Saltar ao contido

Partenio de Nicea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaPartenio de Nicea
Biografía
Nacementoséculo I a. C. Editar o valor en Wikidata
Nicea Editar o valor en Wikidata
Morteséculo I a. C. Editar o valor en Wikidata
Roma, Italia Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoLiteratura e literatura classicista (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónpoeta, mitógrafo, escritor Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables

Descrito pola fontePaulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Library of the World's Best Literature Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1723082

Partenio (Παρθένιος) foi un escritor grego do século -I e natural de Nicea.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Segundo a enciclopedia bizantina Suda, foi feito prisioneiro na guerra contra Mitrídates, e foi levado a Roma no ano -72. Había recobrar a liberdade grazas ao seu talento.

Partenio foi amigo de Gaio Cornelio Galo, e coñeceu a Virxilio, que traduciu un dos seus versos nas Xeórxicas.

Das obras en prosa de Partenio, coñécese Sufrimentos de amor (Ἐρωτικὰ παθήματα: Erōtica Pathēmata ou Περὶ Ἐρωτικῶν Παθημάτων: Perì Erōtikỗn Pathēmátōn), que é unha colección de narracións curtas relativas a aventuras amorosas que terminan en catástrofes ou metamorfoses extractadas de autores antigos e reunidas para facilitar materiais ás composicións épicas e elexíacas de Galo. Estes son os personaxes cuxas historias se presentan en Sufrimentos de amor:

  • 1. Lirco.
  • 2. Polimela (Πολυμήλα), filla de Eolo que foi amante de Odiseo, e, cando partiu este de volta a Ítaca cos ventos nun odre, estrañábao. Eolo, tras vilipendiar a Odiseo, quixo castigala, pero Diores, irmán dela que a amaba, tomouna por esposa e aplacouse a ira do pai.
  • 3. Evipa (Εὐίππη: «boa egua»), filla de Tirimas (Τυρίμμας) que foi violada por Odiseo. Dela naceu Euríalo, ao que despois mataría o seu pai por erro.
  • 4. Enone.
  • 5. Leucipo (Λεύκιππος), fillo de Xancio (Ξάνθιος) que amou á súa irmá. Xacendo xuntos Leucipo e ela, Xancio matouna crendo que mataba ao amante dela, e Leucipo, así mesmo, matou de inmediato ao pai sen saber tampouco a quen mataba.
  • 6. Palene (Παλλήνη), filla de Sitón (Σίθων), monarca tracio que ofreceu o seu reino e a man da súa filla a quen o vencese en combate. Como nunca era vencido, estableceu que os pretendentes haberían de combater entre eles. Driante (Δρύας) e Cleito (Κλεῖτος) enfrontáronse, e Cleito matou a Driante, casou coa rapariga e herdou o reino de Sitón. Despois, Palene sería tamén consorte de Dioniso.
  • 7. Hiparino (῾Ἱππαρῖνος) de Heraclea, que, amado por Antileón, foi desexado tamén polo tirano da cidade. Antileón matou o tirano, e talvez puidese fuxir de non tropezar coa corda que ataba as ovellas dun rabaño.
  • 8. Heripe (Ἑρίππη), raíña de Mileto que foi raptada polos galos durante as Tesmoforias. O seu esposo, o rei Xanto (Ξάνθος), acudiu á corte dun rei galo para rescatala, pero fixo ver que tiña menos ouro do que tiña de verdade. Menipe propuxo ao rei galo, do que se namorou, que matase a Xanto e cobrase todo. O rei galo matou a Menipe e deixou marchar a Xanto con todo o ouro.
  • 9. Policrite (Πολυκρίτη), rapariga de Naxos que aproveitou o amor que lle tiña Diogneto, xeneral de Eritrea, para procurar a vitoria da súa cidade, cercada por ese exército e polo de Mileto.
  • 10. Leucone (Λευκώνη), que sospeitaba do seu esposo Cianipo (Κυανίππος) porque saía de cazaría moi a miúdo; un día foi tras el e os cans, tomándoa por unha presa perseguida, fixérona pedazos. A historia é similar á de Céfalo e Procris.
Bouguereau: Biblis (Byblis, 1884).
  • 11. Biblis (Βυβλίς), que amaba ao seu irmán Cauno (Καῦνος), e el fuxiu dela. Ambos eran fillos de Mileto[1][2].
  • 12. Calco (Κάλχος) de Daunia, que amaba a Circe. Por entón, ela tiña na súa morada a Odiseo. Tanto insistiu Calco, que Circe o convidou a un banquete, pero as viandas tiñan unha droga, e Calco, convertido en porco, foi levado ao cortello. Os daunios acudiron a rescatalo, e Circe devolveu a Calco a súa forma humana a cambio de que xurase que xamais volvería achegarse por alí.
  • 13. Harpálice (Ἀρπαλύκη), filla de Clímeno (Κλύμενος), rei de Argos. Clímeno amaba á súa filla, e arrebatoulla ao seu prometido cando a levaba para desposala. En vinganza, Harpálice matou o seu irmán máis novo, esnaquizouno e serviuno para comer a Clímeno durante un festival. Despois pediu aos deuses que a apartasen da condición humana, e transformárona na ave chamada chalcis[3][4][5].
  • 14. Anteo (Ἀνθεὺς) de Halicarnaso, que foi amado pola esposa do seu anfitrión: Cleobea (Κλεόβοια). Ao rexeitala el, Cleobea pediulle que lle recobrase algo que lle caera a un pozo, e, cando Anteo estaba dentro, deixoulle caer encima unha pedra. Despois, ela aforcouse.
  • 15: Dafne.
  • 16: Laódice.
  • 17: Cratea, que se namorou do seu fillo Periandro e pediulle que xacese cunha muller casada á que el tiña prendada, pero, pola honra dela, que o fixese ás escuras e non lle dirixise palabra; e así xaceu Cratea co seu fillo. As visitas repetíronse, e unha noite, querendo saber quen era a dama, Periandro acendeu unha luz e viu que era a súa nai. Unha aparición divina evitou que a matase, pero a partir de entón viviu tolo, e a nai acabou marchando.
  • 18: Neera (Νεαερα), esposa de Hipsicreonte que se namorou de Promedonte, amigo do esposo, e obrigouno a satisfacela. Despois, el fuxiu; e ela, tamén, e refuxiouse en Naxos. Os habitantes do lugar negáronse a entregala, e preferían que o propio Hipsicreonte a convencese de que se marchase con el. Naxos foi asediada, mais obtivo ao cabo a vitoria grazas á estrataxema de Policrite (relatada na historia 9).
  • 19. Páncrato, filla de Ifimedia.
  • 20. Mérope, filla de Enopión.
  • 21: Pisídice (Πεισιδίκη) de Metimna, que, namorada de Aquiles, o axudou a conquistar a cidade; despois, el mandou lapidala por traizón.
  • 22: Nanis, filla de Creso que, a cambio de que a tomase por esposa, deixou entrar en Sardes a Ciro, pero logo el non cumpriu a súa promesa.
  • 23: Quelidonis (Χελιδονίς), espartana que foi esposa de Cleónimo e se namorou de Acrótato. Sendo excluído tamén do trono, Cleónimo instou a Pirro a conquistar Esparta. Quelidonis estaba disposta a quitarse a vida antes que volver co marido, pero as tropas de Pirro foron rexeitadas, en parte polos esforzos de Acrótato.
  • 24: Hiparino (῾Ἱππαρῖνος) de Siracusa, tirano que amaba a un raparigo chamado Aqueo. Cando tivo que partir a unha campaña militar, deulle a Aqueo unha daga que debería utilizar de verse en perigo. Tras vencer na campaña, o tirano volveu ao palacio, chegou habendo xa escurecido e, por broma, cambiou a voz para dicir que matara a Hiparino, e foi morto polo seu amado, que cría defenderse dun inimigo.
  • 25: Failo.
  • 26: Apriate (Ἀπριάτη), da que se namorou un fillo de Telamón: Trambelo. Forcexeando os dous, Apriate caeu por un cantil, por vontade del ou dela.
  • 27: Alcínoe (Ἀλκινόη), filla de Pólibo.
  • 28: Clite (Κλείτη), filla de Mérope de Percote e esposa de Cícico (Κύζικος) que se quitou a vida ao ser morto este involuntariamente polos Argonautas[6].
  • 29: Dafnis.
  • 30: Celtine (Κελτίνη), filla do rei celta Bretano (Βρεταννού) que, namorada de Heracles, escondeu o gando que roubara el a Xerión, e díxolle que non llo daría ata que xacese con ela; así, naceu Celto (Κέλτος).
  • 31: Dimetes (Διμοίτης), irmán de Trecén que casou coa filla deste: Evopis. Pero ela á súa vez amaba ao seu irmán, e xacía con el. Ao sabelo Dimetes, díxollo a Trecén, e Evopis aforcouse. Tempo despois, Dimetes atopou na beira do mar unha afogada da que quedou prendado. Xaceu co corpo morto, pero este acabou desprendendo o fedor da pudrición. Dimetes sepultouno, e despois matouse.
  • 32: Antipe (Ἀνθίππη), que xacendo co seu amante nunha matogueira foi morta polo príncipe Ciquiro (Κίχυρος), que ía de caza e errou coa xavelina. Ciquiro lanzouse co cabalo a un barranco, e alí morreu. A xente do lugar fundou na súa honra a cidade de Ciquiro, que despois sería Efira (Ἐφύρα), capital da antiga Tesprotia.
  • 33: Asaón (Ἀσσάον), que amou á súa filla Níobe. Ela dixera que os seus fillos eran máis fermosos que os de Leto, e a deusa castigou a Níobe facendo que o esposo, Filoto, morrese durante unha cazaría, e que o pai, Asaón, se namorase dela. Ao ser rexeitado, Asaón convidou aos seus netos a un banquete e prendeulles lume. Níobe lanzouse ao baleiro desde unha pena, e Asaón matouse despois.
  • 34: Córito.
  • 35: Eulimene (Εὐλιμήνη), que, malia estar prometida a Áptero, xacía con Licasto (Λύκαστος). Para saber o mellor que podía facer contra os seus inimigos, o pai de Eulimene, Cidón (Κύδων), consultou ao oráculo, que lle dixo que habería de sacrificar a unha virxe. Cidón botou a sortes a elección dunha virxe do seu reino, e tocoulle á súa propia filla. Licasto asegurou que Eulimene non era virxe, pero aínda así foi morta. Despois, examinando o corpo da rapariga, sóubose que estaba encinta.
  • 36: Argantone (Ἀργανθώνη), esposa de Reso. Ao ser morto este na Guerra de Troia, Argantone foi ao lugar no que xaceran por primeira vez, e alí quedou chamando ao seu esposo, día tras día, até morrer de inanición.

Como poeta, Partenio compuxo elexías mitolóxicas das que só se coñecen os títulos, outros cantos elexíacos, unha epístola a un descoñecido e algúns poemiñas en hexámetros. Case sempre eran historias de amor e lendas estrañas nas que abusaba da riqueza do seu léxico, véndose en todas elas unha influencia moi sensíbel dos primeiros alexandrinos. Foi máis coñecido no seu tempo por eses poemas que pola súa prosa.

Estes son os títulos dos poemas de Partenio dos que se ten noticia:

  • Arete.
  • Elexía a Arquelaida.
  • Afrodita.
  • Biante.
  • Delos.
  • Crinágoras.
  • As Leucadias
  • Antipa.
  • Elexía a Auxitemis.
  • Idolofanes.
  • Heracles.
  • Ificles.
  • Metamorfose.
  • Propempticon (poema de despedida)
  • Un texto sobre o Moretum que aparece no chamado Apéndice Virxiliano.
  1. Ovidio: As metamorfoses, IX, 450 - 665 (Biblis).
  2. Conón: Narracións (Διηγήσεις); 2: Biblis.
  3. Hixino: Fábulas (Fabulae).
  4. Entrada de «chalcis» Arquivado 09 de novembro de 2016 en Wayback Machine. no sitio Mythagora.
  5. Ilíada, XIV, 288 - 290.
  6. Narracións, 41: Clite.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]