Camp de les Corts

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde «Camp de Les Corts»)
Les Corts
Camp de les corts 1930.jpg
Datos
LocalizaciónBarcelona, España
Construción
Inauguración20 de maio de 1922
Demolición2 de febreiro de 1966
ArquitectoSantiago Mestres
Josep Alemany
Estadio
SuperficieCéspede
Dimensións101 x 62
Capacidade60.000 espectadores
PropietarioFutbol Club Barcelona
LocalíaFutbol Club Barcelona

O Camp de les Corts (popularmente chamado Les Corts) foi o segundo estadio que tivo en propiedade o Futbol Club Barcelona na súa historia, tralo Camp del Carrer Indústria, e anterior ó Camp Nou. O equipo xogou os seus encontros como local neste estadio entre 1922 e 1957.

Historia[editar | editar a fonte]

O FC Barcelona xogaba os seus encontros como local no Camp del Carrer Indústria, un estadio con capacidade para 6.000 persoas (1.500 sentadas e 4.500 a pe de campo) que quedou obsoleto e pequeno cando os éxitos do club comezaron a atraer mais afeccionados. A partir de 1919 o equipo gañou varias edicións da Copa do Rey e do Campionato de Cataluña (os únicos torneos existentes daquela) con xogadores míticos como Josep Samitier, Paulino Alcántara (máximo goleador histórico do club), Ricardo Zamora ou Emilio Sagi Barba.

Hans Gamper, o mesmo presidente que xa mandara construír o vello estadio en 1909, decidiu construír en 1922 un novo recinto moito máis grande e moderno para acoller a gran cantidade de seareiros que querían acudir a ver os encontros do equipo de fútbol.

As obras duraron só 3 meses, e o 20 de maio de 1922 tivo lugar a inauguración oficial do estadio (o primeiro con céspede do mundo) cun encontro amigable fronte ó equipo escocés do Saint Mirren FC. O estadio recibiu o nome de Les Corts por ser o nome do barrio no que foi construído. Daquela o estadio tiña unha soa tribuna e capacidade para 25.000 persoas. En 1926 foi ampliado para poder acoller ata 45.000 persoas.

Este novo estadio, sumado ós éxitos do equipo na Copa do Rei (títulos de 1925, 1926 e 1928) e no Campionato de Cataluña (títulos de 1924, 1925, 1926, 1927 e 1928) impulsaron o crecemento económico, social e institucional do club, que conquistou en 1929 a primeira edición do campionato nacional de Liga. Este crecemento posibilitou a creación en 1926 da nova sección de baloncesto.

Non obstante, o estadio tamén acolleu incidentes relacionados coa resistencia catalá ó centralismo da ditadura de Miguel Primo de Rivera (1922-1930). Un deses incidentes tivo lugar en 1925, cando o FC Barcelona organizou un encontro de homenaxe á influente entidade cultural do Orfeó Catalá, para o cal non tiña permiso. Cando soou o himno español, a multitude catalanista que enchía as bancadas do estadio de Les Corts asubiou á Marcha Real, o cal provocou que a autoridade gobernativa mandase pechar o recinto durante 6 meses. Gamper presentou pouco despois a súa dimisión como presidente do club por mor destes feitos.

Maqueta de Les Corts no Museo do FCB.

Nos anos trinta tivo lugar a Guerra Civil española, durante a cal o presidente do FC Barcelona, Josep Sunyol, foi executado, e as instalacións do club foron bombardeadas. En 1940 foi designado presidente un home afín ó franquismo, Enrique Piñeyro, IX Marqués da Mesa de Asta, que castelanizou o nome do club e modificou o escudo. En 1942 o equipo estivo a piques de descender.

Os bos resultados non volveron a Les Corts até mediados dos anos 40. O FC Barcelona conquistou as ligas dos anos 1945, 1948 e 1949. Nese ano 1949 o club celebrou o seu 50º aniversario conquistando ademais a súa primeira Copa Latina. En 1950 o presidente Agustí Montal contrata ó xogador húngaro László Kubala, e entre 1951 e 1953 o Barcelona conquista tódolos títulos nacionais posibles, así como a Copa Latina de 1952. Naqueles intres o estadio de Les Corts xa contaba cunha capacidade para 60.000 persoas, pero aquel equipo atraía a tanta xente que aínda así era pequeno.

Francesc Miró-Sans chegou á presidencia do club en 1953 despois dunhas eleccións ás que se presentou co lema "Polo mellor campo do mundo". A necesidade dun estadio mais grande levou á colocación da primeira pedra do novo estadio o 24 de marzo de 1954. O Camp Nou foi inaugurado o 27 de setembro de 1957, e Les Corts continuou sendo utilizado durante uns anos polo Condal, ata a súa clausura definitiva.

Tralo peche do estadio, comezou un lento proceso para recalificar os terreos sobre os que estaba construído, para poder ser vendidos por unha boa cantidade a algunha inmobiliaria que quixese construír vivendas, xa que naquel entón o lugar estaba cualificado como terreo verde. Finalmente as obras de demolición comezaron o 2 de febreiro de 1966.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]