Crates de Tebas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Crates de Tebas nun fresco na Vila Farnesina

Crates de Tebas, nado en Tebas no 368 a. C. e finado no 288 a. C., foi un filósofo grego discípulo de Dióxenes de Sinope e seguidor, como el, da escola cínica.

Crates foi o discípulo máis notable de Dióxenes de Sinope. O seu alumno máis famoso foi Zenón de Citio, fundador do estoicismo. Por iso considerase o nexo entre a escola cínica e o estoicismo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en Tebas no ano 368 a. C. De moi novo estableceuse en Atenas, onde coñeceu a Dióxenes. Era un cidadán de clase alta que renunciou a todo (riquezas e posición social) para abrazar ao cinismo. Como conta Dióxenes Laercio, Crates doou á cidade unha grandiosa fortuna e adoptou, xunto a súa esposa Hiparquía, a vida de mendigo que era característica dos cínicos. O seu trato coa xente era moi distinto do do seu mestre, era amable e respectuoso; chamábano "O Filántropo". Defendía os puntos de vista da escola cínica cun estilo menos agresivo que o de Dióxenes. Segundo Dióxenes Laercio, abría as portas das casas para exhortar ao seus moradores, de aí o seu outro sobrenome "O Abreportas". Outros din que era a xente a que o convidaba ás súas casas para dialogar con el e recibir o seu consello. Coa súa palabra e cos seus actos, predicaba a autarquía e a sinxeleza como único camiño para alcanzar unha vida feliz. A sinxeleza implicaba quedarse só co mínimo, desprendéndose da familia, da propiedade, dos costumes sociais e mesmo das propias opinións.

Crates tivo un discípulo, o seu cuñado Metrocles.

Segundo a tradición, tivo con Alexandre Magno unha actitude similar á de Dióxenes: cando o emperador lle preguntou se quería que reconstruíran a cidade, respondeu: «¿Para que reconstruíla?»

Obras[editar | editar a fonte]

Escribiu numerosas obras literarias, a maioría en verso. Mediante elas, nun ton por momentos humorístico e por momentos serio, buscou difundir o cinismo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • García Gual, Carlos (2002). 4. Crates, o filántropo. La secta del perro . Alianza Editorial. pp. 87. ISBN 8420677671.