Trapistas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Armand Jean Le Bouthillier de Rancé (1626-1700), abade de La Trappe e promotor das reformas trapistas

A Orde Cisterciense da Estrita Observancia (en latín: Ordo Cisterciensis Strictioris Observantiae, abreviado como OCSO), tamén coñecida como Orde da Trapa, é unha orde relixiosa católica contemplativa nada a partir dunha reforma Orde do Císter. Seguen a Regra de San Bieito e teñen comunidades de ambos os dous xéneros cuxos membros son chamados trapistas. O nome deriva da abadía francesa de La Trappe en Soligny-la-Trappe (Normandía) onde se fundou este movemento. Alí, o abade Armand Jean Le Bouthillier de Rancé iniciou as reformas que deron lugar á creación da orde en 1664, aínda que non sería ata 1892 cando se constitúe formamente como orde relixiosa de seu.

Historia[editar | editar a fonte]

A orde toma o nome da Abadía da Nosa Señora de La Trappe, un mosteiro cisterciense da rexión francesa de Normandía, cuxa historia se remonta ao século XII. No XVII, Armand Jean Le Bouthillier de Rancé (1626-1700), membro dunha familia da nobreza ben relacionada coa corte de Francia, era con apenas dez anos, abade comendador de La Trappe e doutras comunidades: malia a recibir rendas do mosteiro non tiña obrigas monásticas. Sacerdote dende 1651 foi relaxado no cumprimento dos votos, recibindo unha enorme fortuna logo do pasamento do seu pai. Con todo, a partir de 1660 vive unha experiencia de fe que lle leva a renunciar ao seu patrimonio e a unirse como monxe a La Trappe, sendo o seu abade regular dende 1663.[1]

En 1664, en reacción á relaxación de prácticas en moitos mosteiros cistercienses, De Rancé presentou unha reforma austera baseada no traballo manual duro, silencio, dieta frugal e illamento.[2] O traballo era proposto como un exercicio de penitencia pero tamén para manter o mosteiro autosuficiente e así reducir a dependencia do exterior. O xeito de entender a vida monástica de De Rancé foi imitada por outras comunidades cistercienses, e tamén se espallou pola fundación de novos mosteiros. Por extensión, todos estes mosteiros foron chamados "trapas" e os seus membros, "trapistas" en referencia a La Trappe.[3][4]

Abadía de Orval, Bélxica.

En 1792, durante a Revolución francesa, a abadía de La Trappe, como o resto de mosteiros do momento, foi confiscada polo goberno francés e os trapistas foron expulsados. A expulsión significou a difusión da orde fóra de Francia, pois varios países veciños acolleron as comunidades: foi o caso de España (1793), Inglaterra (1793), Bélxica (1794) ou Piemonte (1794).[2] Nesa liña, destacou Augustin de Lestrange, quen canda outros compañeiros de La Trappe, trasladouse a antiga cartuxa de Val Sainte (Friburgo, Suíza).[5] En 1794, o papa Pío VI recoñeceu a Val Sainte como a casa principal dos trapistas, e Dom Augustin foi elixido o primeiro abade do mosteiro e o dirixente da congregación trapista. Con todo, en 1798, cando a Suíza resultou invadida por Francia, os monxes volveron exiliarse iniciando un percurso por varios países europeos polos que foron fundando novos mosteiros ata que, logo da caída de Napoleón, regresaron de novo a La Trappe.[6]

En 1834, a Santa Sé integrou a todos os mosteiros franceses dentro da Congregación de Monxes Cistercenses da Nosa Señora de La Trappe, sendo o abade de La Trappe o vigairo xeral da mesma.[6] Con todo, houbo tensións internas derivadas das diferentes observancias entre os mosteiros. Finalmente, Pío IX fixo un decreto que dividía en dúas as congregacións en 1847: uns fixéronse chamar "Antiga Reforma da Nosa Señora de La Trappe", que seguían as constitucións de De Rancé e tiñan como referencia a Abadía de Sept Fonts, e, outros, baixo o liderado do Mosterio de La Trappe, denomináronse "Nova Reforma da Nosa Señora de La Trappe" que retomaron algúns antigos usos do Císter xurando a Carta Caritatis cisterciense.[2]

A partir da década de 1870 comezaron a facerse iniciativas que permitisen a unión das congregacións, aínda que isto non chegou ata 1892.[2] Entón, os representantes das comunidades trapistas foron convocados a Roma polo papa León XIII a un capítulo extraordinario que abordase a unificación, a elección dun superior común e a adopción dunhas observancias compartidas. Lograda a resolución das diferenzas, León XIII validou a independencia da orde dentro da familia cisterciense, por iso malia existir dende o século XVII foi agora cando se erixiu en orde monástica de seu.[7][8]

Mosteiro de Latrún (Israel)

En 1909, o trapistas de Mariannhill (Suráfrica) separáronse do resto da orde para conformar a Congregación de Misioneiros de Mariannhill.[9]

No século XX, Thomas Merton, foi un dos máis senlleiro trapistas pola súa tarefa como teólogo e poeta.[10] Membro do Mosteiro de Xetsemaní (Bardstown, Kentucky) dende 1941, os seus escritos sobre xustiza social, ecumenismo e pacifismo, así como as cartas con líderes mundiais, déronlle moita sona.[11]

En 1996, durante a Guerra Civil Alxeriana (1991-2002), sete monxes trapistas da abadía do Atlas (Alxeria), entre os que estaba Christian de Chergé, foron asasinados por fanáticos islamistas.[12] A historia destes sucesos inspirou o filme Des hommes et des dieux, dirixido por Xavier Beauvois en 2010. En 2018, foron beatificados xunto con outras vítimas cristiás do conflito.[12]

O primeiro santo trapista foi o español Rafael Arnáiz Barón, oblato do Mosteiro de San Isidro de Dueñas (Palencia). Falecido en 1938 por diabete mellitus foi beatificado en 1992 polo papa Xoán Paulo II e canonizado en 2009 por Bieito XVI.[13]

Vida monástica[editar | editar a fonte]

Novizo trapista lendo na súa cela

Os trapistas, do mesmo xeito que os beneditinos e cistercienses dos que naceron, seguen a orde de Bieito de Nursia. A denominación "estrita observancia" que lles dá nome expresa o desexo de seguiren a regra de forma rigorosa. Así, xuran os tres votos da regra: estabilidade, fidelidade a vida monástica e obediencia.

San Bieito estableceu o precepto de minimizar as conversas, pois poden perturbar a quietude necesaria para o rezo, algo que os trapistas interpretan como limitar a fala só a cando cómpre. Porén non fan voto de silencio, como se cre popularmente.[14][15] Durante o xantar, os monxes gardan silencio mentres se escoita a un lector.[16] Tres situacións se contemplan para que os trapistas falen: o traballo, o intercambio espiritual con superiores ou outros irmáns, e as conversas informais en determinadas ocasións.[14] É por iso que no pasado, para poderense comunicar sen falar, se desenvolveu unha lingua de sinais dentro das comunidades trapistas que incorporaba máis de mil signos.[17]

Monxes trapista xaponeses

Unha das diferenzas con beneditinos e co Císter é que os trapistas non comen carne de "animais de catro patas". A súa dieta é basicamente vexetariana fundamentalmente a base de hortalizas, ovos, froita e cereais (pasta e pan), incluíndo peixe nas celebracións.[18] As celas dos mosteiros son moi austeras contando tan só cos elementos necesarios: cama, mesa, roupeiro, lámpada e andel para os libros. O hábito consta dunha túnica branca, escapulario negro (branco para os novizos) e cinto de coiro marrón claro.

Aínda que cada abadía é autónoma e pode ter regras diferentes, xeralmente as etapas para ingresar como monxe trapista segue as seguintes pasos:[19]

  • Candidato/observancia: os candidatos ou os observadores visitan un mosteiro e consultan co director de vocación e/ou o superior para axudarlles a chegar ao discernimento da súa vocación. Adoitarán a ser convidados para vivir na comunidade por un período de, canto menos, un mes.
  • Postulado: os candidatos viven como membro do mosteiro como postulante uns meses, sendo guíados polo director de novizos.
  • Noviciado: o postulante é vestido co hábito monástico e é recibido, formalmente, como membro da orde. Continúa sendo acompañado polo director de novizos durante os dous anos que ocupa esta etapa.
  • Logo do novizado, os novizos deben tomar os votos de forma temporal. De tres a nove anos vivirán esta etapa de estudo, contemplanción e illamento da sociedade.
  • Despois de rematar a etapa anterior, os membros profesan os seus votos de forma definitiva.

Produtos trapistas[editar | editar a fonte]

Selo que garante que identifica aos produtos trapistas outorgado pola Asociación Internacional Trapista

O capítulo 48 da Regra de San Bieito establece o traballo manual como unha ocupación dos monxes para garantir a autarquía do mosteiro.[20] Seguindo este precepto, os trapistas elaboran produtos para producir ingresos para as súas abadías. O catálogo é amplo: cervexa, queixo, aceite de oliva, lévedo de cevexa, champiñóns, chocolate, pan, galleta, licores, marmeladas, mel, obxectos litúrxicos, produtos de hixiene persoal e de limpeza, son elaborados polas comunidades trapistas.

De especial consideración son as cervezas trapistas, con moita sona pola súa alta calidade, particularmente as belgas.[21][22][23] As variedades de queixo elaborados polos mosteiros trapistas tamén son moi aprezadas.[24] En España, en 1891, os monxes de San Isidro de Dueñas (Palencia) comezaron facer bombóns de chocolate que comercializaron baixo o nome de Chocolates Trapa, mantendo o control da fábrica ata 1960.[25]

Co obxectivo de protexer a produción destes produtos artesanais unha vintena de abadías da Orde Cisterciense da Estrita Observancia formaron a Asociación Internacional Trapista. Esta outorga o selo Trappiste® para garantir que o produto foi elaborado polos membros da orde e repectando as condicións propias.[26]

Organización[editar | editar a fonte]

Pórtico da igrexa do Mosteiro de Armenteira, onde se instalou en 1989 a primeira comunidade de monxas trapistas de Galicia.

Membros[editar | editar a fonte]

Durante o século XX as comunidades trapistas aumentaron en número de mosteiros: dos 82 de 1940, a 169 a principios do XXI. O crecemento foi sobre todo América Central e do Sur, África, Asia e o Pacífico, sendo estas rexións as que máis rápido medran. Paralelamente, o número de membros minguou no mesmo período, habendo, aproximadamente, unha vintena de monxes por mosteiro.[27]

Segundo as estatíticas internas, a 31 de decembro de 2020, había un total de 2 979 trapistas nun total de 179 casas, dos que 1 458 eran monxes repartidos entre 102 abadías, e 1 521 eran monxas presentes en 77 mosteiros.[28][29]

Estrutura interna[editar | editar a fonte]

Sébastien Wyart, primeiro abade xeral entre 1892 e 1904

O Abade Xeral e o seu consello residen en Roma e son os engarcados do goberno da orde. O Abade Xeral é a autoridade suprema e é escollido polo Capítulo Xeral; dende 2008 exerce o cargo o irlandés Dom Eamon Fitzgerald.[30] Para asistir ao superior existe un consello formado por cinco integrantes, catro electos polo capítulo e o quinto é escollido polos membros do consello.

Cada tres anos, durante tres semanas, ten lugar o Capítulo Xeral da orde, ao que asisten, dende 2011, os abades e abadesas dos mosteiros trapistas.[31]

Ademais, aínda que cada mosteiro é autónomo, cada dous anos recibe a "visita regular" do Padre Inmediato, o superior doutro mosteiro que revisa e orienta á dirección da abadía.[31]

Relación de Abades Xerais da O.C.S.O:[editar | editar a fonte]

  1. 1892–1904: Sébastien Wyart
  2. 1904–1922: Augustin Marre
  3. 1922–1929: Jean-Baptiste Ollitraut de Keryvallan
  4. 1929–1943: Herman-Joseph Smets
  5. 1943–1951: Dominique Nogues
  6. 1951–1963: Gabriel Sortais
  7. 1964–1974: Ignace Gillet
  8. 1974–1990: Ambroise Southey
  9. 1990–2008: Bernardo-Luis-José Oliveira
  10. 2008– ...: Eamon Fitzgerald

A Trapa en Galicia[editar | editar a fonte]

Vista do Mosteiro de Sobrado, trapista dende 1966

A Orde da Trapa instalouse en Galicia no século XX ao reabriren os seus monxes antigos mosteiros cistercienses que foran abandonados pola Desamortización de Mendizábal na década de 1830. Así, en 2021 cóntanse tres trapas en Galicia, das que dúas son masculinas e unha feminina:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "CATHOLIC ENCYCLOPEDIA: Jean-Armand Le Bouthillier de Rance". www.newadvent.org. Consultado o 2021-11-07. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "Historia institucional cisterciense. La restauración del siglo XIX: los Trapenses". www.cistercensi.info. Consultado o 2021-11-07. 
  3. "Dicionario: trapa". Real Academia Galega. Consultado o 2021-11-07. 
  4. "Dicionario: trapista". Real Academia Galega. Consultado o 2021-11-07. 
  5. "Augustin de Lestrange". Encyclopaedia Cisterciensis. 
  6. 6,0 6,1 "CATHOLIC ENCYCLOPEDIA: Trappists". www.newadvent.org. Consultado o 2021-11-07. 
  7. "Trappist or Cistercian? | New Clairvaux". www.newclairvaux.org. Arquivado dende o orixinal o 08 de novembro de 2021. Consultado o 2021-11-07. 
  8. "Cistercian Order". Holy Cross Abbey (en inglés). 2011-07-18. Consultado o 2021-11-07. 
  9. "History – Mariannhill Monastery" (en inglés). Consultado o 2021-11-07. 
  10. "Thomas Merton's Life and Work - Thomas Merton Center". merton.org. Consultado o 2021-11-07. 
  11. Nast, Condé (2018-12-28). "The Modern Monkhood of Thomas Merton". The New Yorker (en inglés). Consultado o 2021-11-07. 
  12. 12,0 12,1 La-Croix.com (2016-03-27). "27 mars 1996, l’enlèvement des moines de Tibhirine". La Croix (en francés). Consultado o 2021-11-07. 
  13. "Rafael Arnáiz Barón (1911-1938) - Biografía". www.vatican.va. Consultado o 2021-11-07. 
  14. 14,0 14,1 "Mosteiro de Oseira". www.mosteirodeoseira.org. Consultado o 2021-11-07. 
  15. "Vivir ocho días en silencio". BBC News Mundo (en castelán). 2010-10-27. Consultado o 2021-11-07. 
  16. Rule of St. Benedict, c. 38: Reading must not be wanting at the table of the brethren when they are eating. The 1949 Edition Translated by Rev. Boniface Verheyen, OSB.
  17. Cervantes, Biblioteca Virtual Miguel de. "Lenguaje de signos / María Ángeles Rodríguez González". Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes (en castelán). Consultado o 2021-11-07. 
  18. "Your Questions - Monastic Life". Cistercians of the Strict Observance (Trappists) (en inglés). Consultado o 2021-11-07. 
  19. "Becoming a Monk or Nun : Ordre Cistercien de la Stricte Observance: OCSO". ocso.org. Consultado o 2021-11-07. 
  20. "REGOLA DI S. BENEDETTO - ITALIANO". www.ora-et-labora.net. Consultado o 2021-11-07. 
  21. "La Asociación internacional trapense - Cervezas". www.trappist.be. Consultado o 2021-11-07. 
  22. "Belgium and Beyond: The Trappist Breweries and Beers". The Growler Guys (en inglés). 2018-03-27. Consultado o 2021-11-07. 
  23. "Michael Jackson's Beer Hunter - Chastity, poverty and a pint". www.beerhunter.com. Consultado o 2021-11-07. 
  24. "So, Do Monks Make Trappist Cheese?". The Spruce Eats (en inglés). Consultado o 2021-11-07. 
  25. "Trapa: Historia". www.trapa.es (en castelán). Consultado o 2021-11-07. 
  26. "Internationale Vereniging Trappist - ATP label". www.trappist.be. Consultado o 2021-11-07. 
  27. "FAQ’s". Order of Cistercians of the Strict Observance. 
  28. 28,0 28,1 "2020-31-12 Statistica Monks" (PDF). Order of Cistercians of the Strict Observance. 
  29. "2020-31-12 Statistica Nuns" (PDF). Order of Cistercians of the Strict Observance. 
  30. "Mount Melleray Abbot first Irishman to head Cistercians". independent (en inglés). Consultado o 2021-11-07. 
  31. 31,0 31,1 "Notre Structure : Ordre Cistercien de la Stricte Observance: OCSO". ocso.org. Consultado o 2021-11-07. 
  32. "Leyenda, Historia y Arte Monasterio de Armenteira" (en castelán). 2013-06-19. Consultado o 2021-11-07. 
  33. "Armenteira". Order of Cistercians of the Strict Observance. 
  34. "Las monjas convertirán el antiguo noviciado de Armenteira en una fábrica de jabones". La Voz de Galicia (en castelán). 2013-04-10. Consultado o 2021-11-07. 
  35. "As monxas de Armenteira abren a súa tenda ao mundo". Pontevedra Viva. Consultado o 2021-11-07. 
  36. 36,0 36,1 "Reseña Histórica – Monasterio de Oseira" (en castelán). Consultado o 2021-11-07. 
  37. "Comunidad" (en castelán). 2015-03-27. Consultado o 2021-11-07. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas:[editar | editar a fonte]

Comunidades trapistas de Galicia:[editar | editar a fonte]