Marcelino Sanz de Sautuola

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Marcelino Sanz de Sautuola

Marcelino Sanz de Sautuola, nado en Santander en 1831 e finado o 2 de xuño de 1888, foi un arqueólogo español, descubridor das pinturas da cova de Altamira e un dos primeiros en practicar o estudo da Prehistoria en España.

Biografía[editar | editar a fonte]

Sautuola chegou ao estudo da Prehistoria pola súa afición, mostrada desde neno, polas Ciencias Naturais, en especial pola Botánica e a Xeoloxía. Tiña unha boa colección de minerais e fósiles. Así en 1866 presentou uns apuntes sobre a aclimatación do eucalipto en Cantabria. Consta así mesmo que estaba ao tanto dalgunhas das primeiras publicacións sobre a Prehistoria (lera a Boucher de Perthes, considerado hoxe o pai das novas investigacións).

Na década de 1870 iniciara escavacións e exploracións en covas cántabras (Revilla de Camargo, 1878). A visita á Exposición Universal de París no mesmo ano 1878 permitiulle observar as coleccións expostas de artefactos prehistóricos, o que lle causaría un grande impacto, motivándoo para explorar mellor na súa terra natal.

En 1879 descubre as pinturas polícromas nas paredes da cova de Altamira, na segunda visita á mesma (a primeira fora quizais en 1876). Segundo coñecida anécdota sería a súa filla, María, que o acompañaba, quen advertiu a existencia de "bois" pintados. Sautuola recolleu materiais en sucesivas exploracións.

Debuxo das pinturas, publicado por Sautuola en 1880

No ano seguinte, 1880, Marcelino Sanz presentou as súas conclusións nun folleto titulado: "Breves Apuntes sobre Algunos Objetos Prehistóricos de la Provincia de Santander", aínda valioso cientificamente falando, no que mostraba unha reprodución da bóveda natural coas súas pinturas. A publicación causou un enorme impacto mundial, pois non se esperaba que a humanidade prehistórica exhibira tan alto nivel cultural como aparecía a través da súa realización artística.

Abriuse unha fronte negativista ante a comunicación de Sautuola, que só sería apoiado con tenacidade polo seu amigo Juan Vilanova y Piera, catedrático de Xeoloxía na Universidade de Madrid, autor de "Origen, naturaleza y antigüedad del hombre" (1872). O descubrimento sería presentado por Vilanova en Lisboa no IX Congreso Internacional de Antropoloxía e Arqueoloxía Prehistórica (setembro-outubro de 1880), ao que asisten algúns dos prehistoriadores máis prestixiosos de Europa: Gabriel de Mortillet, Henri Martin, Émile Cartailhac etc. Salvo Martin, o resto mostrouse escéptico e negouse a visitar Altamira. Un informe encargado en 1881 a Harlé, que avaliaría as pinturas como falsas e realizadas entre 1876 e 1879, afonda o problema. Salvouse a honra de Sautuola, a quen se considerou tamén enganado. A oposición á autenticidade das pinturas estendeuse tamén a España, onde distintos eruditos negaron a antigüidade da decoración de Altamira. Porén a verdade abriríase paso, primeiro coa comparación coas obras de arte moble e, algo máis tarde, co descubrimento de novas covas decoradas a partir de 1895, en Francia: La Mouthe, Combarelles, Font-de-Gaume.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ripoll Perelló, Eduardo, Historia de los Descubrimientos [de la pintura rupestre], in rev. Historia 16, nº 10, febreiro 1977.
  • García Guinea, Miguel Ángel, Altamira. 1979