Manuel Loureda
Loureda | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Manuel Loureda Calvete | ||
Nacemento | 11 de novembro de 1941 | ||
Lugar de nacemento | A Coruña | ||
Falecemento | 30 de xuño de 2017 | ||
Lugar de falecemento | A Coruña | ||
Altura | 1,77 m. | ||
Posición | Dianteiro | ||
Carreira xuvenil | |||
Sporting Coruñés | |||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1960–1974 | Deportivo da Coruña | 286 | (51) |
1960–1961 | → Ordes | ||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Manuel Loureda Calvete, nado na Coruña o 11 de novembro de 1941 e finado na mesma cidade o 30 de xuño de 2017, foi un futbolista galego. Xogaba de dianteiro e pasou toda a súa carreira como futbolista profesional no Deportivo da Coruña, no que ingresou en 1960 e no que se retirou 14 anos despois, en 1974, tras 323 partidos oficiais e 69 goles. Foi un fixo nas aliñacións do club na época do chamado "equipo ascensor" e viviu catro ascensos e seis descensos de categoría.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Comezou a xogar ao fútbol no equipo xuvenil do Sporting Coruñés, ata que o 27 de xullo de 1960, con 18 anos, asinou contrato co Deportivo da Coruña.[2] Na tempada 1960/61 xogou cedido no Ordes, da Terceira División,[3] incorporándose ao Deportivo no verán de 1961. Pasou a tempada 1961/62 no equipo de reservas, e non tivo ningunha oportunidade co primeiro equipo ata que este certificou o ascenso á Primeira División. Finalmente, o 22 de abril de 1962 debutou co Deportivo da Coruña, xogando ante o Córdoba en Riazor o primeiro dos dous partidos non oficiais que decidiron o campión de Segunda División.[4][5] En setembro foi titular no histórico Trofeo Teresa Herrera 1962, no que o Deportivo derrotou ao poderoso Benfica campión das dúas últimas Copas de Europa.[6]
Xa iniciada a tempada 1962/63, debutou da man do adestrador Rabassa en partido oficial, na segunda xornada da Primeira División ante o Real Madrid no Santiago Bernabéu, encontro que acabou con derrota por 2–1. Tamén ante o Real Madrid, pero en Riazor, marcou o seu primeiro gol co Deportivo (e único nesa campaña). Foi na xornada 17, nun partido que rematou tamén en derrota (1–3). Sumou 13 partidos durante a tempada, na que os xogadores máis habituais na dianteira foron Veloso, Montalvo e Jaime Blanco. Rabassa foi destituído en decembro e a continuación pasaron polo banco Rodrigo García Vizoso e Lelé, pero o equipo acabou descendendo a Segunda División despois de perder a promoción contra o Levante.[7]
Na tempada 1963/64, da man do adestrador arxentino Roque Olsen, Loureda foi o atacante que máis partidos xogou (todos excepto un), formando xunto a Veloso, Montalvo e Lamelo unha prolífica dianteira que levou ao equipo a se proclamar campión de Segunda, con 74 goles a favor. O ascenso certificouse a falta de dúas xornadas para o final, grazas a un gol de Loureda que culminaba a vitoria do Deportivo por 2-1 no derbi galego contra o Celta de Vigo en Riazor.[8][9] Rematou a campaña con 15 goles, entre eles un triplete na goleada por 8-2 sobre o Alavés, colocándose como o quinto máximo goleador do Grupo 1 de Segunda.
No seu regreso á máxima categoría, só puido disputar 13 partidos, pois en xaneiro recibiu unha sanción de 14 xornadas por agredir a un árbitro asistente nun partido ante o Atlético de Madrid.[10][11] O equipo coruñés realizou unha pésima campaña, acabando de último e descendendo de novo a Segunda.[12] Volveu ser unha peza fixa nas aliñacións do Deportivo na seguinte tempada, xa con Orizaola no banco, e pechou a liga con 10 goles e un novo título de campión. Ademais, na goleada por 9-1 sobre o Melilla na Copa do Xeneralísimo converteuse nun dos poucos futbolistas na historia do Deportivo en marcar cinco goles nun mesmo partido.[13]
Continuou como titular habitual no ataque deportivista durante os seguintes oito anos, aínda que con menores cifras goleadoras, e viviu outros catro descensos de categoría e dous ascensos. A 1973/74 foi a súa última tempada como futbolista. Ese ano participou en 20 partidos, marcando un gol na Copa, e non puido evitar o descenso do equipo á Terceira División, por primeira e única vez na historia do club coruñés. Derrubado animicamente, ao remate do partido contra o Mallorca que certificou o descenso precisou de asistencia debido a unha crise nerviosa,[14] e dous días despois anunciou a súa retirada do fútbol.[15]
No momento da súa retirada era o terceiro xogador con máis partidos oficiais disputados na historia do Deportivo (323), só por detrás de Acuña e Domínguez, e o terceiro máximo goleador (69), superado só por Veloso e Guimeráns. Actualmente ocupa o 12º posto en número de partidos e o décimo en goles.[16]
Faleceu o 30 de xuño de 2017, aos 75 anos de idade.[17][18]
Palmarés
[editar | editar a fonte]- Deportivo
- Segunda División (4): 1961/62, 1963/64, 1965/66, 1967/68.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Xogadores de lenda: Manuel Loureda Calvete". Deportivo da Coruña. Consultado o 15 de xaneiro de 2023.
- ↑ "Actualidad deporlivista". La Voz de Galicia (en castelán). 28 de xullo de 1960. p. 5.
- ↑ "Las cesiones". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de setembro de 1960. p. 4.
- ↑ "Ganó el Deportivo al Córdoba por 3-1". La Voz de Galicia (en castelán). 24 de abril de 1962. p. 4.
- ↑ "El Deportivo derrotó al Córdoba por 3 tantos a 1". El Correo Gallego (en castelán) (27563). 24 de abril de 1962. p. 5. Arquivado dende o orixinal o 15 de xaneiro de 2023. Consultado o 15 de xaneiro de 2023.
- ↑ "El Deportivo conquistó el XVII Trofeo Teresa Herrera". La Noche (en castelán) (12627). 10 de setembro de 1962. p. 5. Consultado o 15 de xaneiro de 2023.
- ↑ "Temporada 1962-1963". Deportivo da Coruña. Consultado o 15 de xaneiro de 2023.
- ↑ "Temporada 1963-1964". Deportivo da Coruña. Consultado o 15 de xaneiro de 2023.
- ↑ "R.C. Deportivo, 2 - R. C. Celta, 1". La Noche (13219). 13 de abril de 1964. p. 5. Consultado o 15 de xaneiro de 2023.
- ↑ "Juego duro, parcialidad arbitral y dos expulsiones en Riazor". El Pueblo Gallego (en castelán). 26 de xaneiro de 1965. p. 16. Consultado o 15 de xaneiro de 2023.
- ↑ "Loureda, del Coruña, sancionado con catorce partidos". El Pueblo Gallego (en castelán). 28 de xaneiro de 1965. p. 13. Consultado o 15 de xaneiro de 2023.
- ↑ "Temporada 1964-1965". Deportivo da Coruña. Consultado o 15 de xaneiro de 2023.
- ↑ "Gran partido del Deportivo que goleó al Melilla (9-1)". La Noche (en castelán) (13756). p. 6. Consultado o 15 de xaneiro de 2023.
- ↑ "Jugamos a tope". La Voz de Galicia (en castelán). 14 de maio de 1974. p. 28.
- ↑ "Loureda se retira". La Voz de Galicia (en castelán). 16 de maio de 1974. p. 36.
- ↑ "Listado de jugadores del Deportivo de La Coruña". BDFutbol (en castelán). Consultado o 15 de xaneiro de 2023.
- ↑ "Loureda, un dos poucos futbolistas que defendeu ao Dépor durante toda a súa carreira, falece aos 75 anos de idade". Deportivo da Coruña. 30 de xuño de 2017.
- ↑ "Fallece Manuel Loureda Calvete, el Djalminha del Dépor de los 70". La Voz de Galicia. 30 de xuño de 2017. (en castelán)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Datos do xogador no sitio web do Deportivo da Coruña.