Casabe de iuca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Casabe de iuca

Tipo Pan
Ingredientes
Orixe vexetal Fariña de iuca

O casabe de iuca (ou simplemente casabe) é un pan asmo (sen lévedo), crocante, delgado e circular feito de fariña de iuca. Ásase nun budare, nun comal ou nunha prancha. A súa produción e consumo remóntase a tempos prehispánicos.

A iuca ou mandioca era, xunto o millo, un dos principais cultivos da época precolombiana. Debido ás posibilidades de conservación, o casabe era unha das fontes fundamentais de alimentación dos pobos indíxenas do norte de Suramérica. Formaba parte da dieta tradicional dos pobos taínos, caribes e arahuacos, nativos do Caribe. No Brasil e no Perú denomínaselle tapioca á masa de fariña de iuca húmida, tamizada e cocida a alta temperatura.

Características[editar | editar a fonte]

O casabe foi orixinalmente producido polos pobos nativos americanos, arahuacos, taínos e caribes. Era un alimento esencial na República Dominicana, Venezuela, as Antillas Menores, Bermudas, Colombia, Cuba, Haití, Honduras, as Illas Caimán, Xamaica e Porto Rico, onde estas raíces eran dunha planta moi común nos bosques tropicais pluviosos.

O casabe constitúe o alimento ou pan principal de moitos grupos étnicos indíxenas do Oriente de Venezuela. Os pobos como os yekuana, kariña, yanomami, piaroa e warao manteñen estas tradicións.

En areas do oriente amazónico de Colombia, como no departamento de Guainía, o casabe de yuca é parte da dieta diaria para as etnias wenaiwika, kurripako, puinave, sikuani, piaroa e yeral. Ademais, elaboran coa iuca amarga elaboran mañoco (ou tapioca) ou katara (un tipo de prebe picante), que tamén forman parte da súa dieta diaria e consomen con caldos (ajicero) ou bebidas (yucuta). Tamén se utiliza para consumir en viaxes longas por non ser un produto perecedoiro, e mesmo a usan para facer pizza.

Os pobos indíxenas arahuacos, tainos e caribes confeccionaban o casabe rascando a casca da iuca cun angazo de madeira dentado con coios afiados, achas de óso, espiñas de peixe grosas ou pezas similares, incrustadas e pegadas con resina. A polpa obtida introducíase no "sebucán", especie de coadoiro feito de follas de palma entretecidas. O sebucán pendurábase dunha árbore e alí debía soportar o peso de dúas ou máis persoas sentadas nel até espremeren ben todo o yare, un líquido venenoso. Despois a masa peneirábase cun cernidor para elaborar tortas delgadas e redondas de entre uns 60 cm e 1 m de diámetro. Estas cociñábanse nun fogón sobre unha prancha chamada budare.

En Venezuela a elaboración deste alimento tradicional incorpora hoxe certa tecnoloxía, como prensas mecanizadas, máquinas para o relado ou budares para un mellor aproveitamento da calor que permitan elaborar varias tortas á vez.

Actualmente é consumido en distintas zonas do país e existen varios tipos. Cara ao sur elabórase unha variedade máis grosa e dura (chamada vulgarmente «casabe burrero») e cara aos Llanos unha variedade máis fina chamada casabe «galleta» pola súa fraxilidade. Tamén se elabora un doce cunha combinación do casabe con panela e un tipo de queixo tradicional chamado "queso de año", ao que se lle dá o nome de naiboa.

En Honduras coñécese como a comida tradicional da poboación afrodescendente, e utilízana como acompañante nos seus pratos. O resto da poboación consómea como aperitivo, cociñado no forno e aderezado con moito allo. Na actualidade é comercializado e exportado.

Tipos de raíces[editar | editar a fonte]

Hai dúas clases de raíces de iuca.

  • A iuca “doce” pode ser consumida fervéndoa previamente e logo fritíndoa en aceite (neste caso emprégase como acompañante) ou ben como parte do sancocho.
  • A iuca “amarga” ou “brava” é venenosa, polo que debe ser tratada previamente para extraerlle o cianuro. É a que se usa para facer o casabe, aínda que en menor medida tamén se pode facer coa iuca "doce".

Acompañamentos[editar | editar a fonte]

Secado de casabe burrero en Venezuela

O casabe cómese con mojito, con aceite ou con carne asada de porco. No Oriente venezolano úsase para acompañar o peixe. Tamén se pode preparar con azucre, coco, carnes, almibre, torradas con sal, lasañas, chulas, un tipo de pan e mesmo un pastel. É tradicional a expresión "A falta de pan, casabe!".

Relado da iuca nunha comunidade indíxena sanemá

As tortas delgadas e crocantes de casabe acotío pártense en anacos e cómense como galletas. Pode comerse só ou como acompañamento doutros pratos coma pan. A variedade máis grosa adoita comerse lixeiramente húmida cunhas poucas pingas de líquido, coma un pan moi suave e liso. A variedade grosa é a que se acostuma utilizar como acompañante do sancocho.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]