Parque Nacional do Canón Bryce

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Bryce Canyon National Park
Inspiration Point Bryce Canyon November 2018 panorama.jpg
Marco Legal
Figura de Protección: Parque nacional
Ano de constitución: 25 de febreiro de 1928
Superficie: 145,02 km2
Lexislación:
Datos de interese
País: Estados Unidos de América Estados Unidos
Provincias: Utah
Concellos:
Ríos:
Picos
Direccións de interese:
Teléfonos:

O Parque Nacional do Canón Bryce (en inglés: Bryce Canyon National Park) é un parque nacional dos Estados Unidos localizado no suroeste do estado de Utah. A pesar do seu nome, o canón Bryce non é propiamente un canón senón un grande anfiteatro natural formado pola erosión. Bryce destaca polas súas estruturas xeolóxicas únicas, chamadas chemineas de fadas, que se formaron pola erosión causada polo vento a auga e o xeo. O xogo de cores das rocas, vermello, laranxa e branco forman vistas espectaculares.

Bryce atópase a maior altura que o veciño parque nacional Zion e que o Gran Canón. A cota media de altitude atópase entre os 2400 e os 2700 metros. No entanto, a parte meridional atópase a 2100 metros. Debido a esta variedade de cotas, a ecoloxía e o clima varían moito dunha zona a outra, ofrecendo un espectacular contraste.

Os mormóns foron os primeiros occidentais en asentarse na zona ao redor de 1850, dándolle o nome en honra a Ebenezer Bryce, primeiro habitante da zona. A área converteuse nun monumento nacional en 1924, converténdose en parque nacional catro anos máis tarde. Ocupa unha área de 145 km². Dos tres parques nacionais de Utah, este é o menos visitado debido en gran parte á súa remota localización. O nome do parque tamén se empregou para denominar un programa informático encargado de simular en tres dimensións as paisaxes xeográficas.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Mapa do canón Bryce.
O canón Bryce, aquí visto dende Bryce Point, é un anfiteatro natural. Ebenezer Bryce, o seu descubridor, dixo que era o peor lugar para perder unha vaca.

O Parque Nacional do Canón Bryce atópase ao sur do estado de Utah a uns 80 km ao nordés do parque nacional Zion. O clima é máis frío e húmido que en Zion.

O parque nacional atópase sobre a placa do Colorado, dentro da provincia xeográfica de Norteamérica e esténdese a ambos os dous lados do bordo meridional da meseta Paunsagunt. Os visitantes acceden ao parque dende a meseta, achegándose ao bordo e contemplando o val que forma o río Paria. Alén do val pódese observar o bordo da meseta Kaiparowitz.

O canón Bryce non se formou pola erosión dunha corrente de auga central, polo que tecnicamente non se pode denominar canón. O grande anfiteatro e as demais figuras de rocas da era cenozoica creáronse por erosión de cabeceira. Deste tipo de erosión proveñen os pináculos de cores coñecidas como chemineas de fadas, que chegan a acadar os 60 m de altura. Nunha área de 30 km atópanse varios anfiteatros, sendo o máis grande o Anfiteatro Bryce, que mide 19 km de longo por 5 de largo e cunha profundidade de 240 m.

A maior elevación do parque é Rainbow Point, cunha altura de 2775 metros. Dende a súa cima pódese observar a meseta Aquarius, o Anfiteatro Bryce, as Henry Mountains, os cantís Vermilion e os cantís Brancos. O punto máis baixo do parque é o canón Cope, que se atopa a 2011 metros.

Historia humana[editar | editar a fonte]

Poboacións nativas americanas[editar | editar a fonte]

Os petróglifos de Bryce Canyon demostran que estivo habitado hai milenios, pero hoxe en día aínda se sabe pouco deses pobos.

Coñécese pouco sobre os primeiros habitantes da zona do Canón Bryce. Os estudos arqueolóxicos no propio canón e na meseta Paunsaugunt demostran que houbo asentamentos humanos na zona dende hai dez mil anos. Ao sur do parque atopáronse obxectos anasazi da época dos cesteiros. Tamén se atoparon obxectos anasazi da época dos pueblo e da cultura de Fremont.[1]

Os indios paiute colonizaron a área dos vales e mesetas na mesma época que os anteriores habitantes abandonáronos. Estes indíxenas eran predominantemente cazadores-recolectores aínda que tamén completaban a súa dieta con algunhas verduras que cultivaban. Os paiute foron os que crearon a mitoloxía sobre as chemineas de fadas da zona. Pensaban que os pináculos eran xente lendaria aos que o coyote convertera en rochas. En lingua paiute denomínanse Anka-ku-wass-a-wits, que significa “caras vermellas”.[1]

Exploración e asentamentos europeos[editar | editar a fonte]

Os primeiros europeos chegaron á zona a finais do século XVIII e principios do XIX. Os mormóns chegaron á zona en 1850, na procura de zonas para cultivar e criar gañado.[1]

A primeira grande expedición científica realizouna o oficial do exército John Wesley Powell en 1872.[1] Powell, xunto cun grupo de cartógrafos, xeólogos e xeógrafos, explorou as canles dos ríos Sevier e Virgin. Os seus cartógrafos mantiveron moitos dos nomes paiute tradicionais.[2]

Ebenezer Bryce e a súa familia viviron en Bryce Canyon, concretamente nesta cabana, fotografada en 1881.

Pequenos grupos de mormóns asentáronse na área do canón Bryce nas ribeiras do río Paria. En 1873, a empresa gandeira Kanarra estableceuse na área para criar gañado.[1]

Os mormóns enviaron o inmigrante escocés Ebenezer Bryce e a súa esposa Mary, a colonizar a área, pois pensaban que os seus coñecementos de carpintaría serían beneficiosos para a zona. A familia Bryce escolleu a marxe dereita do anfiteatro para establecer a súa morada. Bryce colocou o seu gando no que agora é un dos límites do parque e dixo que os anfiteatros eran o lugar perfecto para perder unha vaca.[3] Tamén construíu unha estrada para levar leña e madeira. Tamén creou unha canle para regar os seus cultivos e dar de beber aos seus animais. Outros colonos, ao ver a situación comezaron a chamar ao canón “canón de Bryce” e así pasou a converterse no nome oficial do parque.

Unha combinación de seca, crecidas e inundacións provocou a fuxida dos poucos paiute que quedaban na zona e obrigou os colonos a crear unha canle desde o río Sevier para drenar os terreos. O intento foi errado e os colonos, incluída a familia Bryce, fuxiron da zona.[2] Bryce trasladouse a Arizona en 1880.[4] Os colonos que quedaron tentaron crear unha quenlla de 16 km de longo dende a bifurcación leste do río Sevier ata Tropic Valley.[2]

Creación do parque[editar | editar a fonte]

O albergue foi construído entre 1924 e 1925 con materiais da rexión.
En 1928, o canón converteuse en parque nacional e posúe un centro de visitantes.

Os visitantes e especialmente o garda forestal J.W. Humphrey comezaron a expandir as súas lembranzas sobre a beleza do lugar por todo o estado. En 1918 publicáronse diversos artigos que ampliaron o interese pola zona.[1] Con todo, os pobres accesos á área e a falta de lugares para pasar a noite mantiveron as visitas nun número mínimo.

Ruby Syrett, Harold Bowman, e os irmáns Perry construíron máis tarde un pequeno albergue e crearon unha serie de servizos para os turistas. Syrett foi o primeiro xefe da oficina de correos de Bryce Canyon. As visitas aumentaron exponencialmente e arredor de 1920, ampliáronse as liñas de ferrocarril ata o sur de Utah para facilitar o acceso dos turistas.[1]

Por esas mesmas datas, os conservacionistas comezaron a alarmarse pola deterioración á que se estaba a someter a zona. Creouse un movemento para lograr a protección da zona e o director do Servizo de Parques Nacionais, Stephen Mather propuxo converter Bryce Canyon nun parque estatal. O gobernador de Utah e o Congreso do Estado apoiaban a idea de convertelo en parque nacional. Conseguiron cambiar a opinión de Mather, que propuxo ao presidente Warren G. Harding a súa designación como monumento nacional,[1] unha proclamación que realizou o 8 de xuño de 1923 en virtude da autoridade que lle confería a lei de Antigüidades de 1906.

Nese mesmo ano construíuse unha estrada sobre a meseta para permitir un mellor acceso á zona alta do anfiteatro. Entre 1924 e 1925 construíuse o refuxio de Bryce Canyon con madeiras e rochas da zona.[5]

O 7 de xuño de 1924 o Congreso dos Estados Unidos decidiu aumentar o grao de protección da zona por lei para convertelo en parque nacional,[5] mais na lei introduciuse un requisito que requiriu un proceso de adquisición de todas as propiedades privadas na zona («land within the exterior boundaries of the aforesaid tract shall first become the property of the United States») que culminou o 25 de febreiro de 1928 cando unha nova lei do Congreso creou finalmente o Parque Nacional Canón Bryce.[6]

En 1931, o presidente Herbert Hoover ampliou o parque con terreos ao sur do mesmo. En 1942 produciuse outra ampliación de 2,57 km².[1] Con esta última ampliación, o parque quedou cunha área total 145,02 km².[6] A Rim Road, a estrada que aínda segue en uso, construíuse en 1934. Ata 1956, a administración do parque realizábase dende o parque nacional Zion.

Historia a partir de 1942[editar | editar a fonte]

O USS Bryce Canyon foi bautizado en honra do parque. Foi un barco de abastecemento e de reparacións ao servizo da Frota do Pacífico da Armada dos Estados Unidos dende o 7 de marzo de 1947 até o 30 de xuño de 1981.[7] Foi o único barco da mariña estadounidense que foi galardoado co E de ouro por gañar cinco premios consecutivos á eficiencia.

En xuño de 2000 en resposta ao aumento do número de visitantes e as conxestións de tráfico, o Servizo de Parques Nacionais estableceu un servizo de autobuses que funcionan no verán. En 2004 comezouse a reconstrución da estrada por atoparse moi deteriorada.

Xeoloxía[editar | editar a fonte]

Chemineas de fadas típicas da zona.

A área do Canón Bryce mostra unha ampla gama de depósitos dende a última parte do Cretáceo ata a primeira metade da Era Mesozoica.[8] As diferentes capas proveñen de distintas épocas e ambientes:

  • A arenita Dakota e a lousa tropical foron depositadas nas cálidas augas pantanosas do Cretáceo.
  • As coloridas formacións Claron, das que se modelaron os hoodoos, proceden dun sistema de depósitos sedimentarios propios das correntes frías e dos lagos que existiron hai entre 63 e 40 millóns de anos (Paleoceno e Eoceno). Os diferentes tipos de sedimentos depositáronse cando os lagos foron perdendo profundidade e se converteron en pantanos e coa variación do delta do río.

Outras formacións creáronse por erosión durante os períodos en que se produciu o alzamento do chan:

As rochas que forman a cheminea de fadas formáronse pola sedimentación de correntes e lagos que existiron hai entre 63 e 40 millóns de anos.
A erosión de rochas sedimentarias creou pontes naturais e as cheminea de fadas.
  • A oroxenia Laramida afectou a zona occidental do que se converteu en Norteamérica hai aproximadamente 70 millóns de anos.[6] Isto axudou á creación das Montañas Rochosas. Os cantís Straight e as formacións Kaiparowits foron vítimas deste alzamento.
  • A meseta do Colorado ergueuse hai uns 10 ou 15 millóns de anos, segmentándose en diferentes mesetas, separándose cada unha por fallas e cunha taxa de elevación distinta.[9]

A erosión provocou a creación destes monumentos xeolóxicos. Os cantís rosados, máis facilmente erosionables formaron os hoodoos, mentres que as rocas máis duras formaron os monólitos. A cor rosada provén do óxido de ferro e manganeso.[10] Tamén se crearon arcos naturais, paredes e xanelas. Os hoodoos componse de débiles rocas sedimentarias, cunha cúspide composta por rochas máis duras que protexen a columna dos elementos. O canón Bryce ten unha das maiores concentracións de chemineas de fadas da Terra.

As rochas da zona forman parte da Grand Staircase, un conxunto de capas de rochas sedimentarias que abranguen zonas do canón Bryce, do parque nacional Zion e do Gran Canón. As capas máis antigas pódense ver no Gran Canón, as medias no parque nacional Zion e as máis novas no canón Bryce.

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Os cervos son os mamíferos máis comúns do parque.
Na zona abundan os bosques.

Os bosques e os prados de Bryce Canyon son o hábitat de numerosas especies de animais, entre os que destacan as aves, os raposos, os pumas, os osos negros e os cervos, que son os mamíferos máis comúns do parque. Todos os anos visitan o parque máis de 160 especies de aves. A maioría das especies de aves emigran a rexións máis cálidas durante os meses de inverno, agás as aguias, os corvos e os bufos, que permanecen no canón. Os mamíferos descenden a cotas máis baixas para evitar o intenso frío das alturas. As marmotas e os esquíos hibernan.

Defínense tres ecosistemas no parque baseados na cota de elevación:[5]

  • As zonas máis baixas do parque están compostas por bosques de piñeiros piñoneiros, coníferas e outros tipos de arbustos e árbores.
  • Os bosques de Pinus ponderosa cobren as cotas medias xunto con outras especies de coníferas e abetos. Tamén hai moitas especies de arbustos.
  • As zonas de maior altitude do parque están cubertas de coníferas e de sequoias.

No parque tamén hai importantes colonias de liques e fungos. Estes organismos reducen a erosión e fixan o nitróxeno no chan, o que axuda a reter nutrientes.

Mentres que os humanos reduciron a maioría dos hábitats nos Estados Unidos, a relativa escaseza de auga no sur de Utah evitou os asentamentos humanos e polo tanto permitiu a conservación de todos os ecosistemas da zona.

Actividades[editar | editar a fonte]

A maioría dos visitantes achéganse ao parque a través dunha estrada de 29 quilómetros que atravesa os 13 miradoiros sobre os anfiteatros.

O Canón Bryce ten oito carreiros delimitados e mantidos que poden percorrerse en menos dun día ida e volta.[11]

De abril a outubro pódese montar dacabalo no parque.

O parque tamén ten dous carreiros longos con zonas para pasar a noite e para os que fai falta un permiso de acampada. En conxunto hai máis de 50 km de carreiros no parque.

Hai máis de 16 km de pistas de esquí no parque. O aire da zona é tan puro, que nos días claros se pode ver ata 140 quilómetros no interior de Arizona dende Yovimpa Point e Rainbow Point. Noutras ocasións pódense chegar a ver as Black Mesas de Arizona e o oeste de Novo México a 320 quilómetros de distancia. A escuridade do ceo converte o parque nun dos mellores lugares para observar as estrelas. Pódense observar máis de 7500 estrelas a primeira ollada mentres que noutras zonas do mundo só se poden ver unhas 2000 debido á contaminación luminosa.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Geology of National Parks: Fifth Edition, Ann G. Harris, Esther Tuttle, Sherwood D., Tuttle (Iowa, Kendall/Hunt Publishing; 1997) ISBN 0-7872-5353-7
  • Secrets in The Grand Canyon, Zion and Bryce Canyon National Parks: Third Edition, Lorraine Salem Tufts (North Palm Beach, Florida; National Photographic Collections; 1998) ISBN 0-9620255-3-4
  • The Hoodoo, National Park Service, Fall, Winter, Spring 2003–2004 edition
  • Bryce Canyon visitors guide, National Park Service
  • DeCourten, Frank. 1994. Shadows of Time, the Geology of Bryce Canyon National Park. Bryce Canyon Natural History Association.
  • Kiver, Eugene P., Harris, David V. 1999. Geology of U.S. Parklands 5th ed. John Wiley & Sons, Inc.
  • Sprinkel, Douglas A., Chidsey, Thomas C. Jr., Anderson, Paul B. 2000. Geology of Utah's Parks and Monuments. Publishers Press.
  • Tufts, Lorraine Salem (1998). Secrets in The Grand Canyon, Zion and Bryce Canyon National Park (3r ed.). North Palm Beach, Florida: National Photographic Collections. ISBN 0-9620255-3-4. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]