Marietta Blau
Marietta Blau, nada en Viena o 29 de abril de 1894 e finada na mesma cidade o 27 de xaneiro de 1970, foi unha física austríaca pioneira na física de partículas.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Blau naceu en Viena, nunha familia xudía de clase media, filla do avogado e editor de música Mayer (Markus) Blau e a súa esposa Florentine Goldzweig. Estudou física e matemática na Universidade de Viena entre 1914 e 1918 e obtivo o doutoramento en marzo de 1919.[2] Blau é recoñecida por desenvolver emulsións fotográficas radioactivas que foron usadas con éxito para capturar graficamente e medir con exactitude partículas e eventos de alta enerxía. Ademais, estableceu un método para medir con exactitude reaccións causadas por acontecementos que xeran radiación cósmica. As súas emulsións radioactivas adiantaron significativamente o campo de física de partículas. Grazas ao seu traballo, foi proposta para o Premio Nobel de 1950 en física por Erwin Schrödinger.[3]
Antes da segunda guerra mundial
[editar | editar a fonte]Entre 1919 e 1923, Blau traballou en varias institucións industriais e universitarias de investigación en Austria e Alemaña. En 1921, mudouse a Berlín para investigar sobre enerxía eléctrica e análise espectral nunha fábrica de tubos de raios X, un posto que deixou posteriormente para desempeñarse como asistente no Instituto de Física Médica na Universidade de Frankfurt am Main.[2] En 1923, tivo que regresar a Viena para coidar a súa nai.[1] En Viena traballou sen remuneración no Instituto para Investigación do Radio da Academia Austríaca de Ciencias en Viena. Grazas a un estipendio da Asociación Austríaca de Mulleres Universitarias continuou a súa investigación en Gotinga e París (1932-1933).
Durante os seus anos en Viena, o interese principal de Blau era o desenvolvemento do método fotográfico para a detección de partículas subatómicas. Os obxectivos metódicos que perseguía eran a identificación de partículas, en particular partículas alfa e protóns, e a determinación da súa enerxía baseada nas características dos rastros deixados nas emulsións fotográficas; Blau desenvolveu unha técnica de emulsión fotográfica utilizada no estudo de raios cósmicos, sendo a primeira científica en usar emulsións radioactivas para detectar neutróns.[2] Por este traballo, Blau e a súa colaboradora, outrora alumna, Hertha Wambacher recibiron o Premio Lieben da Academia Austríaca de Ciencias en 1937.
Debido á súa orixe xudía, Blau tivo que saír de Austria en 1938, un feito que prexudicou a súa carreira científica. Primeiro foise a vivir a Oslo. Despois, grazas á intercesión de Albert Einstein, obtivo unha cátedra no Instituto Politécnico Nacional en Cidade de México e máis tarde na Universidade Michoacana de San Nicolás de Hidalgo. Pero en México a súa investigación resultou extremadamente difícil e marchou aos Estados Unidos en 1944.[2][3][4][4]
Despois da Guerra
[editar | editar a fonte]Nos Estados Unidos, Blau traballou na industria até 1948, e despois até 1960 traballou na Universidade de Columbia, no Laboratorio Nacional de Brookhaven e na Universidade de Miami. Nestas institucións, era a responsable da aplicación do método fotográfico de detección de partículas en experimentos de alta enerxía en aceleradores de partículas.
En 1960, Blau regresou a Austria realizando experimentos científicos no Instituto para a Investigación do Radio (hoxe Instituto Stefan Meyer de Física Subatómica) até 1964, unha vez máis, sen paga. Encabezou un grupo de traballo que analizaba fotografías de pistas de partículas de experimentos no CERN e supervisou unha disertación neste campo. En 1962, recibiu o Premio Erwin Schrödinger da Academia Austríaca de Ciencias, pero non logrou ser membro correspondente da Academia.[5]
Marietta Blau morreu en Viena en 1970 de cancro. Nas publicacións científicas da época non apareceu ningún obituario sobre a súa morte.
Legado
[editar | editar a fonte]En 1950, Cecil Powell recibiu o premio Nobel polo desenvolvemento do método fotográfico para a detección de partículas e o descubrimento do pión por medio do uso deste método.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Morrón, Laura. "Marietta Blau una estrella de la física de partículas". Mujeres con ciencia. Consultado o 6-2-2020.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Marietta Blau. Jewish Women's Archive
- ↑ 3,0 3,1 Lewin Sime, Ruth (2012-10). "Marietta Blau in the history of cosmic rays". Physics Today (en inglés) 65 (10): 8–8. Bibcode:2012PhT....65j...8S. ISSN 0031-9228. doi:10.1063/PT.3.1728.
- ↑ 4,0 4,1 Marietta Blau, Pionera de la física de partículas que vino a México recomendada por Einstein. Diario Judío
- ↑ "Preisträger und Preisträgerinnen des Erwin Schrödinger-Preises". Austrian Academy of Sciences. Arquivado dende o orixinal o 19 de agosto de 2011. Consultado o 24 de agosto de 2011.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Marietta Blau |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Halpern, Leopold & Shapiro, Maurice (2006). "Marieta Blau". En Byers, Nina & Williams, Gary. Out of the shadows : contributions of twentieth-century women to physics. Cambridge, UK: Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-82197-1. OCLC 62891583.
- Rosner, Robert; Strohmaier, Brigitte, eds. (2003). Marietta Blau - Sterne der Zertrümmerung : Biographie einer Wegbereiterin der modernen Teilchenphysik. Wien: Böhlau. ISBN 978-3-205-77088-6. OCLC 237789250.
- Strohmaier, Brigitte; Rosner, Robert W. & Dvorak, Paul F (2006). Marietta Blau, stars of disintegration : biography of a pioneer of particle physics (English ed ed.). Riverside, California: Ariadne Press. ISBN 978-1-57241-147-0. OCLC 62789983.