Budare

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Arepas de millo pelao cociñándose nun budare improvisado

O budare (ou aripo no oriente venezolano) é unha prancha circular de orixe prehispánica. É tradicional da gastronomía venezolana e está feita de ferro fundido ou arxila. Úsase para cocer ou torrar alimentos como arepas, cachapas, casabe de iuca, mañoco ou café, entre outros.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo «budare», de orixe taína, asóciase cos vocábulos «buran» e «burén».[1]

Na illa de Margarita, no estado de Nueva Esparta, os budares son un pouco máis pequenos e delgados. Reciben o nome de «aripos», vocábulo cumanagoto[1] do cal se cre que deriva o termo «arepa».

Un dos rexistros históricos destes termos atópase na obra do século XVI Viaje y descripción de las Indias, de Galeoto Cey:[1]

Unha vez exprimida a reladura da iuca, sácana destes recipientes ou "sebucanes", que queda como aserrín, e sobre o lume teñen torteiras de terra, grandes como unha rodela, que nas Indias chaman aripos ou burenes.
Galeoto Cey

Así mesmo, consérvase outro rexistro na obra El Orinoco ilustrado y defendido, do misioneiro xesuíta Joseph Gumilla:[1]

Amoreado o aserrín da iuca vinte e catro horas, toma punto como a masa de trigo, e entón, nuns ladrillos delgados e anchos, que chaman budare, debaixo dos cales arde o lume, van tendendo aquela masa feita torta
Joseph Gumilla

Características e usos[editar | editar a fonte]

A forma actual do budare desenvolveuse no século XVIII.[1] Os budares modernos son de ferro, aceiro ou aluminio. Con frecuencia reciben un tratamento chamado «curado» ou «curación» para que os alimentos non se adhiran demasiado á súa superficie. Unha alternativa máis moderna aínda é o budare revestido de teflón.

Para cociñar o casabe e o mañoco úsanse budares moi grandes, de 80 cm ou máis de diámetro. Estes colócanse directamente sobre o lume de leña.

Instrumentos similares[editar | editar a fonte]

En México e algúns países de América Central existe un utensilio similar, o «comal».[1] Así mesmo, na Amazonía do Perú existe unha versión chamada «blandona».

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Moreno, Víctor (9 de setembro de 2016). "El budare". Consultado o 2022-02-04.