Céltigos, Ortigueira
- Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Céltigos.
| Céltigos | |
|---|---|
| Igrexa de San Xulián de Céltigos. | |
| Concello | Ortigueira |
| Área | 6,1 km² |
| Poboación | (Ano 2009) 359 hab. |
| Densidade | 58,36 hab./km² |
| Entidades de poboación | 28 |
San Xulián de Céltigos é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Ortigueira na comarca do Ortegal.
Índice |
[editar] Poboación
Segundo o padrón municipal de 2009 tiña 359 habitantes (181 mulleres e 178 homes) distribuídos en 28 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando contaba con 384 habitantes.
[editar] Xeografía
A parroquia de Céltigos está situada entre o monte de Covaguión, que forma a punta da Bandexa na costa, e as estribacións da serra do Feo. Os límites pola costa van dende a pena Penafurada ate a pena da Cruz dos Paraños, polo sudoeste a parroquia de Espasante, polo sur San Salvador de Couzadoiro, e polo Este a parroquia de Loiba.
O pequeno río Aguiunxo atravesa a parroquia dende o lugar dos Furoces até a praia do Vimbieiro.Outras acolledoras praias da parroquia son O Eirón e A Arxuá que flanquean á anterior, e na costa nordeste atopamos a agreste praia do Sarridal e a Ribeira dos Ourizos.
A estrada AC-862 atravesa a parroquia de nordeste a sudoeste por Oldar, O Viso e Rilleiras. Tamén cruza a parroquia a vía de FEVE Ferrol-Xixón cun túnel de 547 metros, máis non dispón de apeadeiro ningún na parroquia.
[editar] Patrimonio
A antiga igrexa parroquial do século XVIII, construída cunha soa nave e cun fermoso retablo barroco foi derrubada recentemente e no seu lugar alzouse unha estrutura moderna, conservándose unicamente o antigo campanario. O conxunto fica á beira da estrada comarcal que enlaza coa estrada AC-862 e remata na praia do Vimbieiro. Ao lado esquerdo érguese o cemiterio parroquial.
Na parroquia atopamos un magnífico castro, que ten a peculiaridade de conter no interior varias penas adheridas de xeito natural ó chan; na súa superficie vense pequenas “cazoletas” abertas pola man do home, “cup marks” en inglés, abondosas en outros moitos lugares e que segundo o arqueólogo inglés Rivett Carnac, constitúen caracteres da máis primitiva escritura que el chama hemisférica. Disto ilustrounos tamén Federico Maciñeira nas súas colaboracións no “Boletín da Real Academia da la Historia”. Na actualidade atópase cuberto de eucaliptos e toxeiras que fan case inaccesible este lugar.
[editar] Galería de imaxes
- Artigo principal: Galería de imaxes de Céltigos, Ortigueira.
[editar] Lugares e parroquias
[editar] Lugares de Céltigos
| Lugares da parroquia de Céltigos no concello coruñés de Ortigueira | |
|---|---|
|
O Aro | O Barral | A Brixela | O Cabaleiro | O Cal | Callobre | Os Carrís | A Costoira | Entornacarros | Figueiras | A Fonte | Fonterredonda | Os Furoces | A Graña | A Leira | Mandín | Mazorgán | Oldar | O Orto | As Painceiras | As Paredes | O Pedrido | Pena das Seixas | Os Pumares | As Rilleiras | Tope | O Vimbieiro | O Viso |