, en Journal of the American Chemical Society, ISSN 0002-7863, Vol. 126, Nº 33, 2004, páxs. 10262-10263.

Teses dirixidas ou codirixidas[editar | editar a fonte]

O doutor Castedo expósito dirixiu ou codirixiu numerosas teses de doutoramento,[3]

Premios e distincións[editar | editar a fonte]

Vida familiar[editar | editar a fonte]

Luís Castedo casou con Minia Ribas Barceló, filla do seu mestre o profesor Ribas Marqués. O matrimonio tivo catro fillos: Luís, nacido en 1966 en Santiago de Compostela, enxeñeiro de telecomunicacións e na actualidade catedrático na Facultade de Informática da Coruña; Ignacio, nacido en Cambridge e que estudou Arquitectura na Universidade da Coruña, traballando na actualidade como arquitecto en Londres; Catalina, que naceu en Santiago de Compostela, onde cursou Ciencias Empresariais e Administración de Empresas (ADE) e, tras pasar varios anos en distintas compañías de Irlanda e os Países Baixos, acabou trasladándose a Madrid, onde traballa na empresa de bebidas Diageo, e Elena, que naceu en Getxo (Biscaia), formándose na facultade de Odontoloxía da USC, onde se especializou en ortodoncia, e actualmente desempeña a súa profesión na súa clínica de Santiago de Compostela.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Castedo Expósito, Luis" en VV.AA. (2002): Gallegos. Quién es quien en la Galicia del siglo XXI. Santiago de Compostela: Editorial Compostela, S. A. ISBN 84-8064-113-4.
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 2,14 2,15 2,16 2,17 2,18 2,19 Luis Castedo Expósito en GaliciaDigital.
  3. 3,0 3,1 Luis Castedo. Tesis en Dialnet.
  4. 4,0 4,1 Os Premios Galicia de Investigación 2003 para dous investigadores da USC USC. Investigación.
  5. 5,0 5,1 5,2 Luis Castedo, honoris causa na universidade do País Vasco Arquivado 27 de maio de 2014 en Wayback Machine. Diario El Correo Gallego, 27/10/2009.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Luis Castedo, premio á excelencia na investigación en química de produtos naturais Arquivado 27 de maio de 2014 en Wayback Machine..
  7. Estes tres últimos na honra da esposa do profesor Ribas e deste mesmo profesor.
  8. Ley 6/2013, de 13 de junio del Sistema universitario de Galicia, DOG núm. 125, de 3 de xullo de 2013, BOE núm. 172, de 19 de julio de 2013.
  9. Luis Castedo Expósito. Artículos en Dialnet.
  10. 10,0 10,1 Largo aplauso al profesor Castedo Arquivado 08 de maio de 2018 en Wayback Machine. Diario El Corrreo Gallego, 30/05/2009.
  11. O catedrático de Química Luís Castedo e Francisco Rivadulla reciben os premios Galicia de Investigación. CulturaGalega.gal, 6/11/2003.
  12. Programa ConCiecia.
  13. Web do COQG Arquivado 28 de maio de 2014 en Wayback Machine..
  14. Grupo Especializado de Química de Produtos Naturais (2012).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]