Terceira batalla do cabo Fisterra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Representación da Batalla do cabo Fisterra de 1805, cadro de William Anderson.

A Batalla do cabo Fisterra de 1805, ou Terceira batalla do cabo Fisterra, foi un enfrontamento naval producido o 22 de xullo de 1805 preto do Cabo Fisterra no marco das Guerras Napoleónicas. Nesta batalla enfrontáronse a Armada Real Británica comandada polo vicealmirante Robert Calder e unha flota franco-española dirixida polo almirante francés Pierre Charles Silvestre de Villeneuve.

Contexto[editar | editar a fonte]

A Paz de Amiens de 1802 (que puxera fin á guerra entre Gran Bretaña e a Primeira República Francesa) chegou ó seu fin cando Napoleón Bonaparte invadiu o Piemonte, provocando que Gran Bretaña declarase de novo a guerra con Francia o 18 de maio de 1803.

Napoleón quería invadir e conquistar Inglaterra para rematar co bloqueo naval británico. En 1805 había un exército de 150.000 homes destinado á invasión que agardaba acampado na cidade de Boulogne-sur-Mer. Se este exército cruzaba a canle da Mancha, había moitas posibilidades de vitoria fronte a unha forza inglesa mal adestrada e pouco equipada. O plan era que a flota francesa fuxira dos bloqueos navais británicos sobre o porto bretón de Brest e o porto provenzal de Toulon, para despois dirixirse cara as Indias Occidentais. Alí o obxectivo sería atacar intereses británicos das colonias para atraer ós navios ingleses, e a continuación partir dende Martinica cara a Irlanda, promover a rebelión nesa illa, e despois atacar pola retagarda ás defensas costeiras da Canle, facendo posible que os exércitos franceses entrasen de xeito sinxelo en Gran Bretaña.

Sir Robert Calder.
Pierre Charles Silvestre de Villeneuve.

Villeneuve partíu de Toulon o 29 de marzo de 1805 con 11 navíos de liña, 6 fragatas e 2 bergantíns, evitando o 8 de abril ó almirante Horatio Nelson, que bloqueaba o estreito de Xibraltar. En Cádiz uníronselle outros 6 navíos de liña españois, e a flota conxunta navegou cara o mar Caribe, chegando a Martinica o 12 de maio. En tanto, Nelson permaneceu no mar Mediterráneo atrapado polos ventos do oeste, e non puido cruzalo estreito de Xibraltar ate o 7 de maio, chegando ó Caribe o 4 de xuño, concretamente á illa Antiga.

Villeneuve agardaba en Martinica a que chegase a flota de Ganteaume, que tiña que chegar dende o porto de Brest, pero ésta quedara bloqueada polos ingleses, e non apareceu. O 7 de xuño Villeneuve soubo da chegada de Nelson a Antiga, e 4 días despois partíu cara a Europa. A flota franco-española chegou o 9 de xullo ó cabo Fisterra, atopando ventos de nordés que fixeron imposible a súa entrada no mar Cantábrico ate o 22 de xullo.

A batalla[editar | editar a fonte]

O vicealmirante Sir Robert Calder, que mantiña bloqueados o portos de Ferrol e Rochefort, recibiu o 19 de xullo a noticia da presenza de Villeneuve en Fisterra, e a orde de partir cara aló para interceptalo. As dúas flotas atopáronse pola mañá do día 22 de xullo de 1805.

Calder tiña baixo as súas ordes 15 navíos de liña, 2 fragatas e 2 buques menores. Pola súa banda, Villeneuve contaba con 20 navíos de liña, 7 fragatas e 2 bergantíns. A acción bélica comezou sobre as 5 da tarde con pouca visibilidade, e tivo que ser interrompida sobre as 8 e media para seguir ó día seguinte. Á primeira hora do 23 de xullo, entre as dúas flotas había unha separación de 27 quilómetros. Calder consideraba que os franceses eran mais fortes, e tiña medo de que se reforzasen cos navíos desbloqueados dos portos de Ferrol e Rochefort, de xeito que decidiu non seguilo combate e coller rumbo cara o norte. O 24 de xullo o vento cambiou e puxo ós franco-españois en disposición de atacar dende barlovento con superioridade, pero Villeneuve decidiu non facelo, e virar cara o sur.

O 1 de agosto Villeneuve chegou á Coruña, e recibiu ordes de Napoleón de dirixirse ós portos de Brest e Boulogne-sur-Mer. Crendo algúns informes falsos sobre a superioridade da flota inglesa no golfo de Biscaia, Villeneuve virou cara Cádiz chegando aló o 21 de agosto.

Consecuencias[editar | editar a fonte]

A batalla considérase unha derrota das forzas combinadas, na que 15 navíos ingleses se enfrontaran con 20 navíos franco-españois capturando 2 deles. Polo bando británico morreron 39 homes e 159 foron feridos, mentres que polo bando combinado houbo 476 baixas entre mortos e feridos. Villeneuve fracasou na súa misión de desembarcar en Irlanda, mentres que o exército de Napoleón agardaba en Boulogne-sur-Mer inútilmente.

Non obstante Calder foi xulgado en consello de guerra por fuxir do combate nos días 23 e 24 de xullo, e nunca volveu a servir na flota británica.

Napoleón tivo que abandonar a súa idea de invadir Gran Bretaña, e o exército invasor pasou a colaborar no frente austríaco e ruso.

Villeneuve e a súa flota combinada agardaron en Cádiz durante dous meses ata que partiron cara unha nova batalla, a Batalla de Trafalgar, producida o 21 de outubro de 1805, na que foron derrotados pola flota mediterránea de Horatio Nelson.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]