Raphicerus campestris

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Raphicerus campestris

Macho, no Parque Nacional Etosha

Femia, no Parque Nacional Etosha
Femia, no Parque Nacional Etosha

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Suborde: Ruminantia
Familia: Bovidae
Subfamilia: Antilopinae
Tribo: Neotragini
Xénero: Raphicerus
Especie: R. campestris
Nome binomial
Raphicerus campestris
Thunberg, 1811
Área de distribución
Área de distribución

Sinonimia
Véxase o texto

Raphicerus campestris é unha especie de mamífero artiodáctilo da familia dos bóvidos, subfamilia dos antilopinos e tribo dos neotraguinos, pertencente ao xénero Raphicerus.[2][3]

Trátase dun antílope de pequeno tamaño, como todos os da tribo dos neotraguinos, (denominados antilopes ananos), tímido e solitario, distribuído, con dúas poboacións dixuntas, polas sabanas de África, unha na África oriental, no sur de Kenya e no norte e centro de Tanzania e outra, máis ampla, na África austral, desde Angola, Zambia e Mozambique até o extremo sur de Suráfrica.[1]

A poboación que habitaba antigamente en Uganda está hoxe extinguida,[4] así como, no sur, a de Lesotho.[1]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1811 polo naturalista sueco Carl Peter Thunberg (un dos chamados os dezasete apóstolos de Linneo), en Mem. Acad. Imp. Sci. St. Petersbourg, 3: 313,[2] baixo o nome de Antilope campestris.[1]

Sinónimos[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[5]

Nomes vulgares[editar | editar a fonte]

Na maioría dos idiomas modernos a especie coñécese como raficero común ou steenbok (coas particularidades propias de cada lingua).[6][7]

Subespecies[editar | editar a fonte]

Moitas subespecies foron descritas, baseándose sobre todo en diferenzas da cor da pelaxe. A maioría dou autores recoñecen na especie as catro subespecies seguintes:[2]

Raphicerus campestris Thunberg, 1811

  • Raphicerus campestris campestris Thunberg, 1811
  • Raphicerus campestris capricornis Thomas e Schwann, 1906
  • Raphicerus campestris kelleni Jentink, 1900
  • Raphicerus campestris neumanni Matschie, 1894

Porén, na actualidade algúns consideran outras dúas:[8]

  • Raphicerus campestris fulvorubescens (Desmoulins, 1822) [9]
  • Raphicerus campestris natalensis (Rothschild, 1907) [10]

Por outra parte, Kingdon,[11] e du Toit,[12] só recoñecen dúas: R. c. capestris no sur de África e R. c. neumanni en África oriental.

Características[editar | editar a fonte]

Aparencia xeral[editar | editar a fonte]

É un antílope pequeno, delgado e esvelto, coa cabeza curta e cónica, e grandes orellas, pelaxe mesta e lisa, e patas longas. A coloración xeral é parda amarelada brillante e uniforme, virando ás veces cara a agrisada cun lustre arxentino, sen pelos brancos mestrurados, máis viva na cabeza. Presenta unha lista máis clara diante dos ollos, ás veces moi notoria, branca, formando un anel ao redor dos ollos, e unha mancha pequena escura sobre o fociño e outra, decrecente, entre os cornos. As partes inferiores e as nádegas son brancas. A cola é extremadamente curta. Os cornos (só prresentes nos machos), son curtos, paralelos, rectos, lisos e moi agudos, lixeitamente curvados cara a adiante. As femias son sililares aos machos (pero sen cornos) e algunhas veces máis grosas.[6][7]

Dimensións[editar | editar a fonte]

Mide de 70 a 90 cm de lonxitude de cabeza e tronco, coa cola de 5 a 10 cm; a súa altura na cruz (alzada) oscila entre os 45 e os 60 cm; o peso varía entre os 10 e os 16 kg. Os cornos dos machos miden entre 7 e 19 cm.[7]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

O raficero común vive en chairas abertas, con arbustos e pasteiros, e en sabanas arboradas, e tamén en lugares áridos, como nos desertos de Kalahari e de Karoo (particularmente en dunas), nunca en cimas de montañas, outeiros escarpados ou en abas de montañas con rochas.[6][13]

A súa área de distribución presenta dúas poboacións dixuntas, unha na África oriental, no sur de Kenya e no norte e centro de Tanzania e outra, máis ampla, na África austral, desde Angola, Zambia e Mozambique até o extremo sur de Suráfrica. A barreira de illamiento entre ambas as subpoboacións son os bosques altos de miombo do centro de Zambia (onde só s encontra no oeste), Malaui (onde non vive) e do norte de Mozambique. No sur de África a súa área de distribución esténdese desde o sur de Angola e o oeste de Zambia, até a maior parte de Namibia (excepto nas zonas costeiras áridas), ao longo de Botsuana, gran parte de Zimbabue, o sur de Mozambique e gran parte de Suráfrica (estando ausente só no sur e o sueste das provincias de KwaZulu-Natal a a veciña do Cabo Oriental).[12]

Aínda que a súa distribución se mantén practicamente sen cambios no sur de África, en África oriental xa non se encontra en Uganda, a pesar de que presenta o hábitat máis adecuado.[4]

Alimentación[editar | editar a fonte]

O principal alimento dos raficeros comúns son as follas, abrochos e caules tenros das ramiñas dos arbustos, e a herba que pacen nas sabanas, pero tamén comen raíces e tubérculos, especialmente na estación seca. Parecen seren completamente independentes da auga.[14]

Costumes[editar | editar a fonte]

Estes antílopes viven sós, e en parellas unicamente na época de celo. Principalmente diúrnos, poden verse comendo desde a primeira hora da mañá até a final da tarde, mesmo nas horas de sol forte; tamén son activos en noites claras, á luz da lúa. Descansan baixo arbustos ou en matogueiras cubertas de herba, e mesmo moitas veces baixo terra, particularmente en vellos tobos de porcos formigueiros, cuxas cavidades adoitan teren fama de ser gardarías das crías. En situacións de perigo déitanse nas herbas altas coa cabeza cara a abaixo; cando hai cerca grandes depredadores, emiten repentinamente un bufido de alarma, e foxen cun rápido galope en zigzag e dando ocasionais saltos, pero non saltan sebes ou valados. Corren levando a cabeza levantada, en vez de moi baixa, como o raficero de Sharpe (Raphicerus sharpei), do que se diferencian tamén no paso e no porte. Cando se senten ameazados refúxianse [14][15]

Reprodución[editar | editar a fonte]

O perído de xestación dura de cinco meses e medio a cinco meses e tres cuartos (os detalles exactos non se coñecen). A femias dan a luz unha cría por parto. As crías comezan a inxerir comida sólida ás 2 semanas, e son desleitadas aos 3 meses. As femias alcanzan a madurez sexual aos 6-7 meses de idade, e os machos aos 9 meses. Aos 12 meses é posíbel que se produza o primeiro nacemento; son posíbeis dous partos ao ano como norma. A temporada de cría non está limitada, aínda que os nacementos son frecuentes desde setembro a febreiro, cun pico en novembro e decembro. A proporción de sexos ao nacer, ás veces, e localmente, é o dobre de machos que de femias; en adultos é prosíbel que poida haber até un 80 % de machos; porén, a proporción máis común para os adultos é de 1:1. A lonxevidade estímase que é de 10 a 12 anos.[15]

Depredadores[editar | editar a fonte]

O raficero común sofre o ataque de moitos depredadores, desde o leopardo até o caracal, a aguia coroada (Stephanoaetus coronatus) e a serpe pitón; os xuvenís tamén son atacados polo gato bravo (Felis silvestris lybica), os chacais, o ratel, o babuíno, e o lagarto monitor. As nais defenden valentemente aos seus fillos contra inimigos tan grandes como os chacais.[15]

Status[editar | editar a fonte]

East, en 1999 estimou a poboación total da especie en máis de 600 000 individuos, pero isto é unha subestimación. Os estudos aéreos subestiman os números de espécimes, pero os estudos en terra, en zonas onde a especie é común, dan estimacións da súa densidade de 0,3 a 1,0 individuos por km².[4] En xeral, non hai estimacións confiábeis da densidade de poboación, xa que os métodos de censo son pouco confiábeis para esta especie tan críptica.[12]

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), tendo en conta que a especie está moi estendida, é relativamente común e non ten ameazas importantes, que a tendencia da poboación é estábel (ou mesmo está aumentando en áreas protexidas e en terreos privados, aínda que varía de diminución a aumento noutros lugares), e aínda que é posíbel que o número de espécimes diminúan nalgunas áreas non protexidas onde as densidades de asentamento e as presións de caza son altas, cualfica o status da especie como LC (pouco preocupante).[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 IUCN SSC Antelope Specialist Group (2016): Raphicerus campestris na Lista vermella da UICN. Versión 2018-1. Consultada o 30 de outubro de 2018.
  2. 2,0 2,1 2,2 Raphicerus campestris en MSW.
  3. Raphicerus campestris Thomas, 1897 no ITIS.
  4. 4,0 4,1 4,2 East, R., recompilador (1999): African Antelope Database 1998. Gland, Switzerland and Cambridge, UK: IUCN.
  5. Steinbuck. Raphicerus campestris (Thunberg, 1811) en BioLib.
  6. 6,0 6,1 6,2 Dorst, J. & Dandelot, P. 1973, p. 268.
  7. 7,0 7,1 7,2 Haltenorth, T. & Diller, H. 1986, p. 52.
  8. Raphicerus campestris en Sistemática dos bóvidos (Stefan Hintsche, 2014), en stco.de
  9. Albany steenbok. Raphicerus campestris fulvorubescens (Desmoulins, 1822) en BioLib.
  10. Raphicerus campestris en Groves, Colin P. & Grubb, Peter (2011): Ungulate Taxonomy.
  11. Kingdon, J. 1997.
  12. 12,0 12,1 12,2 du Toit, J. T. (2013): "Raphicerus campestris Steenbok". En: J. S. Kingdon and M. Hoffmann (eds), Mammals of Africa. Volume VI: Pigs, Hippopotamuses, Chevrotain, Giraffes, Deer and Bovids, London, UK: Bloomsbury Publishig. ISBN 978-1-4081-2257-0, pp. 311-314.
  13. Haltenorth, T. & Diller, H. 1986, pp. 52-53.
  14. 14,0 14,1 Dorst, J. & Dandelot, P. 1973, p. 269.
  15. 15,0 15,1 15,2 Haltenorth, T. & Diller, H. 1986, p. 53.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]