Coelernos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Localización aproximada do pobo dos Coelerni ou Coelernos na provincia romana da Gallaecia.

Os coelernos[1] (latín: Coelerni) eran un pobo ou civitas galaica da Gallaecia bracarense, que tiveron o seu centro arredor do castro de Castromao, no actual concello de Celanova, no sueste da provincia de Ourense. Os termos do dominio desta tribo non están claros, aínda que debido á organización xentilicia destes pobos prerromanos se supón que os castros máis achegados ó de Castromao formarían parte desta tribo, polo que dominaría todo o baixo Arnoia (concellos de Celanova, Ramirás, Gomesende, A Arnoia, Cortegada) e contrafortes da serra do Laboreiro (Verea, Quintela de Leirado, Padrenda) limitando ao Norte co castro de Armeá (Allariz).

Fontes[editar | editar a fonte]

Os coelerni son citados en varios autores clásicos (Plinio o Vello, na súa Naturalis Historia, III, 28; Claudio Tolomeo na Geographia, II, 6, 41) e tamén en fontes epigráficas (CIL, II, 5616) e mais no importante Padrón dos pobos, estela na que se citan varios pobos galaicos, actualmente en Chaves (Portugal).

Tolomeo indica que a súa capital é Coeliobriga, actual castro de Castromao. As fontes indican que era un pobo incluído no convento xurídico bracarense.

Distribución xeográfica[editar | editar a fonte]

Para este pobo foron indicadas no pasado varias localizacións, case todas póndoo en zonas diversas dos actuais Tras-os-Montes, no nordeste do actual Portugal. Porén, en 1970, no castro de Castromao, moi preto de Vilanova dos Infantes, foi achada unha tessera hospitalitatis datada no ano 132, na que se estabelece un pacto entre os coelernos, por unha banda, que son citados expresamente e, por outra banda un prefecto da cohorte I dos Celtiberos, e máis un legado. Este documento permite identificar Coeliobriga con este castro xa que como "capital" da tribo era o lugar idóneo para gardar tan importante documento que decretaba unha relación pacífica co invasor.

Aínda que tamén ten habido intentos por vincular o nome dos coelernos, polo menos para a súa primeira parte, co da actual localidade de Celanova, estes intentos carecen de base. Celanova é un nome altomedieval, do século X, como así o indica a documentación de fundación do seu mosteiro, na que expresamente se recolle que o lugar onde se vai asentar o cenobio se chama Villare, e que agora se denominará Celanova.

A tessera de Castromao[editar | editar a fonte]

Castro de Castromao, antiga Coeliobriga, castro-capital dos coelernos.

O que se deduce con claridade da mencionada tessera, é que os coelernos viviron na zona do Castromao, é dicir, dun xeito aproximado, no que hoxe denominamos comarca de Celanova, no sur de Galiza. A tessera atopada no castro consérvase hoxe no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. O texto da Tessera Hospitalitatis é o seguinte:

G(neo) IVLIO. SERVIO. AUGURINO. G(neo) TREBIO. SERGIANO. CO(n)S(ulibus). COELERNI. EX-HISPANIA. CITERIORE. CONVENTUS. BRACARI. CVM. G ( neo). AN TONIO. AQUILO. NOVAUGUSTANO. PRAEF(ecto). COH(ortis). I. CELTIBERORUM. LIBERIS. POSTERISQUE. EIVS. HOSPITIUM. FECERUNT. G(neus). ANTONIVS. AQVILVS. CUM. COELERNIS. LIBERIS. POSTERISQUE. EORUM. HOSPITIUM. FECIT. LEGATUS. EGIT P(ublius). CAMPANIVS. GEMINVS.

Pode traducirse así:

Sendo cónsules Gneo Xulio Augurino e Gneo Trebio Serxiano, os Coelernos da Hispania Citerior e do convento bracarense, realizaron un pacto de hospitalidade con Gneo Antonio Aquilino Novaugustano, prefecto da Cohorte I dos Celtiberos, cos seus fillos e cos seus descendentes. Gneo Antonio Aquilo fixo un pacto de hospitalidade cos Coelernos, cos seus fillos e cos seus descendentes. Actuou como legado Publio Campanio Xémino.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]