Esclavinia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Co nome de Esclavinia ou Terra dos esclavenos (en grego antigo Σκλαβινίαι, en latín Sclavinia)[1] coñécense os territorios nos que asentaban as tribos eslavas que estaban inicialmente fóra do control bizantino e eran independientes,[2] nos Balcáns, a finais da Idade Antiga.

Serbia en 850.

O termo Esclavinia deriva de esclavenos, do grego antigo Σκλάβήνοι, Sklábēnoi, ou Σκλαύηνοι, Sklaúenoi, ou Σκλάβίνοι, Sklabinoi, en latín Sclaueni, Sclavi, Sclauini o u sthlaueni) nome que se usou para describir a todos os pobos eslavos cos que o Imperio bizantino entrara en contacto. As Sclaviniae do Imperio bizantino convertéronse nas nacións eslavas do sur.

Porén, contra 800, o termo tamén se refería aos eslavos militares foederati do emperador que se estableceron como aliados dentro dos territorios do Imperio. Estes asentamentos militares apareceron no Peloponeso, Asia Menor e Italia. Os bizantinos tamén se referían á elite militar dos ávaros como esclavenos.[3]

A conquista dos Balcáns polos eslavos do sur[editar | editar a fonte]

Tras a caída do imperio de Atila, os antes —posibelmente mesturados con elementos de orixe sármata e huno— levantaron un rudimentario estado nas rexións situadas ao noroeste do mar Negro, que foi destruído a mediados do século VI polos ávaros, outro pobo nómade procedente de Asia que, tras fundar un estado (567), en pouco tempo fixéronse co control das terras situadas entre o Danubio e os Urais.

Os antes desapareceron entón da historia, mentres que os seus vasalos, porén, iniciaran unhas décadas atrás unha masiva migración cara ao sur, probabelmente incitados por unha considerábel presión demográfica.[4]

Os eslavos do sur (iugoeslavos) penetraron así na península balcánica, franqueando en cinco ocasións o Danubio (entre 493 e 543). En torno ao 518 os cronistas gregos rexistran as primeiras incursións destes eslavos meridionais no limes danubiano.

Máis ao leste, na Panonia recentemente abandonada polos longobardos, establecéronse outros grupos eslavos, entre os que figuraban eslovenos, serbios e croatas, que realizaron repetidas incursións en Dalmacia, Iliria e Macedonia desde os tempos de Xustiniano (527-565), favorecidos pola dispersión de forzas a que obrigaba a enorme extensión das fronteiras do Imperio de oriente.[5][6]

Formación dos primeiros estados eslavos[editar | editar a fonte]

Estes grupos eslavos darían lugar, máis tarde, ás futuras nacionalidades de serbios, croatas e eslovenos, aínda que sen formaren nese momento entidades políticas específicas. Eran pobos agropecuarios, reunidos en zadrugas ou agrupacións familiares, asociadas en župas, que eran gobernadas polo župan, que se vía secundado en tempos de guerra polo voivoda. Ante as novas circunstancias impostas polos ávaros, os eslavos alcanzaron o Adriático (614). Ao mesmo tempo, os esclavones, convertidos en vasalos e soldados mercenarios dos ávaros, participaron nas loitas destes contra Bizancio e comezaron a establecerse por toda a península Balcánica.

Constantinopla, Tesalónica e outras grandes cidades coñeceron repetidos asedios de bandas eslavas e ávaras, aínda que era o medio rural o que sufría as peores consecuencias das correrías de saqueo. Durante o reinado do emperador Heraclio (610-641), as costas e illas do Exeo e do Adriático padeceron tamén as incursións marítimas dos acabados de chegar, que incluso estableceron colonias no Peloponeso. Reducida ás comarcas litorais, a autoridade imperial desaparecera practicamente dos Balcáns.

A penetración dos eslavos non era tan só unha conquista militar, senón que implicaba tamén un proceso de colonización que, tras unha primeira etapa de incursións devastadoras, conduciu ao asentamento de grandes comunidades campesiñas eslavas. En Iliria, Macedonia e outras rexións, as poboacións autóctonas (tracios, celtas e ilirios) foron forzadas a buscar refuxio nas áreas costeiras, mentres que noutras zonas sufriron unha lenta asimilación no seo das novas sociedades eslavizadas.[7]

Nos Balcáns occidentais produciuse a colonización máis intensa. Despois de romperen en reiteradas ocasións o limes ilirio, os eslavos terminaron ocupando as terras do interior, absorbendo á poboación nativa ou relegándoa aos portos de Dalmacia. A mediados do século VII, con excepción das zonas litorais, o territorio dos Balcáns occidentais era un país eslavo.

Desde os seus asentamentos na actual Hungría, os eslovenos ocuparon os contrafortes orientais dos Alpes, os cursos superiores dos ríos Sava e Drava e, na súa época de maior expansión, á área danubiana, desde Linz até Viena. A cabalo do Danubio, na Panonia meridional e en Iliria, establecéronse os croatas, mentres que os serbios penetraron máis ao sur, até as comarcas montañosas que se estenden entre o río Morava e o litoral montenegrino.

As tribos eslavas a mediados do século VIII.

Este conxunto de pobos, organizados en pequenas comunidades independentes, como vimos, basculou ao longo dos séculos VII e VIII entre a submisión ao khanato ávaro e as crecentes influencias culturais e políticas que procedían do ámbito heleno (Imperio Bizantino) e dos reinos xermánicos do oeste: bávaros, francos, lombardos etc.[8]

Paulatinamente, a sedentarización permitiu a consolidación do poder dunha caste aristocrática de guerreiros vinculados á družina, (ou druzhina) séquito do xefe militar ou príncipe, knez (ou kniaz), ou o župán. Iso, e as dificultades que supuña a complicada orografía montañosa dos Balcáns occidentais, favoreceu a aparición de numerosos principados que terminarían conformando as actuais nacionalidades balcánicas.

Durante o Imperio bizantino, o arconte era supervisado polos estrategos (gobernadores provinciais militares e civís) nas cidades bizantinas. Pero o emperador tivo que recoñecer máis tarde ao Reino de Serbia, como señorío nominal do emperador, ao que os serbios daban auxilio militar como foederati.

Búlgaros[editar | editar a fonte]

En unión cos eslavos, os búlgaros turcos estableceron a Bulgaria como un país soberano, recoñecido polos bizantinos en 681. O Khanato búlgaro estendeuse cara ao sur e ao oeste e, mediados do século IX incorporara a maioría dos territorios poboados por eslavos de Macedonia e Tracia.

Durante os séculos IX e X os búlgaros eslavizáronse coa cristianización e a introdución do antigo eslavo eclesiástico (antigo búlgaro) como lingua oficial despois do Consello de Preslav, en 893, do que xurdiu o pobo búlgaro moderno.

Co recoñecemento dos gobernantes búlgaros como emperadores, o recoñecemento do Patriarcado búlgaro e a creación do alfabeto cirílico na Academia Búlgara de Preslav e Ohrid, Bulgaria converteuse no centro cultural do mundo ortodoxo eslavo.

Serbios[editar | editar a fonte]

Artigos principais: Serbia bizantina e Historia de Serbia.

Os eslavos asentáronse no que se coñece como as terras serbias no século VI no curso da gran migración dos eslavos. En 649 o emperador Constantino III (612 - ca. 641) reoaiuou aos eslavos conquistados "do Vardar" no Gordoservon (Fogar serbio).

En 822 os serbios menciónanse como "habitantes da maior parte de Dalmacia" (as "terras serbias").

O emperador Constantino VII (913–959) escribiu na súa obra "Administración do Imperio" (De Administrando Imperio) sobre os serbios, dicindo que os serbios brancos "emigraran de Βοĩκι" e formaran un principado" (cos horions de Rascia, Bosnia medieval, Duklja, Travunija, Paganija e Zahumlje), así como a lista cronolóxica dos monarcas serbios desde o século VII.

Oe serbios desenvolveron unha cultura bizantino-eslava, parecida á dos seus veciños búlgaros, e estableceron o cristianismo como a relixión do Estado contra 869, durante o reinado do emperador Basilio I (867–886). O župa era unha confederación comunidades encabezadas por un župan, maxistrado ou gobernador.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Terra dos invasores, do grego Σκλαυηνοι, Sklavenoi.
  2. Pode verse a situación dos territorios eslavos, despois de que foron conquistados por Bizancio no informe do emperador Constantino VII De administrando imperio, ed. por Gy. Moravcsik e R. J. H. Jenkins, Budapest (1949), 50, 1-180, páx.232. A Esclavinia de Morea describíase como 'independente' e 'autónoma e autogoberrnada'.
  3. "Eslavos", in Diccionario Oxford de Bizancio. Volume 3, páxs. 1916-1919.
  4. Barford, P. M. (2001): The Early Slavs: Culture and Society in Early Medieval Eastern Europe. London: British Museum Press. ISBN 978-0-7141-2804-7.
  5. Curta, F. (2001): The Making of the Slavs: History and Archaeology of the Lower Danube Region. Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 0 521 80202 4.
  6. Vlasto, P. (1970): The Entry of the Slavs into Christendom, An Introduction to the Medieval History of the Slavs. Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-10758-7.
  7. Fine, J. V. A. (1983): The Early Medieval Balkans. University of Michigan Press páxs. 35-41.
  8. Cyril Mango. Byzantium: The Empire of New Rome. Scribner's, 1980. Cap. 1 Arquivado 17 de xaneiro de 2013 en Wayback Machine. (en inglés) Consultado o 7/12/2001.
  9. Through Bosnia and the Herzegovina on Foot During the Insurrection, August and September 1875 (with an Historical Review of Bosnia and a Glimpse at ThArthur Evans, por Sir Arthur J. Evans (en inglés) Coinsultada o 14/1/2012.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Barford, P. M. (2001): The Early Slavs: Culture and Society in Early Medieval Eastern Europe. Londres: British Museum Press. ISBN 978-0-7141-2804-7.
  • Curta, F. (2001): The Making of the Slavs: History and Archaeology of the Lower Danube Region. Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 0 521 80202 4.
  • Vlasto, P. (1970): The Entry of the Slavs into Christendom, An Introduction to the Medieval History of the Slavs. Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-10758-7.

Outros artigos[editar | editar a fonte]