Hugo Obermaier

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hugo Obermaier en Pamplona, 15 de xullo de 1924

Hugo Obermaier, naceu en Regensburg (Alemaña) o 29 de xaneiro de 1877 e falecido en Friburgo (Suíza) o 12 de novembro de 1946, foi un paleontólogo e prehistoriador alemán.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo do inspector de escolas, Anton Obermaier, ordenouse como sacerdote secular en 1900, logo de terminar o seu pregrado universitario. De 1901 a 1904 estuda arqueoloxía prehistórica, xeografía, xeoloxía, paleontoloxía, etnoloxía, filoloxía alemá e anatomía humana en Viena; obtendo o doutorado cunha tese titulada Die Verbreitung des Menschen während des Eiszeitalters in Mitteleuropa (O hábitat do home durante a Idade de Xeo en Europa central). En 1908 cualificase como conferenciante na Universidade de Viena, dedicando o ano seguinte a esta actividade. En 1911 Obermaier, xunto Henri Breuil, foi designado para a cátedra vacante no recentemente fundado Instituto de Paleontoloxía Humana (Institut de Paléontologie Humaine) de París.

En España[editar | editar a fonte]

En 1914, encontrándose en España, o inicio da Primeira Guerra Mundial impídelle regresar a París, polo que permanece neste país estudando a arte prehistórica das covas da Cantabria. No 1916 publica en Madrid El Hombre Fósil e no 1918 nacionalízase español. Traballa desde 1916 no Museo Nacional de Ciencias Naturales de Madrid. En 1922 crease para el a cátedra de Historia Primitiva do Home na Universidade Central de Madrid, outorgándoselle un posto na Real Academia da Historia.

Nese mesmo ano de 1922, realiza unha viaxe á Galiza, dando unha serie de conferencias e publicando as Impresiones de un viaje prehistórico por Galicia no Boletín da Comisión Provincial de Monumentos de Ourense, t. IV (1923).

En 1936, estando en Oslo, representando a España no Congreso Internacional de Arqueoloxía Histórica e Protohistórica, coñece a situación da Guerra Civil polo que decide non volver a Madrid. En 1939 a pesar dos esforzos dos seus amigos, en especial o Duque de Alba, decide declinar o convite para ocupar de novo a súa cátedra ao saber que era reclamada por un dos seus estudantes máis capaces, o arqueólogo Julio Martínez Santaolalla.

Últimos anos[editar | editar a fonte]

Acepta entón, alegando razóns de saúde unha cátedra na Universidade de Friburgo, onde permaneceu ata a súa morte en 1946, recibindo honras da Universidade. Foi autor de textos académicos de prehistoria e outras contribucións de carácter científico en diversas publicacións.

O 23 de xuño 1951 fundouse na Universidade de Regensburg unha asociación, que desde 1956 é nomeada "Sociedade Hugo Obermaier para o estudo da Idade do Xelo e o Paleolítico" ("Hugo Obermaier-Gesellschaft für Erforschung des Eiszeitalters und der Steinzeit"), a cal se mantén ata agora activa.