Otón I do Sacro Imperio Romano Xermánico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Otón I do Sacro Imperio Romano Xermánico
Otto I Manuscriptum Mediolanense c 1200.jpg
Nacemento23 de novembro de 912
 Wallhausen
Falecemento7 de maio de 973
 Memleben
SoterradoCathedral of Magdeburg
NacionalidadeAlemaña
Ocupaciónescritor
PaiHenrique I de Alemaña
NaiMatilde de Ringelheim
CónxuxeEdite de Wessex, Rainha da Germânia e Adelaide da Itália
FillosLiutgarde, Liudolf, Duke of Swabia, Matilda, Abbess of Quedlinburg, Otón II e William, Archbishop of Mainz
IrmánsHedwig of Saxony, Gerberga da Saxônia, Thankmar, Henrique I, Duque da Baviera e Bruno I, Arcebispo de Colônia
Otto signum.png
editar datos en Wikidata ]

Otón I de Alemaña, tamán coñecido como Otón o Grande (en alemán: Otto I., der Große), nado probablemente en Wallhausen, preto de Sangerhausen, o 23 de novembro de 912 e finado en Memleben o 7 de maio de 973, foi rei de Xermania de 936 a 973 e emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico[1] de 962 a 973. Foi fillo de Henrique I o Paxareiro ou o Cazador, duque de Saxonia. Dende 929 era un monarca asociado, o que tiña como fin facilitar a sucesión.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Ascenso ao trono[editar | editar a fonte]

Trala morte de Henrique I, fíxose coroar en Aquisgrán no palacio de Carlomagno[2] en 936 co título carolinxio de Rex et sacerdos ("Rei e sacerdote"). De feito, tivo a vocación de restaurar o imperio carolinxio[1] e foi o primeiro representante do Sacro Imperio Romano Xermánico.[1]

Coa axuda da alta xerarquía eclesiástica, en mans dos seus amigos e familiares, e dos duques de Franconia, Suabia, Lorena e Baviera, Otón derrotou os señores alemáns en varias batallas e substituíunos cos seus familiares.[2]

Política exterior[editar | editar a fonte]

A súa política exterior dirixiuse inicialmente á península Itálica, onde sostivo os dereitos de Adelaida de Italia fronte ao rei Berengario II de Ivrea.[3] Tras entrar vitorioso en Pavía, en 951, seguindo de novo a tradición carolinxia, fíxose proclamar rei dos francos e dos lombardos, para casar a continuación con Adelaida. Ante isto, Berengario cedeu e acaptou renderlle vasalaxe, polo que se fixo un oco na repartición do poder e recibiu o título de rei de Italia.

Para acudir tan rapidamente en axuda de Adelaida, Otón aproveitou o exército do seu fillo máis vello, Liudolfo, que acababa de invadir Lombardía aproveitando a inestabilidade da zona. Ao apropiarse deste exército e casar con Adelaida, Otón frustraba todaslas ambicións do seu fillo en Italia. Liudolfo sentiuse moi molesto por este motivo, e pouco despois, en 953, rebelouse contra o seu pai contando co apoio do seu cuñado, Conrado o Vermello. Non obstante, Otón esmagou a rebelión do seu fillo un ano máis tarde coa axuda de Henrique I, duque de Baviera.

No leste, Otón I tivo un importante éxito nas beiras do río Lech o 10 de agosto de 955. Ese día desenvolveuse a batalla de Lechfeld, en que derrotou unha enorme hoste de maxiares,[2] a quen os señores alemáns aos que previamente derrotara, apelaran coa fin de derrocalo.[2] Con tal fin recrutou un exército de cabaleiros de todas as partes do seu reino[2] que causaron enormes perdas aos maxiares mentres estes cruzaban en desorde o río Lech.[3]

Con esta vitoria puxo fin á ameaza maxiar, o que lle deu unha gran reputación e lle valeu o título de "o Grande".[3] Ese mesmo ano dirixiu as súas armas contra os eslavos do Elba, aos que venceu na batalla de Recknitz, acción que impulsou a expansión xermánica cara ao leste.

Emperador[editar | editar a fonte]

En 961, ligou o seu fillo Otón II ao poder, segundo o procedemento iniciado polo seu pai Henrique, para garantir unha sucesión pouco conflitiva. Pouco despois atendeu a petición de axuda do papa Xoán XII e marchou a Italia para defender os dereitos do pontífice fronte ás intromisións de Berengario.[3]

Logo marchou a Roma, onde foi coroado emperador o 2 de febreiro de 962.[1] Isto volveu resucitar o Imperio Romano de Occidente, por ese tempo o maior estado territorial de Europa. Adoptou o nome de Sacro para subliñar a súa estreita relación coa Igrexa.[1] Isto marcou tamén o comezo do Sacro Imperio Romano Xermánico.[1]

Con todo, a alianza co papa durou poco, xa que este axiña cambiou as súas ideas políticas.[4] Otón marchou entón sobre Roma e depúxoo, mais os romanos non cederon nin aceptaron o novo papa, León VIII, imposto por Otón.[4] Á morte de Xoán XII elixiron a Bieito V. Tras unha nova campaña en 966, Otón conseguiu por fin afianzarse e que o seu fillo fose nomeado emperador.

O pontificado e o imperio[editar | editar a fonte]

A raíz da restauración do imperio, Otón I afirmou o dereito dos emperadores a intervir na escolla dos pontífices, mais esa facultade desapareceu dende que o papa Nicolao II estableceu en 1059 que a elección pontificia sería privativa do conclave ou colexio de cardenais. O antagonismo entre os papas e os emperadores subsistiu avivado pola pretensión imperial, resistida polo pontificado, de someter Italia.

As relacións entre os emperadores e os pontífices, xefes absolutos da Igrexa de Occidente, abundaron en conflitos que debilitaron o poder imperial e papal.

A dinastía de Saxonia só durou dúas xeracións despois de Otón I. En 1024, a familia ducal de Franconia alcanzou o trono. Durante un século a elección imperial recaeu nesta familia, á que pertenceron Henrique IV, o emperador humillado en Canossa, e Henrique V, que celebrou coa Igrexa o concordato de Worms.[5]

Renacemento otoniano[editar | editar a fonte]

Otón I o Grande

Baixo o padroado de Otón I e os seus inmediatos sucesores produciuse o chamado renacemento otoniano, un limitado renacemento das artes e a arquitectura. O renacemento otoniano maniféstase nalgunhas escolas catedralicias revividas, como a de Bruno I, arcebispo de Colonia, e na produción de manuscritos iluminados, a principal forma artística da época, dun feixe de scriptoria de elite, como Quedlinburg, fundado por Otón en 936.

As abadías imperiais e a corte imperial convertéronse en centros da vida relixiosa e espiritual, guiados polo exemplo de mulleres da familia real. Otón quedou escandalizado polo estado da liturxia en Roma, así que encargou o primeiro Libro Pontifical, un libro litúrxico que contiña tanto oracións como instrucións sobre o rito. A compilación do Pontifical romano-xermánico foi supervisada polo arcebispo Guillerme de Mainz.

Predecesor:
Henrique I
Rei de Francia Oriental
936-973
Sucesor:
Otón II
Predecesor:
Berengario II e
Adalberto
Rei de Italia
951-973
Sucesor:
Otón II
Predecesor:
Berengario de Friuli
Emperador do Sacro Imperio
962-973
Sucesor:
Otón II
Predecesor:
Henrique I
Duque de Saxonia
936973
Sucesor:
Bernardo I

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Asimov, Isaac (1968). "10. La oscuridad comienza a disiparse". La Alta Edad Media (en castelán). Alianza. p. 296. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Asimov, Isaac (1968). "10. La oscuridad comienza a disiparse". La Alta Edad Media (en castelán). Alianza. p. 294. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Asimov, Isaac (1968). "10. La oscuridad comienza a disiparse". La Alta Edad Media (en castelán). Alianza. p. 295. 
  4. 4,0 4,1 Asimov, Isaac (1968). "10. La oscuridad comienza a disiparse". La Alta Edad Media (en castelán). Alianza. p. 298. 
  5. Bryce, James. The Holy Roman Empire. MacMillan, 1913. páx. 164

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]