Saltar ao contido

Usuario:Piquito/Portal:Galicia/Concello destacado/Arquivo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aquí están todos os concellos destacados no portal Galicia:

Lugo é unha cidade galega, capital da provincia de Lugo e da comarca homónima. Fundada no ano 25 a.C. por Paulo Fabio Máximo, é unha cidade de orixe romana e a máis antiga de Galicia. Construída nas proximidades dun castro, na época romana recibiu o nome de Lucus Augusti. Son testemuña dos seus primeiros anos de historia os numerosos restos romanos, moitos deles conservados no Museo Provincial, e sobre todo a Muralla Romana, única no mundo que conserva todo o seu perímetro e declarada Patrimonio da Humanidade no ano 2000.

Ao longo da súa historia ocorreron tanto épocas de abandono como importantes momentos na historia do país, dende a xuntanza no ano 842 dun grande exército galego para conquistar Oviedo e entronizar a Ramiro I como primeiro rei da dinastía galega, ata o pronunciamento do Coronel Miguel Solís, que daría comezo á Revolución Galega de 1846.

Xeograficamente, a cidade atópase situada nun outeiro, nas terras do Alto Miño, e circundada polo propio río Miño, ademais doutros máis pequenos como o Mera. O concello, incluído na Reserva da Biosfera "Terras do Miño", é o segundo máis extenso de Galicia, e no que no ano 2014 habitaban 98.560 persoas, o que supón que sexa o cuarto de Galicia en poboación despois de Vigo, A Coruña e Ourense.

O xentilicio dos habitantes de Lugo é lucense ou tamén lugués. Lugo é unha cidade comercial e de servizos, cun campus universitario especializado en Ciencias Agrarias (Veterinaria, Montes...). Destacan tamén as populosas festas realizadas na cidade como o Arde Lucus, que relembra o pasado romano e castrexo da cidade, e o San Froilán, que cada ano atrae á cidade do 4 ao 12 de outubro a máis dun millón de visitantes.


Pontedeume é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca do Eume, comarca da cal é a súa capital. O seu xentilicio é eumés/eumesa. É un concello pequeno (29,3 km²) que en 2014 tiña unha poboación de 8 117 habitantes cunha alta densidade de poboación (277 hab./km²). Está situado no Golfo Ártabro, no fondo da ría de Ares. Limita ao norte coa ría de Ares e o concello de Cabanas, ao leste co concello de Monfero, ao sur cos concellos de Vilarmaior e Miño, e ao oeste coa ría de Betanzos. Pontedeume está nas proximidades das cidades da Coruña (38 Km) e Ferrol (18 Km), e preto de Betanzos (26 Km) e As Pontes (31 Km).

O nome do concello fai referencia á ponte sobre o Eume. Sobre o topónimo do río, o historiador Luís Monteagudo García considera que o término Eume deriva de Uma, xentilicio etrusco que designaría ao Procurator metallorum do val do Eume e a súa zona aurífera. É dicir, o topónimo viría do nome do procurador responsábel das extraccións auríferas no val do Eume, xa que, segundo algúns historiadores, o Eume era un río aurífero.

O 30 de decembro de 1270, Pontedeume obtivo a súa Carta-Póboa, que instaba aos veciños de Pruzos e Bezoucos a fundaren unha vila no lugar da Ponte Deume.

A vila de Pontedeume é unha das poucas poboacións galegas que conserva o seu centro histórico. As súas rúas e prazas manteñen moitos elementos tradicionais como os soportais, as casas con balcóns de madeira e galerías acristaladas, as fontes públicas e un gran número de edificios monumentais. Todo isto, unido a unha gran riqueza paisaxística e natural na súa contorna, fixo que en 1971 a comarca eumesa fose declarada Conxunto histórico e paraxe pintoresca. Pontedeume é un importante destino turístico, no seu territorio está un dos portais de acceso e o Centro de Interpretación do Parque Natural das Fragas do Eume. Por Pontedeume pasa o Camiño de Santiago, o Camiño Inglés.


A Coruña é unha cidade situada no noroeste de Galicia e bañada polo océano Atlántico, nas rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Despois de Vigo, A Coruña é o segundo concello máis poboado; contaba no ano 2015 con 243 870 habitantes, fronte aos 294 098 habitantes do de Vigo.

A cidade é sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, da Delegación do Goberno en Galicia, da Real Academia Galega, do Arquivo do Reino de Galicia e da Forza Loxística Operativa. Dende 1563 foi sede da Real Audiencia de Galicia (permanentemente dende 1612) e foi capital de Rexión Militar ata a súa desaparición en 2002.

O seu emprazamento é privilexiado, xa que se ergue sobre un promontorio na entrada dunha ría nun amplo golfo, o Portus Magnus Artabrorum dos xeógrafos clásicos. O centro da cidade espállase sobre unha península unida a terra firme por un estreito istmo, no que presenta dúas fachadas marítimas distintas: a portuaria (cara á ría da Coruña), de augas tranquilas, e outra de mar aberto, cara á enseada do Orzán, onde se atopan as praias urbanas de Riazor e o Orzán.

Unha das características máis notables que identifican A Coruña constitúena as múltiples e variadas galerías ou miradoiros que presentan nas súas fachadas numerosas casas do século XIX, que deron á Coruña o sobrenome de Cidade de Cristal, sen esquecer as súas numerosas praias, así como o contorno rural, que ofrece múltiples posibilidades de lecer.


Usuario:Piquito/Portal:Galicia/Concello destacado/4

Usuario:Piquito/Portal:Galicia/Concello destacado/5

Usuario:Piquito/Portal:Galicia/Concello destacado/6

Usuario:Piquito/Portal:Galicia/Concello destacado/7

Usuario:Piquito/Portal:Galicia/Concello destacado/8

Usuario:Piquito/Portal:Galicia/Concello destacado/9

Usuario:Piquito/Portal:Galicia/Concello destacado/10