Selección feminina de hóckey sobre xeo de España

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Federación
Real Federación Española de Deportes de Hielo
Seleccionador
Harry Rosenholtz
Último título
Máis partidos
Elena Álvarez Jimenez e Cecilia Lopez: 109
Máis puntos
Ainhoa Merino: 229
Clasificación IIHF
24
Estrea internacional
Baviera 10–1 España España
(Cergy, Francia; 21 de maio de 2009)
Maior vitoria
España España 31–0 Irlanda
(Sofía, Bulgaria; 19 de marzo de 2011)
Maior derrota
Baviera 10–1 España España
(Cergy, Francia; 21 de maio de 2009)

A selección feminina de hóckey sobre xeo de España é o equipo que representa a España nas competicións internacionais de hóckey sobre xeo en categoría feminina. En 2023, a IIHF publicou a clasificación mundial de seleccións, na que España ocupou o 24º posto, oito postos por riba da selección masculina.

O equipo debutou en 2009 nun torneo amigable disputado en Cergy (Francia), e en competición oficial no Campionato do Mundo 2011 - Division V, no que finalizou na segunda posición. En 2018 ascendeu ao cuarto nivel do Campionato do Mundo, a Division II A.

Historia[editar | editar a fonte]

Inicios[editar | editar a fonte]

Se ben as primeiras referencias ao hóckey sobre xeo en España datan da década de 1920, disputándose o primeiro partido da modalidade en Madrid o 30 de outubro de 1922,[1][2] o hóckey sobre xeo feminino non comezou a súa andaina en España ata o ano 2008, cando se disputou a primeira edición da Liga Nacional Femenina entre outubro dese mesmo ano e febreiro de 2009,[3] así como a Copa de España.[4]

Entre o 21 e o 24 de maio de 2009 a selección española feminina participou no XVI Torneo Internacional feminino de Cergy (Francia), o que supuxo o debut en competición internacional do hóckey sobre xeo feminino español. No torneo, organizado polo Hockey Club Cergy Pontoise, o combinado español enfrontouse aos equipos de Bélxica, Baviera (Alemaña), Grefrath (Alemaña), Collège Les Lynx d’Edouart Montpetit (Canadá) e Cergy (Francia). O equipo foi dirixido por Sylvain Humeau, quen convocou ás seguintes xogadoras:[4]

Porteiras
Defensas
Atacantes

España debutou o 21 de maio fronte o equipo de Baviera, contra o que perdeu por 10-1. A autora do primeiro gol do equipo español foi Ainhoa Merino a pase de Julia Fouz.[5] Con todo, o día seguinte o equipo conseguiu a súa primeira vitoria fronte o equipo alemán do Grefrath (4-0) con tres goles de Andrea Peralta e un de Alejandra Rodríguez.[6] España finalizou o torneo na derradeira posición, cunha única vitoria, nove goles a favor e 26 goles en contra. A participación do equipo foi ben valorada no seo da Real Federación Española de Deportes de Hielo, xa que "puideron xogar de ti a ti contra deportistas dunha categoría moi superior", en palabras do vicepresidente da federación Frank González.[7]

Ese mesmo ano a selección española debía ter debutado na Division V do Campionato do Mundo en Gdańsk (Polonia),[8] mais o torneo foi cancelado.[9]

Os anos na quinta categoría[editar | editar a fonte]

España debutou en competición oficial no Campionato do Mundo 2011 - Division V celebrado en Bulgaria. Para preparar a cita mundialista as xogadoras dirixidas por Sylvain Humeau participaron na "2011 Women Erzurum Cup" disputada na cidade de Erzurum (Turquía) entre o 3 e o 9 de xaneiro de 2011.[10]

As xogadoras españolas debutaron cunha contundente vitoria fronte o equipo turco (7-0) con goles de Vanessa Abrisqueta, Clara Hernández, Laura Alvarado, Lorena Ortuño e Alejandra Rodríguez, estas dúas últimas con dous goles cada unha.[11] Logo de repetir resultado fronte ás anfitrioas,[12] o equipo español se enfrontou a Polonia co ascenso en xogo, mais un gol na prórroga de Karolina Pozniewska en superioridade para as polonesas privou do ascenso ás xogadoras de Humeau, que dominaron durante boa parte do partido.[13] O derradeiro partido fronte a Irlanda (14-0) foi un simple trámite para confirmar o segundo posto das españolas en Sofía.[14] Entre as xogadoras españolas salientou Vanessa Abrisqueta, que foi nomeada mellor defensora do campionato.[15]

O Campionato do Mundo 2012 - Division II B disputado no mes de marzo na cidade de Seúl (Corea do Sur) non comezou ben para o equipo español, que cedeu novamente ante as xogadoras polonesas (3-4) na xornada inaugural, con todo, as xogadoras dirixidas por Humeau conseguiron gañar todos os partidos restantes do campionato para facerse coa medalla de prata. As xogadoras españolas aseguráronse a medalla xa na penúltima xornada logo de gañar a Bélxica (1-0), e despedíronse da competición cunha nova vitoria fronte a Islandia (0-3).[16][17] España finalizou o torneo como o equipo menos goleado con tan só cinco goles en contra, e foi o segundo máximo goleador con 22 goles a favor, só superado por Polonia (38 goles a favor).[18] No eido anotador salientaron Lucia Ruiz e Ana Ucedo, ambas con oito puntos (3+5 cada unha), mentres que a porteira española Carlota Alvarado foi a segunda mellor porteira do campionato cun 97,14 % de paradas e dous shutouts rexistrados.[19][20] Ademais o equipo recibiu o premio ao xogo limpo.[18]

Ese mesmo ano Barcelona acolleu o torneo preliminar de cualificación para os XXIIos Xogos Olímpicos de Inverno que se celebrarían na cidade rusa de Sochi. O grupo estivo integrado polas seleccións de Croacia, Dinamarca e Hungría, ademais da propia selección española. A pesar de que as españolas comezaron cunha vitoria sobre as croatas (1-2), caeron nos seguintes dous encontros e finalizaron na terceira posición con tres puntos, e quedaron fóra da loita pola praza olímpica.[21]

En 2013 España organizou un Campionato do Mundo Femenino por primeira vez na súa historia e a sede elixida foi a localidade catalá de Puigcerdà. Na competición a derrota na segunda xornada fronte o equipo de Corea do Sur evitou que o equipo ascendera de categoría, sumando unha nova prata e finalizando o torneo como o segundo equipo menos goleado (7 goles en contra) e o segundo máis goleador (23 goles a favor).[22] A porteira española Carlota Alvarado volveu ser unha das tres mellores porteiras do campionato cun 94,12 % de paradas,[23] mentres que a atacante Ana Ucedo foi recoñecida como a mellor atacante do torneo.[24]

E 2014 España baixou por primeira vez na súa historia ao terceiro caixón do podio do Campionato do Mundo - Division IIB. As xogadoras españolas comezaron ben a competición disputada en Reiquiavik (Islandia) ao impoñerse a Bélxica (5-0), con todo, as derrotas fronte a Croacia (5-7) e Eslovenia (5-3) no segundo e no derradeiro partido respectivamente levaron á selección española a conseguir o primeiro bronce da súa historia logo de tres pratas consecutivas nas súas tres primeiras participacións.[25] Desta volta, o rendimento de Carlota Alvarado na portería reduciuse, rexistrando un 88,70 % de paradas, o que a situou na quinta posición da clasificación de porteiras, só por diante da islandesa Karitas Halldórsdóttir.[26]

En 2015 España organizou por segunda vez o Campionato do Mundo - Division IIB, desta volta na localidade aragonesa de Jaca, cuxo logotipo se presentou en xaneiro dese mesmo ano.[27] Malia a xogar na casa con audiencias de ata 1 500 persoas no Pavillón de Xeo de Jaca,[28] e do bo traballo da defensora Vanesa Abrisqueta, que foi nomeada mellor defensora do campionato,[29] España volveu perder fronte Eslovenia (que se acabaría proclamando campioa) e México, e só puido sumar dous puntos na vitoria na prórroga sobre as xogadoras islandesas, o que deixou de novo ao equipo no terceiro posto da táboa.[30] O 5 de agosto dese mesmo ano a Federación Española anunciou que o sueco Christian Yngve sería o seleccionador nacional feminino na seguinte tempada,[31] co obxectivo de levar o equipo á Division I en tres anos.[32]

Por segundo ano consecutivo Jaca acolleu o Campionato do Mundo - Division IIB en 2016. O equipo español partía co obxectivo de gañar o campionato e ascender á Division IIA, para o cal o equipo preparouse con sesións de adestramento dobres, tanto no xeo como fóra del,[32] con todo, a derrota fronte a Australia na cuarta xornada deixaba a clasificación final no aire á espera da disputa da quinta e derradeira xornada, na que o triunfo das australianas sobre Islandia deulles o ascenso, facendo insuficiente a vitoria de España fonte a Turquía.[33][34] A nivel individual dúas xogadoras españolas foron recoñecidas pola organización, tratouse de Alba Gonzalo e de Vanesa Abrisqueta, nomeadas mellor porteira e mellor defensora respectivamente.[35]

Entre os días 4 e o 6 de novembro de 2016 disputouse no Palacio de Xeo de Txuri Urdin de Donostia o grupo H da segunda rolda do toreo de cualificación para os Xogos Olímpicos de 2018 que se celebrarían na cidade surcoreana de Pyeongchang. Todos os rivais de España competían en categorías superiores, a pesar do cal, as xogadoras dirixidas por Christian Yngve conseguiron rematar na terceira posición da clasificación logo de gañar na derradeira xornada a Eslovenia (5-1).[36][37]

Entre o 7 e o 10 de outubro de 2021, logo de dous anos sen actividade a causa da pandemia por coronavirus, a selección española desprazouse a Torre Pellice (Italia) para disputar a segunda rolda do Preolímpico. As xogadoras dirixidas por Harry Rosenholtz acabaron a competición na segunda posición do grupo G, no que tamén estaban as selección de Italia, Casaquistán e Taiwán. O equipo perdeu no debut fronte as xogadoras transalpinas (1-4), mais na segunda xornada conseguiu levar o partido fronte ás casacas á prórroga e logo aos penaltis, onde conseguiu unha vitoria histórica fronte a unha selección de categoría superior.[a] As xogadoras española remataron a súa carreira olímpica derrotando a Taiwán (0-4).[38][39]

Selecciónadores[editar | editar a fonte]

Dende a creación da selección española feminina de hóckey sobre xeo en 2009 o equipo tivo un total de cinco seleccionadores distintos, todos homes. O primeiro seleccionador foi o francés Sylvain Humeau, que se fixo cargo do equipo dende o seu debut en 2009 ata o ano 2013.[40]

Seleccionadores de España
Nome(s) Período
Francia Sylvain Humeau 2009-2013
España Karlos Gordovil 2013-2015
Christian Yngve 2015-2018
Harry Rosenholtz 2018-2022
España Juan Bravo 2022-

Clasificacións[editar | editar a fonte]

Ránkings de España
Ano Posto Ref.
2011 35 [41]
2012 30 [41]
2013 29 [42]
2014 (febreiro) 26 [43]
2014 (abril) 26 [44]
2015 26 [45]
2016 27 [46]
2017 26  [47]
2018 (febreiro) 25 [48]
2018 (abril) 25 [49]
2019 25 [50]
2020 25 [51]
2021 25 [52]
2022 (febreiro) 24 [53]
2022 (setembro) 24 [54]
2023 24 [55]

Premios e recoñecementos[editar | editar a fonte]

Colectivos[editar | editar a fonte]

  • Campionato do Mundo - Division II B 2018
    • 1 medalla de ouro: 2018
    • 5 medallas de prata: 2011,[b] 2012, 2013, 2016 e 2017
    • 2 medallas de bronce: 2014 e 2015
  • Campionato do Mundo - Division II A
    • 2 medallas de prata: 2023, 2024
    • 1 medalla de bronce: 2019

Individuais[editar | editar a fonte]

Premios da dirección

Mellor defensora (Div V/II B)

Mellor atacante (Div V/II B)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Tanto Casaquistán como Italia disputaban daquela a Division IB, mentres que España competía na Division IIA.
  2. Actualmente o quinto nivel dos Campionatos do Mundo, antes denominado "Campionato do Mundo - Division V", coñécese como "Campionato do Mundo - Division II B".
Referencias
  1. "Pistoletazo de salida a la temporada del Centenario del Hockey Hielo en España" (en castelán). Real Federación Española de Deportes de Hielo. 15 de setembro de 2022. Consultado o 29 de outubro de 2023. 
  2. Riquelme, Gerardo (10 de marzo de 2023). "Viaje al centenario del hockey hielo en España". MARCA (en castelán). Consultado o 6 de novembro de 2023. 
  3. "Championnat d'Espagne féminin 2008/09" (en francés). hockeyarchives.info. Consultado o 6 de decembro de 2023. 
  4. 4,0 4,1 "La selección femenina de hockey hielo debuta en competición internacional" (en castelán). Real Federación Española de Deportes de Hielo. 19 de maio de 2009. Consultado o 6 de decembro de 2023. 
  5. "Debut con derrota de la selección femenina de hockey hielo" (en castelán). Real Federación Española de Deportes de Hielo. 22 de maio de 2009. Consultado o 6 de decembro de 2023. 
  6. "Primera victoria de la selección femenina de hockey hielo" (en castelán). Real Federación Española de Deportes de Hielo. 22 de maio de 2009. Consultado o 6 de decembro de 2023. 
  7. "Primera victoria de la selección femenina de hockey hielo" (en castelán). Real Federación Española de Deportes de Hielo. 22 de maio de 2009. Consultado o 6 de decembro de 2023. 
  8. "2009 IIHF Championship Program" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 13 de agosto de 2023. Consultado o 6 de decembro de 2023. 
  9. "WC D5 (W) - 2010-2011" (en inglés). eliteprospects.com. Consultado o 6 de decembro de 2023. 
  10. "Hockey Hielo Femenino: Ya hay lista de chicas para el torneo de Erzurum en Turquía" (en castelán). Real Federación Española de Deportes de Hielo. 30 de novembro de 2010. Consultado o 6 de decembro de 2023. 
  11. "Cto. del Mundo Femenino de Hockey Hielo: España 7 – Turquía 0. Nuestras chicas debutan con victoria" (en castelán). Real Federación Española de Deportes de Hielo. 15 de marzo de 2011. Consultado o 6 de decembro de 2023. 
  12. "Cto. del Mundo Hockey Hielo Femenino: Bulgaria 0 – España 7" (en castelán). Real Federación Española de Deportes de Hielo. 16 de marzo de 2011. Consultado o 6 de decembro de 2023. 
  13. "España 4 – Polonia 5 – Un «Gol de Oro» en la prórroga impide el ascenso de la Selección Femenina" (en castelán). Real Federación Española de Deportes de Hielo. 18 de marzo de 2011. Consultado o 6 de decembro de 2023. 
  14. "España se despide de Bulgaria goleando a Irlanda" (en castelán). Real Federación Española de Deportes de Hielo. 19 de marzo de 2011. Consultado o 6 de decembro de 2023. 
  15. "BEST PLAYERS SELECTED BY THE DIRECTORATE 2011" (PDF) (en inglés). IIHF. Consultado o 6 de decembro de 2023. 
  16. "La selección femenina se asegura el podio en el Mundial de hockey hielo" (en castelán). Real Federación Española de Deportes de Hielo. 15 de marzo de 2012. Consultado o 8 de decembro de 2023. 
  17. "España se cuelga la plata en el Mundial femenino de hockey hielo" (en castelán). Real Federación Española de Deportes de Hielo. 16 de marzo de 2012. Consultado o 8 de decembro de 2023. 
  18. 18,0 18,1 "Championnats du monde féminins 2012" (en inglés). hockeyarchives.info. Consultado o 8 de decembro de 2023. 
  19. "IIHF Ice Hockey Women's World Championship DIV II Group B (2012) - SCORING LEADERS" (PDF) (en inglés). IIHF. Consultado o 8 de decembro de 2023. 
  20. "IIHF Ice Hockey Women's World Championship DIV II Group B (2012) - GOALKEEPERS" (PDF) (en inglés). IIHF. Consultado o 8 de decembro de 2023. 
  21. "Qualifications pour les Jeux Olympiques 2014, féminines" (en inglés). hockeyarchives.info. Consultado o 8 de decembro de 2023. 
  22. "Championnats du monde féminins 2013" (en inglés). hockeyarchives.info. Consultado o 8 de decembro de 2023. 
  23. "IIHF Ice Hockey Women's World Championship DIV II Group B (2013) - GOALKEEPERS" (PDF) (en inglés). IIHF. Consultado o 8 de decembro de 2023. 
  24. "BEST PLAYERS SELECTED BY THE DIRECTORATE 2013" (PDF) (en inglés). IIHF. Consultado o 6 de decembro de 2023. 
  25. "Championnats du monde féminins 2014" (en inglés). hockeyarchives.info. Consultado o 8 de decembro de 2023. 
  26. "IIHF Ice Hockey Women's World Championship DIV II Group B (2014) - GOALKEEPERS" (PDF) (en inglés). IIHF. Consultado o 11 de decembro de 2023. 
  27. "Se presenta el logo del Mundial Femenino de Hockey Hielo de Jaca" (en castelán). Real Federación Española de Deportes de Hielo. 22 de xaeiro de 2015. Consultado o 11 de decembro de 2023. 
  28. "GAME SUMMARY. ESP - AUS" (PDF) (en inglés). IIHF. Consultado o 11 de decembro de 2023. 
  29. "BEST PLAYERS SELECTED BY THE DIRECTORATE 2014" (PDF) (en inglés). IIHF. Consultado o 11 de decembro de 2023. 
  30. "Championnats du monde féminins 2015" (en inglés). hockeyarchives.info. Consultado o 11 de decembro de 2023. 
  31. "El medallista olímpico, Christian Yngve, nuevo seleccionador nacional de Hockey Hielo Femenino" (en castelán). Real Federación Española de Deportes de Hielo. 5 de agosto de 2015. Consultado o 11 de decembro de 2023. 
  32. 32,0 32,1 "La Selección Española Femenina de Hockey Hielo, a por el oro en Jaca" (en castelán). Real Federación Española de Deportes de Hielo. 18 de febreiro de 2016. Consultado o 11 de decembro de 2023. 
  33. "España pierde ante Australia y todas las medallas siguen juego en el Mundial de Hockey Hielo Femenino de Jaca" (en castelán). Real Federación Española de Deportes de Hielo. 5 de marzo de 2016. Consultado o 11 de decembro de 2023. 
  34. "Championnats du monde féminins 2016" (en inglés). hockeyarchives.info. Consultado o 12 de decembro de 2023. 
  35. "BEST PLAYERS SELECTED BY THE DIRECTORATE 2016" (PDF) (en inglés). IIHF. Consultado o 6 de decembro de 2023. 
  36. "Presentado el Preolímpico de Hockey Hielo Femenino de San Sebastián" (en castelán). Real Federación Española de Deportes de Hielo. 28 de outubro de 2016. Consultado o 11 de decembro de 2023. 
  37. "Qualifications pour les Jeux Olympiques 2018, féminines" (en inglés). hockeyarchives.info. Consultado o 12 de decembro de 2023. 
  38. "España vuelve a la acción en el Preolímpico de hockey hielo". Sport (en castelán). 6 de outubro de 2021. Consultado o 10 de decembro de 2023. 
  39. "España pide paso en Torre Pellice". Sport (en castelán). 10 de outubro de 2021. Consultado o 10 de decembro de 2023. 
  40. "Spain - Team Staff History" (en inglés). Consultado o 12 de decembro de 2023. 
  41. 41,0 41,1 "2012 WORLD RANKING" (en inglés). webarchive.iihf.com. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  42. "2013 WORLD RANKING" (en inglés). webarchive.iihf.com. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  43. "2014 WORLD RANKING (Feb.)" (en inglés). webarchive.iihf.com. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  44. "2014 WORLD RANKING (April)" (en inglés). webarchive.iihf.com. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  45. "2015 WORLD RANKING" (en inglés). webarchive.iihf.com. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  46. "2016 WORLD RANKING" (en inglés). webarchive.iihf.com. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  47. "2017 WORLD RANKING" (en inglés). webarchive.iihf.com. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  48. "2018 WORLD RANKING" (en inglés). webarchive.iihf.com. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  49. "2018 WORLD RANKING" (en inglés). webarchive.iihf.com. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  50. "2019 WORLD RANKING" (en inglés). IIHF. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  51. "2020 WORLD RANKING" (en inglés). IIHF. Arquivado dende o orixinal o 29 de xullo de 2020. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  52. "2021 WORLD RANKING" (en inglés). IIHF. Arquivado dende o orixinal o 17 de xaneiro de 2022. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  53. "2022 WORLD RANKING" (en inglés). IIHF. Arquivado dende o orixinal o 8 de abril de 2022. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  54. "IIHF - Canada remains first in World Ranking" (en inglés). IIHF. 15 de setembro de 2022. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  55. "2023 WORLD RANKING" (en inglés). IIHF. Consultado o 7 de decembro de 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]