Masacre de Oseira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 42°32′18.46″N 07°57′4.37″O / 42.5384611, -7.9512139 O masacre de Oseira, acontecementos de Oseira ou sucesos de Oseira foi un episodio de enfrontamento entre a veciñanza de Oseira (San Cristovo de Cea) e as forzas de orde pública ocorrido en 1909 que desembocou na matanza de nove civís.

O anuncio do bispado de Ourense de retirar o baldaquino barroco da igrexa do mosteiro cisterciense de Oseira espertou a protesta dos fregueses. O baldaquino, probable obra de Domingo de Andrade atopábase nun estado precario e existía o risco de derrubamento[1].

Antecedentes[editar | editar a fonte]

En 1908 a viaxeira británica Annette Meakin escribira [2]:

"O impoñente retablo churrigueresco detrás do altar maior esmorece melancolicamente e ofrece o máis deprimente espectáculo. É verdadeiramente triste que España aínda non sinta o impulso de facer de Oseira un monumento nacional."

Co de Oseira, eran tres os baldaquinos da mesma estrutura en Galicia. Coma o da catedral de Santiago e o da capela do Santo Cristo da catedral de Ourense, o de Oseira era un baldaquino aéreo, no que do dosel estaba apoiado en ménsulas con forma de anxos sobre columnas salomónicas[3]. Pola súa semellanza co tabernáculo compostelán tense atribuído a Domingo de Andrade, aínda que non se descarta por completo a autoría do escultor Mateo de Prado[4].

Feitos[editar | editar a fonte]

A orixe da secuencia pode situarse no outono de 1908, cando o bispo de Ourense Eustaquio Ilundáin realizou unha visita pastoral á parroquia de Santa María a Real de Oseira. O mosteiro caera no abandono trala expulsión dos monxes canda a desamortización de Mendizábal, en 1835, mais a igrexa seguiu funcionando como igrexa parroquial. Constatado o pésimo estado do templo, considerouse a posibilidade de retirar o baldaquino barroco para evitar unha desgraza no caso de se esbarroar. Organismos oficiais responsables da conservación do patrimonio, como a Junta Diocesana de Reparación de Templos ou a Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos , mostraron o seu acordo coa decisión.

Neste punto espertouse un interese extraordinario polo valor artístico do baldaquino e comezan a abrollar rumores verbo da suposta existencia da figura dunha pomba ou pelicano de ouro macizo no seu interior. Os receos viñan alimentados tamén por anteriores espolios que sufrira o mosteiro unha vez exclaustrada a súa comunidade, como o reloxo da torre, os sinos, parte do coro e varias fontes que foran trasladadas a Ourense. Personalidades da cultura galega, como Manuel Murguía ou Aquilino Sánchez Rodríguez, secundaron a oposición veciñal, xunto a algúns medios da prensa nacional, como o Heraldo de Madrid, fronte a outros, como Siglo Futuro, que apoiaban a decisión do bispo.

As obras de desmonte do baldaquino comezaron en febreiro de 1909, pero axiña toparon coa contestación de boa parte da veciñanza. O 22 de abril de 1909, o bispo envía unha cuadrilla de carpinteiros para realizar a faena. Coñecendo o balbordo que se armara, pide ao gobernador civil Tomás Alonso Zabala que facilite 16 efectivos [5] para escoltar os carpinteiros. Xa en Oseira, os veciños encerráranse na igrexa con apeiros e trebellos e tras comprobaren a crispación xerada, os carpinteiros deciden marchar. Ante a negativa dos paisanos a abandonar o mosteiro, a Garda Civil, comandada polo tenente Gumersindo Salinas Fernández [6], abre fogo contra eles, matando a 7 persoas (entre elas unha nena de 14 anos e unha muller embarazada, de 22) e deixando outras 12 feridas de bala. Nos días seguintes morrerían dous dos feridos.

Contexto[editar | editar a fonte]

A matanza de Oseira sitúase no contexto de conflitividade na sociedade rural galega naquela altura. En 1909 Galicia estaba experimentando unha verdadeira efervescencia política e social, posto que coincidían no tempo a campaña de redención de foros impulsada polo Directorio Antiforista de Teis, unha federación agraria anarquista nos arredores da Coruña (Unión Campesina) e o xurdimento de Solidaridad Gallega. Con todo, fronte a outros episodios represivos acontecidos no rural galego despois durante o reinado de Afonso XIII (en Nebra en 1916, en Sofán en 1919 ou en Guillarei en 1922), nos sucesos de Oseira non participaron sociedades agrarias que canalizasen a mobilización. Ademais, na súa orixe e desenvolvemento están implicados factores relixiosos, especialmente o conflito entre a relixiosidade popular e a oficial, e tamén liortas internas dentro da diocese de Ourense.

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Os feitos tiveron un grande impacto na sociedade da época e chegaron a aparecer na prensa madrileña. Montero Ríos, que fora presidente do consello de ministros, acusou o goberno de Maura de ser responsable. A revista rexionalista Suevia, publicada en Bos Aires, denunciaba en 1913 que as investigacións realizadas para depurar responsabilidades remataran sen ningún castigo para "os indutores do fusilamento", pero si o encarceramento de cinco mozos que, en sinal de protesta, apedrearan o Círculo Católico de Ourense, a redacción dun periódico "clerical" e o convento das Adoratrices [7].

En 1929 retornan os monxes a Oseira e inician a reconstrución do mosteiro[8]. O bispo Ilundáin acabou deixando Ourense en 1920 e finalmente o baldaquino seguiu en pé ata 1925. Na actualidade só se conservan algúns paneis do baldaquino expostos no mosteiro de San Cristovo de Cea.

A lembranza do masacre de 1909 foi recreada literariamente con certas licenzas por Eduardo Blanco Amor na súa novela Xente ao lonxe (1972), aínda que tivo que efectuar modificacións debido á censura. Tamén Castelao introduciu referencias a Oseira na súa obra Un ollo de vidro e nalgunhas ilustracións como o debuxo número 10 do Álbum Nós no que unha vella reza nun cemiterio “–¡Un padrenuestriño polos que morreron en Oseira, Nebra e Sofán”[9].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "O masacre de Oseira". Enciclopedia Historia Literatura Galega. AS-PG. Consultado o 2020-05-09. 
  2. Galicia, the Switzerland of Spain (traducido ó galego co título Galicia inédita).
  3. García Castro, José Manuel (9 de outubro de 2018). "Primero habría que decir que el de Oseira sigue una tipología curiosa de baldaquino aéreo, ya que el dosel está apoyado en ménsulas con forma de ángeles tenantes, lo que le da un cierto aspecto de ingravidez". Twitter (en castelán). Consultado o 2020-05-09. 
  4. Huete, Cristina (2 de agosto de 2009). "Cea lucha por resucitar a los siete "mártires" de Oseira". El País (en castelán). Consultado o 2020-05-09. 
  5. Ou 22 (La Voz de Galicia, 25.05.2021).
  6. Natural de Bande.
  7. Suevia, Bos Aires 10.05.1913, px. 1 (Edición facsímilar do CRPIH, 2007).
  8. de la Fuente, Sandra (26 de abril de 2009). "La crónica más negra de Oseira". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2020-05-10. 
  9. Rodríguez Castelao, Afonso Daniel (1916-1918). "¡Un padrenostriño pol-os que morreron en Oseira, Nebra e Sofán!". Álbum Nós. Consultado o 2020-05-10. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]