Friends

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Friends
Friends (letras brancas, fundo preto).svg
Logo de Friends.
Formato Comedia
Creado por David Crane
Marta Kauffman
Intérpretes Jennifer Aniston
Courteney Cox
Lisa Kudrow
Matt LeBlanc
Matthew Perry
David Schwimmer
Tema de apertura I'll Be There For You (The Rembrandts)
País de orixe Estados Unidos de América Estados Unidos
Episodios 236
(10 Tempadas)
Produción
Duración 22 min/cap. aprox.
Distribuidor Warner Bros
Emisión orixinal
Canle de orixe NBC
Emisión 22 de setembro de 19946 de maio de 2004
Ligazóns externas
Páxina web

Friends é unha serie de televisión estadounidense, creada por Marta Kauffman e David Crane, producida en asociación coa Warner Bros. Television, filmada nos Warner Bros Studios en Burbank e emitida por vez primeira o 22 de setembro de 1994 na cadea NBC. Trata sobre a vida dun grupo de mozos (Rachel, Ross, Chandler, Phoebe, Joey e Monica) residentes en Nova York, concretamente en Greenwich Village, que queren pasalo o mellor posible. Sucédense tanto bos como malos momentos pero cunha crítica cómica ós temas máis transcendentais da actualidade. Inmediatamente despois do éxito no seu país, comezou a súa difusión por todo o mundo con similares resultados.

A serie está composta de dez tempadas duns 24 capítulos cada unha, excepto a última que só tivo 18. Unha vez finalizada ródase Joey, un spin off sobre a vida do personaxe homónimo nos Ánxeles.

Protagonistas[editar | editar a fonte]

Jennifer Aniston
  • Rachel Karen Green (Jennifer Aniston): É a menor do grupo, e amiga de Monica desde a infancia. Filla do doutor Leonard Green e Sandra Green (actualmente divorciados), pasou toda a súa nenez sendo consentida, por ser filla de pais ricos. Ten dúas irmás, Jill e Amy, tan consentidas coma ela. Na primeira tempada, decide abandonar a súa boa vida e dedicarse a traballar para gañar o seu soldo. Aínda así, ás veces sáelle a nena consentida que leva no seu interior. É estremadamente patosa e torpe, e é incapaz de concentrarse en algo que non lle interese.
  • Monica E. Geller (Courteney Cox): É a irmá de Ross, vive no apartamento da súa avoa. De pequena era obesa pero adelgazou na súa adolescencia logo de Chandler dicirlle que estaba gorda. Perdeu os seus quilos, pero non a paixón pola comida. Monica caracterízase pola súa obsesión coa orde e a limpeza, é capaz de perder o control se un almofadón non está no lugar correcto. Tamén é sumamente competitiva. Todo o que teña relación con puntos, marcas ou superación, tómao como algo persoal, e só pensa en gañar a calquera prezo. A maioría de festas ou ceas especiais realízanse no seu apartamento, xa que é unha grande anfitrioa, non só polas súas grandes cualidades como cociñeira (oficio co cal gaña a vida nun restaurante) senón porque "compite" consigo para facelo cada vez mellor.
  • Phoebe Buffay (Lisa Kudrow): É a máis distraída do grupo. Tamén é quen tivo a infancia máis dura. A súa nai biolóxica abandonounas a ela e á súa irmá xemelga, Ursula, con quen non se fala, e a súa nai adoptiva suicidouse cando elas eran adolescentes. Ademais, o seu pai biolóxico abandonounas e o seu padrasto foi a prisión, polo que acabou vivindo na rúa. É un pouco atolada e rara e non dubida en demostralo. Considera normais cousas que os demais ven de tolos. A pesar de ter que vivir na rúa roubando e vagabundeando, é moi inocente, e sobre todo, moi cariñosa cos seus amigos. É vexetariana, e ama todo ser vivente e, ata, seres non viventes. A pesar disto, é unha grande amiga e está sempre aí cando os seus amigos a necesitan.
  • Joseph "Joey" Francis Tribbiani (Matt LeBlanc): É o menos intelixente do grupo e sempre tarda en entender todo o que lle din. Gaña a vida como actor aínda que ás veces está no cume, e acto seguido só pode protagonizar anuncios. É fanático dos Knicks e considera inimigo a todo aquel que non estea de acordo con el. É tamén, dos tres mozos, o que máis sabe de mulleres. Gústanlle os ligues dunha noite, deitándose con calquera muller que lle atraia. Do mesmo xeito que Monica, adora a comida, aínda que el non é tan refinado á hora para comer, xa que come todo o que se atopa, estea caducado, podrecido ou tirado polo chan.
  • Chandler Muriel Bing (Matthew Perry): É o sarcástico do grupo. Esta forma de ser naceulle como unha resposta ó trauma que lle causou a separación dos seus pais ós dez anos, porque o seu pai era homosexual. Desde entón, usa o sarcasmo e a ironía para rirse de todos e de todo. Ten a tendencia a crer que todo o mundo o considera gay (pola influencia paterna), atributo que el se esforza en negar constantemente. De feito, e para que non se poña en dúbida a súa hombría, sempre intenta facer "cousas de homes", aínda que non lle apetezan en absoluto. Odia o día de acción de grazas, xa que foi nese día cando se decatou de que o seu pai se entendía co criado. Desde entón, todos os días de acción de grazas pásaos de mal humor e négase a comer pavo.
  • Ross Geller (David Schwimmer): É o irmán maior de Monica. É paleontólogo de profesión. Empezou traballando nun museo pero tivo que deixalo por un ataque de ira. Nas últimas tempadas é profesor nunha universidade. É o máis culto e intelixente, calidade que demostra sempre que pode, aínda que corrixindo a alguén ou achegando coñecementos cando ninguén lle preguntou. Non pode evitar falar como un pedante, polo que ás veces as súas conversas son simplemente aburridas. Divorciouse de Carol, a súa esposa, ó decatarse de que era lesbiana (ela tampouco o sabía, descubriuno máis tarde). Desde entón, dáselle fatal ligar coas mozas (Carol foi a súa primeira noiva). Volveu casar cunha inglesa chamada Emily Waltham pero divorciouse dela por dicir "Tómoche a ti, Rachel" no altar en lugar de "tómoche a ti, Emily". Casou unha terceira vez con Rachel durante unha borracheira en Las Vegas e de novo divorciouse. É doutorado en paleontoloxía, polo que lle gusta que a xente lle chame "doutor". A miúdo comete o erro de crer que todos teñen tanto interese como el sobre os dinosauros.

Personaxes secundarias[editar | editar a fonte]

Tamén pasaron pola serie un gran número de actores convidados: Robin Williams, Bruce Willis, Brad Pitt, George Clooney, Jean-Claude Van Damme, Hugh Laurie, Charlie Sheen, Sean Penn, Christina Applegate, Charlton Heston, Ben Stiller, Julia Roberts, Reese Witherspoon, Dakota Fanning, Sasha Alexander, Paget Brewster, Ellen Pompeo, Danny DeVito, Gary Oldman, John Bennett Perry, Winona Ryder...

Trama[editar | editar a fonte]

A historia comeza con catro amigos (Chandler, Monica, Phoebe e Joey) conversando nunha cafetería chamada Central Perk. A medida que transcorre o inicio do capítulo piloto aparece o quinto personaxe (Ross) e posteriormente a sexta (Rachel). Este encontro dentro da cafetería marca o comezo dunha comedia baseada na amizade, os triunfos e caídas, o amor, o pasado e o futuro dun grupo de amigos na cidade de Nova York.

Rachel vén de abandonar no altar ao que ía ser o seu esposo e escapou da súa vida de nena rica para entrar nun mundo onde deberá facerse cargo da súa propias necesidades, buscando o apoio da súa única amiga na cidade, Monica. Decide quedar na casa dela e comezar unha vida normal. Ross, que sempre estivera namorado dela atopa unha nova oportunidade tralo seu matrimonio errado cunha lesbiana. O seu intento non é inútil; con todo, entre comezos e rupturas Ross e Rachel terán que esperar dez anos para estar xuntos definitivamente, pasando polas súas vidas dúas rupturas, unha reconciliación, unha voda e unha filla.

A pesar de estar latente durante toda a serie o amor entre Ross e Rachel, este non rouba protagonismo ó verdadeiro sentido desenfreado da serie onde cada un pode presentar un matiz completo de citas, noivados e matrimonios. Outra parella que si logrou concretar dun xeito máis rápido e ordinario a súa relación foron Chandler e Monica quen tras pasar desenganos e amores rotos atoparon que a parella perfecta eran eles mesmos e logo dun tempo escondendo a súa relación, finalmente esta saíu á luz e casaron.

O toque máis puramente humorístico outórganllo Phoebe e Joey quen na serie deixan entrever moitas veces que podería xurdir un romance entre eles, e inclusive hai casos onde Phoebe di que terminarían xuntos. Finalmente isto non sucede, Phoebe termina felizmente casada con Mike e Joey parte rumbo a Hollywood a realizar o seu soño de converterse nunha verdadeira estrela.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Friends
Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Friends