Ten diversos adornos, como alicatados, mármores, vidreiras, grecas, tellado con tellas de porcelana (cerámica vidrada) de cor vermella que reflicte a luz solar ou pilastras. A cúpula da torre principal está mantida por catro cariátides. A planta ten 950 m², e o soar, 1.050 m² (medidas tomadas usando SIXPAC). Consta de baixo, tres plantas e baixocuberta, a parte do saínte da torre principal. Leváronse a cabo varias restauracións parciais, que polo momento case só aseguraron o non avance da deterioración do edificio.
O tellado que mantén a cúpula ábrese como os típicos de contos de fadas ó estilo centroeuropeo, do mesmo xeito que o resto de tellado visible, que coinciden co vixente a principios do século XX en Cuba, lugar de emigración dos seus primeiros propietarios. Ten tres escaleiras e seis patios, asegurando a comunicación e claridade no edificio. En cada planta hai dúas vivendas, nas que están incluídas habitacións principais, secundarias e de servizo, con alturas de catro metros. As galerías están realizadas en fundición, coroadas por tres arcos e con vidros policromados. A estrutura básica é de formigón armado, novo material na zona na época da construción, polo que o seu tratamento non foi adecuado e a estrutura sufriu moito.
O 23 de decembro de 2010 publicouse unha resolución da Xunta de Galicia para salvar o monumento da ruína.[10] O 13 de xaneiro de 2011 comezaron os traballos de apuntalamento, tras arranxos anteriores no interior.
O repartimento da propiedade lévase complicando na historia por división por herdanza, o que asemade complica o seu mantemento e futuro. Despois dun proceso de compra por parte da empresa Paisajes de Asturias, propiedade de Víctor Madera,[11] en 2015 a estrutura de propiedade corresponde aproximadamente: un 60%, Paisajes de Asturias; 21% Concello de Ribadeo (adquirido en 1996)[2] e 19%, herdeiros na Arxentina.[5][12] No 2019 Paisajes de Asturias mercoulle a súa parte ao concello, facéndose co 81%, co compromiso de facer arranxos.[13]
↑Díaz Varela, Emilio Rafael; Crecente Maseda, Rafael; Álvarez López, Carlos (2004). Turismo y Ordenación Del Territorio en el Municipio de Ribadeo(en castelán). Santiago de Compostela: Concello de Ribadeo / Universidade de Santiago de Compostela. p.69. ISBN84-9750-273-6.
Alonso Pereira, José Ramón (2005). "La arquitectura indiana de García Núñez a una y otra orilla del Eo". En VV.AA. Julián García Núñez: caminos de ida y vuelta(en castelán). Bos Aires: CEDODAL (Centro de documentación de Arquitectura Latinoamericana). pp.45–59. ISBN9871033117.
Bores Gamundi, F. (Coord.) (2000). Casas de Indianos(en castelán). 84-453-2803-4. ISBN84-453-2803-4.