IFA Premiership
A IFA Premiership (coñecida por razóns de patrocinio como Carling Premiership e moitas veces referida como Irish League) é a máxima competición de fútbol profesional en Irlanda do Norte. A competición é organizada pola Asociación Irlandesa de Fútbol. Sustitúe dende o 2008 á Irish Premier League, anterior campionato do país e segunda liga máis antiga do mundo por detrás da Scottish Premier League.
Trátase da primeira liga da illa de Irlanda, sendo a súa primeira edición en 1890. En 1921 pasou a ser a liga de Irlanda do Norte cando a República de Irlanda se independizou e pasou a desputar a Liga do Estado Libre (actual League of Ireland Premier Division). No campionato norirlandés permaneceron tódolos clubs do país ata 1972, cando o Derry City F.C. abandonou o seu esquema para pasar en 1984 a xogar a liga irlandesa.
Ao longo da súa historia o campeonato contou cunha presencia maioritaria de equipos de Belfast, e catro formacións (Linfield, Glentoran, Cliftonville e Lisburn Distillery) teñen desputado tódalas tempadas. O equipo que máis veces gañou a competición foi o Linfield, cun total de 49 títulos.
Índice |
Formato [editar]
A tempada da liga norirlandesa celébrase dende agosto ata maio, do mesmo xeito que a meirande parte dos campionatos británicos. A competición despútase nun formato de tres voltas entre os 12 equipos que forman a primeira categoría, cunha puntuación en base ás regras da UEFA, con 3 puntos para o vencedor, ningún para o perdedor e 1 en caso de empate. Ao finalizar as tres roldas, os seis primeiros clasificados xogan entre si a unha soa volta, mentres que os seis últimos fan o mesmo. En total, cada equipo desputa 38 partidos ao finalizar a tempada.
O equipo que finaliza na primeira posición proclámase campión de Liga, mentres que o último descende á segunda categoría, de carácter semiprofesional e coñecida como IFA Championship. Se dous equipos empatan a puntos, prodúcese un desempate mediante a diferenza de goles ou, só en caso de persistir, polo maior número de goles anotados. O penúltimo clasificado desputa un partido de promoción frente ao segundo clasificado da segunda categoría. Amais, para manter a praza na máxima categoría é preciso cumprir unha serie de requerimentos que certifiquen a viabilidade da formación.
O campionato sempre se desputou nos meses dende outono ata primavera, a diferenza do campionato da República de Irlanda que se desputa nos meses de verán. Os partidos soen xogarse os sábados pola tarde, con encontros ocasionais os venres e mércores, e son tradicionais as xornadas nas festividades dos Bank holiday: o 26 de decembro (Boxing Day), Aninovo, e xoves de Pascua.
Competicións europeas [editar]
O campión de liga clasifícase para a UEFA Champions League, e parte dende a primeira fase da rolda de clasificación. O segundo clasificado xoga a UEFA Europa League a partir da primeira rolda de clasificación, mentres que o campión da Copa de Irlanda do Norte faino dende a segunda rolda de clasificación. Amais, os dous primeiros clasificados xogan a Setanta Cup que enfronta aos mellores equipos de Irlanda do Norte contra os mellores da República de Irlanda.
Equipos da tempada 2012–13 [editar]
| Equipo | Cidade | Estadio | Capacidade | Títulos | 2011-12 |
|---|---|---|---|---|---|
| Ballinamallard United FC | Ballinamallard | Ferney Park | 0 | 1º, IFA Championship | |
| Ballymena United | Ballymena | Ballymena Showgrounds | 8.800 | 0 | 7º |
| Cliftonville FC | Belfast | Solitude | 5.200 | 3 | 3º |
| Coleraine FC | Coleraine | The Showgrounds | 6.500 | 1 | 4º |
| Crusaders FC | Belfast | Seaview Stadium | 6.500 | 4 | 5º |
| Donegal Celtic | Belfast | Donegal Celtic Park | 3.000 | 0 | 8º |
| Dungannon Swifts | Dungannon | Stangmore Park | 3.000 | 0 | 9º |
| Glenavon FC | Lurgan | Mourneview Park | 5.500 | 3 | 10º |
| Glentoran FC | Belfast | The Oval | 10.000 | 23 | 6º |
| Linfield FC | Belfast | Windsor Park | 18.000 | 51 | 1º |
| Lisburn Distillery | Lisburn | New Grosvenor Stadium | 8.000 | 6 | 11º |
| Portadown FC | Portadown | Shamrock Park | 8.000 | 4 | 2º |
Historia [editar]
O fútbol chegou á illa de Irlanda en 1878, cando dous equipos escoceses, o Queen's Park e o Caledonians, desputaron un partido de fútbol no campo de cricket de Ballynafeigh, en Belfast. Dous anos despois, o 18 de novembro de 1880, fundouse no Queens Hotel de Belfast a Asociación Irlandesa de Fútbol (IFA), cuxo primeiro secretario foi John M. McAlery.[1]
Logo de organizarse distintos partidos non oficiais, a Asociación comezou o 9 de abril de 1881 o primeiro campionato oficial, o torneo de Copa. Tamén se desputou o primeiro partido oficial da selección irlandesa fronte a Inglaterra, cunha avultada derrota por 13-0. Finalmente, en 1890 constituiuse o primeiro campionato de liga profesional da illa, unha semana despois de constituirse a liga escocesa. O torneo denominouse Liga Irlandesa (Irish League), contou con oito equipos de Belfast e arredores, e o seu primeiro campión foi o Linfield FC.[2]
Durante os primeiros vinte anos de historia do campionato xogaron equipos de toda a illa de Irlanda, e algúns como o Shelbourne FC ou o Bohemians FC chegaron a formar parte da primeira categoría.[2] Sen embargo, a independencia da República de Irlanda en 1920 provocou que tódolos equipos da zona independizada crearan un novo campionato (Liga do Estado Libre) e unha nova asociación (FAI), polo que a partir da tempada 1921-22 a liga pasou a estar formada só por equipos de Irlanda do Norte.[3]
Nas seguintes tempadas, houbo un claro dominio dos equipos de Belfast, e non foi ata 1952 cando un equipo que non era desa cidade, o Glenavon FC de Lurgan, se proclamou campión. O campionato non foi alleo ao conflito de Irlanda do Norte e o Derry City F.C., campión en 1965, renunciou á liga tras prohibirselle xogar no seu campo, o Brandywell Stadium, por razóns de seguridade, pasando a competir a partir de 1984 na liga da República de Irlanda.[4]
A partir de 1995 introduciuse unha segunda división, formada por equipos amateur e semiprofesionais, polo que o campionato dividiuse en dúas partes: a Premier e a First Division. Sen embargo, o deterioro do nivel do fútbol irlandés provocou que no 2003 a IFA se fixera cargo dos campionatos de liga, unindo a tódolos equipos profesionais nunha única división formada por 16 clubs e creando categorías intermedias.
Reestruturación do campionato [editar]
No 2008 a Asociación Irlandesa de Fútbol anunciou unha reestruturación do campionato profesional a partir da tempada 2008-09. O torneo pasou a denominarse IFA Premiership, reduciu o número de participantes a 12 clubs, e modificaba os requerimentos para poder optar a unha praza na máxima categoría. Amais de basearse na tempada 2007-08, a federación tomou os datos de cada equipo nas dúas tempadas anteriores para escoller quen comezaban dende a primeira división.[5]
Amais, a IFA outorgaba disntintos puntos a cada equipo en base a varios criterios: resultados deportivos en competicións nacionais, internacionais e plans deportivos (450 puntos), apoio de institucións e finanzas (200 puntos), infraestruturas e estadio (150 puntos), persoal (100 puntos), planificación económica e asistencia ao campo (50 puntos cada un). A Federación foi moi escrupulosa cos prazos, ata o punto de que o Portadown FC foi descendido á segunda categoría por entregar a documentación con media hora de retraso.[5] O primeiro campión baixo o novo sistema foi o Glentoran FC.
Títulos [editar]
Na tempada 1905-06, Cliftonville e Distillery tiveron que compartir o campionato de liga ao empatar na clasificación e en dous partidos de playoff polo título.[3]
| Club | Veces campión | Anos campión |
|---|---|---|
| Linfield Football Club |
|
1890/91, 1891/92, 1892/93, 1894/95, 1897/98, 1901/02, 1903/04, 1906/07, 1907/08, 1908/09, 1910/11, 1913/14, 1921/22, 1922/23, 1929/30, 1931/32, 1933/34, 1934/35, 1948/49, 1949/50, 1953/54, 1954/55, 1955/56, 1958/59, 1959/60, 1960/61, 1961/62, 1965/66, 1968/69, 1970/71, 1974/75, 1977/78, 1978/79, 1979/80, 1981/82, 1982/83, 1983/84, 1984/85, 1985/86, 1986/87, 1988/89, 1992/93, 1993/94, 1999/00, 2000/01, 2003/04, 2005/06, 2006/07, 2007/08, 2009/10, 2010/11, 2011/12. |
| Glentoran Football Club |
|
1893/94, 1896/97, 1904/05, 1911/12, 1912/13, 1920/21, 1924/25, 1930/31, 1950/51, 1952/53, 1963/64, 1966/67, 1967/68, 1969/70, 1971/72, 1976/77, 1980/81, 1987/88, 1991/92, 1998/99, 2002/03, 2004/05, 2008/09. |
| Belfast Celtic |
|
1899/00, 1914/15, 1918/19, 1919/20, 1925/26, 1926/27, 1927/28, 1928/29, 1932/33, 1935/36, 1936/37, 1937/38, 1938/39, 1939/40, 1940/41, 1941/42, 1943/44, 1946/47, 1947/48 |
| Lisburn Distillery |
|
1895/96, 1898/99, 1900/01, 1902/03, 1905/06, 1962/63 |
| Crusaders Football Club |
|
1972/73, 1975/76, 1994/95, 1996/97 |
| Portadown Football Club |
|
1989/90, 1990/91, 1995/96, 2001/02 |
| Cliftonville Football Club |
|
1905/06, 1909/10, 1997/98 |
| Glenavon Football Club |
|
1951/52, 1956/57, 1959/60 |
| Ards Football Club |
|
1957/58 |
| Coleraine Football Club |
|
1973/74 |
| Derry City Football Club |
|
1964/65 |
| Queen's Island |
|
1923/24 |
Medios [editar]
A Asociación Irlandesa de Fútbol mantén acordos coa televisión por cable Sky Sports para a retransmisión dos partidos de liga ata 2012. Amais, as canles en aberto UTV e BBC (na súa desconexión rexional) emiten amplos resumos dos partidos e programas especiais sobre o campionato. Ao negociar a federación norirlandesa coas televisións, os clubs están obrigados a formar un grupo común de negociación.[6]
Patrocinio [editar]
O actual patrocinador da liga é Carling, unha marca de cervexa. A empresa paga 80.000 libras esterlinas cada ano por dar o seu nome ao campionato.[7]
Notas [editar]
- ↑ "About the IFA". http://www.irishfa.com/the-ifa/about-the-ifa/.
- ↑ 2,0 2,1 "Northern Ireland - Final League Tables 1890-1998". http://www.rsssf.com/tablesn/nilhist.html.
- ↑ 3,0 3,1 "Palmarés de Cliftonville". http://www.cliftonvillefc.net/records.html.
- ↑ Bradley, Steve. "El último tabú del fútbol", ESPNsoccernet. Consultado el 30 de abril de 2007.
- ↑ 5,0 5,1 "Portadown out of Premier League". http://news.bbc.co.uk/sport2/hi/football/irish/7398872.stm.
- ↑ "Irish League gets TV deal". http://news.bbc.co.uk/sport2/hi/northern_ireland/2234219.stm.
- ↑ "Carling to sponsor Premiership". http://news.bbc.co.uk/sport2/hi/football/irish/8161277.stm.
Véxase tamén [editar]
Ligazóns externas [editar]
- Sitio web da Premier League de Irlanda do Norte
- Sitio web da Federación de Irlanda do Norte
- IFA Premiership en UEFA.com
|
|||||||||||||