Saltar ao contido

Cedofeita, Ribadeo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cedofeita
Lugar de Piñeiro.
ConcelloRibadeo[1]
ProvinciaLugo
Coordenadas43°29′38″N 7°07′31″O / 43.49381579, -7.12526886
Área7,17 km²
Poboación124 hab. (2020)
Densidade17,29 hab./km²
Entidades de poboación14[1]
editar datos en Wikidata ]

Santa María Madalena (ou Madanela) de Cedofeita é unha parroquia do concello de Ribadeo, na comarca da Mariña Oriental, pertencente ao arciprestado de Ribadeo. Segundo o censo en 2004 tiña 182 habitantes, agrupados en 11 entidades de poboación e 3 lugares, cunha densidade de 25,3 hab./km². Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación medrou ata os 150 habitantes, sendo 73 homes e 77 mulleres.

Xeografía

[editar | editar a fonte]

Limita ao norte coa parroquia de Covelas, ao sur coa Valboa e Vidal (concello de Trabada), ao leste con Vilausende e Couxela, e ao oeste con Arante. O río Grande fai de límite nunha das zonas, a el vai parar o regato de Queixadoiro. Xa no sur o regato da Ferreira fai de límite co concello de Trabada. Ten unha altitude media de 420 m.

As entidades de poboación son Barreiros (8), A Currada (29), A Igrexa (10), O Pedregal (9), Piñeiro (50), A Ponte (abandonado), Queixoiro (7), Requiande (36), Santo Antonio (7), Teixido (15) e A Trapa (11). Os lugares (que xeralmente forman parte dalgunhas das entidades) son O Burgo, A Granda e A Torre.

Toponimia

[editar | editar a fonte]

Segundo Amor Meilán esta freguesía sería a antiga "Cito Facha"[2] que xa figuraba no cambio feito polo bispo Paio de Cebeira co rei Afonso IX en 1202. Dentro do termo encóntrase a torre de Cedofeita, construída, como mostra de poderío, para a defensa da facenda. A parroquia tivo o seu gran momento no século XIX cando, coas parroquias limítrofes, crearon o concello de Cedofeita independizándose así do concello de Ribadeo. Non obstante, esta independencia durou pouco tempo xa que a integridade territorial do municipio de Ribadeo foi restaurada pola Xunta de Goberno da vila no 1843.

Outras fontes remarcan que o nome de Cedofeita ten a súa orixe na palabra latina Citofacta, composta polo adverbio latino cito ("axiña, cedo") e factum, participio do verbo latino facio, ("facer"). Cito facta vese aplicado a outras zonas con igrexas feitas rápido, entre os séculos VIII e X.[3] Así pois, de cito, que cambia o -t- en -d- (como catena a cadea) e o -a- de facta evoluciona a -ei- (como lacte a leite), acadándose a súa forma actual, Cedofeita, co significado de algo que foi feito, non 'hai moito tempo', senón en curto espazo de tempo, 'axiña'.

Patrimonio

[editar | editar a fonte]

Destacan a igrexa de Santa María Madanela e do Viso (Natividade) en Cedofeita, amais das capelas da Nosa Señora do Carme e a de Santiago na aldea de Piñeiro.

O pazo de Cedofeita, situado a 8 km da vila de Ribadeo, foi construído entre finais do século XV e principios do XVI por Lope García de Cedofeita. De planta rectangular, fabricado en cachotería de lousa e cadeiría de granito en vans e esquinais, con cuberta de lousa a catro augas e con cheminea-torre. Composto dun corpo con baixo e primeiro piso e unha torre de dous andares, con remate en ameado. O conxunto complétase cun hórreo, un pombal circular, un muíño e unha pequena capela de estilo barroco rococó e con espadana dun só van. Todo iso está rodeado por un alto muro con dúas portadas, unha das cales leva a fachada principal, onde se encontra o escudo de armas, e a outra, orientada o norte, conduce ata unha escalinata de pedra pola que se accede a vivenda. O escudo de armas de madeira substitúe a un anterior de pedra, coas liñaxes de casas como os Armada, Cid, Pedrosa ou Sánchez. Ten un recinto amurallado cunha zona de cultivo, árbores froiteiras e xardín.

A festa da Virxe do Carme celébrase o 24 de xuño. A festa da Madalena celébrase o 22 de xullo. Nestas dúas festas é costume facerse a procesión.

Lugares e parroquias

[editar | editar a fonte]

Lugares de Cedofeita

[editar | editar a fonte]
Lugares da parroquia de Cedofeita no concello de Ribadeo (Lugo)

Barreiros | O Burgo | A Currada | A Granda | A Igrexa | O Pedregal | Piñeiro | A Ponte | Queixoiro | Requiande | Santo Antonio | Teixido | A Torre | A Trapa

Parroquias de Ribadeo

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias de Ribadeo

Arante (San Pedro) | Cedofeita (Santa María Madanela) | Couxela (Santiago) | Covelas (San Vicente) | A Devesa (Santalla) | Ove (San Xoán) | Piñeira (San Xoán) | Ribadeo (Santa María) | Rinlo (San Pedro) | Santalla de Vilausende (Santalla) | Vilaframil (San Lourenzo) | Vilaselán (Santa María)

  1. 1,0 1,1 Decreto 6/2000, do 7 de xaneiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Lugo.
  2. Rodríguez Díaz, José María (2007). Estudio sobre la toponimia de Ribadeo. 
  3. Calendario toponímico 2019 do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, accesible en http://www.edu.xunta.gal/centros/iesribadeo/?q=system/files/calendario%20toponimico%20ies%20dionisio.pdf

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]