Pelecanus conspicillatus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pelicano australiano
Pelican lakes entrance02.jpg
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Pelecaniformes
Familia: Pelecanidae
Xénero: Pelecanus
Especie: P. conspicillatus
Nome binomial
'Pelecanus conspicillatus'
Temminck, 1824

Pelecanus conspicillatus, xeralmente coñecido como pelicano australiano ou pelicano de anteollos, é unha especie de aves acuáticas grandes da familia Pelecanidae, que viven principalmente nas augas continentais e costeiras de Australia e Nova Guinea, pero tamén en Fixi, e partes de Indonesia e como ave divagante en Nova Zelandia. É unha ave predominantemente branca con ás negras e un peteiro rosa. Considérase a ave viva co peteiro máis longo. Come principalmente peixes, pero tamén pode comer aves e desperdicios.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

O pelicano australiano foi descrito inicialmente polo naturalista holandés Coenraad Jacob Temminck en 1824. O seu epíteto de especie deriva da palabra latina conspicere, que significa 'observar', e refírese á súa aparencia de "ave con lentes" debido ás rechamantes marcas arredor dos seus ollos.[2]

Descrición[editar | editar a fonte]

Pelicano australiano en voo.

É un pelicano de tamaño medio para os estándares dos pelicanos, cunha envergadura de ás de 2,3 a 2,6 m. O seu peso vai de 4 a 13 kg, aínda que a maioría destes pelicanos pesan entre 4,5 e 7,7 kg.[3][4][5] O seu peteiro rosado claro é enorme, mesmo entre as especies de pelicanos, e é o máis longo no mundo das aves. O récord rexistrado de tamaño do seu peteiro é de 50 cm.[6] As femias son lixeiramente menores e teñen un peteiro significativamente menor, que pode medir só 34,6 cm na madureza. A lonxitude total aumenta moito ao sumar a do peteiro e adoita ser de entre 152 e 188 cm, o que fai que quede situado xunto co pelicano crespo como o pelicano máis longo (sen o peteiro non o sería).[7]

Pelicano co peteiro aberto, que mostra a lonxitude do peteiro e o tamaño da bolsa.

En conxunto, o pelicano australiano é predominantemente de cor branca. Ten unha zona branca sobre a parte superior da á e unha forma de V branca na parte posterior do corpo con negro arredor das rémixes primarias. Durante a época de cortexo a pel orbital e da o cuarto distal do peteiro son de cor alaranxada e a bolsa pode ter cores variadas volvéndose azul escura, rosa ou escarlata. Os adultos que non están reproducíndose teñen un peteiro e o anel arredor do ollo amarelo claro e a bolsa rosa clara. As aves inmaturas son similares aos adultos, pero a cor negra está substituída por marrón e a área branca sobre a parte superior da á é máis reducida. En conxunto, a súa aparencia é bastante similar á doutros pelicanos, aínda que a especie é alopátrica.[7]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Nadando.

Esta especie pode aparecer en grandes extensións de Australia e Tasmania. Os pelicanos australianos viven principalmente en grandes áreas de augas abertas sen vexetación acuática densa. Os hábitats onde se poden atopar son lagos grandes, encoros, ramas ou pozas fluviais e ríos, pero tamén en estuarios, áreas asolagadas temporalmente de zonas áridas, pantanos, canais de drenaxe en granxas, e lagoas costeiras. O medio ambiente que rodea esas áreas non é importante, e pode ser un bosque, praderías, desertos, chairas lamacentas de estuarios, parques urbanos, ou mesmo vertedeiros industriais, con tal de que haxa augas abertas axeitadas para proporcionarlle suficiente comida. Porén, para reproducírense parecen preferir as áreas nas que sufran poucas molestias. Poden pousarse en chairas de marea, barras de area, praias, acantilados, ou peiraos.[7]

Sóubose por primeira vez que esta especie podía aparecer en Nova Zelandia por unha especie cazada en Jerusalem, Nova Zelandia en 1890 e por un pequeno número de subfósiles de ósos, o primeiro dos cales se atopou no lago Grassmere en 1947, seguido do rexistro doutros individuos divagantes. Uns ósos fósiles foron despois descritos como unha nova (sub)specie co nome Pelecanus (conspicillatus) novaezealandiae (Scarlett, 1966), xa que parecían ser máis grandes que os australianos típicos, pero Worthy (1998), revisou o novo material e determinou que non eran separables da poboación australiana.[8][9]

Os pelicanos australianos non seguen un patrón especial de movemento regular, senón que simplemente seguen a dispoñibilidade de alimento nas distintas zonas. Con frecuencia, os períodos de seca preceden aos desprazamentos destes animais. Por exemplo, cando o lago Eyre, que normalmene está seco, se encheu de auga de 1974 a 1976, só uns poucos pelicanos permaneceron arredor das cidades costeiras: cando os grandes lagos interiores se secaron outra vez, a poboación dispersouse, e víanse bandadas de miles de individuos nas costas do norte australiano. Nalgunhas ocasións, son simplemente levados polo vento a novos lugares. É un visitante bastante regular das costas do sur de Nova Guinea, e das Illas Bismarck e Illas Salomón. Pode aparecer como ave divagante na Illa Christmas, Vanuatu, Fixi, Palau e Nova Zelandia. A irrupción dunha poboación ocorreu en Indonesia en 1978, e os pelicanos australianos chegaron a Sulawesi, Xava e posiblemente a Sumatra.[7]

Alimentación[editar | editar a fonte]

P. conspicillatus aliméntase mergullándose baixo a auga cando está nadando na superficie da auga. Actúan en grupos para dirixir os peixes a augas pouco fondas, onde usan os seus sensibles peteiros para apañar as súas presas. Algúns dos seus campos de alimentación en grandes corpos de auga poden reunir 1.900 individuos. Ás veces tamén pescan en solitario. As súas presas predominantes son peixes e aliméntanse comunmente de especies introducidas como a carpa vermella (Carassius auratus), a carpa europea (Cyprinus carpio) e a perca europea (Perca fluviatilis). Cando lles é posible tamén comen especies nativas de peixes, cunha preferencia pola perca Leiopotherapon unicolor. Porén, o pelicano australiano parece ser menos piscívoro e ter un padal máis variado do que outros pelicanos. Aliméntase regularmente de insectos e moitos crustáceos acuáticos, especialmente do cangrexo de río Cherax destructor e de camaróns do xénero Macrobrachium. Este pelicano tamén captura outras aves con certa frecuencia, como a gaivota Chroicocephalus novaehollandiae e o pato Anas gracillis, incluíndo os seus ovos, crías, inmaturos que están emplumando e adultos, aos cales matan meténdoos debaixo da auga para que afoguen. Tamén poden comer réptiles e anfibios cando dispoñen deles. Informouse de casos nos que mesmo comeron cans pequenos. Ocasionalmente é un cleptoparasito doutras aves (róuballes a comida), como os corvos mariños.[7]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Pelicanos no cemiterio de Samsonvale no sueste de Queensland, Australia.

O pelicano australiano empeza a reproducirse aos dous ou tres anos de idade. A tempada reprodutora varía, e pode ser en inverno nas áreas tropicais (ao norte de 26°S) ou en primavera en partes do sur de Australia. A reprodución pode darse en calquera momento nas áreas continentais despois dun período de fortes chuvias. O niño é unha depresión pouco fonda na terra ou na area, ás veces tapizado con algo de herba. Constrúen plataformas de herba no lago Alexandrina en Australia do Sur. Raramente, observáronse niños algo máis elaborados sobre arbustos de Muehlenbeckia florulenta.[7] A nidación é comunal, e as colonias poden estar situadas en illas (como na Illa Perón Norte) ou en áreas abrigadas próximas a lagos ou ao mar. Poñen de un a catro (normalmente dous) ovos brancos que miden 93x57 mm, que aparecen a miúdo rabuñados e sucios.[10] Os ovos incúbanse durante de 32 a 35 días. Os pitiños eclosionan espidos, pero rapidamente lles crece penuxe gris. Despois de que eclosionan, o fillo maior será o máis alimentado, e o máis pequeno finalmente morre de fame ou matado polos irmáns (cainismo). Durante as primeiras dúas semanas as crías son alimentadas con líquido regurxitado, pero nos seguintes dous meses son alimentados con peixes e algúns invertebrados enteiros. Nas colonias, cando as crías teñen uns 25 días, forman grupos de alimentación. Os pelicanos novos empluman arredor do terceiro mes de idade.

Status[editar | editar a fonte]

Descansando na praia de Monkey Mia.

P. conspicillatus non está ameazado globalmente. É bastante común nos hábitats axeitados para el. Na enchedura temporal polas chuvias do lago Eyre de marzo de 1990, reproducíronse alí uns 200.000 pelicanos adultos. A especie está legalmente protexida e non parece estar sufrindo ningún efecto inmediato negativo pola polución.

En varias áreas, como na praia de Monkey Mia, Australia Occidental e en The Entrance, Nova Gales do Sur, os pelicanos poden asociarse cos humanos e poden mesmo solicitarlles comida; porén, son moi sensibles ás molestias causadas polos humanos cando están aniñando. Adáptanse rapidamente a corpos artificiais de auga como encoros con tal de que non naveguen regularmente barcas por eles. Debido á popularidade dos deportes en augas abertas, o hábitat deste pelicano sufriu considerablemnte menos que as zonas húmidas con máis vexetación de Australia.[7] O pelicano australiano foi avaliado como Pouco preocupante na Lista vermella da IUCN de Especies Ameazadas.[1]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 BirdLife International (2012). "Pelecanus conspicillatus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013. 
  2. Jobling, James A. (2010) Helm Dictionary of Scientific Bird Names, 2nd ed., Christopher Helm, London.
  3. Australian Animals — Pelican (2010).
  4. Species — Marine Biology (2010).
  5. CRC Handbook of Avian Body Masses by John B. Dunning Jr. (Editor). CRC Press (1992), ISBN 978-0-8493-4258-5
  6. [1] (2011).
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 del Hoyo, J; Elliot, A; Sargatal, J (1996). Handbook of the Birds of the World 3. Barcelona: Lynx Edicions. ISBN 84-87334-20-2. 
  8. Scarlett, R. J. (1966): A Pelican in New Zealand. Notornis 13(4): 204-217. PDF fulltext
  9. Worthy, Trevor H. (1998): A remarkable fossil and archaeological fauna from Marfells Beach, Lake Grassmere, South Island, New Zealand. Records of the Canterbury Museum 12: 79-176.
  10. Beruldsen, G (2003). Australian Birds: Their Nests and Eggs. Kenmore Hills, Qld: self. p. 187. ISBN 0-646-42798-9. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]