Saltar ao contido

Hóckey sobre xeo en España

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Imaxe dun partido no Palau de Gel de Barcelona.

O hóckey sobre xeo non é un deporte con pouca presenza en España, contando con tan só 893 xogadoras e xogadores rexistrados en 2023.[1] A modalidade está rexida pola Real Federación Española de Deportes de Hielo.

Na clasificación por seleccións da IIHF España ocupa os postos 24 en categoría feminina e os 32 na masculina en 2023.[2]

Exterior do Palacio del Hielo y del Automóvil de Madrid, escenario do primeiro partido de hóckey sobre xeo disputado en España.

As primeiras referencias ao hóckey sobre xeo en España datan da década de 1920. En 1920 Georges Marquet, un adiñeirado belga que posuía hoteis coma o Palace ou o Ritz en Bruxelas e Madrid construíu unha pista de xeo artificial na capital de España. Dous anos despois, o 30 de outubro de 1922 inaugurouse coa presenza do reí Afonso XIII o edificio de estilo renacentista francés que sería coñecido como "Palacio del Hielo y del Automóvil" e que contaba cunha pista de xeo dunhas medidas de 55x28 metros, e se encontraba nas proximidades do Congreso dos Deputados e da Basílica de Xesús de Medinaceli.[3][4] Ata ese momento no país só era posible practicar a modalidade sobre xeo natural nos Pireneos en Cataluña.[5]

Aínda que se sabe que antes da construción do "Palacio del Hielo" se xogara ao hóckey sobre xeo en pistas de xeo naturais nos Pireneos en Cataluña, o primeiro partido disputado na nova pista madrileña enfrontou os campións de Francia (Club de Patineurs de París) e Bélxica (Bruxelles IHC, reforzado con Jules Boset e Gaston van Volxem do CPB Bruxelles, así como André Poplimont do CPA Antwerpen) nun partido no que se impuxeron os franceses por 13 goles a 2.[3][6]

Habería que esperar ata o 18 de xaneiro de 1923 para ver o primeiro partido entre equipos españois, no que se enfrontaron o Club Alpino Español e o Real Club Puerta de Hierro.[3] Este partido valeu como preparación para o Campionato de España que se disputaría na mesma pista. O partido finalizou coa vitoria do Club Alpino Español por 6 goles a 2. Os equipos estiveron integrados polos seguintes xogadores:[6]

  • Club Alpino Español: Ángel Arche; Santiago Muguiro, Juan Arche; Óscar, Ricardo Arche, Peñalver.
  • Real Club Puerta de Hierro: Conde de Mejorada; Otto Jencquel, Emilio Otermin; Conde de Almenara, Escudero, Carrizosa.

Os pioneiros da modalidade en España foron Edgar Neville, os irmáns Ángel, Juan e Ricardo Arche, e os tamén irmáns Santiago, Fernando e Miguel Ángel Muguiro.[3]

A creación da Federación Española de Hockey Hielo

[editar | editar a fonte]

A principios de 1923 catro equipos crearon a Federación Española de Hockey Hielo, e na última semana de xaneiro dese mesmo ano o Club Alpino Español, o Real Club de Puerta de Hierro, o Azul Hockey Club, Castilla, e o Eis Hockey Club alemán participaron no primeiro "Campionato de Liga" do que se proclamaría campión invicto o Azul Hockey Club, liderado por Edgar Neville (máximo goleador do equipo e da competición con 10 goles) e polo canadense J. Hollis. Pola súa banda, o equipo alemán retirouse logo de disputar un único encontro, no que derrotou ao Castilla 10-0.[3][7][4] Algúns dos xogadores que participaron neste primeiro campionato, como o propio Neville ou os irmáns Ángel, Juan e Ricardo Arche, aprenderan a xogar ao hóckey sobre xeo en Suíza.[4]

Edgar Neville representou a España no X Congreso Anual da IIHF.[a]

Entre os días 8 e 10 de marzo celebrouse na cidade belga de Anveres o X Congreso Anual da IIHF, ao que asistiu o diplomático, artista, director de cinema e xogador de hóckey sobre xeo Edgar Neville como presidente da recentemente creada Federación Española de Hockey Hielo. A Federación Internacional estaba daquela integrada por nove países (Francia, Checoslovaquia, Gran Bretaña, Suíza, Bélxica, Suecia, Canadá, Luxemburgo e os Estados Unidos),[b] que aceptaron a inclusión de España por unanimidade o 10 de marzo.[3]

En decembro de 1923 produciuse o debut internacional do hóckey sobre xeo español, cando un equipo participa no Challenge de Haute-Garonne representando a Madrid en Superbagnères, na Alta Garona (Francia). O equipo estaba integrado por xogadores como Aquilino Sobrino (Club Alpino Español) na portería, Neville (Azul Hockey Club), os irmáns Arche (Club Alpino Español) e Fernando Mugurio (Azul Hockey Club) e vestía con camisolas vermellas co león dourado. O equipo, denominado Hockey Club Madrid, conseguiu debutar fronte o que era vixente campión, o CP Bruxelles belga (6-4) con goles de R. Arche (3), F. Muguiro, A. Arche e Neville.[8]

Un ano despois comezou a andaina da selección española masculina, que debutou nun Campionato de Europa en 1924. Ese ano España debutou xunto con Italia en Milán, onde o combinado español estivo encadrado no grupo A xunto coas seleccións de Suecia e Suíza, perdendo no seu debut fronte a esta última (17-0) e non disputando o seu partido fronte os suecos.[9] En 1925 o equipo non participou na competición, mais si o fixo en 1926, en Davos, cando conseguiu os seus primeiros goles no partido que a enfrontou á selección checoslovaca (o primeiro deles anotado por Ángel Arche), así como un empate fronte a Italia durante os partidos de cualificación que disputaron os peores equipos de cada un dos grupos, e que supuxo o primeiro partido sen perder do combinado español nunha cita continental.[10] Con todo, a selección española deixou de competir internacionalmente durante décadas.[3]

Con todo, despois da tempada 1925-26 o hóckey sobre xeo case desapareceu do panorama deportivo español durante un cuarto de século no que non se celebrou ningunha competición a nivel de clubs nin a selección nacional disputou ningún partido.[11] Ademais, en 1944 produciuse unha mudanza a nivel federativo, xa que o Consello Nacional de Deportes decidiu delegar as competencias relativas á patinaxe, tanto sobre rodas como sobre xeo, á Federación Española de Hockey, que fora fundada en 1922 para adicarse ao hóckey sobre herba, e que pasou a denominarse Real Federación Española de Hockey y Patinaje. Con todo, tomouse a decisión de desenvolver máis a versión rodada, baixo o pulo de Juan Antonio Samaranch.[11]

Renacemento

[editar | editar a fonte]
Pere Dosta, cofundador do Club Alpí Núria, antes dun partido en 1956.

Na tempada 1952-53 o hóckey sobre xeo reapareceu en España nunha pista natural do hotel Puigmal, na estación invernal de Núria, no Pireneo catalán. Estes inicios foron moi rudimentarios, téndose empregado como proteccións para os porteiros guías telefónicas roubadas do hotel. Foi nese momento cando o austríaco Walter Foegger, xunto con Pere Dosta, fundou o Club Alpí Núria, que participaría en varias edicións do Campionato de España. Ese ano en Madrid abriu unha pista de xeo temporal para adestramento que permitiu ao club de fútbol do Atlético de Madrid formar o seu propio equipo de hóckey sobre xeo e disputar un Campionato de España, que acabarían gañando na final fronte o Núria por 13-0 (4-0, 6-0, 3-0) ante centos de persoas.[11] Con todo, a aventura do Atlético de Madrid na modalidade durou tan só unha tempada.[12] Dende entón, e ata 1957 Núria foi o escenario do Campionato de España, no que se enfrontaron o equipo local e o FEMSA madrileño.

Creación da LNHH masculina

[editar | editar a fonte]

En 1972 creouse en España a categoría masculina da Liga Nacional de Hockey Hielo, a máxima categoría do hóckey sobre xeo español.[13] Nesta primeira edición participaron seis equipos: o FC Barcelona, o CH Jaca o CH Madrid, o CIT Puigcerdà, a Real Sociedad e o CH Valladolid. A federación non permitiu que participaran xogadores estranxeiros na competición, da que a Real Sociedad se proclamou campión.[14]

Durante as tempadas 1986-87 e 1987-88 non se disputou a liga.[13]

Regreso da selección masculina

[editar | editar a fonte]

O 12 de marzo de 1977, a selección masculina debutou no Campionato do Mundo C, no que finalizou na quinta posición e conseguiu unha vitoria fronte o Gran Bretaña (2-5).[15] Frank González, que posteriormente sería presidente da federación, foi o líder do equipo con catro puntos.[3]

Inicios do hóckey feminino

[editar | editar a fonte]

Se ben o hóckey feminino se levaba practicando en España dende había anos coa disputa de partidos amigables como os disputados o 5 de maio de 2007 o Jaca e o Puigcerdà (con vitoria das catalás por 2-3), ou o 7 de xuño de 2008 entre o Majadahonda e o Puigcerdà (con vitoria das madrileñas por 5-2),[16] Houbo que esperar ata o ano 2008 para que a Federación Española de Deportes de Hielo creara a Liga Nacional de Hockey Hielo Femenina.[13] Nesta primeira tempada iniciaron a competición catro equipos (Afer Gasteiz, SAD Majadahonda, Aramón Jaca e CG Puigcerdà), aínda que comezada a liga uníronse as Valladolid Panteras, que viñan do hóckey liña e que acabaron gañando a liga a pesar de non contar con pista de xeo en Valladolid.[16] Ese mesmo ano disputouse tamén a primeira edición da Copa de España, proclamándose campioas ante o seu público as xogadoras da SAD Majadahonda.[17]

Ao finalizar esa mesma tempada produciuse o debut en competición internacional da selección feminina baixo a dirección de Sylvain Humeau en Cergy (Francia).[18] Con todo, a selección non debutou en competición oficial ata 2011, cando disputou o Campionato do Mundo - Division V en Sofía (Bulgaria), finalizando subcampioa por detrás de Polonia, que conseguiu o ascenso á cuarta categoría.[19] Nesta edición, a xogadora española Vanessa Abrisqueta foi nomeada mellor defensora do campionato.[20]

Competicións

[editar | editar a fonte]
Xogadores do SAD Majadahonda durante a edición de 2014 da Copa do Príncipe disputada no Palau de Gel do FC Barcelona.

En 2023 a Real Federación Española de Deportes de Hielo organiza dúas competicións en categoría absoluta, unha feminina e outra masculina, así como as respectivas copas da Raíña e do Rei. Tamén organiza ligas nacionais nas categorías U20, U18 e U15, así como a Copa de España U18.[21]

O 12 de setembro de 2024 presentouse a Liga Ibérica de Hockey Hielo, unha competición disputada por equipos españois e portugueses de xeito simultáneo á LNHH. Na súa primeira edición na tempada 2024-25 conta con sete equipos (seis españois e un portugués) que disputarán 21 xornadas, logo das cales o equipo que encabece a clasificación será proclamado campión. A Liga Ibérica naceu como resultado do acordo de colaboración das federacións de España e Portugal que procura o desenvolvemento do hóckey sobre xeo en ambos países e que no momento da presentación da nova competición tiña previsto ampliarse coa inclusión de Andorra e coa creación da Supercopa Ibérica. A primeira xornada da Liga Ibérica disputouse os días 21 e 22 de setembro. e finalizará o 23 de febreiro de 2025.[22][23][24]

Hóckey sobre xeo en Galicia

[editar | editar a fonte]
O xogador de orixe galega Raphael Diaz coa camisola dos Vancouver Canucks da National Hockey League.

Se ben Galicia non conta con ningún equipo na modalidade nin ningunha pista de xeo permanente, o xogador de orixe galega Raphael Diaz, nado en Baar (Suíza), xogou varias tempadas na National Hockey League nas filas dos Vancouver Canucks, New York Rangers e Montreal Canadiens, e foi internacional coa selección suíza, coa que gañou dúas medallas de prata nos Campionatos do Mundo de 2013 e 2018.[25][26]

  1. IIHF son as siglas polas que se coñece á International Ice Hockey Federation, en galego Federación Internacional de Hóckey sobre Xeo.
  2. Entre os países non se inclúen aqueles que foran excluídos pola primeira guerra mundial.[3]
Referencias
  1. "SURVEY OF PLAYERS" (en inglés). IIHF. Consultado o 28 de outubro de 2023. 
  2. "IIHF WORLD RANKING" (en inglés). IIHF. Consultado o 28 de outubro de 2023. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 3,8 "Pistoletazo de salida a la temporada del Centenario del Hockey Hielo en España" (en castelán). Real Federación Española de Deportes de Hielo. 15 de setembro de 2022. Consultado o 29 de outubro de 2023. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Rodríguez de Rivera, Curro (6 de febreiro de 2019). "Historias de la LNHH. Capítulo I: antecedentes históricos" (en castelán). vavel.com. Consultado o 13 de abril de 2024. 
  5. Merk, Martin (22 de setembro de 2022). "Spain starts centennial season" (en inglés). IIHF.com. Consultado o 22 de novembro de 2023. 
  6. 6,0 6,1 Houda, Patrick. "HISTORIA DEL HOCKEY SOBRE HIELO EN ESPAÑA" (PDF). Real Federación Española de Deportes de Hielo. Consultado o 6 de decembro de 2024.  (en castelán) (en inglés)
  7. "Championnat d'Espagne 1922/23" (en francés). hockeyarchives.info. Consultado o 22 de novembro de 2023. 
  8. "Matches internationaux 1923/24" (en francés). hockeyarchives.info. Consultado o 22 de novembro de 2023. 
  9. "Championnats d'Europe 1924" (en francés). hockeyarchives.info. Consultado o 22 de novembro de 2023. 
  10. "Championnats d'Europe 1926" (en francés). hockeyarchives.info. Consultado o 22 de novembro de 2023. 
  11. 11,0 11,1 11,2 "Championnat d'Espagne 1952/53" (en francés). hockeyarchives.info. Consultado o 22 de novembro de 2023. 
  12. "Championnat d'Espagne 1953/54" (en francés). hockeyarchives.info. Consultado o 12 de abril de 2024. 
  13. 13,0 13,1 13,2 "El mejor hockey hielo nacional arranca la temporada 2022-23" (en castelán). Real Federación Española de Deportes de Hielo. 23 de setembro de 2022. Consultado o 22 de novembro de 2023. 
  14. "Championnat d'Espagne 1972/73" (en francés). hockeyarchives.info. Consultado o 22 de novembro de 2023. 
  15. "Championnats du monde 1977" (en francés). hockeyarchives.info. Consultado o 22 de novembro de 2023. 
  16. 16,0 16,1 "Championnat d'Espagne féminin 2008/09" (en francés). hockeyarchives.info. Consultado o 30 de outubro de 2023. 
  17. "La SAD Majadahonda, campeona de la Copa de España femenina de hockey hielo" (en castelán). Real Federación Española de Deportes de Hielo. 18 de maio de 2009. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  18. "La selección femenina de hockey hielo debuta en competición internacional" (en castelán). Real Federación Española de Deportes de Hielo. 19 de maio de 2009. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  19. "España se despide de Bulgaria goleando a Irlanda" (en castelán). Real Federación Española de Deportes de Hielo. 19 de marzo de 2011. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  20. "BEST PLAYERS SELECTED BY THE DIRECTORATE" (PDF) (en inglés). IIHF. Consultado o 7 de decembro de 2023. 
  21. "COMPETICIONES HOCKEY HIELO 2023/24" (en castelán). Real Federación Española de Deportes de Hielo. Consultado o 28 de outubro de 2023. 
  22. "Liga Ibérica de Hockey Hielo" (PDF) (en castelán e portugués). Real Federación Española de Deportes de Hielo e Federaçao de Desportos de Inverno de Portugal. Consultado o 6 de decembro de 2024. 
  23. "La RFEDH y la FDI-Portugal lanzan la Liga Ibérica de Hockey Hielo". Real Federación Española de Deportes de Hielo (en castelán). 12 de setembro de 2024. Consultado o 6 de decembro de 2024. 
  24. "Presentación de la Liga Ibérica de Hockey Hielo" (en castelán). Consello Superior de Deportes. 11 de setembro de 2024. Consultado o 6 de decembro de 2024. 
  25. "Raphael Díaz" (en inglés). EliteProspects.com. Consultado o 28 de outubro de 2023. 
  26. Riquelme, Gerardo (10 de marzo de 2023). "Viaje al centenario del hockey hielo en España". MARCA (en castelán). Consultado o 28 de outubro de 2023. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]