Manuel García Barros
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 16 de novembro de 1876 Ulla, España |
Morte | 11 de abril de 1972 (95 anos) Callobre, España |
Formación profesional | Maxisterio |
Educación | Escola Normal de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | escritor, xornalista |
Membro de | |
Xénero artístico | Poesía |
Manuel García Barros ("Ken Keirades"), nado no lugar de Ulla (Berres, A Estrada) o 16 de novembro de 1876 e finado en Callobre (A Estrada) o 11 de abril de 1972, foi un mestre, escritor e xornalista galego.[1][2][3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nado nunha familia labrega, Manuel García Barros comezou sendo pastor e torneiro e estudou por libre a carreira de maxisterio na Escola Normal de Santiago de Compostela, que rematou en 1905, para ocupar a praza de mestre de primeiro ensino na parroquia de Rubín (A Estrada). No ano 1906 casou para Callobre con Carme Insua, onde viviu o resto da súa vida.[4]
Xa en 1903, cando estaba a realizar o servizo militar en Vigo, comezou a colaborar en revistas e a tomar contacto cos movementos culturais de Vigo, moi especialmente co teatro. No ano 1907, e por mor do seu labor como director do xornal El Estradense, pasou por primeira vez pola cadea, feito que se volveu repetir no ano seguinte, acusado de calumnias.[5]
En 1916 a sociedade de instrución “Unión de Rubín” concédelle unha distinción con motivo do “triunfo alcanzado por la escuela de su dirección [Rubín], en el Certamen Escolar celebrado en Lagartones"[1]
Nos primeiros anos do século foi nomeado vicepresidente da Federación Sindical Agrícola do concello da Estrada.[6] Os seus contactos e simpatía cos movementos agrarios de comezos de século son moi salientábeis, así como cos membros das Irmandades da Fala e posteriormente co Grupo Nós, moi especialmente co seu grande amigo e soporte cultural Ramón Otero Pedrayo. Xa a partir do 1920 pasou a ser un persoeiro recoñecido nas letras galegas e no galeguismo, canto máis ao ser un dos “alma máter” do xornal El Emigrado (1920), que foi o xornal de maior duración da Estrada ata hoxe, e no cal colaborou con todo tipo de traballos. Neste último xornal escribía unha sección chamada Rexoubas na cal, usando o pseudónimo Ken Keirades, promoveu unha afamada campaña contra o caciquismo. En 1925 participa na viaxe ao Pico Sagro con Castelao.[1]
No ano 1927 aprobou as oposicións de Mestre Nacional, co seu primeiro destino en Pepín (Castrelo do Val). O golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 provoca que sexa detido e levado ao cuartelillo de Tabeirós, onde estivo a piques de ser paseado polos falanxistas. Foi suspendido de emprego e soldo por orde do gobernador civil, cando xa fora trasladado a unha parroquia da beira (San Pedro de Ancorados). O 20 de maio de 1940 publícase a orde para separar definitivamente a Manuel García Barros do servizo como mestre nacional. Este emprego non lle foi xamais restituído.[7] Na súa casa de Callobre agocháronse Ramiro Alfonso Castro Dono e José María Sánchez Brea.
No ano 1955 foi levado de novo ao cárcere, xunto con Francisco Fernández del Riego e Domingo Lemos Suárez, no seu caso simplemente por lle atoparen unhas revistas (Bohemias) que lle mandaran dende Cuba: “diversas revistas de carácter comunista editadas en Buenos Aires por los rojos en el exilio”
No ano 1957 foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega.[8]
Traxectoria literaria
[editar | editar a fonte]Os seus primeiros escritos xa saíran da súa pluma a finais do século XIX, sendo nestes comezos case en exclusiva poemas, que apareceron publicados por separado nos máis variados medios.
O seu primeiro artigo coñecido publicouse en Luz y Sombra de Vigo no ano 1898. A partir de aquí é destacable o seu labor xornalístico, especialmente no semanario El Estradense, unha publicación agrícola-social que se comezou a publicar no 1906 e na cal participou con artigos, relatos curtos etc. e da cal foi director. O periódico deixou de se publicar en 1909. Tamén publicou colaboracións poéticas e literarias en Eco de La Estrada. O 15 de setembro de 1916 recibe un accésit nun premio literario en Pontevedra e a súa foto sae en Vida Gallega.
No ano 1920 creouse o xornal El Emigrado, publicación financiada polos Hijos del Ayuntamiento de La Estrada de Cuba. Neste xornal comezou a publicar periodicamente os seus “Contiños da terra” e comezou a ser recoñecido e respectado no eido cultural galego e no movemento galeguista. No ano 1924, o seu conto O fútbol en Malpocados foi premiado nos xogos florais de Santiago. No Nadal de 1926 púxose en escena a súa pequena peza teatral Carta da Habana (publicada na Revista Céltiga, Edicións Fervenza, 2002) no Salón Novedades da Estrada en solidariedade con Cuba, arrasada por un trebón o 20 de outubro dese ano.[1] No 1929, o seu longo traballo Falemos na nosa fala gañou o Certame Literario de Exaltación da Muller Galega (Pontevedra). Posteriormente recolleu os contos e relatos breves que fora sacando en El Emigrado, e publicounos so o título Contiños da terra (Nós, 1930).
En 1933 comeza a súa sección "Aguilloadas" no xornal EI País de Pontevedra. En 1939 redacta e difunde clandestinamente Divagaciones sobre lo discutible e indiscutible. En 1942 remata de escribir Aventuras de Alberte Quiñoi. En 1943 escribe Para el buzón del padre P. En 1952 presenta Fiúnchos ao concurso literario do Centro Galego. Contos de Fiúnchos están incluídos en Enredos. En 1958 O Gaiteiro de Lugo edita varias poesías súas.[1]
Desde entón non chegou a ver publicadas máis obras, malia pasar toda a vida escribindo. No ano do seu pasamento, meses despois, saíu á rúa Aventuras de Alberte Quiñoi, a pesar de que xa fora finalista nun concurso literario convocado polo Centro Gallego de Buenos Aires no 1949.[9]
Toda a súa obra está escrita en galego, excepto un artigo: Divagaciones sobre lo discutible y lo indiscutible, no cal se manifestaba contra a guerra e o fanatismo relixioso. Vén recollido no Pensamento galeguista da posguerra. Antoloxía. publicado pol'A Nosa Terra en 1997.
Obra
[editar | editar a fonte]- Contiños da terra (1930). Nós. 1952: Ed. Centro Cultural del Partido de la Estrada. Buenos Aires, Hnos. Caporaletti. 1999: Biblioteca das Letras Galegas, Edicións Xerais de Galicia. 2002: Biblioteca Galega 120, La Voz de Galicia.
- (2021). Vigo Galaxia. 304 páxs. ISBN 978-84-9151-622-4. Edición de Carlos Loureiro Rodríguez e Xesús Domínguez Dono.
- Aventuras de Alberte Quiñoi (1972). Ed.Castrelos. Col Pombal. Vigo; 2ª Ed. 1976. 1990: Vía Láctea. 2020: Galaxia, 476 páxs.[10]
- Enredos (2000). Editorial Galaxia. 160 páxs. ISBN 978-84-8288-407-3. Textos breves en prosa.
- Dos meus recordos (2001). Galaxia. 196 páxs. ISBN 978-84-8288-468-4. Miscelánea que conta con humor e amenidade moitos dos casos e cousas que deixaron pegada na memoria do autor. Nova edición de 206 páxs. ISBN 978-84-9151-956-0, 2023.
- A pluma insubmisa. Ensaios inéditos (2019). Galaxia. 204 páxs. ISBN 978-84-9151-343-8. Tres ensaios inéditos escritos entre 1939 e 1945 e asinados como Fulgencio Tizón. Editado por Carlos Loureiro e Xesús Domínguez[11].
- Estampas desde o val. Artigos xornalísticos 1901-1963 (2020). Galaxia. 204 páxs. ISBN 978-84-9151-454-1.[12]
- Sonoridade das auras. Poesía reunida (2022). Edición de Carlos Loureiro Rodríguez e Xesús Domínguez Dono. Vigo: Galaxia.[13] 218 páxs. ISBN 978-84-9151-847-1.[14][15]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- O concello da Estrada adicou o ano 1997 á lembranza da súa memoria.
- Un instituto de educación secundaria do concello leva o seu nome, o IES García Barros da Estrada.[16]
- Desde 1989 o concello da Estrada promove o Premio García Barros.[17]
- En 2012 celebrouse unha homenaxe poética diante da súa estatua en Berres polos 40 anos do seu pasamento.[18]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "CENTRO CULTURAL DEL PARTIDO DE LA ESTRADA". centroculturaldelpartidodelaestrada.blogspot.com (en castelán). Consultado o 2020-07-14.
- ↑ "Manuel García Barros". Editorial Galaxia. Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2020. Consultado o 2020-07-16.
- ↑ "autor/a A. Editorial Xerais". www.xerais.gal. Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2020. Consultado o 2020-07-16.
- ↑ Blanco Valdés, Juan L. "Dos papeis de ManuelGarcía Barros. En lembranza (e homenaxe) dunha amizade" (PDF).
- ↑ "Manuel García Barros" (PDF). centros.edu.xunta.es/iesmanuelgarciabarros.
- ↑ "Ficha do autor". bvg.udc.es. Consultado o 2020-07-16.
- ↑ "Enciclopedia Historia Literatura Galega". literaturagalega.as-pg.gal. Consultado o 2020-07-16.
- ↑ Membros correspondentes RAG.
- ↑ Vilavedra, Dolores, ed. (2000). Diccionario da Literatura Galega. Obras III.
- ↑ "Aventuras de Alberte Quiñoi". Editorial Galaxia. Consultado o 2020-07-14.
- ↑ "A pluma insubmisa. Ensaios inéditos". Editorial Galaxia. Consultado o 2/10/2019.
- ↑ Vilas, Bertha (Xullo, agosto, setembro 2020). "Unha pluma recuperada". Grial. LVIII (227): 75–76. ISSN 0017-4181.
- ↑ "Editorial Galaxia Sonoridade das auras. Poesía reunida". Editorial Galaxia. Consultado o 2022-06-28.
- ↑ culturagalega.org (2022-06-16). "Galaxia compila a produción lírica do estradense en Sonoridade das auras". culturagalega.org. Consultado o 2022-06-28.
- ↑ Ramos, Baldo (outubro, novembro, decembro 2022). "Desandar vellos camiños". Grial LX (236): 107–108. ISSN 0017-4181.
- ↑ "IES García Barros da Estrada". www.edu.xunta.gal.
- ↑ "Manuel García Barros". www.aestrada.gal. Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2020. Consultado o 2020-07-16.
- ↑ "Vagalumes y la sociedad civil estradense recuerdan la figura de Ken Keirades". www.elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 2020-07-16.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Manuel García Barros |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Carballo Calero, R. (1975) [1963]. Historia da literatura galega contemporánea. Galaxia. ISBN 84-7154-227-7.
- Couceiro Freijomil, Antonio (1951-53). Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán). Bibliófilos Gallegos.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. ISBN 84-7492-465-0.
- Freixeiro Mato, X.R. (1998). Cos pés na Terra, Personalidade e obra inédita ou esquecida de Manuel García Barros. Fouce.
- Garrido Couceiro, Xoán Carlos (1995). Manuel García Barros. Loitando sempre (PDF). Lugo: Fouce. ISBN 84-605-4289-0.
- Garrido Couceiro, Xoán Carlos (2002). Manuel García Barros. A Estrada: Fervenza.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1995). Diccionario da literatura galega. Autores I. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-019-5.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1997). Diccionario da literatura galega. Publicacións Periódicas II. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-137-X.
- Vilavedra, Dolores, ed. (2000). Diccionario da literatura galega. Obras III. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-365-8.