Pelicano branco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pelicano branco
Whitepelican edit shadowlift.jpg
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Pelecaniformes
Familia: Pelecanidae
Xénero: Pelecanus
Especie: P. onocrotalus
Nome binomial
Pelecanus onocrotalus
Linnaeus, 1758

O pelicano branco (Pelecanus onocrotalus) é unha especie de aves da familia dos pelecánidos.[2] Reprodúcese no sueste de Europa e ao longo de Asia e en África en pantanos e lagos de pouca profundidade. Nalgunhas raras ocasións pode verse en Galicia polo que está incluído na lista das aves de Galicia.

Descrición[editar | editar a fonte]

Pelicano branco voando a rentes da superficie do mar en Namibia.

O pelicano branco é unha ave de gran tamaño, e só o pelicano crespo é como media de maior tamaño entre os pelicánidos. A envergadura alar vai de 226 a 360 cm, polo que os de maior tamaño dentro dese intervalo só son superados entre as aves voadoras polos albatros.[3][4][5] A lonxitude total do pelicano branco varía entre 140 e 180 cm, e o seu enorme peteiro mide entre 28,9 e 47,1 cm da lonxitude total.[5][6] Os machos adultos pesan entre 9 e 15 kg, aínda que as poboacións grandes do Paleártico pesan xeralmente uns 11 kg e algúns exceden os 13 kg.[7] As femias son considerablemente menos voluminosas e pesadas, e oscilan entre os 5,4 a 9 kg.[5] Entre outras medicións estándares, a lonxitude da corda alar é de 60 a 73 cm, a cola mide de 16 a 21 cm e o tarso é de 13 a 14,9 cm. As medidas estándar de poboacións de diferentes áreas indican que os pelicanos das poboacións da rexión paleártica occidental son algo máis grandes que as que viven en Asia e África.

Os individuos inmaduros son grises e teñen plumas de voo escuras. En voo, é un paxaro que plana con elegancia, mantendo a cabeza aliñada e preto co corpo dobrando o pescozo cara atrás. Na época de apareamento o macho ten a pel da cara rosada e a femia ten pel alaranxada.[8] Diferénciase do pelicano crespo pola súa plumaxe de cor branca pura en lugar de branca agrisada, unha área facial rosa espida arredor dos ollos e patas rosadas. Os machos son meirandes que as femias, e teñen un longo peteiro que crece describindo un arco cara atrás, o que o distingue do peteiro máis curto e máis recto das femias. O Pelecanus philippensis de Asia é lixeiramente máis pequeno, con plumaxe gris acastañado claro e un peteiro de cores máis apagadas e claras. De xeito similar, o Pelecanus rufescens é menor e de plumaxe gris acastañada, cun peteiro de rosa claro a gris claro e tons rosados claros no dorso.[5]

O pelicano branco está ben adaptado á vida acuática. As súas patas fortes curtas e pés palmados propúlsano na auga e axúdano a facer a súa dificultosa amaraxe na superficie do mar. Unha vez no aire, os pelicanos coas longas ás que teñen son bos voadores, e poden viaxar en grupo en espectaculares formacións en V.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Unha parella en época reprodutora en Walvis Bay, Namibia.

Os pelicanos brancos atópanse xeralmente en ou arredor de onde hai zonas pouco profundas de auga doce cálida (estacionalmente ou tropical). Grupos espallados de pelicanos en reprodución poden encontrarse a través de Eurasia desde o leste do Mediterráneo ata Vietnam.[5] En Eurasia, poden atoparse en áreas de augas doces ou salobres como lagos, deltas, lagoas e marismas, xeralmente con densa vexetación de xuncos, onde poden aniñar.[5] Ademais, hai poboacións de pelicanos brancos sedentarias en África todo o ano ao sur do deserto do Sáhara, aínda que están dispersas. En África, viven principalmente arredor de lagos de auga doce e alcalinos e poden encontrarse tamén en áreas costeiras e en estuarios.[9] Ademais de en xunqueiras, os pelicanos africanos poden aniñar en inselbergs e illas planas costeiras do Parque Nacional do Banc d'Arguin (Mauritania).[5] As poboacións migradoras viven desde Europa Oriental a Casaquistán durante a estación reprodutora. Máis do 50% dos pelicanos brancos europeos reprodúcense no delta do Danubio en Romanía. Tamén son comúns nos lagos preto de Burgas, Bulgaria e no lago Srebarna en Bulgaria. Os pelicanos chegan ao Danubio a finais de marzo ou inicios de abril e despois de reproducirse parten de alí de setembro a finais de novembro.[5] As localizacións invernais dos pelicanos europeos non se coñecen exactamente pero poden verse pelicanos invernando desde o nordeste de África a través de Iraq ata o norte de India, e un gran número deles inverna en Paquistán.[5] Estas aves encóntranse principalmente en terras baixas, pero en África Oriental e Nepal poden encontrarse vivindo a alturas de ata 1372 m.[5]

Alimentación[editar | editar a fonte]

Pelicano branco na praia de Nissi, Ayia Napa, Chipre.

A dieta do pelicano branco consiste principalmente en peixes. Os pelicanos abandonan os seus pousadeiros para alimentarse principalmente pola mañá cedo e poden voar uns 100 km para procurar comida, como se observou no Chad e en Mogode (Camerún).[5] Cada pelicano necesita de 0,9 a 1,4 kg de peixes ao día.[5] Isto supón que unha gran colonia, como as que hai no lago Rukwa de Tanzania, con case 75.000 exemplares, consome arredor de 28 millóns de kg de peixe ao ano. Os peixes que capturan son principalmente de tamaño bastante grande, cun peso de entre 500 e 600 g, e a especie capturada depende da abundacia rexional.[5] En Europa prefiren as carpas comúns, en China os muxos, e en India as carpas Aphanius dispar.[5] En África, as presas máis comúns adoitan a ser os cíclidos, incluíndo moitas especies de Haplochromis e de Tilapia.[5] A bolsa dos pelicanos sérvelles simplemente como culler. Cando o pelicano mete o peteiro baixo a auga, a parte inferior do peteiro crea unha gran bolsa que se enche de auga e dos peixes que poidan capturar. Cando a paxaro ergue a cabeza a bolsa comprímese, forzando a saída da auga pero retendo os peixes. Poden xuntarse grupos de 6 a 8 pelicanos brancos formando na auga unha formación en ferradura para alimentárense xuntos. Mergullan os seus peteiros ao mesmo tempo, creando un círculo de bolsas gulares abertas, listas para atrapar calquera peixe que se encontre no seu raio de acción. A maior parte da alimentación é cooperativa e feita en grupo, especialmente en augas de pouco fondo nas que os bancos de peixes poden ser acurralados doadamente, aínda que tamén poden alimentarse en solitario.[5]

Con todo, os pelicanos brancos non comen só peixes, e aliméntanse a miúdo de forma oportunista. Nalgunhas situacións comen pitos doutras aves, como por exemplo no ben documentado caso das poboacións da costa suroeste de Suráfrica,[10] onde os pelicanos reprodutores da colonia da illa de Dassen depredan polos de mascato do Cabo que pesan ata 2 kg na colonia da illa Malgas.[11] De xeito similar, en Walvis Bay, Namibia os ovos e polos de corvo mariño do Cabo sérvenlles aos pelicanos para alimentar as súas crías. A poboación local de pelicanos depende tanto dos corvos mariños que cando esa especie de corvos mariños experimenta un declive de poboación, o número de pelicanos decrece tamén.[5] Os pelicanos brancos tamén comen crustáceos, cágados de anfibios e mesmo tartarugas. Aceptan facilmente os alimentos que lles dean os humanos, incluídos alimentos pouco normais para eles. Durante períodos de fame, os pelicanos tamén comen gaivotas e crías de parrulos. As gaivotas son capturadas e metidas debaixo da auga para afogalas antes de comelas tragándoas empezando pola cabeza. Os pelicanos tamén poden roubar as presas que capturaron outras aves.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Ovo de pelicano branco nunha colección do Museo de Wiesbaden.

A tempada reprodutora destas aves empeza en abril ou maio en zonas temperadas, dura practicamene durante todo o ano en África e vai de febreiro a abril na India. Estes pelicanos reprodúcense xuntos en gran número en colonias. As femias poden poñer de 1 a 4 ovos por posta, cunha media de dous.[5] As localizacións dos niños son variables. Algunhas poboacións fan os niños nas árbores, mais a maioría, incluíndo as africanas, aniñan exclusivamente en depresións pouco fondas escavadas no chan tapizadas de herbas, pauciños, plumas e outros materiais.[9] Ambos os pais coidan as crías. O período de incubación dura de 29 a 36 días. Os polos eclosionan espidos pero rapidamente se cobren de penuxe marrón anegrada. A colonia reúnese en grupos entre 20 e 25 días despois da eclosión. As crías empluman de 65 a 75 días de idade. Arredor do 64% das crías conseguen chegar a adultos, e chegan á madureza sexual aos 3 ou 4 anos de idade.[5] O gran tamaño dos pelicanos brancos xeralmente é para eles unha protección contra as aves de rapina, pero as aguias, especialmente as especies de Haliaeetus, poden predar os seus ovos, as crías máis novas e as crías que están emplumando. Ocasionalmente, os pelicanos e as súas crías son atacados nas súas colonias por mamíferos carnívoros, desde chacais a leóns. Como é común nos pelicanos, cando se aproxima a unha colonia un animal grande depredador ou descoñecido, homes incluídos, os pelicanos brancos abandonan os seus niños para fuxir do posible perigo. Ademais, os crocodilos, especialmente o crocodilo do Nilo en África, mata e come facilmente os pelicanos que nadan nos ríos e lagos.[12]

Relacións cos humanos[editar | editar a fonte]

En voo
Pelicano branco no Pombia Safari Park, Italia.

Hoxe, debido á sobrepesca en certas áreas, os pelicanos brancos vense forzados a voar grandes distancias para atopar alimento. Os pelicanos brancos son explotados por varias razóns. A súa bolsa gular é utilizada para facer bolsas de tabaco, a súa pel transfórmase en coiro, o seu guano úsase como fertilizante, e a graxa dos pelicanos novos transfórmase en aceites usados na medicina tradicional en China e India. En Etiopía, cázanse pelicanos brancos pola súa carne. Os trastornos que lles causan os humanos, a perda dos seus hábitats para a alimentación e sitios para reproducirse, e a polución son factores que contribúen ao declive das poboacións de pelicano branco. Este declive é especialmente importante na rexión paleártica.[5]

O pelicano branco é unha das especies á que se aplica o Agreement on the Conservation of African-Eurasian Migratory Waterbirds (AEWA) (Acordo sobre a Conservación das Aves Acuáticas Migratorias Afriacanas-Eurasiáticas). Esta especie está clasificada como en situación "Pouco preocupante" na Lista Vermella da IUCN[1] e figura nos apéndices I e II da Convención sobre Especies Migratorias. Figura no apéndice II da Convención de Berna sobre a conservación da vida salvaxe europea e hábitats naturais e no anexo I da Directiva de Aves da Unión Europea. Con todo, en conxunto, pode dicirse que o pelicano branco é aínda unha especie distribuída por todo o mundo. Non obstante, aínda que algunhas áreas aínda albergan grandes colonias, en abundancia global está por detrás do Pelecanus occidentalis de América e posiblemente do Pelecanus conspicillatus australiano.[5] En Europa estímase que viven actualmente de 7.345 a 10.000 parellas reprodutoras, e unhas 4.000 parellas aniñan en Rusia. Durante a migración, observáronse máis de 75.000 en Israel e, en inverno, unhas 45.000 permanecen en Paquistán. En todas as súas colonias do continente africano aniñan en conxunto unhas 75.000 parellas.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 BirdLife International (2012). "Pelecanus onocrotalus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013. 
  2. Ali, Sálim (1997). Daniel, J.C., ed. The Book of Indian Birds (12th Rev ed.). Bombay, India: Bombay Natural History Society. ISBN 978-0-19-563731-1. 
  3. Wood, Gerald (1983). The Guinness Book of Animal Facts and Feats. ISBN 978-0-85112-235-9. 
  4. Harrison, Peter (1991). Seabirds: An Identification Guide. Houghton Mifflin Harcourt. ISBN 978-0-395-60291-1. 
  5. 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 5,11 5,12 5,13 5,14 5,15 5,16 5,17 5,18 5,19 5,20 5,21 del Hoyo, J.; Elliot, A.; Sargatal, J., eds. (1992). Handbook of the Birds of the World 1. Barcelona: Lynx Edicions. ISBN 84-87334-10-5. 
  6. Fanshawe, John; Stevenson, Terry (2001). Birds of East Africa. Elsevier Science. ISBN 978-0-85661-079-0. 
  7. Dunning Jr., John B., ed. (1992). CRC Handbook of Avian Body Masses. CRC Press. ISBN 978-0-8493-4258-5. 
  8. Mclachlan, G.R.; Liversidge, R. (1978). "42 White Pelican". Roberts Birds of South Africa. Illustrated by Lighton, N.C.K.; Newman, K.; Adams, J.; Gronvöld, H. (4th ed.). The Trustees of the John Voelcker Bird Book Fund. pp. 23–24. 
  9. 9,0 9,1 Crawford, R.J.M. (2005). Hockey, P.A.R.; Dean, W.R.J.; Ryan, P.G., eds. Great White Pelican. Roberts – Birds of Southern Africa (7th ed.) (Cape Town: The Trustees of the John Voelcker Bird Book Fund). pp. 614–615. 
  10. Attenborough, David (9 November 2009). "Birds". Life. Episodio 5. BBC. Consultado o 25 December 2014. 
  11. Ryan, P. (Feb–Mar 2007). "Going, going, Gannet...Tough times for Benguela Seabirds" (PDF). African Birds & Birding: 30–35. 
  12. Ross, Charles A.; Garnett, Stephen, eds. (1989). Crocodiles and Alligators. Checkmark Books. ISBN 978-0-8160-2174-1. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]