Arquiveiros sen Fronteiras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Arquiveiros sen Fronteiras
Logo
Tipoorganización e asociación profesional
Campo de traballoarquivística
Data de fundación10 de maio de 1998
SedeBarcelona
PaísEspaña
Na rede
http://www.arxivers.org
Facebook: arxiverssensefronteres Twitter: ArxiversSF Instagram: arxiverssf LinkedIn: arxivers-sense-fronteres-archiveros-sin-fronteras Youtube: UCwAzAb6zPC2LbjN17quWSEw Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Arquiveiros sen Fronteiras -AsF- é unha organización non gobernamental de carácter internacional, membro do Consello Internacional de Arquivos -CIA-, constituída e rexistrada en Barcelona en 1998, con sede nesta cidade. A organización naceu co obxectivo de cooperar e loitar pola defensa dos dereitos individuais dos cidadáns e cidadás e os dereitos colectivos dos pobos, fomentando a solidariedade nos eidos da arquivística, o patrimonio documental e a recuperación da memoria histórica. Dende 1992 forma parte da rede Arquiveiros sen Fronteiras Internacional.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Sesións de Arquivos e Dereitos Humanos: presentación do proxecto do Arquivo da República Árabe Saharauí Democrática -RASD-

Arquiveiros sen Fronteiras é unha organización sen ánimo de lucro, nada en Barcelona o 1 de maio de 1998 a partir das inquedanzas dun pequeno grupo de arquiveiros e arquiveiras cataláns que creron que a solidariedade e a cooperación non podían ser alleas á súa profesión, debido a que esta está baseada nos valores da identidade, memoria, dereito á información e defensa dos dereitos humanos. A experiencia no terreo da cooperación dunha boa parte do núcleo orixinario de arquiveiros non era pouca: en 1997 viñan de participar –a título persoal e co apoio de diversas institucións- nun conxunto de proxectos encamiñados aos concellos das cidades de Malabo, Baney, Luba, Rebola e Riaba, en Guinea Ecuatorial, para mellorar as necesidades básicas dende o punto de vista administrativo, nun clima de posguerra e de transición á democracia. Unha vez creada a organización, AsF entrou a formar parte do Consello Internacional de Arquivos, e está encadrada dentro das pólas territoriais do ALA -América Latina-, EURBICA -Países europeos- e a sección da SPA -Asociacións Profesionais de Arquiveiros e Xestores de Documentos-.

Membros, obxectivos e ámbito de actuación[editar | editar a fonte]

Arquiveiros sen Fronteiras está formada maioritariamente por arquiveiros e arquiveiras que empregan os seus coñecementos e experiencia no conxunto de tarefas que garanten ás persoas o dereito á súa identidade e en preservar a memoria histórica da sociedade á que pertencen, como a axuda a institucións ou entidades que por circunstancias ambientais, políticas, económicas e/ou sociais non teñen a súa documentación organizada e correctamente tratada para a súa consulta e, así mesmo, ben preservada como un valor do patrimonio documental.

AsF ten outros membros adheridos que non son arquiveiros, pero que aínda así queren asociarse á organización porque están interesados no patrimonio documental e nos arquivos. Tamén entidades, institucións, empresas ou similares -públicas e privadas- apoian e promoven as accións que AsF leva a cabo, como a Asociación de Arquiveiros de Cataluña –AAC-. Así mesmo, a organización pode distinguir persoas destacadas como membros honorarios.

Os seus obxectivos son:

  • Protexer a identidade e a memoria histórica dos pobos no contexto da diversidade cultural. Colaborar na preservación dos arquivos e do patrimonio documental naquelas sociedades que se atopan inmersas nun importante risco de perda da súa documentación.
  • Impulsar plans de cooperación no eido da xestión documental e dos arquivos coas administracións públicas de países en vías de desenvolvemento como unha das políticas de fomento e modernización da organización administrativa destas institucións.
  • Promover e velar pola conservación dos arquivos xa que dan garantía á cidadanía do exercicio dos seus dereitos, dado que os documentos aportan as probas e os testemuños documentais da identidade das persoas, do recoñecemento dos seus bens e das actividades e relación que teñen mantido cos organismos públicos.
  • Impulsar o dereito de acceso dos cidadáns e cidadás aos arquivos das institucións públicas e fomentar a transparencia administrativa dos organismos públicos como un dereito inherente aos réximes democráticos.
  • Promover a formación de arquiveiros e arquiveiras naqueles lugares onde a falta de recursos impide formar a profesionais especializados en arquivística, de acordo cos coñecementos e a doutrina arquivística internacional.
  • Cooperar coas entidades e as asociacións do ámbito dos arquivos e o patrimonio documental e, así mesmo, con aquelas entidades relacionadas coa defensa dos dereitos humanos.
  • Fomentar as relacións humanas e solidarias entre os arquiveiros de todo o mundo.

A protección da identidade e a memoria histórica dos pobos no contexto da diversidade cultural é o punto máis relevante. O feito de que o coidado do patrimonio documental en perigo por factores humanos -sobre todo guerras- ou ambientais -catástrofes naturais- sexa o máis sinalado vén dado pola necesidade de actuación inmediata ante a perda irreparable que provén dunha actuación serodia. O eido preferente de actuación son todos aqueles países onde se producen situacións prexudiciais e de risco para o patrimonio documental dunha comunidade, en contextos de transición política e/ou conflito social que requiran unha ordenación e preservación da documentación para garantir os dereitos das persoas.

Desenvolvemento e formato dos proxectos[editar | editar a fonte]

Os primeiros pasos que seguiron á creación de AsF centráronse en cuestións prácticas arredor da organización interior, o seu financiamento, a difusión e a programación de actividades, así coma o estabelecemento de contactos con outras organizacións non gobernamentais, non necesariamente adicadas aos arquivos ou á xestión da información, para estudar posibles liñas de colaboración de carácter transversal.

Máis adiante, con todos, AsF orixinou diversos proxectos solidarios nos que ten colaborado e colabora a día de hoxe coa achega da experiencia dos seus membros. As actuacións do voluntariado céntranse no eido da organización dos arquivos e a información en dúas vertentes: a primeira, dende un punto de vista máis estritamente técnico, e a segunda, na vontade de estimular a inquedanza pola conservación da memoria histórica, entendida coma peza fundamental na conformación da identidade colectiva dos países en vías de desenvolvemento económico e cultural.

No transcorrer da primeira década de vida (1998-2008), a organización ten visto como a envergadura das súas actuacións -cun crecemento continuado e un aumento das demandas sociais de cooperación- fai inevitable o plan e a aceptación da modificación dos seus estatutos iniciais, en pro dunha mellor xestión a nivel internacional e unha superior capacidade organizativa. Así pois, hoxe en día a asociación ten sobre a mesa un proxecto de reorganización interna -tanto para a sede central coma para as diversas seccións en todo o mundo-.

Proxectos[editar | editar a fonte]

Proxecto de dixitalización dos fondos históricos do Arquivo da Sociedade de Beneficencia dos Naturais de Cataluña en La Habana Cuba.

Primeiras accións[editar | editar a fonte]

  • AsF ten levado a cabo actuacións nos concellos de Malabo, Luba, Riaba, Rebola e Baney -Guinea Ecuatorial- consistentes na organización dos fondos administrativos dos municipios nomeados (1997-1999) e do fondo histórico do Concello de Malabo (1999) así coma a dotación de aparellos informáticos e a creación de dúas aulas informáticas (2000-2002). A cooperación con este país continuou co plan de recuperación da historia oral dos refuxiados e refuxiadas políticos da Guinea Ecuatorial (2003).
  • Co obxectivo de poñer orde no Arquivo da Comunidade Urbana de Niamey, Níxer, AsF tamén se ocupara da organización nos seus primeiros tempos de existencia (1998). Noutro país africano, Mozambique, a ONG tamén ten posto en marcha un plan para o estudo de prospección da documentación municipal conservada en Ilha Ibo, na provincia de Cabo Delgado (2007-...).
  • Dende o ano 2006 ata hoxe en día, AsF leva adiante a tarefa de organizar o arquivo nacional do pobo saharauí no exilio, polo que a organización ven facilitando cursos formativos de arquivística, sendo eses froitos aplicados no Arquivo Nacional da República Árabe Saharauí Democrática.
  • A organización participa nun proxecto na Comuna Urbana de Fez, Marrocos, dende o ano 2004, que persegue a estruturación dos fondos documentais administrativos e históricos, así coma o acondicionamento dos seus depósitos.

América Latina[editar | editar a fonte]

  • Na América Latina, AsF ten cooperado con países coma Nicaragua e O Salvador, cun plan baseado no ofrecemento de material e cursos formativos para arquiveiros de eido municipal (2002-2004). Así mesmo, en Colombia, AsF levou a cabo a organización do arquivo da Alcaldía Maior de Bogotá (1998-2004), e en Ecuador puxo orde no Arquivo Municipal de Otavalo e no Arquivo Diocesano de Riobamba (2006), que custodia o fondo documental persoal de monseñor Proaño, o chamado bispo dos indios, figura esencial da teoloxía da liberación e do movemento indíxena.
  • En Guatemala, AsF uniuse á recuperación do Arquivo da Policía Nacional (2007).
  • Na Arxentina, a asociación tamén ten colaborado na creación dun arquivo, centro de documentación, biblioteca e centro de interpretación clamado Solar do Che, co obxectivo de recoller as fontes orais da familia Guevara-Lynch na rexión de Misiones (2003-2004). Neste mesmo país, AsF ten participado na busca da Cédula Real sobre a propiedade do territorio da comunidade dos indios Quilmes (2004), documento necesario para a antedita sociedade para demostrar ante a lei a posesión das terras onde habitan.
  • En canto o traballo de AsF no Brasil, a asociación ten impartido un curso de formación para os arquiveiros da Comisión Pastoral da Terra (2003), un grupo que apoia aos movementos xurdidos polas problemáticas xeradas polo repartimento das terras. Neste mesmo país a ONG conseguiu un dos seus obxectivos máis importantes: a organización, microfilmación e dixitalización do arquivo persoal do bispo catalán Pedro Casaldáliga (2000-2004) antes de que a Igrexa o levara ao Vaticano. Este fondo posteriormente foi ofrecido ao Arquivo Nacional de Cataluña.
  • Así mesmo dentro dos proxectos postos en marcha nos países de América Latina e un dos máis sinalados dende a creación da asociación é o da recuperación dos arquivos e documentos das ditaduras militares do Cono Sur (2006-…). Un exemplo deste plan é o levado a cabo na capital de Paraguai, Asunción, onde AsF ten impartido cursos de formación para os traballadores e traballadoras do Centro de Documentación e Arquivo para a Defensa dos Dereitos Humanos. Esta entidade garda o arquivo da policía militar do xeneral Stroessner -quen tivo unha participación importante na operación Cóndor-. Tamén chamado o arquivo do terror, o fondo foi dixitalizado no ano 2007.
  • Xunto con AsF-Perú colabórase coa Fundación Salvador Allende co obxectivo de organizar, catalogar e dixitalizar os carteis que conserva esta institución de Santiago de Chile.

Europa[editar | editar a fonte]

  • Outro importante resultado das accións de AsF é a intervención conxunta coa organización Paz Agora en Saraxevo e Banja Luka despois da guerra dos balcáns, na que se ofreceron varios cursos formativos tanto aos traballadores e traballadoras do Arquivo Nacional de Bosnia-Herzegovina coma aos dos arquivos municipais desa república (2000-2002 ; 2004).
  • A historia de Cataluña tívose tamén en conta nos proxectos da organización: a vontade de recoñecer o exilio posterior á guerra civil contextualiza a prospección de fondos documentais dos casals cataláns en varios países da América Latina (2006-…). Así mesmo, AsF ten asinado un convenio de colaboración coa Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Cataluña (2004), a fin de colaborar nas actividades de busca de información e documentación nos arquivos e outros centros de investigación.

Accións de sensibilización[editar | editar a fonte]

  • Dun carácter máis ben práctico e divulgativo foi o proxecto Barcelona coopera (2001), no que a asociación ten contribuído á creación dun portal web para ONGs da cidade condal, co fin de estabelecer un plan de comunicación entre as diferentes iniciativas de cooperación internacional.
  • Particípase tamén na creación do grupo de traballo Arquiveiros Solidarios, vencellado á Sección de Asociacións Profesionais do CIA, coa vontade de colaborar nas actuacións de cooperación e solidariedade que se realizan en todo o mundo no eido da arquivística. Aínda que poida parecer que traballen no mesmo terreo, o feito é que as dúas organización compleméntanse: o proxecto solidario do CIA proporciona información sobre financiamento, persoal, infraestruturas, mentres AsF é unha organización máis operacional.
  • Dende o seu nacemento, AsF ven organizando diversas xornadas e seminarios, os cales se teñen convertido nun lugar de encontro para os e as profesionais dos arquivos sensibilizados co mundo da cooperación, un espazo de difusión dos proxectos desenvolvidos e tamén un foro de encontro e intercambio de experiencias entre o persoal técnico de arquivos de países onde se están a realizar os proxectos de cooperación.
  • Do mesmo xeito, AsF adopta tamén o papel de invitada a xornadas e seminarios. Ao longo da súa existencia ten participado en varias conferencias, xa sexan de asociacións relacionadas coa arquivística coma outras do mundo da cooperación internacional. En todas elas, AsF ven mostrando as actuacións desenvolvidas, as súas experiencias e as competencias e conviccións que empurraron aos seus voluntarios e voluntarias a actuar. Como exemplo, entre moitos outros, particípase no Seminario Internacional Verdade, Xustiza e Reparación fronte á impunidade dos crimes de estado (Barcelona, febreiro 2007), evento organizado pola ONG Entrepueblos, ou a presenza nas Xornadas para a Creación dunha Comisión da Verdade e a Xustiza en Alxeria (Barcelona, novembro 2006), preparadas conxuntamente co SODEPAU, o Centro de Traballo e Documentación e desafectos.

Respecto do tipo de proxectos que dirixe AsF, estes apostan sobre todo pola contribución, por parte dos seus membros, dos coñecementos e metodoloxía arquivística que permitan organizar a documentación dunha institución no transcorrer do ciclo de vida dos seus documentos -xa sexa dende a definición e posta en funcionamento de sistemas de xestión documental nas administracións, ata a organización da documentación histórica-. Así mesmo, os proxectos de AsF tamén consisten no ofrecemento dunha formación básica e especializada para profesionais da arquivística naqueles países onde o acceso a esta formación é dificultoso.

Tense que engadir, no derradeiro lugar, que as tarefas que dirixe AsF integran, na medida do posible, as novidades que proporcionan as TIC nos seus traballos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. ALBERCH, Ramon; CARBONELL, Pilar; COROMINAS, Mariona; MARTÍNEZ, M. Carme; RONCERO, Maria Fèlix; SABALL, Ramon; UREÑA, Laura. (2003).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ALBERCH, Ramón; CARBONELL, Pilar ; COROMINAS, Mariona ; MARTÍNEZ, M. Carmen ; RONCERO, María Félix ; Saballs, Ramón; UREÑA, Laura. (2003). " Archiveros sin Fronteras, una apuesta por la solidaridad archivística internacional". Ligall. Revista Catalana d'Arxivística (Barcelona), núm. 21, pp. 303–338.
  • CANYELLES VILAR, Nuria ; GARCIA y PUIG, Alfred. (2006) " archivista sans Frontières : un pare pour la solidaridad te la Coopération professionnelle internationale ". Arbid. Revista electrónica de la Association des Bibliothèques te Bibliothécaires Suisses, de la Association des archivista Suisses y de la Association Suisse de Documentation (Fribourg, Suíza). [consulta : 29 de novembro de 2008].

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]