Nicolas Jean de Dieu Soult

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Nicolas Jean de Dieu Soult, nado o 9 de marzo de 1769 e falecido no castelo de Soultberg o 26 de novembro de 1851, foi un militar e político francés. Destacado combatente nas Guerras Napoleónicas.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Entrou no exército en 1786 á idade de dezaseis anos e foi ascendido a segundo tenente en 1791 e a capitán dous anos despois. Participou en diversas accións de guerra durante a Convención, pero destacou especialmente na vitoria conseguida en Fleurus, a mediados de 1794, polo que foi nomeado xeneral. Demostrou as súas dotes como estratega militar nas campañas de Suíza e Italia entre 1799 e 1800, nas que estivo ás ordes do xeneral André Masséna. Napoleón deulle o mando militar do Piemonte e posteriormente dirixiu a Garda consular. Ascendeu a mariscal en 1804, un día antes da proclamación de Napoleón como emperador. En 1805 contribuiu decisivamente na vitoria napoleónica na Batalla de Austerlitz. Tamén estivo presente na guerra contra Rusia e Prusia dende 1806 até 1817. Foi gobernador da vella Prusia e recibiu o título de duque de Dalmacia.

A finais de 1807, foi enviado a España, tomou Burgos e A Coruña (na Batalla de Elviña) pero foi derrotado na campaña de Portugal por Wellington. A mediados de 1809, o emperador nomeouno xeneral maior das forzas francesas en España, pouco despois obtivo unha decisiva vitoria na Batalla de Ocaña. Durante 1810 foi xeneral en xefe do exército de Andalucía. A principios do ano seguinte invadiu Extremadura e ocupou Badaxoz, pero foi derrotado no enfrontamento da Albuera coas tropas anglo-españolas.

Nicolas Jean de Dieu Soult, Duque de Dalmacia, Mariscal de Francia con Napoleón e Ministro con Luís XVIII e Luís Filipe de Orleáns.

En 1812 tivo serios enfrontamentos con Xosé I, polo que Napoleón cambiouno de frente, e durante uns meses loitou no Rin. En 1813, cando as forzas imperiales comezaron a flaquear en España, foi posto novamente á fronte das tropas da península, fracasando no seu intento de recuperar as prazas de Pamplona e Donostia, e ao ano seguinte de novo foi derrotado polas forzas de Wellington en Orthez e Tolosa, cando tentaba que o exército británico non entrara en territorio francés.

Durante a primeira Restauración , na que Luís XVIII ocupou por primeira vez o trono francés (1814-1815), Soult foi nomeado ministro da guerra. Non obstante, aceptou ser xefe do Estado Maior de Napoleón durante o tempo que transcurriu dende a fuxida de este da illa de Elba ata a súa derrota definitiva na Batalla de Waterloo no ano 1815. Por este episodio foi desterrado de Francia dende 1816 ata 1819, ano no que foi chamado por Luís XVIII, que lle deolveu o grao de mariscal ao ano seguinte.

Foi un dos primeiros militares franceses que deu o seu apoio a Luís Filipe I de Orleans. Desempeñou diversos cargos políticos durante este reinado (ministro da guerra entre 1830 e 1834, e de 1840 a 1844), mentres que a carteira de Asuntos Exteriores estivo nas súas mans entre 1839 e 1840.

Retirouse da política en 1847, cerca xa dos oitenta anos e faleceu en 1851.

Curiosidade[editar | editar a fonte]

Despois de Guerra da Independencia moitos galegos bautizaron aos seus cans co nome de soult, e tamén co de ney, en recordo destes dous xenerais, costume que, nalgunha medida, pervive até os nosos días.