Cova de Altamira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Réplica do teito de Altamira no Deutches Museum, Múnic

A cova de Altamira é unha gruta de España, famosa polas súas pinturas rupestres da época do Paleolítico superior, nas que aparecen representados mamíferos salvaxes, mans humanas e signos abstractos. A cova está situada preto de Santillana del Mar, en Cantabria, a 30 km ao oeste da cidade de Santander. A caverna foi incluída na lista do Patrimonio da Humanidade da UNESCO no ano 1985.

Descrición[editar | editar a fonte]

A cova ten 270 metros, e consiste nunha serie de corredores e cámaras entrelazadas. O cubículo principal ten unha altura variábel, que oscila entre dous e seis metros. Formouse grazas aos afundimentos provocados por fenómenos cársticos que se desenvolveron sobre a rocha calcárea dos montes Vispieres.

As escavacións arqueolóxicas efectuadas no fondo da cova sacaron á luz ricos depósitos de arte do período solutrense superior (datábeis arredor de 18.500 anos atrás) e mais do período Magdaleniano inferior (entre uns 16.500 e 14.000 anos). A gruta foi utilizada só por animais salvaxes no longo período intermedio entre as dúas ocupacións por seres humanos. O lugar áchase sito nun punto estratéxico para poder aproveitar a rica fauna que habitaba as valgadas das montañas circundantes. Hai uns 13.000 anos unha freita bloqueou a entrada da caverna, preservando así o que contiña até a descuberta moderna, posibilitada pola caída dunha árbore.

A ocupación humana estivo limitada á entrada da cova, aínda que as pinturas se realizaron en toda a extensión da mesma. Os anónimos artistas usaron carbón procedente de vexetais queimados, e mais ocre ou hematita, para pintar, con frecuencia diluíndo as cores para conseguir matices e crear así efectos de claroscuro. Aproveitaron tamén os perfís naturais dos muros da cova para producir a impresión de tridimensionalidade dos corpos. O Teito Polícromo é a obra máis lograda e mostra un rabaño de bisontes en diferentes posicións, dous cabalos, un gran cervo e o que semella un porco bravo.

A datación destas obras pode remontar ao Magdaleniano por canto diferencia animais e formas abstractas. As imaxes do Solutrense representan cabalos, cabras e impresións de mans humanas. Outras numerosas cavernas do norte de España conteñen arte rupestre, mais ningunha dunha calidade e nunha cantidade comparábel a Altamira.

Decubrimento e escepticismo[editar | editar a fonte]

En 1879, o arqueólogo afeccionado Marcelino Sanz de Sautuola que entrou na cova coa súa filla maior, entón de cinco anos de idade, veu as pinturas cando a pequena llas sinalou. El non fora capaz de velas nunha visita anterior. A gruta foi escavada por Sautuola e polo arqueólogo Juan Vilanova y Piera, da Universidade de Madrid, que deron conta dos seus resultados nun estudo publicado en 1880, no que se databan as obras no Paleolítico. Especialistas franceses, encabezados por Gabriel de Mortillet e Emile Cartailhac rexeitaron a hipótese de Sautuola e Vilanova, e aínda a tese destes foi ridiculizada no Congreso Prehistórico de Lisboa de 1880. A causa da elevada calidade artística e do excepcional estado de conservación das pinturas, Sautuola foi mesmo acusado de fraude.

Mais en 1902 novas descubertas contribuíron a confirmar a hipótese da grande antigüidade das pinturas. Nese mesmo ano Emile Cartailhac admitiu publicamente o erro que cometera, nun artigo titulado "Mea culpa d'une sceptique" (Mea culpa dun escéptico), publicado no xornal L'Anthropologie. Sautuola, morto 14 anos antes, xa non puido coñecer o feito.

Fixéronse novas escavacións por parte de Hermilio Alcalde del Río en 1902-04, polo alemán Hugo Obermaier en 1924-25, e por Joaquín González Echegaray en 1981.

A copia da cova[editar | editar a fonte]

Entrada ao Museo Nacional e Centro de Investigación de Altamira.

Nos anos da década de 1960 comprobáronse diversos danos nas pinturas polas numerosas visitas turísticas. Altamira foi, entón, pechada completamente para o público en 1971, e reaberta parcialmente en 1982. Desde esta data foron aceptados só uns poucos visitantes, e era preciso anotarse e agardar nunha lista de espera de ata tres anos. Foi realizada unha copia da gruta por Manuel Franquelo e Sven Nebel, que estivo lista no ano 2000. A copia permite observar unha vista pouco cómoda das pinturas polícromas da sala principal, así como doutras obras menores. Comprende tamén algunhas esculturas de rostros humanos, que non se podían ver na cova orixinal.

Hai outras copias no Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid, Deutsche Museum de Múnic (rematada en 1964) e mais outra en Xapón (rematada en 1993).

A cova abriuse[1]de novo ao público de xeito experimental desde o 26 de febreiro de 2014 ata agosto do mesmo ano, estando limitada a entrada a só cinco visitantes por semana, para avaliar o impacto.

Impacto cultural[editar | editar a fonte]

Moitos pintores foron influenciados polas obras da gruta de Altamira. Logo dunha visita Picasso exclamou "despois de Altamira todo é decadencia".

Algunhas das pinturas polícromas de Altamira son ben coñecidas na cultura popular española. O símbolo do goberno autónomo de Cantabria, a fin de promover o turismo, representa un dos bisontes da caverna.

Bisonte, unha antiga marca española de cigarros, usou un dos bisontes da cova como logotipo.

A banda deseñada española Altamiro de la Cueva, creada en 1965, inspírase na gruta cántabra. A serie relata as aventuras dun grupo de humanos da Prehistoria, presentados como se fosen persoas actuais, mais vestidos con peles de animais.

A banda de rock Steely Dan escribiu a canción "The Caves of Altamira" para o seu álbum de 1976, The Royal Scam.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outras páxinas[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Cova de Altamira