Eratóstenes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Eratosthenes.jpg

Eratóstenes (Ερατοσθένης), nado no ano 276 a.C. e finado no 194 a.C., foi un matemático, xeógrafo e astrónomo grego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nado en Cirene, na actual Libia, estudou en Alexandría e posteriormente en Atenas. Tivo como mestres a Aristón de Quíos, a Lisanias de Cirene e ao poeta Calímaco e foi grande amigo de Arquimedes. Dende o 236 a.C. dirixiu a Biblioteca de Alexandría a petición do faraón Ptolomeo III.

A Erastóstenes atribúeselle a invención da esfera armilar, que se empregou ata o século XVI, e coa que determinou a oblicuidade da eclíptica. Eratóstenes determinou tamén que o intervalo entre os trópicos eran os 11/83 da circunferencia enteira, o que resultaba para esa oblicuidade 23º 51' 19", cifra que posteriormente adoptaría Ptolomeo, aínda que segundo algúns historiadores Eratóstenes obtivo un valor de 24º, e sería Ptolomeo quen modificara o resultado.

Despois de ler un informe sobre Siena, cidade a 800 km ao sueste de Alexandría, no que se dicía que os raios solares ao caeren sobre unha vara vertical ao mediodía no solsticio de verán (21 de xuño) non producía sombra, Eratóstenes realizou observacións en Alexandría o mesmo día á mesma hora e descubriu que a luz do Sol incidía verticalmente nun pouco de auga o mesmo día á mesma hora. Con isto supuxo correctamente que, se o Sol estaba a grande distancia, os raios solares debían chegar á terra en forma paralela se era plana e non debía haber diferenzas entre as sombras proxectadas polos obxectos á mesma hora do mesmo día, independentemente de onde se atopasen. Pero si había esas diferenzas, polo que deduciu que a terra non era plana e utilizando a distancia coñecida entre as dúas cidades vai calcular a circunferencia da terra en 252 estadios (40.000 km).

Eratóstenes foi o inventor da xeografía científica, recolleu os coñecementos esparexidos en numerosas obras de viaxeiros e cronistas para compoñer a obra Geographika, que non se conserva máis que fragmentariamente, dividida en tres volumes: o primeiro falaba dos seus predecesores e expuña as investigacións que se realizaran sobre a forma da Terra, que el cría unha esfera inmóbil; o segundo falaba da xeografía física; e no último libro falaba de xeografía política, no que se incluían as descricións das rexións coñecidas, que tomou dos relatos de viaxeiros e xeógrafos precedentes.