Cultura Kurgan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Kurgan")
Expansión da cultura Kurgan.
Mapa das expansións europeas entre o 4000 e o 1000 antes de Cristo.

A cultura Kurgan foi unha hipotética cultura neolítica nómade e gandeira, desenvolvida cara ao V milenio antes de Cristo en adiante nas chairas situadas ó nordeste do mar Negro e nos lugares cara os que se expandiu. A hipótese da existencia desta cultura creouna Marija Gimbutas, e nela combina arqueoloxía e lingüística para situar a sede orixinaria dos pobos falantes do protoindoeuropeo (PIE).

É a primeira cultura indoeuropea, e polo tanto, a polémica en séculos pasados causada pola Urheimat (patria ancestral dos indoeuropeos), é establecida segundo as hipóteses de Gimbutas nas chairas meridionais rusas, entre o nordeste do mar Negro e o noroeste do mar Caspio, acoutada polo sur polo Cáucaso.

Descubrimento[editar | editar a fonte]

A arqueóloga lituana Marija Gimbutas escava as chairas meridionais de Rusia e descobre unha cultura que corresponde ós datos da arqueoloxía lingüística, e chámaa cultura Kurgan polos enterramentos en túmulos que se atoparon (kurgan significa en ruso túmulo.

Sociedade[editar | editar a fonte]

Trátase dunha sociedade gandeira, con animais domesticados coma a vaca, o porco ou o cabalo. A grande expansión da cultura Kurgan débese a que nela tiña unha enorme importancia a clase guerreira. Os xefes eran enterrados en grandes túmulos. Xa coñecían a roda, polo que o combate o facían en carros, o cal lles daba vantaxe sobre outras culturas do seu tempo.

Adoraban os deuses dun panteón eminentemente masculino. Adoraban un deus supremo, do ceo, en contraposición da deidade suprema da cultura da Vella Europa, a deusa da terra.

Historia[editar | editar a fonte]

A cultura Kurgan desenvólvese cara ao V milenio a.C. e, froito da súa capacidade expansiva, acada as zonas danubianas e balcánicas centroeuropeas cara ao ano 4400 a.C. A maior expansión prodúcese no IV milenio a.C.: durante este período acada a Transcaucasia e parte de Europa, cara ao 3500 a.C. Cara ao 3000 a.C. produciuse unha nova expansión cara as rexións bañadas polo mar Exeo.

Esta cultura irá absorbendo pouco a pouco a cultura da vella Europa, presente en gran parte de Europa xa dende antes da expansión kurgan.