Ribadeo, Ribadeo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°32′N 07°02′O / 43.533, -7.033

Ribadeo
FrontaligrexaRibadeo.JPG
igrexa parroquial
Concello Ribadeo
Área 2,04 km²
Poboación 6.907 hab. (2017)
Densidade 3.385,78 hab./km²
Entidades de poboación 5

Santa María do Campo de Ribadeo é unha parroquia do concello de Ribadeo, situada na comarca da Mariña Oriental e no arciprestado de Ribadeo. Segundo o IGE, en 2008 tiña 6.283 habitantes (2.931 homes e 3.352 mulleres), 712 máis que no 2004. En épocas de grande afluencia turística, a poboación de feito pode chegar até os 20.000 habitantes. Ten unha densidade de poboación de 2.731 hab./km², repartidos nunha entidade de poboación e 4 lugares.

Limita ó norte coas parroquias de Piñeira e Vilaselán, ó oeste coa da Devesa, ó sur coas de Covelas e Ove, e ó leste coa ría de Ribadeo. A súa altitude sobre o nivel do mar é de 46 m (referencia tomada nos arredores da Casa Consistorial e da Igrexa Parroquial).

Ademais da vila de Ribadeo, principal entidade de poboación, os outros lugares da parroquia son Cantarrá, Mirasol, Porcillán, A Vilavella, O Campo e As Catro Rúas.

Historia[editar | editar a fonte]

A primitiva poboación estaba formada por pescadores establecidos na ribeira e na praia, que acabou chamándose Cabanela polas pequenas casiñas onde se refuxiaban os seus habitantes. Sucesiva e lentamente foise espallando o núcleo cara a Porcillán, e dende aquí estendeuse terra adentro. Entre os séculos V e VI estás dúas poboación foron abandonadas, e os seus habitantes establecéronse un pouco máis cara ao interior, por dous posibles motivos:

Segundo a lenda do Bispo Santo, as invasións viquingas impulsaron á xente a refuxiarse nos cumios dos montes (lenda esta con máis arraigo no concello de Foz ca no de Ribadeo). Outro motivo puido ser a fundación dunha vila nova cara ao ano 742, coa axuda da carta de Orde de Afonso I, reforzada ata acabar converténdose en vila en tempos de Fernando II, existente aínda a finais do século XII.

Co repoboamento do antigo Ribadeo e establecidos na vila os seus antigos moradores e descendentes deles, a Sé episcopal foi trasladada no ano 918 a Mondoñedo, se ben regresou a Ribadeo cara ao 1199 baixo o goberno do sucesor do bispo Rabinato, Paio Cebeira. Tralo seu falecemento en 1218, o bispado regresou a Mondoñedo. A tradición conta que un edificio en ruínas situado na Cabanela foi antigamente o palacio episcopal.

A vila de Ribadeo estableceuse a mediados do século XII, no lugar coñecido actualmente como Vilavella.

Trala vitoria de Henrique de Trastámara sobre seu irmán Pedro o Cruel, Ribadeo acabou transformándose nun condado en 1369. O rei Henrique II nomeou conde de Ribadeo ao cabaleiro francés Pierre de Villaines, chamado tamén Lobesgue e le Begue. De orixe normanda, veu a España en calidade das Gandres compañías ou Compañías brancas, contratadas na Francia para facer a guerra contra o rei Pedro I. A finais do século, cando tiña pensado regresar a Francia, vendeu o condado a Rui López Dávalos. En 1422 López Dávalos foi acusado de ofender á súa maxestade, Xoán II, e tratar cos mouros para traizoar o seu rei e a súa patria. Caeu en desgraza fuxindo a València e, aínda que foi dado por libre do que o acusaban, os seus bens non lle foron restituídos. Ribadeo permaneceu así libre, exercitando os seus foros e institucións locais, a pesar de que o rei a dividiu.

Situación xeográfica
Ribadeo, Ribadeo.jpg
Mapa de situación en Galicia da parroquia
Ribadeo, Ribadeo
Concello ó que pertence: Ribadeo

No ano 1431 o rei Xoán II nomeou conde de Ribadeo a Rodrigo de Villandrando, como premio os servizos prestados protexendo o rei de Aragón nas fronteiras francesas do seu reino. Á morte deste en 1448 deixou por herdeiro o seu fillo Pedro de Villandrando e Stúñiga. Trala súa morte, pasou ao seu sobriño, Diego Gómez de Sarmiento, primeiro conde de Salinas. Este vendeu a carta a Póboa de Navia no 1551, pero uns 70 anos despois, por virtude do casamento de Rodrigo de Silva Sarmiento cunha dona pertencente á familia de Híjar, o título de conde de Ribadeo pasou a esta casa ducal. En 1955 tralo falecemento do conde, o título pasou á Casa de Alba, sendo na actualidade Cayetana Fitz-James Stuart, XVIII Duquesa de Alba, a condesa de Ribadeo.

Mapa esbozo da vila de Ribadeo. A situación xeográfica sinalada é 43° 32' 1" N, 7° 2' 26" O. A parroquia de Ribadeo ocupa a zona ó sur da autovía e oeste da vía, unha vez quitada unha pequena franxa nas zonas límites.

No 1566 comenzan as primeiras construcións que foron dando forma ao Ribadeo de hoxe. Foron empedrados algúns dos lugares máis transitados da vila, como a praza pública (da Constitución), as portas da muralla e as entradas dos camiños públicos, que ata 1750 non se volveron tocar. As beirarrúas non se coñeceron en España ata o reinado de Carlos III. No seu tempo foron colocadas nalgúns sitios de Ribadeo, como na praza ou fronte o hospital. En 1851 estendeuse o seu uso a tódalas rúa, a expensas dos veciños.

Dende o século XVII as casas construíronse de cachotería e adoitábase lucir nas frontes das casas, mellor canto máis arriba, a pedra de armas fanfuriñeira, noutros casos eran escudo dos apelidos. Namentres a vila foi ascendendo cara ao chan. Fíxose a Praza Maior, o Patín, a rúa dos Fornos e as ruelas transversais. Desta forma quedaba aunada ao mar e o mercado, bases principais da vila de Ribadeo. Co mar libre de piratas, a vila seguiu a espallarse. Apareceu o lugar da Figueirúa, a rúa de San Miguel e o barrio de Xibraltar. No século XVII construíuse a capela da Misericordia, fóra das portas da vila, preto da da Auga. Deu orixe á rúa do mesmo nome que, a finais do XVIII, espallouse ata á ermida da Virxe do Camiño e viuse na obriga de cambia-lo nome polo de San Roque. Da mesma época da construción da rúa da Misericordia son tamén as rúas dos Ferradores, a da Confitaría e a ruela que baixa da rúa de San Roque a Fonte Nova.

A finais do século XVIII construíuse a rúa principal que empezaba na Porta da Vila e remataba na de Cabanela. Chamouse ata o século XVIII Rúa Grande e Rúa Maior; despois foi bautizada co nome de Rúa da Paz. No seu crecemento, fronte a esta rúa estaba o cárcere vello, que facía esquina a travesía do Calexón do Cárcere, hoxe Travesía da Paz. No 1858 tamén se sinalou o sitio na horta dos frades para un novo cárcere, que, co tempo pasaría a chamarse hoxe Casa do Mar. Deste mesmo xeito a rúa de Ares-Ares, chamouse rúa dos Ferreiros; e máis adiante puxéronlle o nome das Angustias e hoxe xa se chama Antonio Otero e Viejo Pancho.

A finais do século XIX foron bautizadas de novo tódalas rúas, rueiros, prazas e rinconadas de Ribadeo. A canella da Dichosa pasou a Calexón ou Baixada dos Perigos, o de Quintana, quedou no Pasadizo de Álvarez Miranda; o do Cura chamouse San Sebastián; o da Fortuna pasa a baixada a Cabanela; a que ía cara á Fonte Nova quedou en costiña do Bispo Cebeira. A rúa do Hospital, xa no século XX foi chamada Vilafranca do Bierzo. Da confradía que tiña o patroado da igrexa da Atalaia tomou o seu nome a rúa da Trinidade. A do Forno que vai da do Padre Feijoo a antiga do Correo, e chamada hoxe de Méndez San Xulián. O Patín foi entón chamado Rincoada das Escolas; a rúa da Pedreira era a rúa de Méndez Núñez; o do Forno do Campo quedou en rincoada de San Francisco; a canella de Opeana pasou a chamarse costiña do Pai Sarmiento, e a da fonte dos Catro-canos, quedou en pasadizo de Fernando o Santo. Tamén con posterioridade, foi substituído o nome da rúa de Correo polo de Méndez San Xulián, o de Ferradores polo de Reinante e o de Méndez Núñez polo de Clemente Martínez etc. Seguiron formándose pouco a pouco a rúa de Ares-Ares, a da Trinidade, a Maior, a da Atalaia e unhas cantas máis...

Patrimonio[editar | editar a fonte]

A igrexa parroquial de Santa María do Campo atópase na rúa de San Francisco. Leva este nome dende 1835, pois ata entón pertencera á colexiata de Santa María, ocupada por monxes franciscanos. De fábrica de cachotería e perpiaño granítico, consta de nave central cuberta de bóveda sinxela de nervios, capela maior, dúas capelas absidais e outras laterais. Frontis con porta gótica do século XIV con catro columnas e capiteis de decoración vexetal, posúe unha grande fiestra da mesma época con decoración de puntas de diamante e dúas columnas con capiteis de decoración vexetal, e unha delgada torre-campanario no centro de estilo neogótico. O lado esquerdo hai unha portada gótica moi semellante a principal con decoración angulosa e vexetal nos dous capiteis das súas columnas. Do interior destacan os arcos románicos que dan acceso a Sala capitular antiga dende o claustro e dous retablos barrocos do século XVIII.

A capela da Atalaia é o edificio relixioso máis antigo conservado en Ribadeo. Data do século XII, sendo reconstruída durante a repoboación que Fernando II fixo en 1182, e foi alterada pola súa reconstrución a principios do século XX. De planta rectangular, consta de nave, arco triunfal e presbiterio. Frontis coa porta principal gótica do século XIV, con adornos en zigzag; sobre a porta, escudo de Ribadeo e espadana dun so vano. Interior: retablo barroco con tallas de variada cronoloxía de entre as que destaca a imaxe titular da Santísima Trindade, retablo dereito barroco e pila de auga bendita montada sobre columna gótica. O carón do templo hai dous canons afincados de pe cos que se sinala que o miradoiro da Atalaia foi na súa orixe baluarte de defensa da vila. Nesta capela celebráronse ata o século XVII os "concellos abertos" da vila. Dende ela divisase o porto de Porcillán.

O convento de Santa Clara foi fundado no século XIII (segundo certos autores, no século XI), sendo profundamente reformado en diversas ocasións, sobre todo no século XIII ou XIV. Conserva como parte máis antiga a igrexa, do século XV. Formada por unha soa nave cuberta con artesoado e arco triunfal oxival, e por un edificio rectangular, cun claustro do século XVIII. No seu interior destaca unha lámpada rococó (XVIII) e diversas tallas e imaxes dos séculos XVII e XVIII. Grazas as xestións municipais librouse da desamortización do ano 1835. Existen outras capelas como a Venerable Orden Terceira, Virxe do Camiño, Guimarán, San Francisco de distintas épocas e intereses.

A casa dos Moreno é unha casa de indianos modernista, construída polos irmáns Juan e Pedro Moreno. Situada na praza de España, destaca a decoración xeométrico-vexetal da zona de balcóns así como o seu lateral a modo de torre de castelo renacentista. Por outro lado, o tellado caracterizase por reflexa-la luz solar o modo das cúpulas das igrexas ortodoxas.

A torre dos Moreno é outra casa de indianos, situada na rúa de San Francisco. É o edificio máis representativo da vila, construído en 1905. De planta rectangular, consta de cinco plantas, cunha concepción moi avanzada para a época polo emprego dunha estrutura mixta de formigón e ferro. Ten un alto perfeccionismo en alicatados, solos de mármore, forxas de ferro e cristaleiras. Destaca especialmente a torre coa súa pequena cúpula sostida por catro cariátides e teito vermellón de cerámica vidrada. É de estilo ecléctico con ornamentacións que apuntan o modernismo, polo que parece sela obra dun discípulo de Gaudí.

O seu carón esta situado o pazo de Ibáñez, coñecido na actualidade como Casa Consistorial ou Pazo Municipal. A construción ten estilo neoclásico do século XVIII que, na súa orixe, a finais do século XIX, foi residencia do marqués de Sargadelos. Construída sobre unha antiga edificación do ano 1568 e consta dun soportal de tres arcos con balconada isabelina, fundida en Sargadelos, e catro balcóns de frontóns triangulares. No seu interior consérvanse valiosos lenzos.

No casco urbano, e especialmente na rúa de San Roque, aínda se conservan fermosas residencias burguesas finiseculares, con influencia indiana.

Artigo principal: Casas de Indianos en Ribadeo.

O forte de San Damián foi construído a principios do século XVII polo Marqués de Cerralbo, reconstruíndose en varias épocas (1744 e 1774) e, sendo entregado, con posterioridade a 1809, o concello para a súa definitiva rehabilitación recentemente.

O paseo marítimo comeza no Parque Etnográfico do Cargadeiro e chega ata o faro da illa Pancha. Tratase dunha área axardinada con bancos e estrutura con muros de cachotería de lousa. Ten zonas de descanso, áreas de paseo pavimentadas con laxas de lousa, un miradoiro voladizo construído en madeira coñecido coma O Cargadeiro e unha ponte pola que se accede á illa Pancha. Tamén conforma parte da Ruta dos Miradores na que se ven bonitas vistas panorámicas da ría de Ribadeo e da costa cantábrica.

A illa Pancha ten un faro de forma cilíndrica acompañado dunha construción de apoio cadrada con tellado de lousa a catro augas.

O edificio da Aduana foi construído no século XVIII, testemuña dun pasado económico vigoroso. A Casa do Patín é a construción civil máis antiga da vila, da que tan so hai unha fachada. O edificio do Mercado Municipal foi construído no 1935, con estrutura metálica. O hospital de San Sebastián foi o antigo cárcere, na actualidade Casa do Mar, que alberga a escola municipal de música e local da coral polifónica ademais das oficinas do Instituto Social da Mariña.

A Praza Maior, ou Praza principal, foi construída cara ao ano 1570. En 1812 mudóuselle o nome polo de Praza da Constitución, pero en 1823, coa reacción fernandina, foi cambiado o nome polo de Praza Real. Entrado o ano 1836 volve a ser cambiado o nome polo de Praza de Isabel II, nome que conservou ata 1869, no que de novo volve a chamarse da Constitución. Este nome volveuse perder durante a guerra civil, sendo coñecida como Praza de Calvo-Sotelo até a derradeira década do século XX, cando se recuperou o nome de Praza da Constitución. Este segue a ser o nome oficial, se ben o pobo adoptou familiarmente o nome de Praza de Abaixo.

Até finais do século XVIII este lugar só tivo dúas entradas, pola rúa Maior a pola rúa da Trindade. Xa na entrada do seguinte século, levouse a cabo unha nova entrada, proxectada a finais do século anterior (a da rúa de Villandrando) co obxecto de facilita-la circulación dos carros que traían artigos para os mercados, pero e mesma rúa colleu maior importancia o estar construída nela a Casa Consistorial de Audiencia, que foi reedificada nos derradeiros anos do século XVIII. Por aqueles tempos púxoselle unha balconada de ferro que perdura hoxe, fabricado en Sargadelos; hoxe na actualidade é un Xulgado.

Moi cerca da primeira estaba unha coñecida chaira, que servía para que os veciños fixesen exercicios militares e os vellos xogasen os birlos. Dábanlle o nome de Campo da Vila; noutras chamouse tamén Campo de Santa María e Campo de San Francisco, todo segundo se falase da parte na que esta a antiga igrexa, ou na que existía o convento de franciscanos. Xa entrados nos anos 1780, o campo público adoitaba selo paseo de maior recreación do pobo, ata se celebraban nel as romarías. Pero existían polos redores unha serie de construcións que, por dicilo dun xeito, prexudicaban o ornato público, destruíronse algunhas, en especial unha torre "famosa pola súa Fealdade" que estaba construída no mesmo campo, conforme os planos de Francisco Andina, para conter un reloxo e unhas campás que había sobre a porta da vila. Hoxe en día o sito denominouse Praza do Campo.

En canto a Fortaleza e a Muralla hai que supoñer que foron construídas en tempos dos primeiros condes; quizais en tempos de Pierre de Villaines, se se xulga pola pedra de armas que había nunha das torres da fortaleza. A través de diversas fontes coñecese que a Fortaleza construíuse a escasa distancia da Igrexa de Santa María, e estaba formada por dúas torres de planta cadrada, unidas por unha muralla de 14,2 metros de alto e 2,5 metros de media en groso (que por aquel entón medíanse en varas, cuxa medida de lonxitude equivalente a 835 mm), que facía un patio rectangular, en cuxos ángulos norte e leste se levantaban as torres. O parecer estaba cercada no conxunto cunha muralla máis baixa e menor grosor que a primeira, e separada desta por un foso. O conxunto tiña uns 30 metros de fronte por 21,7 metros de fondo. A entrada principal abríase na muralla interior, e fronte ela, na exterior, estaba a "Porta do Campo", que tiña acceso por unha pequena rampla.

En canto as torres, a máis pequena estaba destinada, nos bos tempos do condado, a habitación do vigairo maior. A maior, chamada Torre Xulia, era destinada a residencia dos representantes dos condes no señorío, ó cárcere e ó depósito de armas e municións. O cárcere estivo primeiro no alto, e posteriormente no soto. No 1549 entra en funcionamento un novo cárcere no Calexón do Cárcere, despois Travesía da Paz. No 1840 o conde de Ribadeo, duque de Híjar, puxo en venda a fortaleza, que foi comprada en 20.000 reais por Antonio de Casas. Outro veciño, concelleiro, fixo a reclama para Ribadeo a propiedade do vello edificio. O concello acordou que non había lugar para deliberar sobre a reclama da fortaleza, e comezou o derrubamento desta polo seu novo dono. Caeu a torre pequena. A torre Xulia foi dada en ruínas dende 1796. Anos máis tarde compraron a propiedade da fortaleza e os demais bens os ribadenses adiñeirados, residentes en Bos Aires (segundo outros autores en Cuba), Juan e Pedro Moreno Ulloa. No 1916 foi derrubada o facerse os cementos do chamado palacio dos Moreno.

En canto a muralla, construída tamén en tempos dos primeiros condes, estaba deseñada para resistir un asedio longo, aínda que o concello no ano 1771 cría que era "tan precisa coma inescusable para o tránsito e o uso en calquera invasión que ocorrese dos inimigos". Tiña uns 3,3 metros de ancho e entre 2,5 e 3,3 metros de altitude. Estaba formada por dúas paredes paralelas, cada unha de 46 a 70 cm de espesor, en cuxa feitura de entre elas botáronse cascallo e area, que coa humidade producían nos pasos barrigas, gretas e afundimentos, ocasionando non poucos gastos, que eran pagados a partes iguais polo conde e o concello. A muralla arrancaba do ángulo leste da fortaleza, e tiña un postigo a poucos pasos desta. Baixaba en liña recta cara Cabanela, polos terreos que hoxe ocupan as casas da rúa de Ibáñez. Sobre desta parte da muralla fíxose o redores do 1545 un camiño amenado, que comunicaba a fortaleza e o aldea de Cabanela cando non existía a rúa mencionada.

Fronte a aldea, final da rúa que hoxe é a de Méndez Sanxulián e que primitivamente se chamou polo nomes de Rúa Travesa e logo rúa do Correo, xa que nela estivo a primeira estafeta que houbo na vila, abríase na muralla a Porta Cabanela, nomeada tamén Porta do Canónigo, quizais por estar próxima a casa do matrimonio Bela, na cal vivía "o canónigo presbítero sarense". Esta porta foi derrubada a finais do século XVIII. Na parte alta de Cabanela, onde hoxe apercíbense restos da muralla, esta íase empotrar na Atalaia, na que quedaba interrompida, porque alí o alto acantilado a facía completamente innecesaria. Un postigo establecía a comunicación entre a Atalaia e o barrio que, segundo a tradición, tivo o seu palacio o bispo Cebeira. Reaparecía a defensa da vila fronte a onde está hoxe a derradeira casa da rúa Armando Pérez Martínez (noutrora rúa da Paz), sobre a Cova da Vella, nome que levaba a porta que alí había; tamén coñecida coma Porta da Pena. Xa máis abaixo, en Porcillán, estaba a Porta de Santo Domingo. Chamada así pola tradición que dicía que por aquel lugar pasara este santo home cando veu embarcarse o porto de Ribadeo para emprende-la cruzada que contra os albixenses ditou o Papa Inocencio III. A Porta de Santo Domingo era baixa e estreita, e por enriba dela había un camiño que tiña acceso pola escaleiriña aberta na muralla. Foi derrubada no 1799. Neste sitio tiña a muralla un baluarte con troneiras e pasamuros, completándose a defensa, cando se temía un ataque de corsarios, con cestóns e trincheiras.

En fronte a Guimarán había outra porta que foi cerrada a principios do século XVII. Dende aquí seguía a muralla paralelamente os límites da parroquia de Ribadeo, polo que hoxe se chama Trasdacerca, onde existe en bastante bo estado. A muralla subía polo que actualmente se coñece por Costanilla do Padre Sarmiento, abrindo unha porta, a Porta da Auga, sobre a rúas de Viejo Pancho e Antonio Otero que noutrora tivo diversos nomes (das Angustias; dos Ferreiros; e de Ares-Ares). Do lado da Fonte-Nova, no sitio que non é fácil de precisar, había (o menos nos séculos XVI e XVII) un baluarte, o que se lle daba o nome de Celada. Dende a Porta da Auga (derrubada no ano 1837), a muralla seguía pola actual praza de Álvarez Miranda, e sobre a rúa Grande ou Maior abríase a porta principal, chamada Porta da Vila, que no seu carón celebráronse ata o século XIX, e que foi tamén derrubada, os mercados de lenzos, estopas, froitas e legumes. Nesta porta, onde estivo pintado o escudo da vila, fixábanse os bandos e demais papeis que podían interesar as xentes. Sobre ela había unha torre coas campas e o reloxo público; tanto aquelas coma este foron trasladados o longo da década do ano 1830. A torre chamada "do reloxo". Derrubada a porta, o conde de Ribadeo fixo a reclama dos materiais, que non lle foron concedidos.

A muralla, dende a porta principal turraba cara a rúa do Castelo, que nacía na rúa Grande e esgotaba na Praza Maior. Esta parte da cerca, que tiña amenaxe e parapetos, sufriu os máis encarnizados asaltos... dos veciños que dende comezos do século XVIII dedicáronse a arrancar pedras para aproveita-las na construción das casas de por alí. Seguiu caendo pouco a pouco e no século XIX decretouse o derrubamento xeral salvándose, para mostra, os dous pedazos da que queda feita a mención. É todo o que resta da muralla e fortaleza doado por Xoán II o famoso Villandrando.

Na súa igrexa parroquial está documentado dende 1746 o denominado báculo de Mondoñedo, pertencente ó bispo Paio de Cebeira, e que se atopa no Museo Nacional de Arte de Cataluña.[1]

Festas e lecer[editar | editar a fonte]

Ribadeo é a parroquia que máis festas celebra o longo do ano. As Patronais de Ribadeo, que teñen como día grande o 8 de setembro, fanse na honra de Santa María do Campo (patroa de Ribadeo). Pero moito antes desta data ocorren outras festas: o día 16 de xullo celébranse as Festas da Virxe do Carme (patroa dos mariñeiros), cunha procesión de embarcacións pola ría de Ribadeo, levando a bordo a Virxe. Nesta procesión tirase a auga unha coroa de flores, na memoria dos mariñeiros mortos no mar. Un pouco máis adiante, o primeiro domingo de agosto, celébrase a Xira da Santa Cruz, romaría campestre na ermida do mesmo nome, con concursos de gaitas, bailes, coros etc, está clasificada de interese turístico. Dentro deste mes, concretamente o 16 de agosto, fanse as Festas de San Roque na capela de San Roque. E coma colofón final as do 4 de outubro que son as Festas de honra a San Francisco, na rúa do mesmo nome.

Lugares da parroquia de Ribadeo[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Ribadeo no concello de Ribadeo (Lugo)

Cantarrá | Mirasol | Porcillán | Ribadeo | A Vilavella

Parroquias de Ribadeo[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias de Ribadeo

Arante (San Pedro) | Cedofeita (Santa María Madanela) | Couxela (Santiago) | Covelas (San Vicente) | A Devesa (Santalla) | Ove (San Xoán) | Piñeira (San Xoán) | Ribadeo (Santa María) | Rinlo (San Pedro) | Santalla de Vilausende (Santalla) | Vilaframil (San Lourenzo) | Vilaselán (Santa María)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ficha da obra no sitio web do MNAC.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]