Herodas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Herodas
000 P.Lit.Lond. 96 col. i.jpg
Primeira columna do papiro Herodas, mostrando Mimiambo 1. 1–15.
Nacemento300 a. C.
 Alexandría
Falecemento250 a. C.
 Cos
Ocupaciónpoeta e escritor
editar datos en Wikidata ]

Herodas (en grego, Ἡρώδας) ou Herondas (o nome aparece deletreado de maneira distinta nos diferentes lugares nos que se menciona) foi un poeta grego e autor de pequenas escenas teatrais humorísticas en verso, escritas en época do imperio alexandrino no século -III.

Máis aló do seu mérito intrínseco, estas pezas son interesantes na historia da literatura grega por ser dun tipo novo que ilustra os métodos alexandrinos. Chámase a estes poemas «mimiambos» (en grego, «μιμίαμβοι»: «mimo-iámbicos»). Os mimos eran o produto dórico do Sur de Italia e Sicilia, e os máis famosos deles, dos que se di que Platón estudou a maneira de debuxar un personaxe, eran obra de Sofrón.

Tratábase de escenas da vida popular, escritas no idioma da xente, vigorosos con proverbios subidos de ton como se aprecian noutras reflexións desa rexión, en Petronio e no Pentamerón. Dous dos Idilios de Teócrito máis coñecidos e vitais, o segundo e o 15º, derivan dos mimos de Sofrón. O que fai alí Teócrito, Herodas, o seu contemporáneo, faino doutro xeito, moldeando antigo material cunha forma nova, a unha escala menor, baixo estritas condicións técnicas. O método é enteiramente alexandrino: Sofrón escribira nunha clase peculiar de prosa rítmica; Teócrito usa o hexámetro e o dialecto dórico, Herodas o iambo escazonte «coxo» (cun espondeo arrastrado ao final) e o vello dialecto xónico co que ese curioso metro estaba asociado. Isto, con todo, dificilmente vai máis aló da elección e forma das palabras; a estrutura das frases é nun ático trabado. Herodas non escribiu os seus mimiambos na koiné grega da súa época. Máis ben, afectou un estilo pintoresco que imitaba ao grego falado no século -VI (Cunningham 14)

Pero o metro rosmón e a linguaxe pintoresca axustábanse ao ton de vida cotiá que Herodas alega que pretende lograr; pois, así como Teócrito pode ser considerado idealista, Herodas é un realista decidido. Os seus personaxes falan en exclamacións vehementes e enfáticas quendas de palabra, con proverbios e frases feitas; e ocasionalmente, onde parece apropiado ao personaxe, coa expresión de máis crúa grosería. A escena do segundo e do cuarto ambiéntase en Cos, e os personaxes que falan en cada un non son nunca máis de tres.

Mimos de Herodas[editar | editar a fonte]

Mimo I[editar | editar a fonte]

No Mimo I a vella ama de cría, agora alcaiota profesional, visita a Metrique, cuxo esposo leva xa moito tempo lonxe, en Exipto, e trata de espertar o seu interese por un desexábel mozo, perdidamente namorado dela a primeira vista. Despois de escoitar todos os argumentos, Metrique rexeita con dignidade, pero consola á vella cun gran vaso de viño, representándose sempre esta obra ao estilo da señora Gamp, personaxe picaresco da novela Martin Chuzzlewit de Dickens.

Mimo II[editar | editar a fonte]

É un monólogo no que un proxeneta se queixa ante un tribunal de que un rufián entrara no establecemento pola noite e tentara levar a unha das prostitutas. O vulgar canalla, a quen nada avergoña, remarcando que non ten ningunha evidencia que presentar, prosegue a súa perorata no estilo oratorio regular, apelando aos xuíces a que non sexan desmerecedores das súas glorias tradicionais. De feito, todo o discurso é burlesco en cada detalle da linguaxe ática xurídica; e neste caso existe material co que apreciar a excelencia da parodia.

Mimo III[editar | editar a fonte]

Metrotimé, unha nai desesperada, trae ante o mestre Lamprisco ao seu traveso fillo, Cottalos, a quen nin ela nin o seu incapaz e ancián pai poden dominar. Nunha corrente volúbel de interminábeis frases ela narra as súas travesuras e roga ao mestre que o azoute. Ao neno pono sobre as costas doutro e azóutano; pero non parece que iso someta o seu espírito, e a nai recorre, despois de todo, ao vello.

Mimo IV[editar | editar a fonte]

É a visita de dúas pobres cunha ofrenda ao templo de Asclepio en Cos. Mentres se sacrifica o galo, elas á súa vez, como mulleres no Ion de Eurípides, admiran as obras de arte. O untuoso sancristán está admirabelmente pintado cun par de pinceladas.

Mimo V[editar | editar a fonte]

Este achéganos a algúns feitos moi desagradábeis da vida da Antigüidade. Unha muller celosa acusa a un dos seus escravos, a quen ela fixo o seu favorito, de infidelidade; fai que o leven a dar 2.000 lategazos pola cidade; axiña que se perde de vista, chámao de novo para ser marcado «nun novo traballo». A única persoa agradábel da peza é a pequena doncela á que se permiten liberdades, quen co seu tacto suxire á súa señora unha escusa para pospor a execución da ameaza feita no medio dunha furia ingobernábel.

Mimo VI[editar | editar a fonte]

Unha charla amigábel ou conversación privada entre dúas amigas. Metro chegou a casa de Koritto para lle preguntar onde adquirira ela o seu consolador, pero o diálogo é tan enxeñoso como o resto, con algúns toques deliciosos. O interese vese aquí atrapado por un tal Kerdon, quen fixo o consolador e que oculta o seu negocio aparentando ser un zapateiro. Tras adquirir a información que desexaba, Metro márchase para buscalo.[1]

Mimo VII[editar | editar a fonte]

Os mesmos Kerdon e Metro do mimo VI aparecen aquí, traendo Metro a algunhas amigas á zapatería de Kerdon (o seu nome, que significa «especulador», xa se fixo xenérico para o zapateiro como o típico representante do comercio polo miúdo) é un homiño calvo con labia, que se queixa dos malos tempos, quen engaiolar e persuade alternativamente. As alusións sexuais que se esperan despois da súa implicación no mimo VI son só postas en evidencia ao final, cando as amigas de Metro abandonaron a tenda.

Mimo VIII[editar | editar a fonte]

Empeza co poeta espertando aos seus serventes para que escoiten o seu soño; pero só estamos no comezo, e os outros fragmentos son moi curtos. Dentro dos límites de 100 versos ou menor, Herodas preséntanos unha escena moi entretida e cos personaxes claramente definidos.

Discusión[editar | editar a fonte]

Algúns destes mimiambos perfeccionáronse sen dúbida sobre a escena ática, onde a tendencia no século IV fora evolucionar gradualmente cara a tipos aceptados, non individuos, senón xeneralizacións dunha clase, unha arte na que Menandro era considerado o mestre.

O seu efecto lógrase a través de verdadeiros medios dramáticos, con toques nunca gastados e moitas veces máis agradábeis porque non reclaman a atención. A execución ten as calidades dunha obra alexandrina de primeira calidade en miniatura, da mesma maneira que os epigramas de Asclepiades, o acabado e as firmes liñas xerais; e estas pequenas imaxes pasan a proba de toda obra artística, non perden a súa frescura coa familiaridade, e gañan en interese conforme se aprende a apreciar os seus puntos sutís.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El consuelo venía de Mileto. Inclúe tradución ao castelán do Mimo VI.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • O manuscrito en papiro, obtido do Fayum, está en poder do Museo Británico, e foi impreso por vez primeira por F.G. Kenyon en 1891. Edicións por Otto Crusius (1905, só o texto, na serie Teubner) e J.A. Nairn (1904), con introdución, notas e bibliografía.
  • Hai unha tradución en verso ao inglés dos mimos por H. Sharpley (1906) baixo o título A Realist of the Aegean («Un realista do Exeo»)
  • Cunningham, I.C. Herodas. Mimiambi. Oxford, 1971.
  • Herodas/ Partenio de Nicea. Mimiambos. Fragmentos mímicos/ Sufrimientos de amor. Madrid: Editorial Gredos. ISBN 978-84-249-0156-1. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]